Sábado, 14 Xuño de 2025

As Neves reivindica a súa historia cun novo libro sobre o seu pasado

0

O pasado venres foi un día de reivindicación da historia contemporánea e da memoria histórica do Concello das Neves. Así se puxo de manifesto no acto organizado polo departamento de Memoria Histórica da Deputación e o propio Concello para a presentación do libro ‘As Neves. Notas de historia contemporánea 1836/1956’ de Xosé Ramón Paz, para conmemorar a retirada de simboloxía franquista (xugos e lanzas da Falanxe) da Fonte de Santo Ignacio e da entrada ao centro de saúde, e tamén pola instalación de paneis divulgativos sobre a represión grazas a fondos provinciais.

O evento contou coa presenza da deputada María Ortega, responsable das áreas de Memoria Histórica e Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación que financiaron tanto o libro como os paneis e as obras de retirada de simboloxía, o alcalde Xose Manuel Rodríguez Méndez, o escritor e historiador Xosé Ramón Paz, así como o investigador Francisco Alonso Toucido, responsable da composición dos paneis informativos sobre a memoria histórica.

A propia deputada subliñou que o Concello das Neves foi dos primeiros que solicitou á Deputación as axudas para a retirada de simboloxía franquista. “Este Concello é hoxe exemplo para moitos outros concellos da provincia. Todos deberían recoller o testemuño e facer ver á súa cidadanía que os símbolos do franquismo aínda seguen en pé e que unha democracia sa debería retiralos e explicar a historia”, subliñou.

Destacou que van alá xa dous anos da posta en marcha das subvencións e subliñou a súa esperanza para que aumenten aínda máis “os concellos valentes que solicitan cartos para non mirar a outro lado e erradicar as conmemoracións ou lembranzas do franquismo que aínda se conservan no territorio”. Insistiu en que a importancia das actuacións non está no seu custe económico, senón no cumprimento da lei ao retirar elementos que están vencellados coa ditadura para cumprir os principios de ‘verdade, xustiza e reparación’.

Durante o acto de eliminación dos símbolos franquistas, o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, subliñou que esta iniciativa da Deputación de Pontevedra permitirá “darlle luz e cor a una zona de escurecida, poñendo sobre a mesa feitos concretos, contrastados e veraces e recuperar unha realidade, poñéndoa á vista para que se coñeza”.

Simboloxía franquista e coñecemento da historia

A xornada comezou no lateral da Igrexa das Neves para dar a coñecer os novos paneis informativos da vila, que explican elementos patrimoniais que foron utilizados polo franquismo, xunto co espazo público, como estratexia propagandista enchéndoos de simboloxía. No panel situado ao carón da igrexa destácase, por exemplo, que o listado de persoas caídas tralo golpe no 1936 inclúese xente principalmente do bando ‘nacional’, pero tamén de quintos aos que simplemente lles ‘tocou’ estar por obrigación. Eses gravados en pedra non foron retirados polo Concello pola necesidade de autorización da igrexa e cuestións de Patrimonio, mais quíxose deixar clara e explicar a súa simboloxía.

Os outros paneis explicativos de elementos franquistas, como os da Fonte de Santo Ignacio ou o centro de saúde (onde había xugos con lanzas da Falanxe), inclúen tamén pequenos resumos da historia da represión xunto con fotografías antigas tomadas do buscador Atopo da Deputación. Fan referencia a que en As Neves tras o golpe houbo máis de 200 persoas afectadas tanto de maneira física, económica e psicolóxica. “Hai que tomar consciencia de que non só había represión física, chegaba a todos os lugares no espazo público onde miraras”, subliña Alonso Toucido.

Pola súa banda, Xosé Ramón Paz explicou na súa intervención a importancia de que os territorios, pobos e vilas dispoñan de investigación e de libros para coñecer a súa historia. Subliñou que o seu libro ‘As Neves. Notas de Historia contemporánea, 1836/1956’ supón un percorrido por unha selección temporal concreta, que vai dende a fundación do Concello das Neves e o seu funcionamento, sobre a fundación das escolas públicas, o agrarismo e o bugallalismo (as dúas forzas políticas que se alternaron ata a República), como funcionaban os partidos e sindicatos na II República, e un estudo profundo sobre a represión franquista nos seus primeiros anos. “Vemos como as forzas que iniciaron no agrarismo foron represaliadas e os vencedores organizaron eles mesmos a política municipal”, afondou.

Paz salientou tamén a importancia de coñecemento da historia como unha ferramenta para o desenvolvemento na sociedade actual. “Dentro dos libros hai coñecemento e sabedoría para aplicar na actualidade”, dixo, no mesmo sentido que a deputada de Memoria María Ortega, quen salientou que é preciso retomar as ideas e os valores que foron represaliados e defendelos como compromiso para o desenvolvemento dun país con porvir.

Pola súa banda, o alcalde apuntou que “a memoria ten moitos perfís”, e recordou que As Neves é un dos concellos máis novos de Galicia, porque xurdiu en 1905 cando o antigo Concello de Setados cambiou de nome. “Un cambio que tivo que ver coa importancia da economía, pero que abrangue outras realidades”, que, apuntou Rodríguez Méndez, Paz Antón presenta no seu traballo, realizado non dende o prisma político senón dende unha perspectiva historicista algo que ten unha especial importancia porque “axúdanos a saber que pasou e ter unha información necesaria para afrontar a realidade do que somos”.

Covelo mellorará a casa social de San Salvador de Prado

0

Nova acción de mellora dos espazos para a veciñanza, o concello de Covelo insiste na necesidade de ofrecer servizos públicos de calidade e informa da execución das obras da casa social de San Salvador de Prado e da súa contorna, ubicada no lugar de Cende. O proxecto conta co apoio da Deputación de Pontevedra que aportará 40.000,01 euros, sendo o orzamento total de 40.464,64€.

Comprometidos coas necesidades da cidadanía, o goberno de Covelo encargou este proxecto para garantir a accesibilidade  ao principal espazo de convivencia desta parroquia. O alcalde Pablo Castillo salienta a importancia de apoiar as iniciativas da veciñanza e potenciar as casas e centros culturais indispensables no desenvolvemento diario das persoas do rural, “actuando como potentes elementos dinamizadores das relacións sociais e lugares donde compartir o seu tempo de lecer”.

Castillo sinala tamén que é fundamental planificar e deseñar pensando no perfil dos usuarios/as dos espazos públicos ademais de ofertar tamén servizos e infraestruturas que poidan atraer a nova veciñanza.

Despois do verán comezarán as obras de mellora da  casa social de San Salvador de Prado que teñen como obxectivo principal garantir a accesibilidade, “é fundamental que todas as persoas, independentemente da súa condición física ou mental, poidan desfrutar das actividades, dos espazos ou dos servizos públicos e municipais e os nosos esforzos irán principalmente enfocados a facelo posible”.

O proxecto contempla a mellora da accesibilidade aos aseos existentes no andar baixo da devandita casa social e no exterior o obxectivo é optimizar os espazos e o acceso ao parque infantil existente, a mellora da pavimentación e con ela a accesibilidade, a mellora da iluminación das instalacións, a creación de salas de reunión dos veciños e usuarios e a mellora da pista deportiva.

A casa cultural atópase nunha parcela de 2,224 m², dos que 800 m² son de uso deportivo cunha pista multideporte.No resto da parcela hai, ademais, un parque infantíl e unha zona verde.

Con esta intervención darase solución ás principais incomodades que presenta o conxunto total como a entrada irregular que alterna zonas de firme con zonas de terra, a dificultade de acceso ao parque infantil, a dispersión dos xogos instalados, a falta de pintura e presenza de lixo na pista multideporte, a precariedade lumínica dos aseos ou a falta de conexión á rede de saneamento, ademais de retirar as portas estreitas e pratos de ducha con resalte para convertelos en aseos accesibles para persoas con mobilidade reducida.

Continúa a programación de verán na Guarda

0

O Concello da Guarda continúa esta semana coas actividades da Axenda de Verán 2022, unha programación de actividades extensa, para todos os gustos e para todas as idades, que estenden ata o mes de setembro con concertos, exposicións, actividades de rúa, eventos deportivos, festas gastronómicas, populares e relixiosas, entre outros.

A concelleira de Cultura, Montserrat Magallanes, destaca a gran aposta feita dende o consistorio municipal para realizar unha programación variada e atractiva, tanto para guardeses coma visitantes, e que sen dúbida non deixará a ninguén indiferente.

Montserrat Magallanes indicou na presentación desta axenda que A Guarda contará este ano cun verán no que se retoma a actividade cultural, de ocio e deportiva trala pandemia, froito dun amplo traballo de programación e organización que se pode ver xa reflexado na gran cantidade de eventos recollidos nesta Axenda de Verán 2022.

O Alcalde da Guarda convida a visitantes e guardeses a participar nesta programación da Axenda de Verán 2022, cunha variedade e calidade de eventos que fará de impulso para todo o tecido empresarial da vila, atraendo a moitas persoas e incentivando tamén a actividade comercial da vila da Guarda.

Dende o Concello da Guarda se fai un agradecemento público a todas as asociacións culturais e deportivas da vila, que co seu traballo enriquecen ao noso pobo e conseguen facer sorrir, desfrutar e pasar un rato agradable a todas as persoas que se achegan a participar con elas da cultura e do deporte na nosa vila. Despois da pandemia precisamos recuperar o tempo perdido e voltar a desfrutar dos bos momentos, encher as nosas rúas de música, baile, cine e doutras expresións artísticas.

A programación de actividades continúa esta semana coa proxección de Cine na Rúa “Bella y el circo mágico”, que terá lugar o xoves 21 de xullo ás 22:30h na Praza do Reló.

Na xornada do sábado 23 de xullo a Praza de Avelino Vicente acolle a Feira Outlet do comercio guardés organizada por ACIGU CCA.

Tamén na xornada do sábado día 23 de xullo o Auditorio de San Benito acolle o XXVII Encontro dos Pobos, o festival folclórico internacional máis lonxevo da nosa comarca, que este ano contará coa participación de los grupos de Portugal e Eslovaquia: Vento Mareiro, Xamaraina, Doxe nun ano, G.F.S Sebastiao, Do lusco ó fusco e Drevar, baixo a organización da A.C Do Lusco ó Fusco.

O sábado 23 en horario de mañá terá lugar a II Carreira de Orientación – Concello da Guarda, un evento deportivo que consistirá en visitar no menor tempo posible tódalas balizas establecidas na orde que se indica no mapa con ata 4 participantes por equipo e con 3 categorías de competición: Xestiñas (categoría para nenos, sinxela física e técnicamente, con menos de 3kms en total), Xestas: categoría para adultos, nivel físico e técnico medio con menos de 4kms en total) e Xesteiras (categoría para persoas con medios/altos coñecementos de orientación, nivel físico e técnico alto con máis de 5 km en total). As inscricións están abertas en: https://xestanatureza.com/eventos/orientacionaguarda/.

A Axenda de Verán continúa nos meses de xullo, agosto e setembro con actividades coma os festivais de Baile Moderno de Xamaraina, a programación de actividades infantís de “Miúdo Verán”(todos os xoves), eventos deportivos, a Festa do Peixe Espada, a Mostra Creativa, presentación de libros e exposicións, as Festas de San Cayetano, o Encontro do libro Luso-Galaico, a Festa do Percebe, concerto da Agrupación Musical da Guarda, as Festas da Virxe da Guía, as Festas das Mercedes ou a Mostra Asociativa

Especial mención nesta programación para as Festas do Monte, que terán lugar do 8 ao 15 de agosto, a semana grande de festas na Guarda, unha semana na que as noites de verbenas se compaxinan con diferentes actividades deportivas e culturais. Na xornada do sábado día 13 de agosto ás 11:30h ten lugar o Desfile Folclórico e De Bandas Mariñeiras, un desfile multitudinario previo ao día grande o Domingo do Monte, no que dende a mañá as Bandas Mariñeiras soben ata o cumio do Monte Santa Trega para realizar os seus xuramentos ao son dos bombos, tambores e gaitas. As festas rematarán na noite do Luns día 15 de agosto coa Gran tirada de fogos de artificio no Porto da Guarda.

