11.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaO SEA amosa o seu compromiso coa Guarda e O Rosal impulsando...

    O SEA amosa o seu compromiso coa Guarda e O Rosal impulsando un novo solo empresarial estratéxico compartidos polos dous concellos

    Nun encontro con máis de medio cento de empresarios deuse a coñecer o informe económico elaborado por ambos concellos, que reflicte a puxanza económica da zona

    A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández; o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; e a xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, reuníronse este mércores na casa consistorial da Guarda con preto de medio cento de representantes do sector empresarial, aos que presentaron os resultados do informe económico elaborado por ambos concellos, que reflicte a puxanza económica da zona pero tamén a saída diaria de principalmente mulleres para traballar en empresas do norte de Portugal.

    Durante o encontro, organizado en colaboración entre os concellos do Rosal e A Guarda, a xerente de SEA amosou a vontade clara da entidade, dependente do Ministerio de Transporte a través de Sepes, de impulsar o desenvolvemento económico de Galicia coa creación dun solo industrial e empresarial compartido por ambos dous municipios e con carácter sostible, para o que será necesario “testar a demanda real e coñecer as expectativas e o interese empresarial”.

    Informe empresarial

    Na reunión expúxose parte do informe empresarial encargado polos concellos e realizado polo profesor da Universidade de Vigo, Xavier Martínez, Cobas, e no que se recolle a presenza de ata 4.000 empresas no Baixo Miño, 1.300 situadas no Rosal e na Guarda. Ata 42 empresas facturan máis dun millón de euros na Guarda, vinculadas especialmente á pesca ou á transformación pesqueira, en cifras similares ás do Rosal pero, neste caso, máis relacionadas coas bodegas vitivinícolas.

    A percepción actual xira en torno a dúas necesidades básicas, como son as conexións e o solo industrial, co obxectivo de ofrecer alternativas de solo que permitan reducir riscos urbanísticos e medioambientais.

    En canto ao contexto económico actual, incidiu no feito de que se percibe unha importante mobilidade laboral de traballadores cara ao norte de Portugal, en concreto, ata o 62%, de mulleres que, na súa maioría, están empregadas na industria. O lugar de procedencia maioritario é A Guarda, Tomiño e O Rosal e o destino de traballo é o de Vilanova de Cerveira.

    Necesidade de solo

    A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, defendeu que o polígono “é fundamental para o desenvolvemento empresarial do Baixo Miño porque hai unha necesidade real nunha poboación activa, e con moito emprendemento e que non se pode desenvolver pola falta de solo”. Ademais, puxo en valor a necesaria “sostibilidade ambiental” que suporá poder desenvolver este solo industrial, no marco da Axenda 20-30, en paralelo a xerar riqueza e favorecer o asentamento poboacional na zona.

    Pola súa banda, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, incidiu en que “o polígono empresarial é fundamental para esta zona, para ter un desenvolvemento económico necesario para poder ofrecer posibilidades para que se implanten aquí empresas e, sobre todo, para que a xente máis nova poida desenvolver aquí o seu proxecto vital sen ter que marchar”.

    O polígono ocuparía o solo sito nas parroquias de Gándara na Guarda e de A Cunchada no Rosal, no límite entre ámbolos dous concellos. SEA xa dispón de 45.000 metros cadrados de superficie, adquiridos no 2004 (o 17 % do total estimado) ante a posibilidade de desenvolvemento dun polígono industrial, que quedou paralizado pola crise. Tamén conta dende o 2007 cun proxecto sectorial da posible área industrial.

    SEA é unha Sociedade Mercantil Estatal, participada, maioritariamente, cun 83,44 %, polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana do Goberno de España, a través de Sepes, Entidad Estatal de Suelo. No accionariado tamén se integran a Xunta de Galicia, cun 14,91 % e ABANCA, como posuidora dun 1,65 %. Foi creado co obxectivo de desenvolver e comercializar parques empresariais en Galicia e xestiona 13 parques empresariais, que suman máis de 4 millóns de metros cadrados de superficie, sitos nas provincias da Coruña (A Laracha, Malpica, Vimianzo, Cee, Muros, Rianxo e A Pobra do Caramiñal); Pontevedra (Catoira e Vilanova de Arousa) e Lugo (Rábade, Monforte, Mondoñedo e Chantada).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.