EXPOSICIÓNS

A Guarda terá tamén unha importante exposición pictórica este verán que estará na Casa dos Alonso entre o 26 de xullo e o 13 de agosto, e na que se poderán observar e apreciar os traballos e pinturas da artista guardesa Chuny Alonso.

VISITAS GUIADAS AO CASTRO DE SANTA TREGA

Ao longo do verán e de martes a domingo ofértanse visitas guiadas ao Castro de Santa Trega, unha oportunidade para coñecer o noso patrimonio con visitas que terán lugar ás 12:00h, 13:00h, 18:00h e 19:00h horas.

Inscrición e información no enderezo electrónico [email protected] ou no teléfono 690 017 038.

PROGRAMA COMPLETO

21 DE XULLO

  • CINE NA RÚA “BELLA Y EL CIRCO MÁGICO”, na Praza do Reló ás 22:30 horas

23 DE XULLO

  • FERIA OUTLET, na praza de Avelino Vicente. Organiza: ACIGU
  • ENCONTRO DOS POBOS, no Auditorio de San Benito ás 20:30 horas. Organiza: A C. Do Lusco ó Fusco
  • II CARREIRA DE ORIENTACIÓN, inscricións www.xestanatureza.com

28 DE XULLO

  • CONCERTO INFANTIL ROCKEANDO CON RAMONA ÓRBITA, A DONA DO TEMPO, na Praza do Reló ás 20:30h

29, 30, 31  DE XULLO

  • FESTA DO PEIXE ESPADA, nos restaurantes da vila. Organiza: ORPAGU

30 DE XULLO

  • MOSTRA CREATIVA DO BAIXO MIÑO, na praza de Avelino Vicente

4 DE AGOSTO

  • ESPECTÁCULO DE CIRCO “CARMAN”, no Auditorio de San Benito ás 20:30 horas
  • PRESENTACIÓN DO LIBRO “SOBRE LA CRIANZA”, de Jesús Rodríguez Salazar, no Centro Cultural ás 19:30 horas

4, 5, 6, 7 DE AGOSTO

FESTAS DE SAN CAYETANO, no Barrio da Cruzada. Organiza: Comisión de Festas de San Cayetano

8 ao 15 DE AGOSTO

  • FESTAS DO MONTE, na alameda e rúas da vila. Organiza: A.V C.D. Alameda

11 DE AGOSTO

  • GALICIA ILUSIONA, ILUSIONISMO, no Auditorio de San Benito ás 20:30 horas.

19, 20 DE AGOSTO

  • III ENCONTRO DO LIBRO LUSO GALAICO, na Praza do Reló

20 DE AGOSTO

  • FERIA OUTLET, na Praza de Avelino Vicente. Organiza: ACIGU
  • II TORNEO DE PETANCA CONCELLO DA GUARDA, no Campo do Codesal

24 DE AGOSTO

  • CONCERTO MÚSICA NO AR, no atrio da Igrexa Parroquial ás 20:30 horas. Organiza: Deputación de Pontevedra

23,27 E 28 DE AGOSTO

  • FESTA DO PERCEBE, na alameda da Guarda. Organiza: A.C. Alameda

26 DE AGOSTO

  • TEATRO CRÓNICAS DO PARAÍSO, na Praza do Reló ás 21:30 horas

27 DE AGOSTO

  • CONCERTO DE VERÁN DA BANDA DE MÚSICA DA GUARDA, no Auditorio de San Benito ás 20:30 horas. Organiza: Agrupación Musical da Guarda

28 DE AGOSTO

  • FESTIVAL DE BAILE MODERNO “REMEMBER”, no Auditorio de San Benito ás 20:00 horas. Organiza: A.C. Xamaraina
  • CARREIRA PEDESTRE VIRXE DA GUÍA, na Praza da Guía ás 19:00 horas. Organiza: Comisión de Festas Virxe da Guía

2, 3, 4 DE SETEMBRO

  • FESTAS VIRXE DA GUÍA, na Praza da Guía. Organiza: Comisión de Festas Virxe Guía

3 DE SETEMBRO

  • PERFORMANCE FOCO, PROXECTOS ANTIBULOS, na praza de Avelino Vicente às 12:00 horas. Organiza: A. FOCO

DO 3 AO 25 DE SETEMBRO

  • FESTAS DAS MERCEDES A GÁNDARA, no barrio da Gándara. Organiza: A.V V. O Percamino

10 DE SETEMBRO

  • MOSTRA ASOCIATIVA, na Praza de Avelino Vicente a partir das 15:30 horas

Nigrán recibe a Begoña Salgueiro e Andrea García nunha nova velada do programa “Música no Ar”

0

O domingo 24 de xullo, a partir das 21 horas, o Pazo das Pías de Nigrán converterase no escenario dun novo concerto da terceira edición do programa “Música no Ar”, que a Deputación de Pontevedra ten en marcha co obxectivo de levar a música clásica a espazos patrimoniais da provincia como pazos, mosteiros, igrexas, bens de patrimonio industrial, conxuntos etnográficos e espazos protexidos cheos de maxia e historia. As persoas interesadas en acudir a esta cita poderán asistir sen reserva, xa que a entrada é libre ata completar aforo.

A velada estará protagonizada pola soprano viguesa Begoña Salgueiro e a pianista ferrolá Andrea García. Ámbalas dúas contan cunha recoñecida traxectoria no panorama musical actual, amais formáronse xunto os mellores artistas e mestres en cadanseu ámbito así como  Montserrat Caballé, Renata Scotto ou Nancy Argenta, no caso de Begoña Salgueiro ou profesores do talle de Vladimira Smausova, Ricardo Descalzo ou Iván Cítera na traxectoria de Andrea García.

“Música no Ar”, enmarcado no amplo programa da Deputación, “Con-Fiando Cultura” ten como meta promover e garantir o acceso igualitario á cultura para todos e todas, amais de por en valor espazos da memoria, da arte e da identidade.

Xunta e Concello de Mos acordan San Eleuterio como zona para a construción de Vivenda Protexida

0

O xoves pola mañá o director xeral do IGVS, Heriberto García Porto, e a alcaldesa, Nidia Arévalo, acompañados de varios técnicos municipais, reuníronse para perfilar o Plan de Vivenda Protexida en Mos.

O devandito Plan concreta San Eleuterio como a zona na que desenvolver de xeito máis inminente o Parque de Vivenda Protexida no municipio. Para elo prevese actuar de xeito inmediato nun solar de 2.000 metros cadrados de propiedade municipal, que se lle cederá á Xunta de Galicia a tal fin; e no que se levará a cabo o remate da FASE 2 de San Eleuterio.

Neste solar de 2.000 metros cadrados construiranse as primeiras vivendas, unha vez sexa efectiva a posta a disposición da parcela á administración autonómica por parte do Concello de Mos. A Xunta trasladou o seu compromiso de que, unha vez que dispoña da parcela, encargará a redacción do proxecto de construción.

Tras esta FASE 2, chegará a FASE 3 de Vivendas Protexidas en San Eleuterio, que abarcará 14.429 metros cadrados de superficie. Para dispoñer desta superficie, o Concello de Mos anuncioulles xa hoxe aos representantes da Xunta presentes na reunión no Instituto Galego de Vivenda e Solo, a intención de adquisición dos terreos por parte do Concello de Mos. Deste xeito quedaría cuberta a demanda actual de Vivenda Protexida en Mos durante os vindeiros anos.

Todo este Plan de Vivenda Protexida en Mos verase complementado polo proxecto de remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio en Tameiga, coa que se transformará totalmente esta zona e que será financiada pola consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.

Polo tando o plan de actuación abarca un total de 25.000 metros cadrados nas actuacións de: remate da Fase 2 de San Eleuterio, Fase 3 e remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio.

Aínda que a zona de actuación máis inminente para establecer o novo Parque de Vivenda Protexida en Mos é San Eleuterio, na parroquia de Tameiga, Concello e Xunta informan de que seguirán a traballar e explorar outras zonas de cara ao futuro, tendo en conta o crecemento poboacional e a demanda existente na localidade mosense.

Este Plan de Vivenda Protexida en Mos supón unha gran oportunidade residencial no municipio. A listaxe municipal de demandantes de Vivenda Protexida continúa activa para que todos os interesados poidan anotarse. O Concello tramita as solicitudes no rexistro oficial autonómico de Vivenda Protexida de Galicia para que a Xunta inicie os trámites pertinentes.

O desenvolvemento de solo residencial no municipio é una das prioridades e apostas fortes do goberno local e da súa alcaldesa, Nidia Arévalo.

Arbo acolle a IV Andaina Popular da Lamprea Seca

0

O sábado 13 de agosto, entre os actos que o Concello de Arbo organiza co Gallo da Festa da Lamprea Seca, está prevista a IV Andaina Popular da Lamprea Seca. A actividade arranca ás 10:30 horas dende o Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea “Museo Arabo” con un percorrido de 8km e unha dificultada media-baixa e rematará na Carballeira de Turbela.

Os interesados en participar deberán realizar as inscricións nas oficinas municipais do Concello de Arbo,  a través do correo electrónico [email protected] ou no teléfono 639829445 ata o 10 de agosto.

Os participantes que acudan a este  roteiro poden participar noutras actividades lúdicas e culturais que terán lugar ao longo do día na Carballeira de Turbela, organizadas con motivo da Festa da Lamprea, degustar nos postos habilitados este manxar nas súas diferentes variedades, asada, rebozada, rechea, con fideos… acompañada dos mellores viños da D.O. Rías Baixas, a Feira de artesanía e antigüidades, a actuación grupos folclóricos, charangas, inchables gratis para os máis cativos, zona de picnic con mesas e sombra… e por suposto, non pode faltar a visita obrigada ao Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea, “Arabo”, situado fronte ao recinto, que permitirá, a locais e foráneos, coñecer mellor nosos principais signos de identificación.

Vive Nigrán recibiu a Rigoberta Bandini co aforo completo

0

Vive Nigrán recibiu onte pola noite a Rigoberta Bandini no campo de Monte Lourido, co aforo completo. Con millóns de escoitas e visualizacións dos seus temas, e tras o seu paso polo Benidorm Fest, posicionouse como unha das artistas españolas con máis presenza a nivel internacional. Rigoberta Bandini fixo vibrar ao público de Nigrán desde o escenario Xacobeo a partir das 23,45 horas con hits tan coreados como ‘Perra’, ‘ Too many drugs’, e ‘Ay mamá’, convertido en todo un himno.

A programación do sábado 16 arrincou con Niña Polaca que abriron o festival no escenario Xacobeo trasladándonos ao Madrid dos oitenta a través das súas cancións pop con toques indie-rock, a partir das 19,15 horas. La Bien Querida acompañada da súa banda ao completo ofreceu un dos seus concertos máis especiais no escenario Mahou, desde as 20,20 horas nunha xornada onde as mulleres serán protagonistas no cartel. O plan do sábado completouse co Concerto Vibra Mahou da banda de pop feminino Cariño, un sopro de aire fresco e descarado nun concerto incluído no abono do festival, no escenario Mahou a partir das 22,00 horas. E tras Rigoberta Bandini, e para pechar o festival, EME DJ, unha das DJ españolas cunha traxectoria máis recoñecida na escena indie-pop, fixo bailar a todos
os presentes en Monte Lourido.

Na noite do venres, Iván Ferreiro ofreceu un concerto moi especial fronte a Praia América, a praia que fixo mundialmente coñecida a través de ‘Turnedo’. E onde compuxo segundo confesou algúns dos seus grandes éxitos. Ferreiro acompañado de toda a súa banda repasou éxitos da súa carreira cos Piratas e en solitario, logrando a conexión total cun público que leva 20 anos rendéndolle fidelidade total. Antes pasaron polo escenario os andaluces Karavana e Colectivo Dá Silva e o galego Grande Amore. As Cool Meniñas puxeron o broche final á noite cunha divertida sesión DJ.

O festival que volve de novo a unha contorna privilexiada, fronte a Praia América, coa colaboración do Concello de Nigrán, engade nesta edición unha xornada extra, o domingo 17 de xullo con Vive Nigrán [+], unha cita imprescindible para os amantes da música en español, que traerá ata Monte Lourido a Miguel Ríos & The Black Betty Trio co concerto Xacobeo. As últimas entradas para a xornada extra Vive Nigrán [+] do domingo están dispoñibles en vivenigran.com e ataquilla.com.

Nesta edición tamén volven estar presentes as actividades complementarias con propostas para todos os públicos a través das accións de VIVE SOSTIBLE, VIVE PATRIMONIO, VIVE IGUALDADE E VIVE ACTIVO, realizadas coa colaboración da Deputación de Pontevedra, e o Concello de Nigrán. Este sábado programáronse roteiros en kaiak, pádel surf e un bautismo de surf dentro do programa de VIVE ACTIVO.

O festival conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, a través da súa marca ‘Rías Baixas Fest’ e da Xunta de Galicia, a través de ‘FEST Galicia’, e en 2022 volve ter unha vez máis o apoio de Gadis, Aqualia e Vibra Mahou, a plataforma musical de Mahou Cinco @Estrella que xera encontros ao redor da música en directo.

Ángel Stanich, cabeza de cartel do festival Rock in Río Tea 2022

O Rock in Río Tea volve este mes de xullo a Ponteareas coma sempre foi deseñado: sen cadeiras, sen distancias, sen límites e cun cartel inmellorable encabezado por Ángel Stanich. O festival, que conta coa financiación do Concello de Ponteareas, celebrará este 22 e 23 de xullo o seu décimo aniversario “con música de alto nivel e con toda a emoción contida nas últimas edición por mor da pandemia. Queremos recuperar o espírito musical cun cartel no que todos serán primeiros pratos cargados de ritmo”, explica o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó.

Ángel Stanich será unha das actuacións estrelas destes dous días de festival. O cántabro aterra en Ponteareas o sábado 23 co seu último traballo “Polvo De Battiato”, un conxunto de 10 temas inéditos que nos descobren a un Stanich aínda máis indómito, explorando paraxes inusuais por un territorio quizais máis intimista.

Tamén estará presente ese día no Rock in Río Tea Grande Amore, o proxecto persoal do lucense Nuno, que mestura rock and roll, pop e techno dos oitenta. Os e as presentes no Feira Vella tamén poderán gozar do espírito punk, a sensibilidade pop e o rock’n roll máis aguerrido da man de Los Fusiles, que acaban de lanzar o seu agardado segundo LP.

Esa mesma xornada o Rock in Río Tea 2022 contará tamén cos portugueses Best Youth, a banda formada pola voz de Catarina Salinas e a música de Ed Rocha Gonçalves, cun son en loita entre o indie rock e o dream pop. E cos granadinos Sibelclan, gañadores do Concurso de Bandas do Rock in Río Tea, que xa cruzaron a Península ata tres ocasións para facer desfrutar ao público da súa potente música, e que nesta décima edición volverán achegarnos o seu rock con sons heavys e á vez melódico, presidido por unha voz ao alcance de moi poucos.

Como non podería ser doutro xeito, volve un dos grupos máis importantes do rap en galego: os ponteareáns SonDaRúa. Nesta ocasión o publico poderá desfrutar deles a xornada anterior, o 22 de xullo. Ese mesmo día tampouco podería faltar unha das bandas máis laureadas da historia de Ponteareas: O Caimán do Río Tea. Os seus concertos son pura enerxía, cun estilo entre o rock e o punk e a súa canción “Estou na lavadora” marcou a xeracións e xeracións de cativos do Xabarín Club. Xunto aos alumnos e alumnas do CDM (Rock School) e SonDaRúa reunirán, na xornada do venres, ao pasado, presente e ao futuro da musica ponteareá.

O festival terá lugar no parque da Feira Vella con apertura de portas tanto o venres 22 como o sábado 23 ás 20 horas e inicio dos concertos ás 21.00 horas. A entrada será de balde.

A Cañiza renova o seu pavillón grazas ao Plan Concellos

0

A parroquia de Valeixe, no Concello da Cañiza, celebrou este sábado a súa gran Gala de Patinaxe con motivo da inauguración da nova cuberta do pavillón das Touzosas, financiada a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. A presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde da Cañiza, Luis Piña, asistiron ao acto celebrado esta tarde coas exhibicións individuais, por parellas e grupais da Asociación Deportiva Sobre Rodas, e expresaron a súa satisfacción polo cumprimento dunha demanda histórica da veciñanza. A reforma da cuberta foi unha das prioridades marcadas polo actual goberno da Cañiza, e obtivo financiamento provincial cunha achega próxima aos 120.000 €. Con estas obras, a Deputación atendeu unha demanda longamente esperada na vila e avanza así na súa aposta por dotar todos os concellos de equipamentos de calidade para garantir que a veciñanza teña acceso a servizos e instalacións públicas de primeiro nivel viva onde viva, como garantía da calidade de vida da veciñanza e tamén con vistas á fixación de poboación na provincia, especialmente nos concellos máis pequenos e de carácter rural que máis sofren o éxodo.

O pavillón das Touzosas é un equipamento de vital importancia para a parroquia de Valeixe. Co gallo da súa proximidade ao CEIP Touzas-Valeixe, o edificio é empregado para a práctica deportiva e, ademais, tamén polo club Reviravoltas. A través das obras, se remata coas carencias do edificio, de 1976, que presentaba un serio deterioro na cuberta por mor das deficiencias do deseño orixinal e polo tempo transcorrido, amais das filtracións de auga, manchas de humidade ou o incumprimento do código técnico de prevención de incendios.

© Rafa Estévez

De feito, procedeuse á substitución integral da cuberta, á colocación de “paneis tipo sándwich” de 5 centímetros de grosor, novos canalóns e baixantes, á retirada e limpeza dos restos do inxectado da espuma de poliuretano, á aplicación de pintura protectora e resistente á humidade nas vigas e pilares metálicos, así como ao embelecemento da cara interior da nova cuberta cunha chapa de aceiro perforada prelacada con panel flexible interior de lá de vidro hidrofugada.

Os resultados supoñen unha mellora na funcionalidade do equipamento, acabando coas goteiras sobre a pista de xogo e as filtracións aos muros; tamén en estética, solucionando o mal aspecto que ofrecía con anterioridade; e en climatización, xa que a utilización de materiais illantes como o panel sándwich ou a lá de vidro garanten unha temperatura máis estable, así como o aforro en consumo enerxético. Do mesmo xeito, as obras financiadas pola Deputación supoñen un aforro económico ao concello, que non terá que seguir facendo fronte ás reparacións periódicas que viña asumindo ano a ano no pavillón.

Verán de deporte en Ponteareas

As Escolas Deportivas regresan un verán máis a Ponteareas cunha morea de propostas para que cativos e cativas a partir de 3 anos e mocidade gocen dunhas vacacións estivais activas. “Con estas escolas buscamos fomentar hábitos de vida saudábeis entre as novas xeracións e promocionar entre todas as persoas o deporte como unha alternativa de lecer, dando ademais a oportunidade a rapaces e rapazas de probar diferentes modalidades deportivas, algunhas menos coñecidas”, explica o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, que destaca ademais que o Concello quere “que nenos e nenas descubran a importancia do deporte e o incorporen á súa vida cotiá, non só estes meses de verán, senón durante todo o ano”.

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar en ata 11 disciplinas deportivas dirixidas a infancia e mocidade que serán totalmente de balde e con prazas limitadas. As familias interesadas poden facer xa a súa solicitude a través do Rexistro de entrada do Concello.

Esta edición das Escolas Deportivas de verán chega con algunhas novidades entre as súas propostas, como a práctica da loita libre olímpica para rapaces e rapazas de 8 a 16 anos da man da Federación Galega de Loita a segunda quincena de xullo e agosto os mércores ás 12.00 h no pavillón do IES Val do Tea. Este ano tamén estará no cartel o boxeo e a defensa persoal, con sesións para maiores de 12 anos a primeira quincena de agosto martes e xoves ás 11.00 h no pavillón do IES Val do Tea coa colaboración de LEAM training.

De 4 a 11 anos tamén poderán practicar hóckey os mércores (10.30 h) da segunda quincena de xullo no pavillón 1 do Complexo Deportivo Álvaro Pino co Hóckey Club Ponteareas e patinaxe os xoves ás 17.00 h da segunda quincena de xullo e agosto no pavillón 2 co Club Patinaxe Luar e sen límite de idade. Rapaces e rapazas de 5 a 16 anos tamén poderán facer taekwondo no pavillón do IES Val do Tea os martes e xoves (11.00 h) da segunda quincena de agosto con LEAM training ou mércores e venres (10 h) durante todo o mes de agosto coa colaboración do Club Sport Factory.

Ademais, tamén poderán inscribirse en fútbol sala para participantes de 6 a 16 anos na segunda quincena de xullo os xoves ás 19.00 h no pavillón do Complexo Deportivo Álvaro Pino con Fútbol 40×20, a partir dos 5 anos en tenis os mércores ás 12.00 h na segunda quincena de xullo e agosto nas pistas de tenis municipais da Freixa co Club Tenis Ponteareas ou en natación a primeira quincena de agosto, con clases de luns a xoves co Club Natación Ponteareas ás 15.30 horas para nenos e nenas de 6 a 8 anos e ás 16.30 horas a partir dos 9 anos.

Este ano volve tamén o wu-shu, do que poderán gozar rapaces e rapazas de 5 a 16 anos a segunda quincena de xullo martes e xoves ás 10.00 h no pavillón do IES Val do Tea co Club Sport Factory. Se o que prefiren é baloncesto, poderá desfrutarse os xoves (16.00 h) da segunda quincena de xullo e agosto no pavillón do Complexo Deportivo Álvaro Pino da man do Club Baloncesto Condado. Cativas e cativos poderán tamén achegarse á práctica do billar, a partir dos tres anos poderán practicalo os mércores do mes de agosto ás 18.30 horas na Casa Cultural de Bugarín co CBS Sportivo e a partir dos 7 anos os xoves 28 de xullo e 11 e 25 de agosto ás 18.00 horas no Centro Artístico Sportivo co CAS La Escuela de Billar. 

O concelleiro de Deportes anima a todos os nenos, nenas e mocidade a participar un ano máis das escolas deportivas de verán e agradece “o gran labor e a boa disposición dos diferentes clubs e asociacións para que un ano máis poidamos levar adiante estas actividades”.

Baiona celebra Santa Liberata

0

O día grande das celebracións será este mércores, 20 de xullo, día en que se honra a Santa Liberata. Volve a procesión ás rúas da vila despois de dous anos sen celebrarse por motivo da pandemia.

O domingo, 17 de xullo, iniciarase a novena na Capela de Santa Liberata, media hora antes da misa das tardes.

O propio día da Ilustre Paisana de Baiona, 20 de xullo, ás 11:00 horas celebrarase unha primeira misa na capela que leva o mesmo nomee que a santa.

Pola tarde, ás 20:00 horas celebrarase a misa solemne na Colexiata Santa María de Baiona cantada polo coro parroquial. Acto seguido terá lugar a procesión acompañada polo grupo de gaitas “A Seneira” e a banda de música de Baiona.
Unha vez finalizada a procesión os baioneses e visitantes poderán venerar a reliquia da Santa.

A Festa dos Barrios e da Amizade de Vilar, nova festa gastronómica en Mondariz

0

A programación de actividades socioculturais deste verán en Mondariz revela un maior protagonismo das asociación e dos colectivos veciñais. Entre os numerosos eventos organizados pola comunidade destaca a primeira edición da Festa dos Barrios e da Amizade de Vilar, que se presenta como unha noite de troula e foliada, con música folk e baile ao longo dun percorrido gastronómico por diversos barrios da parroquia. O 20 de agosto, desde as 20:00 ata as 02:00 horas, ofrecerase unha degustación itinerante de mexillóns, salpicón, lacón, xoubas, orella e callos. Para dar a coñecer esta particular festa, os organizadores realizarán unha presentación pública este sábado, 16 de xullo, a iso das 12:00 horas nos Xardíns do Concello. É de esperar que tamén haxa música e degustación gastronómica.

“Iniciativas socioculturais como esta, que dinamizan a vida do rural e mesmo atraen a visitantes, teñen todo o apoio do Concello de Mondariz. A Festa dos Barrios e da Amizade está concebida como unha romaría gastronómica que promove a comunicación social. O concepto é moi atractivo”, indica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz e tamén concelleiro de Participación Veciñal.

Ademais de contar coa colaboración do Concello de Mondariz, a Festa dos Barrios e da Amizade de Vilar está apoiada por Amigos de Portavilar e a Deputación de Pontevedra.

Cortes e restriccións de tráfico no Porriño por mor do triatlón

A Policía Local do Porriño informou dos cortes e restricións de tráfico que se levarán a cabo este sábado con motivo da VII edición do Tríatlon Concello do Porriño.

Dende as 16:30 h ata as 19:30 h do sábado 16 de xullo cortarase o tráfico rodado na estrada de Ribadelouro hacia Mosende, a estrada de Mosende hacia Torneiros e a estrada de Atios-Cataboi ao cruce de Atios-A Guía.

O mesmo día, dende as 16:30 h ata as 19:30 h os cortes de tráfico rodado (con prohibición de estacionar dende as 14:30 h) nas seguintes rúas:

  • Dende Atios-A Guía (cruce de Riego), hacia Domingo Bueno, prohibíndose o estacionamento na marxe dereita ata o cruce con Fernández Areal, sentido Tui-Porriño.
  • Dende o cruce do 5ª Avd. ata a rotonda dos Aloques prohibirase o estacionamento  en ambas marxes así como a circulación
  • Na Avda. de Galicia, sentido Tui-Vigo, así como a prohibición de estacionar na mesma marxe.
  • Rúa Ramirás ata a rúa Peña, carril da esquerda, sentido Vigo-Tui, así como a prohibición de estacionar na  mesma marxe
  • Rúa Cando, sentido Vigo-Tui, rúa Leandro Diz, así como a prohibición de estacionar na marxe esquerda.
  • Rúa Manuel Rodríguez ata a rúa Ramón González (Pío XII), prohibíndose o estacionamento dende a Casona ata a Chinchina na marxe esquerda, sentido Tui-Vigo, e na rúa Manuel Rodríguez ata o Celtiña.
  • Rúa Antonio Palacios dende o Concello ata a rotonda dos Aloques.
  • Domingo Bueno (dende cruce Aloques ata cruce con Fernández Areal) dende as 8 ata finalizar a proba e retirar a zona de transición. Estará habilitado o paso para a Rúa Pío XII desde Tui, ata as 13 h aproximadamente.

O núcleo central de Ribadelouro en Tui prepárase para un cambio coas obras da Deputación

0

As máquinas traballan xa nas obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-2502 Cerquido-Ribadelouro, en Tui. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, visitou Ribadelouro para explicar o proxecto acompañada do alcalde, Enrique Cabaleiro, e do deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís. Os traballos, que teñen un orzamento de 359.503 euros, están sufragados ao 70% pola Deputación, que achega 251.652 euros, e o 30% restante corre a cargo do Concello. O prazo de execución é de seis meses, aínda que Carmela Silva anticipou hoxe que agarda volver para inaugurar “antes do previsto”.

A presidenta provincial asegurou que estamos “diante dunha obra especial” porque a Deputación vai facer “un cambio radical” nos 180 metros da estrada provincial que transcorren por diante do centro sociocultural de Ribadelouro, a igrexa parroquial, o cemiterio e o adro da festa. Alí vaise construír plataforma única sobreelevada con piso de formigón e bandas transversais de pedra facendo xogos xeométricos. Quedará, por tanto, como zona de preferencia peonil e reservada para o tránsito local. O tráfico de paso será desviado ao longo da estrada provincial que conecta xustamente o principio e o fin desta actuación, cunha lonxitude duns 300 metros.

As obras comezaron precisamente no punto de comezo para suavizar a curva de entrada. Todo este novo tramo pola actual estrada municipal, que Carmela Silva definiu como “unha auténtica variante”, vai ser asfaltado, dotado de medidas de calmado de tráfico (dous pasos de peóns elevados e dous badéns redutores) e dunha senda peonil de 2,50 metros de ancho mínimo. Contará, ademais, con nova iluminación led e un tratamento patrimonial na fonte da Patela. No marco do convenio asinado por ámbalas dúas institucións, a Deputación transfire ao Concello os 180 metros da plataforma única e o Concello transfire á Deputación o tramo da estrada municipal que pasa a dar continuidade ao tráfico de paso na EP-2502 a modo de variante.

 “Toda esta zona vai ter un cambio total; cando rematen as obras non vai haber quen recoñeza a contorna; gañarán protagonismo as veciñas e veciños e tamén as persoas que peregrinan, porque Tui é o corazón do Camiño portugués”, recalcou Carmela Silva. A presidenta relacionou esta nova actuación nas estradas provinciais “co modelo que temos na provincia de Pontevedra, da man dos concellos”. Neste senso, enxalzou o traballo previo do alcalde e a súa equipa de goberno, que acordaron coa veciñanza o deseño dunha actuación que recupera espazo público e transforma o territorio.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, afirmou que “é un día importante para Tui, en especial para a parroquia de Ribadelouro, que demandaba esta actuación dende hai moitos anos”. Cualificou como “anacrónico” que unha estrada invadise o epicentro da parroquia sen conceder espazo para a veciñanza e, por iso, engadiu, “era unha prioridade”. “Teño que agradecer á Deputación que nunha xuntanza en Pontevedra que non durou máis de 10 minutos puxémoslle sobre a mesa dúas obras, como a famosa curva de Rebordáns (máis de 30 anos agardando unha solución), e esta en Ribadelouro; a primeira xa está feita e a segunda en obras”. “O 90% da transformación que se fai no Concello de Tui faise con financiamento da Deputación e iso hai que recoñecelo”, concluíu. Cabaleiro explicou que o Goberno local de Tui ten un “compromiso moi firme co rural e neste mandato imos acometer estas dúas obras, pero tamén outros proxectos porque parroquias como Caldelas, Randufe, Pazos de Rei ou Guillarei tamén teñen espazos centrais urbanos que van ser humanizados.

As obras en marcha no núcleo de Ribadelouro inclúen, ademais da plataforma única, a habilitación dunha pequena zona verde, a instalación de 32 bancos e iluminación led de alta eficiencia. Ademais tódalas redes de recollida de augas pluviais e telecomunicacións serán soterradas. Para facer posible a nova “variante”, que pasará a contar con carrís de circulación en dobre sentido de 3 metros e a nova senda peonil de 2,50 metros de ancho, foi tamén necesario expropiar catro fincas, cun total de 103 metros cadrados, que asumiu o Concello.

Gondomar presenta a súa programación cultural de verán “Gondocultura verán 2022”

0

O alcalde de Gondomar Paco Ferreira presentou onte pola mañá a programación cultural de verán “Gondocultura verán 2022”. O rexedor destacou que “se trata dunha programación para todos os públicos, e que inclue música de todos os estilos, danza, teatro, circo e ata un festival canino e que arranca tras o éxito das Festas de San Bieto que acaban de rematar”.

Gondocultura verán arranca este ano o día 15 de xullo co concerto de Xisco Feijoó na praza da Paradela e rematará 19 de setembro co Encontro Internacional de Música Tradicional e Folk “Miñor Sons”.

Paco Ferreira sinalou que ainda sendo unha programación moi completa “ainda faltan algunhas sorpresas por desvelar”, así o rexedor local destacou que “Gondomar converteuse nestes últimos anos nun referente cultural en Galicia, con propostas moi vanguardistas pero sen esquecer as nosas tradicións”.

PROGRAMACIÓN GONDOCULTURA VERÁN 2022

15 de xullo

  • Xisco Feijoo en concerto “Peixe. Praza Paradela. 22:30 horas

16 de xullo

  • Rally das Donas. Praza Paradela. De 18 a 19 horas.

17 de xullo

  • Ardelume en concerto. Praza Paradela. 22:30 horas

23 de xullo

  • Fantoches Baj “O tranvía Leonardo”- Praza Escolas Vellas. 20:30 horas

24-25 de xullo

  • Festival de Escolas de Danza (Ldanzia, Paradela, E. Danza Gondomar e Danzarte)

28-30 xullo

  • Festival de Danza Contemporánea ABANEA. Praza Paradela ás 21:00 horas

30-31 xullo

  • XIRACAN – Festival Dog Friendly. Parque Canino de Gondomar.

31 xullo

  • Hermanos Cunha en concerto. Prque Canino de Gondomar. 21:30 horas

04 de agosto

  • Festival do Skate “Gondomarspot”. Skatepark Gondomar. 20:30 horas

05 de agosto

  • Sebastian Pitré en concerto “Concepto Nomade”. Casa Peralba. 21:30 horas

06 de agosto

  • Pablo Lesuit en concerto “Belorizonte”. Praza Paradela. 22:30 horas

07 de agosto

  • Indiana en concerto. Parque das Rosas. 20:30 horas

12-14 de agosto

  • Festival de Circo. Diferentes ubicaciones. 20:30 horas

15 de agosto

  • Cristian e o Ballet de Maria Rial “Humor e Flamenco”

19 de agosto

  • Sugar Pocket en concerto. Lugar por determinar. 22:00 horas

20 de agosto

  • Mesteño Blues en Concerto – Praza Paradela. 22:00 horas

21 de agosto

  • Mago Teto + Banda de Vincios. – Praza San Bieito. 21:30 horas

26 de agosto

  • Tabikon en Concerto. Lugar por determinar. 22:00 horas

03  de setembro

  • Cantares de Brión e Cantigas e Agarimos en Concerto “Proxecto Cantares no Miñor”- Praza Paradela. 20:00 horas

15-19 de setembro

  • Encontro Internacional de Música Tradicional e Folk “Miñor Sons”

O programa ‘Coñece Ponteareas’ regresa este verán con seis novas rutas para poñer en valor o patrimonio da vila

O programa ‘Coñece Ponteareas’ volve este verán con seis novas visitas guiadas abertas a todo o público coas que se busca poñer en valor o patrimonio histórico, cultural e natural da vila. Postas en marcha polo departamento de Turismo del Concello de Ponteareas, dependente da Concellaría de Promoción económica, as primeiras cita serán os vindeiros venres 22 e domingo 24 de xullo.

A primeira visita guiada da tempada será ao Castro de Troña o día 22 ás 19.00 horas cun percorrido que “trata de poñer en valor e achegar á veciñanza a este xacemento arqueolóxico, un dos castros máis importantes e mellor conservados de Galicia”.

Xa o día 24, as persoas interesadas poderán facer un percorrido por Ponteareas cunha ruta de ponte a ponte polo río Tea, saíndo da ponte dos Remedios ás 10.00 horas e rematando na ponte das Partidas. 

As actividades, serán de balde e terán prazas limitadas, polo que é necesaria a reserva previa de praza. As persoas interesadas poden inscribirse xa para participar en calquera destas dúas visitas na Oficina de Turismo, enviando un correo a [email protected] ou chamando ao 637 724 301.

Ao longo dos meses de xullo e agosto programaranse novas visitas guiadas coas que coñecer Ponteareas cunha ruta polo río Uma o 31 de xullo, un novo percorrido polo Castro de Troña o 7 de agosto, outra ruta polo río Tea o 14 de agosto ou un paseo seguindo os pasos dos mestres Cerviño no cemiterio municipal o 20 de agosto ou polo centro urbano o 28 de agosto.

Por outra banda, para achegar aos cativos e cativas ao patrimonio inmaterial de Ponteareas a Concellaría de Promoción económica colaborará coa Concellaría de Ensino para que os rapaces e rapazas que participen no Campus Tea poidan visitar o Museo do Corpus a Ceo Aberto os días 15 e 29 de xullo e 5, 12, 19 e 26 de agosto. O obxectivo é que nenos e nenas coñezan de primeira man a historia desta cita tan importante da vila ao tempo que se achegan a ferramentas tecnolóxicas que permiten gozar do Corpus a veciñanza e visitantes durante todo o ano.

A Policía Local de Redondela localiza un vehículo causante dun accidente

0

A Policía Local de Redondela localizou un vehículo, o cal foi o causante dun accidente de tráfico, o luns pola mañá, en Chapela. O accidente consistiu nun choque contra un vehículo estacionado e o condutor abandonaría posteriormente o lugar dos feitos.

Grazas a unha testemuña, que anotou os catro díxitos numéricos e as últimas dúas letras da matrícula identificativa, así como a cor do vehículo, a Policía puido acotar a investigación e, coa colaboración da Garda Civil de Tráfico, púidose dar coa matrícula completa.

Logo de poñerse en contacto coa Policía Local de Vigo, unha patrulla trasladouse ao posible domicilio do titular do vehículo, onde se confirmaría que o coche era amarelo, e que estaba en posesión dunha parella da figurante, aportando o domicilio.

Posteriormente, e avisado pola titular, o condutor persoouse na Xefatura da Policía Local, onde puido ser identificado e recoñecer ter golpeado o vehículo, polo que se procedeu a realizar as correspondentes dilixencias.

O alumnado do Obradoiro de emprego da Guarda realiza prácticas e visitas formativas

0

O alumnado da especialidade de Promoción turística local e información ao visitante atópase na actualidade realizando prácticas na exposición “A túa esencia. A Guarda, pobo mariñeiro”, que organiza a Asociación Piueiro e na que teñen a oportunidade de ter contacto directo co público e mellorar as súas competencias profesionais neste eido. Esta especialidade tamén organizou prácticas en visitas guiadas nas que participaron centros como Avelaíña.

As alumnas da especialidade de Atención Sociosanitaria en Institucións desfrutaron de prácticas formativas na Residencia San Telmo de Tui e no servizo de Axuda no Fogar do Concello, así como de visitas formativas á Residencia Santa Tecla da Guarda, e teñen programada unha próxima visita á Asociación Vontade en Tomiño.

O día 21 de xullo terá lugar unha bonita actividade común na que precisamente participarán usuarios/as da Asociación Vontade e que consistirá nunha visita guiada polo noso tramo do Camiño de Santiago, organizada pola especialidade de Turismo e na que tamén prestará apoio o alumnado da especialidade de Sociosanitaria, unindo así as actividades das dúas ramas formativas.

Deste xeito este alumnado pode aproveitar os recursos cos que contamos na comarca para completar a súa formación práctica, achegarse á realidade do mercado de traballo e mellorar as súas competencias profesionais.

Este obradoiro está subvencionado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade.

O Concello de Redondela recibe unha axuda da Deputación de Pontevedra para continuar co proxecto de Toponimia

0

O Servizo de Normalización Lingüística de Redondela, dependente da Concellería que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, vén de conseguir unha axuda da Deputación de Pontevedra para continuar co proxecto de toponimia que viña desenvolvendo. Por segundo ano consecutivo, o Concello redondelán mantén a súa aposta pola recuperación, difusión e divulgación da microtoponimia como garantía de conservación pero tamén para a súa posta en valor como patrimonio inmaterial do pobo galego. Desta vez o SNL recibirá unha axuda polo importe de 3317,34€.

Cómpre lembrar que, dende a súa chegada ao Concello, o Goberno socialista mantén unha firme aposta non só pola recuperación da microtoponimia do municipio para evitar que caia no esquecemento, senón tamén para a súa difusión e divulgación e, dentro desas iniciativas, o SNL puxo en marcha unha web de toponimia (toponimia.rendondela.gal), unha páxina que ten elementos diferenciadores con outras páxinas similares como é que cada microtopónimo vai acompañado da correspondente explicación sobre a orixe do mesmo.

Digna Rivas subliñou a importancia de recoller toda a toponimia “aínda viva na veciñanza ante o perigo inminente de perda” e nese sentido agradeceu “o apoio incondicional da Deputación de Pontevedra que, dende o comezo, prestou a este proxecto”.

A Guarda continúa coa mellora e humanización da rúa da Cal

0

O concello da Guarda está a executar a fase 3 das obras de mellora e humanización da rúa da Cal. Estas obras de modernización estanse a acometar no tramo que vai pola parte superior da circunvalación ao monte Trega.

O Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, visitu as obras que se están a acometer, xa nunha fase final de colocación das pedras  da capa de rodadura na zona diante da Fonte-Lavadoiro da Cal, un conxunto patrimonial ao que se lle quere dar un valor especial aproveitando esta actuación.

Tal e como se anunciara no acto do centenario da construción do lavadoiro da Fonte da Cal, en decembro do ano pasado, realizouse un empedrado para por en valor o conxunto da Fonte-Lavadoiro da Cal e cruceiro, mantendo o resto da urbanización o mesmo tipo de estética da vía.

A Fonte Lavadoiro da Cal do barrio da Cruzada, foi construída no ano 1921 por suscripción que iniciou en Puerto Rico don Brasilino Álvarez Sobrino, fillo deste barrio da vila guardesa e constitúe un elemento patrimonial de gran valor, que con estas obras se pon en valor e se mellora o seu conxunto.

O equipo de goberno local continúa deste xeito coas tarefas de humanización e embelecemento das rúas do casco urbano, aproveitando tamén para renovar as redes de servizos, como:  subministro de auga, saneamento e telecomunicacións.

O proxecto desta obra alcanza os 96.000 € e está financiado con cargo ao Plan concellos da Deputación de Pontevedra.

A Xunta colabora na terceira edición da ‘Tripla Coroa Illas Atlánticas’

0

A Xunta volverá colaborar un ano máis na competición deportiva internacional Tripla Coroa Illas Atlánticas, que este ano chega á súa terceira edición e se estenderá ata 2024. A primeira proba, na que están inscritos un total de 160 nadadores procedentes de 12 comunidades e de países como Francia ou Portugal, foi presentada precisamente esta mañá na sede do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia en Vigo.

Na rolda de prensa participou en representación do Goberno galego a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen sinalou que esta cita deportiva volverá contar co apoio loxístico e económico da Xunta.

O vindeiro 10 de setembro disputarase a primeira proba da terceira edición da Tripla Coroa Illas Atlánticas 2022-2024, considerada unha das probas de natación máis longas e duras de toda Europa. Será un percorrido de 15 quilómetros por augas abertas entre a praia de Rodas, nas illas Cíes, e a de Ribeira, no municipio de Baiona, ao longo do que se despregará un completo dispositivo de seguridade e apoio aos nadadores.

Esta será a primeira das tres probas que integran esta edición da Tripla Coroa Illas Atlánticas, cun percorrido total de 57 km. A seguinte etapa, prevista para o ano que vén, terá como punto de partida a praia do Almacén, na illa de Sálvora, e tras 19 km de percorrido finalizará na praia ribeirense de Coroso. A terceira e última proba desta edición celebrarase no ano 2024 e será a máis larga: un total de 23 km en augas abertas entre a illa de Ons e Combarro, en Poio, pasando antes pola illa de Tambo.

Precisamente, Belén do Campo fixo fincapé no “espectacular percorrido” que lles agarda a todos os participantes nesta proba. Por iso, subliñou que máis alá da innegable transcendencia da Tripla Coroa Illas Atlánticas desde o punto de vista deportivo, acontecementos deste tipo teñen importancia tamén porque son un exemplo de equilibrio entre os usos posibles e compatibles coa protección dos espazos naturais.

Tras salientar o carácter internacional desta competición, do Campo subliñou que a travesía a nado prevista entre Cíes e Baiona servirá de escaparate promocional para dar a coñecer en todo o mundo as Illas Atlánticas, un espazo natural que, como lembrou, está moi vencellado ao mar xa que “o 85% da súa superficie protexida é mariña”.

De feito, explicou que o arquipélago de Cíes acollerá, baixo o lema Mollámonos polo medio ambiente, unha serie de actividades medioambientais en paralelo á competición, nas que se contará coa colaboración do persoal do Parque e que terán como fin poñer en valor a riqueza natural, paisaxística e patrimonial que atesoura. “E todo isto ademais coincidindo co ano no que conmemoramos o 20 aniversario da declaración destas illas como Parque Nacional”, declarou.

Neste sentido, o programa inclúe unha ruta guiada por Cíes que concluirá cunha acción de limpeza e recollida de residuos na praia de Rodas, que acollerá a saída da proba; e tamén se organizará unha visita guiada a Baiona para que os deportistas e os seus acompañantes poidan coñecer a fondo o casco histórico da vila e a carabela La Pinta. Ademais, convocarase un concurso de fotografía entre os participantes no que se premiará ás tres instantáneas máis orixinais e que mellor representen á illa.

O Concello de Oia solicita fondos europeos para afrontar a reforma da Praza de Abastos

0

O Concello de Oia está a traballar nun proxecto para a reforma do edificio da Praza de Abastos co obxectivo de rehabilitar e poñer en marcha diversos usos neste equipamento municipal situado na Estrada Vista Alegre.

Desde hai meses o Concello vén dando pasos para avanzar nesta iniciativa, que permitirá a Oia contar cun novo espazo de uso público situado nunha zona estratéxica do municipio, ao carón da estrada PO-552. Así, durante o ano pasado elaborouse un estudo de mercado e un anteproxecto da actuación. Ademais, mantivéronse diversas reunións cos comerciantes locais a fin de poder coñecer as súas opinións e achegas.

Dentro destes primeiros traballos estanse a definir os diferentes usos que podería albergar a nova praza: feira alimentaria, feira de artesanía, espazos públicos e bar-cafetería son algunhas das opcións actualmente en estudo. Así mesmo, realizáronse unha serie de actuacións con vistas a presentar esta actuación como candidata á captación de fondos do PIREP Local.

Candidatura ao PIREP Local

A partir do traballo previo realizado, a Administración municipal vén de elaborar un proxecto denominado “Eira Nova”, co cal se presentou á convocatoria de subvencións do PIREP Local do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. O PIREP é un programa de impulso á rehabilitación de edificios públicos de entidades locais deseñado no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, PRTR (a estratexia española para distribuír os fondos europeos Next Generation EU).

Para asumir os gastos derivados da elaboración do proxecto co que o Concello concorre aos Fondos PIREP contouse cun total de 2.783 euros da Deputación de Pontevedra (procedentes das subvencións a entidades locais da provincia de Pontevedra con poboación inferior a 50.000 habitantes para o financiamento dos gastos derivados da presentación de candidaturas de proxectos subvencionables ao abeiro da convocatoria do PIREP Local). Esta cantidade foi destinada a asumir os custos do proceso de documentación e asesoramento técnico para a preparación da antedita candidatura.

Vinte persoas melloran a súa empregabilidade a través do obradoiro formativo dual ‘Coidar de Nós IV’

O Concello de Ponteareas segue a traballar por favorecer a inclusión no mundo laboral dos seus veciños. Dende o ano 2015, arredor de 160 veciños e veciñas de Ponteareas e As Neves pasaron polas aulas de formación dual da vila do Tea e melloraron a súa empregabilidade grazas aos obradoiros de formación dual ‘Coidar de Nós’, que hoxe pechou a súa cuarta edición.

O alumnado recolleu hoxe os seus diplomas acreditativos nun acto de clausura no Centro de Desenvolvemento Local no que estivo presente a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila; a concelleira de Formación e Emprego ponteareá, Vanesa Fernández Soage; o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez; e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López.

“Este obradoiro permite a moitos dos nosos veciños e veciñas acceder a unha nova formación, reciclarse profesionalmente nalgúns casos e acadar novas ferramentas que lles facilitan a integración no mundo laboral con novas saídas”, destacou a rexedora. Fernández Davila quixo dar os parabéns a todo o alumnado e valorou “a súa implicación e o compromiso con este obradoiro, as gañas de aprender e de formarse para ter unha oportunidade en dous sectores con moita saída laboral, como son o sociosanitario e o forestal”.

Pola súa banda, a concelleira de Formación e Emprego recalcou que estes obradoiros son un exemplo claro da aposta do Goberno municipal de Ponteareas “por axudar a crecer laboral e persoalmente aos nosos veciños e veciñas, traballando de forma coordinada con distintas administracións públicas cando é preciso para mellorar as súas posibilidades de futuro”. “Fórmanse en dous sectores cun retorno moi positivo na nosa contorna que na actualidade conta cun índice de empregabilidade de máis do 90%”, recordou Fernández Soage.

Esta cuarta edición do obradoiro de emprego de formato dual ‘Coidar de Nós’, que tivo unha duración de nove meses, contou cun investimento de arredor de 29.600 euros financiados polo Concello de Ponteareas e de 347.000 euros pola Xunta de Galicia a través da Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade. Este taller acolleu un módulo de atención sociosanitaria, que centrou as súas prácticas no coidado de persoas dependentes en domicilio, e de actividades auxiliares e conservación e mellora de montes, que actuou no parque da Picaraña de Ponteareas e en Chan de Vide, nas Neves.

A exposición “Galiza: un pobo, unha selección” chega a Mondariz

0

Este verán, a Praza de Abastos de Mondariz acolle a exposición itinerante “Galiza: un pobo, unha selección”, que presenta a historia do deporte galego a través dunha serie de paneis informativos. Esta mostra está promovida pola Plataforma Vía Galega, que integra máis de 60 colectivos sociais, culturais e deportivos, e enmárcase nunha campaña a favor das seleccións deportivas galegas.

O acto de inauguración será este venres, 15 de xullo, ás 22:00 horas. Está prevista a presenza de Adrián Bravo, en representación da Plataforma Vía Galega, e de Marcos Lage, deportista local do Club Tea de piragüismo. Ademais de presentar a exposición, proxectarase un vídeo relacionado coa campaña “Galiza: un pobo, unha selección”.

Esta mostra forma parte dunha campaña para reclamar que Galiza, como pobo, teña dereito a formar seleccións propias para competir profesionalmente e a nivel oficial en todos os deportes, tanto en competicións masculinas como femininas, e que os/as deportistas teñan garantido ese dereito. Tamén busca fortalecer a conciencia nacional mediante o deporte, potenciar os deportes populares, incidir na galeguización do deporte e impulsar a igualdade de xénero.

A exposición estará aberta ao público na Praza de Abastos de Mondariz desde o 15 de xullo até o 17 de agosto, durante o horario de apertura do edificio. “Este ano, celebraremos o 25 de xullo cunha exposición que reivindica a galeguidade a través do deporte”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz. Como se indica no propio manifesto desta campaña da Plataforma Vía Galega, “as seleccións nacionais deportivas representan todo un pobo, danlle acougo a un sentimento colectivo, alimentan o sentir e o orgullo de pertenza a unha colectividade, a unha nación; afianzan a identidade colectiva e contribúen á cohesión social, pois o deporte non só é fonte de saúde, tamén axuda a vertebrar a sociedade e tende lazos de amizade e solidariedade”.

A sexta edición do Vive Nigrán arranca mañá cos abonos esgotados

0

O festival Vive Nigrán arrinca este venres a súa sexta edición no campo de fútbol de Monte Lourido, cunha ampla programación para todas as idades e actividades complementarias. Rigoberta Bandini, Iván Ferreiro e La Bien Querida encabezan un cartel que se completa cos concertos de Nena Polaca, Colectivo da Silva, Grande Amore, o Concerto Vibra Mahou de Cariño e as sesións DJ de COOL NENAS e EME DJ. Á programación desta edición súmase unha xornada extra, Vive Nigrán [+] co concerto de MIGUEL RÍOS & THE BLACK BETTY TRIO, na que será unha cita imperdible cunha lenda viva da música española. O festival volve a unha contorna privilexiada xunto a Praia América, coa colaboración do Concello de Nigrán. Os abonos e as entradas para a xornada do sábado están esgotados. As entradas para o venres e o domingo están dispoñibles en vivenigran.com e Ataquilla.

A sexta edición presentouse este martes en Nigrán, fronte á escultura de Balmi, realizada con residuos mariños e doada en 2021 polo festival ao Concello de Nigrán, coa presenza de Juan Rivas, director do festival, Hugo Pérez, Brand Manager de Mahou San Miguel en Galicia, José Luis Fernández Astray, director de comunicación Gadis, Marián Lago Torrado, xefa servizo de Aqualia Nigrán, Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, AGADIC, Marta Fernández-Tapias, delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Carlos López Font, deputado provincial da Deputación de Pontevedra, e Juan González Pérez, alcalde de Nigrán.

Na súa intervención, Juan Rivas, director do festival destacou o éxito desta edición na que “a uns días de arrincar xa se esgotaron as entradas para o sábado e os abonos e só quedan as últimas entradas para o venres e para o concerto de Miguel Ríos do domingo, que vai ser moi especial”. O Brand Manager de Mahou San Miguel en Galicia, Hugo Pérez, reafirmou o compromiso da marca con Vive Nigrán e destacou o esenciais que son os encontros sociais para vivir mellor “e iso é algo que tamén nos dá a música. Por iso, a través de Vibra Mahou, a plataforma musical de Mahou Cinco Estrella, achegamos ás persoas en torno ao directo”. Con este propósito, a cervexeira completou o cartel deste ano de Vive Nigrán co Concerto Vibra Mahou de Cariño, o sábado 16 de xullo. Carlos López Font, deputado provincial remarcou o compromiso do festival, que forma parte dos Rías Baixas Fest, coa sustentabilidade, con diversas propostas e actividades desenvolvidas para preservar a contorna onde se celebra, e tamén coa igualdade, con accións específicas durante a celebración do mesmo. Pola súa banda, Marta Fernández-Tapias,
delegada da Xunta de Galicia en Vigo, destacou a implicación da Xunta de Galicia
desde Fest Galicia co festival, “cun cartel de novo impresionante, e que conta
nesta edición con Iván Ferreiro, un dos mellores exemplos de talento galego,
tocando na súa casa”, unha “cita ineludible”, sinalou, para o público festivalero. Juan
González, alcalde de Nigrán insistiu no especial e único da contorna privilexiada,
onde se desenvolve o festival, a poucos metros do mar.

O festival arrincará o venres 15 de xullo co galego Grande Amore que presentará o seu primeiro disco no escenario Xacobeo a partir das 19:15 horas, con sons electrónicos e industriais, pinceladas ás veces macarras e ás veces tenras, pero sempre cheas de personalidade. Os andaluces Colectivo da Silva chegarán coa súa mestura de estilo naïf, festa e rebeldía pop ao escenario Mahou desde as 20:30 horas e Karavana ofrecerá un directo cheo de enerxía no escenario Xacobeo desde as 22.00 horas. Na noite do venres, Iván Ferreiro repasará os éxitos da súa carreira con Piratas e en solitario, a partir das 23:30 no escenario Mahou, dentro dunha xira moi especial coa que volve este 2022 acompañado da súa banda habitual.

Cool Nenas pecharán a primeira xornada con temazos, baile e actitude; os ingredientes escollidos por dani, Mariagrep e Kimberley Tell, a partir das 01:00 horas, para crear a festa perfecta.

A programación do sábado 16 arrincará con Nena Polaca que abrirán o festival no escenario Xacobeo trasladándonos ao Madrid dos oitenta a través das súas cancións pop con toques indie-rock, a partir das 19:15 horas. La Bien Querida acompañada da súa banda ao completo ofrecerá un dos seus concertos máis especiais no escenario Mahou, desde as 20:20 horas nunha xornada onde as mulleres serán protagonistas no cartel. O plan do sábado complétase co Concerto Vibra Mahou da banda de pop feminino Cariño, un sopro de aire fresco e descarado nun concerto incluído no abono do festival, no escenario Mahou a partir das 22:00 horas. Rigoberta Bandini fará vibrar ao público de Nigrán na noite do sábado desde o escenario Xacobeo desde as 23:45 horas con hits tan coreados como ‘Cadela’, ‘ Too many drugs’, e ‘Ai mamá’, convertido en todo un himno. Con millóns de escoitas e visualizacións dos seus temas, posicionouse como unha das artistas españolas con máis presenza a nivel internacional. Para pechar o festival, EME DJ, unha das DJ españolas cunha traxectoria máis recoñecida na escena indie-pop, fará bailar a todos os presentes en Monte Lourido.

Nesta edición, o festival engade unha xornada extra, o domingo 17 de xullo con Vive Nigrán [+], unha cita imprescindible para os amantes da música en español, que traerá ata Monte Lourido a Miguel Ríos & The Black Betty Trio, co concerto Xacobeo desde as 22:30 horas, nun show co público sentado, no escenario Xacobeo, e que busca unir a varias xeracións que gozaron deste artista indiscutible. Os abonos e as entradas para venres e sábado e tamén para a xornada extra Vive Nigrán [+] do domingo están á venda en vivenigran.com e
ataquilla.com.

Nesta edición do festival habilitáronse as pulseiras cashless como medio único de pago, tanto na zona de barras como nas foodtrucks. As pulseiras facilitaranse no momento de acceso ao recinto no punto de validación de pulseiras e poderanse recargar no interior, tanto con efectivo como mediante tarxeta bancaria. Tamén se activará un link para a devolución do saldo non consumido, a partir do luns 18 de xullo.

Actividades para todos os públicos

Desde o seu nacemento, VIVE NIGRÁN é moito máis que música e busca a integración coa contorna e o patrimonio. E por iso, nesta edición volven as actividades complementarias con propostas para todos os públicos a través das accións de VIVE SOSTIBLE, VIVE PATRIMONIO, VIVE IGUALDADE E VIVE ACTIVO, realizadas coa colaboración da Deputación de Pontevedra, dentro do programa Rías Baixas Fest e o Concello de Nigrán.

Este xoves está programado un concerto dentro de VIVE PATRIMONIO, a partir das 20:00 horas, no Esteiro dá Foz, fronte ao cinema da Ramallosa, con acceso gratuíto ata completar aforo, onde os alumnos da Escola de Rock Gain Over de Nigrán serán os protagonistas.

Ademais como artistas convidadas estarán Xía Rodríguez e Sara Sanmartín, do programa ‘Descúbreas’ da Deputación de Pontevedra. O programa incluíu tamén un roteiro guiado por Monteferro o pasado 6 de xullo, dentro de VIVE PATRIMONIO, coa colaboración do Concello de Nigrán.

O sábado 16 de xullo as actividades chegan ás praias. Dentro da programación de VIVE ACTIVO están previstas un roteiro de kaiak e pádel surf en colaboración co Club Marítimo de Panxón, no peirao de Panxón, e que xa esgotou as súas prazas dispoñibles. E un bautismo de surf (sábado pola tarde) en colaboración coa Conserveira do Surf, na praia de Patos (cun custo de 5 € por persoa cada unha e idade mínima 5 anos). Para esta actividade aínda hai prazas dispoñibles e a inscrición realízase a través do correo electrónico [email protected] para quen dispoña de entradas ou abono para o festival.

O festival conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, a través da súa marca ‘Rías Baixas Fest’ e da Xunta de Galicia, a través de ‘FEST Galicia’, e en 2022 volve ter unha vez máis o apoio de Gadis, Aqualia e Vibra Mahou, a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas que xera encontros ao redor da música en directo.

A Deputación reparte 8.000 euros de axudas para catro proxectos de dinamización do galego no Val Miñor

Un total de 62 entidades sen ánimo de lucro veñen de ver aprobadas as axudas  do departamento de Lingua da Deputación de Pontevedra, , que neste ano ascenden a 120.000 euros, para realizar actividades de dinamización do galego na provincia de Pontevedra.

No caso do Val Miñor, a contía é de máis de 8.000 euros para o Centro Cultural e Social de Bahiña, para a conmemoración das Letras Galegas; para a asociación folclórorica Ardelume co fin de gravar un videoclip dedicado ás persoas emigrantes de Galiza; a asociación cultural San Vicente de Mañufe, para o VI certame literario Verbas Novas; e á Fundación Carlos Casares para a IV edición da itinerancia da exposición ‘Sorrisos por un mundo. O humor en Carlos Casares’.

Ademais,  recibiron as achegas provinciais na comarca de Pontevedra seis colectivos. No resto da provincia foron beneficiarias 22 entidades da comarca de Vigo, outras 11 da comarca do Morrazo, seis na comarca do Salnés, tres no Condado-Paradanta e sete no Deza; unha en comarca de Caldas, e catro no Baixo Miño.

A responsable provincial de Lingua, María Ortega, manifestou a súa satisfacción polo alta concorrencia e interese das entidades en fomentar actividades de dinamización lingüística, xa que dixo, “resultan cruciais para favorecer o coñecemento, posta en valor e uso da lingua galega por parte da cidadanía e en todos os ámbitos”.

Segundo Ortega, é importante que o tecido asociativo que está a carón da veciñanza, incremente a presenza do galego en todos os contextos “para desmontar os prexuízos e acabar con opinións belixerantes e demagóxicas sobre o galego que aínda permanecen nalgúns sectores”.

As bases destas axudas, que se conceden de maneira diferenciada ás dos concellos por terceiro ano consecutivo, incluíron certas modificacións para enfocar correctamente o obxectivo das axudas. Así, estableceuse que poden ser obxecto de financiamento accións de fomento da creación e difusión cultural en lingua galega (certames literarios e xornalísticos, creacións audiovisuais e literarias  e feiras e eventos que promovan a creación en lingua galega), actividades relacionadas coa sociolingüística e toponimia (estudos e publicacións sobre sociolingüística ou xornadas e publicacións de recuperación da toponimia), iniciativas de fomento do emprego do galego no comercio e na industria (como xornadas, campañas e publicacións para a dinamización comercial en lingua galega), recoñecementos e distincións (como actividades literarias, accións e publicacións relacionadas coa conmemoración do Día das Letras Galegas ou que recoñezan o labor de persoas ou colectivos que aposten polo galego), obradoiros orientados a reforzar o traballo a prol do uso da lingua entre a veciñanza ou producións de materiais en galego (documentación permanente, creativa ou publicitaria; revistas en papel e en formato electrónico, vocabularios, manuais e recursos para o lecer, xogos en galego, páxinas web e outros) que teñan como fin introducir ou estender o uso da lingua nalgún eido.

Neste exercicio 2022 quedaron fóra das axudas provinciais doce entidades solicitantes, entre outros motivos por non seren posibles beneficiarias segundo os criterios fixados, por solicitar axudas para eventos non subvencionables, así como tamén por desestimento das solicitudes iniciais.

A soprano Esperanza Mara actuará o 15 de xullo na Igrexa de San Vicente de Barrantes, en Tomiño

0

O vindeiro venres 15 de xullo terá lugar ás 21h a actuación da soprano Esperanza Mara na Igrexa románica de San Vicente de Barrantes (Tomiño). O evento, que será accesible para todos os públicos de xeito gratuíto, achegará unha proposta musical baseada nas cantigas medievais e prerrenacentistas, nas que se pretende poñer en valor a figura da muller na música da Idade Media.

Licenciada en Canto Lírico e Violonchelo e cun Máster en Interpretación en Música Antiga na especialidade de canto e outro en Investigación Musical, Esperanza Mara é a creadora de EmanArte, unha iniciativa para a promoción, difusión e fusión da música clásica en diferentes formatos e para diversos públicos. En efecto, a través do programa Cantemos Xuntos, Mara levou a cabo talleres durante media hora que permitían aos nenos e nenas achegarse a diferentes contidos relacionados ca música. Todo iso ca idea de aproveitar as posibilidades que lle ofrecía Internet, con especial énfase nos máis pequenos e pequenas.

Durante o confinamento, Mara asomouse ao balcón da súa casa cada sábado para animar á veciñanza a participar con ela, ademais de manter unha intensa actividade musical a través das redes sociais, empregando o seu perfil en Facebook para retransmitir cada actuación.

Outro dos proxectos levados a cabo pola artista é “Música Medieval en Camiño”, enmarcado no Fondo de Proxectos Culturais Xacobeos 2021 impulsado pola Xunta. A proposta é a dun concerto comentado, onde o público pode descubrir a historia vinculada ao Camiño a través da música e das explicacións.

Cada concerto do ciclo Música e Románico (este é o 2º) comprende dúas partes que se conxugan coma un todo. Na parte didáctica da actividade lévase a cabo unha introdución contextual sobre o patrimonio arquitectónico ou sobre as propias interpretacións, propoñendo en todo momento un modelo de participación activo. Na parte lúdica da actividade, o público asiste á interpretación de diferentes pezas a través da voz e do auto acompañamento instrumental.

Ademais, os instrumentos empregados durante os concertos son reproducións de instrumentos reais da época, como a arpa ou a viola. Tamén as pezas escollidas para o repertorio forman parte da lírica galaico-portuguesa propia do Camiño. Todo iso co galego como lingua vehicular, aínda que a actividade se pode adaptar a outros idiomas en función do público asistente.

Igrexas románica de San Vicente de Barrantes

No 2020 o Concello de Tomiño iniciou un proxecto para localizar, inventariar e documentar o patrimonio de carácter etnográfico ligado á arquitectura tradicional e aos exemplos de igrexas e capelas románicas do municipio. Entre as igrexas catalogadas atópase a Igrexa románica de San Vicente de Barrantes, na que actuará Esperanza Mara o 15 de xullo ás 21.00h.

Concluída de cara a 1139, segundo reza unha inscrición sobre a porta de acceso á sancristía, a Igrexa de San Vicente de Barrantes foi o único que perdurou no tempo do antigo mosteiro beneditino do Salvador. Segundo a documentación existente, o mosteiro debeu de ser fundado no século XII, cando Alfonso VII e Dona Berenguela confirman os seus termos e coto nun privilexio nese ano.

Respecto da súa orixe románica, a Igrexa conserva o ábsida de dito estilo, rectangular ao exterior e semicircular ao interior; parte do flanco norte da nave; restos da fachada do muro sur e seis canecillos; restos de arquivoltas que posiblemente pertenceron ás portadas occidental e setentrional; restos de capiteis; dúas ménsulas con cabezas de animais, e dúas antefijas. A Igrexa sufriu ademais posteriores reformas, unha en 1594 e outra de cara a 1865, que lle deron o seu aspecto actual.

Do interior da Igrexa cabe destacar o arco triunfal, que ten gran similitude cos das igrexas da súa contorna, como a de Santa María de Tomiño, a de Santa María de Tebra e a de Doas. As semellanzas entre as igrexas parecen remitir a un meso taller que traballou tanto na área tudense galega como na portuguesa, con mestres canteiros de ambos os lados do Miño coñecedores da linguaxe artística galaico e portuguesa e vencellados á orde beneditina.

Redondela pon en marcha o Tren Turístico para coñecer os lugares máis interesantes da contorna

0

O Concello de Redondela, coa finalidade de potenciar as actividades turísticas coas que conta, poñerá en marcha, o vindeiro venres, o servizo de Tren Turístico, unha iniciativa que permite coñecer os puntos máis destacados de Redondela que está dirixida non só a persoas que peregrinan e visitantes, senón tamén a veciñanza que, dun xeito distinto ao habitual, poderán percorrer a súa vila e mirala dende unha perspectiva distinta.

A alcaldesa Digna Rivas subliñou precisamente ese aspecto de que “veciñas e veciños descubran a súa vila ‘con outros ollos’ e dun xeito tranquilo e distinto, percorran o casco urbano e o porto e a praia de Cesantes”.

O Tren Turístico terá a súa saída dende a rúa Xeneral Rubín, un lugar de fácil ubicación tanto para as veciñas e veciños com para as persoas visitantes, para dende aí pasar pola rúa Mendiño ata ao porto de Cesantes para, deseguido e pola rúa Catapeixe, dirixirse á praia de Cesantes onde fará unha pequena parada para volver ao seu punto de destino e incluso as persoas usuarias poderán gozar das actividades do Kite Fest, todo un espectáculo deportivo. O Tren Turístico estará funcionara mañá e tarde en horarios que estarán expostos no punto de saída.

O punto de saída poderá ser cambiado cando a Policía Local o considere oportuno con motivo de eventos especiais como poden ser días de mercado, festas ou eventos que orixinen calquera tipo de incompatibilidade co punto habitual de parada.

Trátase, asegura a rexedora local “de contribuír á potenciación dos recursos turísticos do municipio e, ao mesmo tempo, ofrecer á veciñanza e visitantes, unha actividade que, noutros municipios que a realizan, amosouse como un elemento dinamizador da potencialidade turística”.

Nova sesión de ‘Noites de Música Antiga’ do Museo

As Ruínas de San Domingos acollerán este venres 15 unha nova sesión do ciclo ‘Noites de Música Antiga’ do Museo de Pontevedra a cargo da agrupación ‘Musicantes’, que actuará ás 21 horas con entrada libre ata completar cabida, e interpretará varias pezas medievais con orixe en diferentes países.

O programa do concerto, titulado ‘Sones medievais. Un percorrido pola música da vella Europa Medieval’  incorpora un paseo por Francia, de onde se interpretarán as pezas ‘Douce Dame Jolie’, de Guillaume de Machaut (un virelay do século XIV), ‘L´Autrier just una Sebissa’, de Marcabrú (unha pastorela do s.XII), ‘Ce fut en mai’, de  Moniot D´Arras (pastorela do s.XIII); e ‘Danse’, unha peza anónima (Cancionero del Rey –Estampida- s.XIII).

De España interpretaranse ‘Ductia (CSM 248-353)’ e ‘Santa María Strela do día (CSM 100)’,  ‘A que por muy gran fermosura (CSM 384)’, ‘Sen calar nen tardar (CSM 380)’, de Alfonso X el Sabio (s.XIII, Cantiga de Santa María), e ‘Durme’, ‘Avrix mi galanica’,  ‘Rahelica Baila’, pezas anónimas do cancioneiro popular sefardí.

De Italia interpretaranse ‘Lamento de Tristano- Rotta’, un anónimo do século XIV do Manuscrito de danzas xograres, e ‘Danza Amorosa e Trott’o – Anónimo (Italia s.XIV), tamén do Manuscrito de danzas xograres. De Hungría ‘Ungarischer Tan’, anónimo do século XIII.

Os instrumentos utilizados (cítola, laúde medieval, guiterna, laúde árabe, rabel, salterio, chicotén, viola de roda ou zanfona, percusión, frautas, gaitas, chirimía, viola e fídula), son reproducións de instrumentos da época, inspirados na iconografía existente nos diferentes estados.

As e os compoñentes de ‘Musicantes’ contan cunha profunda experiencia no campo da música antiga, colaborando con agrupacións como o Grupo Nuba, Eduardo Paniagua, Kaléndula, Colegium Vocale de Madrid, Judit Cohen, Angel Carril, Eliseo Parra, Klezmer Sefardí, etc. O seu repertorio abarca desde o século XIII ao XV (música monódica da Idade Media, polifonía do Ars Nova e comezo do Renacemento) e está formado por Cantigas de Santa María, Llibre Vermell de Monserrat, Danzas francesas, inglesas e italianas, estampidas, saltarellos, queixumes, música sefardí e andalusí.

Entre os concertos desta formación cabe destacar os realizados noutras edicións das ‘Noites de Música Antiga’ do Museo, no Festival Clásicos no verán da Comunidade de Madrid, Festival de Música Medieval de Alarcos, Ciclo de Música e Patrimonio de Teruel, Xornadas Medievais de Oropesa, Festival de Música Antiga e Sacra de Xetafe, Ciclo “Música para unha época” do Museo de Belas Artes da Coruña, Festival Veráns en Cuenca, Xornadas Musicais de Calatañazor, Festival da Ribagorza, Mostra de Música Antiga de Aracena, Castelo dos Mendoza de Manzanares el Real e Festival de plectro de Alcalá de Henares.

Covelo prepara a XLI Festa do Churrasco

0

Volve a “Festa do Churrasco” ao campo da Feira do Concello de Covelo e con ela a boa gastronomía, a música e as ganas de celebrar en compaña o día de Santiago, patrón do concello. Esta edición estará cargada de novidades para que todos poidan gozar da mellor xornada de convivencia e xantar popular.

O alcalde, Pablo Castillo, e a concelleira de Cultura, Lourdes Enes, presentaron xunto a empresarias e empresarios da hostalaría local o cartel das festas que arrincan o 23 de xullo e que, ao longo de tres días, ofrecerán actividades para tódalas idades e arredor de 1.200 quilos de carne de tenreira e porco, 205 kg de chourizo criollo e 130 kg pementos de Arnoia con denominación de orixe.

“É un orgullo poder dicir que milleiros de persoas escollen Covelo para celebrar na nosa compaña o día de Santiago por iso este ano adiantamos a hora e comezaremos a servir churrasco ás dúas da tarde para poder dispor de máis horas de confraternidade e reencontros”, sinala Pablo Castillo.

Por segundo ano consecutivo a hostalaría de Covelo súmase a render homenaxe á carne á brasa e servirá, tamén, esta exquisita e popular receita. Deste xeito, as persoas que se acheguen a Covelo para gozar deste día festivo poderán xantar churrasco con pementos tanto nos bares e restaurantes como ao aire libre no Campo da Feira a un único prezo de seis euros a ración. Os locais participantes son bar Sebastián en Barcia de Mera, en Maceira o bar Plaza e na Graña o bar Río Tea, o bar do centro social e bar A Graña; na Ermida o restaurante Lemos e no centro urbano o bar O Buraco. 

Aposta eco

Alcalde e concelleira adiantaron que este ano a XLI Festa do Churrasco comprométese co planeta e pásase a un modelo máis ecolóxico. O tradicional prato de barro será substituído por un reciclable e biodegradable e do mesmo xeito o farán os vasos, o garfo e os coitelos. “Era o momento para dar un paso máis na concienciación colectiva e aproveitando que son milleiros de persoas as que comparten con nós esta celebración decidimos deixar no recordo o prato de barro para amosar un pequeno xesto de compromiso coa reciclaxe e a redución de lixo. Ao longo dos últimos anos xa eran moitas as cantidades de pratos e cuncas que quedaban sen recoller e consideramos que era o máis axeitado”, explica Lourdes Enes.

O programa de festas abre con actividades infantís o 23 de xullo ás 20:30 horas nas que as e os máis pequenos bailarán co “Brinca Vai!” de “Ler Conta Moito” na praza Mestre Cerviño. A continuación, ás 22:30 horas, a mocidade tomará a praza para celebrar a Festa da Xuventude Disco Móbil GHZ (Ganjack & Willow)+ Chico López. Dj Pedro Gainza + Dj Mesu + Dj Traffic House + Dj Khris Guez. O 24 de xullo ás 22:30 horas é o turno da gran verbena coa orquestra La Dimensión e con Los Lunes Al Sol. O día grande arrincará con misa solemne ás 12:30 horas seguida da procesión acompañada pola Banda de Música de Mondariz. Desde ás 12 horas haberá unha edición especial da Mostra de Produtos de Covelo e de Artesanía na carballeira do campo da Feira e ás 13:15 a Banda de Música de Mondariz ofrecerá un concerto na praza Mestre Cerviño.

Outra das novidades desta edición é o adianto na hora, a partir das 14 horas terá lugar a Festa do Churrasco coa gran churrascada no campo da Feira e nos locais de hostalaría. As persoas empadroadas en Covelo gozarán dun desconto e poderán pasar pola Casa do Concello a retirar os tickets ata o 22 de xullo. Xantar na XLI Festa do Churrasco ten premio, así o adiantan Castillo e Enes, que introducen este ano unha novidade máis, cada número de ticket participará nun sorteo con premios sorpresa que se entregarán a media tarde, así que lembren gardar o ticket. No Campo da Feira a charanga SDK non parará de tocar e de animar turnándose coas actuacións de Breocans ás 16:30 e concerto de Pelepau ás 19:00 horas.

A última das novidades que ofrece esta nova edición da Festa do Churrasco é o Choripan para merendar e cear. Será servido na cantina do Campo da Feira a partir das 19:30 horas a cargo do Club de Patinaxe Covelo que así recadará fondos para as e os seus deportistas. Ás 21 horas actuará a orquestra Talismán pechando así o programa das festas do Churrasco.

Noite con incidencias para a Policía Local de Redondela

0

Axentes da Policía Local de Redondela procederon, na madrugada do martes, a investigar a un condutor logo de recibir varias chamadas de aviso sobre a condución errática do vehículo en dirección O Porriño – Redondela.

A Policía Local localizouno no casco urbán, onde lle fixeron unha proba de alcoholemia, na que arroxou unhas tasas de 1,05 e 1,03 mg/l de aire espirado.

Ademais, os axentes da Policía tamén recibiron unha chamada dun veciño informando sobre o incendio nunha vivenda da rúa Prata, no casco urbán, ata onde se desprazou a patrulla. Unha vez no lugar do incendio, e tras alertar aos veciños lindantes, viron que tratábase dun inmoble deshabitado que xa ardera fai un ano.

Tras a alerta do incendio, compareceu alí o GES de Mos, quen sofocaría o pequeno lume ocasionado por un cortocicuito.

Lendo debuxos con Tarabelos o vindeiro 20 de xullo co programa ‘Ler Conta Moito’

Chega á biblioteca municipal de Ponteareas unha nova actividade para fomentar a lectura entre os máis pequenos e pequenas dun xeito divertido, lúdico e atractivo. Ao abeiro do programa ‘Ler Conta Moito’ da Xunta de Galicia, o vindeiro mércores 20 de xullo ás 11.30 horas Tarabelos Títeres e Contacontos entreterá a nenos e nenas co seu espectáculo ‘Debulendo lendas galegas’.

‘Tarabelizando’ a técnica centenaria do kamishibai xaponés, Tarabelos subirá ao escenario cun contacontos  debuxado ao 100% onde as ilustracións poderán verse, tocarse, manipularse, vestirse… e, por suposto, ler. Porque cando se debuxa o que se le, ‘debulese’, e neste contacontos público e compañía debuxarán e descubrirán xuntos o valor das lendas.

Con este singular espectáculo, Tarabelos achegará a nenos e nas a partir dos cinco anos lendas que ensinan o valor da cultura galega, de loitar pola vida, da axuda dada e recibida, de coñecer antes de deixar levarse polas impresións, o valor e a coraxe daquelas persoas que buscan máis alá, onde a maioría di que non hai nada. En definitiva, o valor que pode lerse e debuxarse, valor que se pode ‘debuler’.

Como explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, coas actividades do programa ‘Ler Conta Moito’ “búscase promover entre o público dende ben novos e novas non só a lectura, senón tamén a comprensión oral en galego e o desenvolvemento da creatividade e a expresión artística”. As persoas interesadas poden inscribir xa a nenos e nenas a través do correo electrónico [email protected] ou chamando ao teléfono 986 660 765.

A veciñanza de Tomiño coñece as claves da nova lei de residuos

0

Negocios e veciñanza de Tomiño coñecen algo mellor dende hoxe as claves a ter en conta coa nova lei de residuos que dende o pasado 30 de xuño obriga a todos os negocios e hostalería a separar o seu lixo orgánico de maneira obrigatoria e sen excepcións. Persoal técnico do Revitaliza da Deputación estivo no Mercado municipal para explicar, da man das mestras composteiras do Concello, cales son os principais cambios tanto para hostalería como para os domicilios particulares.

En primeiro lugar, os técnicos Silva e Pintos subliñaron que a  nova lei establece que todos os produtores de lixo deben responsabilizarse da súa separación e correcta xestión. Por iso, se no municipio aínda non hai despregada unha rede de recollida de residuos orgánicos e existe un negocio que os produce, ese negocio debe facerse cun composteiro individual ou chamar ao concello para pedir que habilite un composteiro comunitario ou un colector marrón nas inmediacións se é posible. Noutro caso debería que contratar un xestor de biorresiduos que pase a recollelos e se encargue de tratalos debidamente.

Nese último caso, o negocio debe poder acreditar a súa correcta xestión se llo requiren nunha inspección. De feito, a lei indica que as administracións, tanto Xunta como concellos, teñen obriga de realizar inspeccións, habendo multas elevadas para aqueles negocios que incumpran. Cosidéranse infraccións graves o verquido ou abandono de lixo ou tamén impedir a inspección e control e as sancións por estes motivos poden ir desde 2.000 a 100.000 euros.

Por outra banda, no caso da veciñanza, todos os concellos de máis de 5.000 habitantes están obrigados a recoller separadamente todas as fraccións do lixo, incluída a orgánica, xa ben por composteiros –como Tomiño- ou colector marrón. O concello miñoto é dos poucos na provincia e en toda Galiza que está preparado para poder achegarse ás cifras de reciclaxe que esixe a normativa grazas a que leva a traballar moito nos últimos anos para despregar a súa rede de composteiros.

Segundo subliñou o persoal técnico é preciso que sobre todo as persoas propietarias de negocios muden a súa filosofía con respecto ás súas obrigas anteriores con respecto aos residuos, xa que coa nova normativa, e parafraseando ao vicepresidente da Deputación César Mosquera, estase a producir unha grande ‘revolución’ que non permite ao comercio e hostalería poñer escusas e ‘botar balóns fóra’ alegando que os concellos non prestan os servizos.

Danza e humor danse a man no espectáculo “SOFÁ”, este xoves no Auditorio de San Benito

0

A bailarina Marta Alonso e o cómico Pablo Reboleiro únense nesta novidosa comedia que nos fala da rutina diaria, a través das artes do corpo e movemento e que chega na xornada deste xoves día 14 de xullo ás 20:30h ao Auditorio de San Benito.

A peza, apta para todo tipo de públicos e idades, de seguro fará as delicias dos amantes do teatro e a danza que hai na Guarda

O espectáculo fala dunha parella e do seu sofá, ese lugar no que descansan e esquecen o que está fóra. A parella son Marta e Pablo, dúas persoas normais. O mundo: traballo mal remunerado, guerra, ameazas nucleares, catástrofes ecolóxicas, virus asasinos invisibles, normas arbitrarias, pobreza, esgotamento. Motivos polos que Pablo e Marta están enfermos de cansazo e aburrimento, pero téñense a unha ó outro, teñen un sofá, e saben bailar. Non todo está perdido

O sofá que comeza a función no chan, irase elevando a varios metros de altura, segundo se vai elevando o ritmo do espectáculo. Sen  dúbida unha proposta novidosa, que escolleu A Guarda para facer a súa pre-estrea en espazos non convencionais, sabedores do gusto que ten o noso público polo teatro e a danza de calidade.

A peza forma parte da programación MIÚDO VERÁN, que cada xoves presenta ante o público guardés unha cita cultural pensada para gozar en familia. De entre as propostas desta programación esta vai dirixida ao público xuvenil e adulto pola temática abordada, aínda que poden acudir acompañados dos mais pequenos que poderán rir coas ocorrencias de Pablo e a danza de humor.

SOFÁ E MARTA ALONSO TEJADA

Marta Alonso Tejada leva mais de 15 anos adicada á danza e as artes escénicas, liderando diferentes proxectos entre o ballet clásico, danza actual, danza en movemento e teatro. No 2020 monta a súa propia compañía co proxecto Bailar Agora, que unifica danza, humor e teatro e agora nos presenta este novo espectáculo na mesma liña e pensado para espazos non convenicionais.

Sofá foi creado en residencia artística no Concello de Outes no que realizou a súa estrea no pasado mes de maio. Esta semana terá a súa “posta de largo” no MIT RIBADAVIA (Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia), pero antes recalará na Guarda buscando eses espazos alternativos ás salas teatrais.

A Deputación volve a colaborar coa Asociación Alborada impulsando o programa “Verdear”

A Deputación de Pontevedra destina neste 2022 15.000 € para impulsar o programa de emprendemento educativo e social “Verdear” que a Asociación Cidadá de Loita contra a Droga Alborada desenvolve nas súas instalacións de Cabral en Vigo. Trátase dun espazo de emprendemento educativo, social e de continuidade terapéutica, no que están a participar unha trintena de persoas para superar condutas aditivas a través da agricultura e do medio ambiente como soporte de aprendizaxe.

 “Verdear” está a beneficiar a unha trintena de persoas da área de Vigo e de centros asistenciais de concellos como O Porriño, Redondela, Nigrán, Baiona ou Baixo Miño. Tamén realiza actividades de divulgación entre centros educativos, atendendo a grupos de entre 25-60 escolares por día. Está pensado para crear un espazo saudable que favoreza a continuidade dos procesos de tratamento das persoas con condutas aditivas e das súas familias, mellorando a súa calidade de vida a través da integración social activa.  Ten por finalidade impulsar actividades formativas, ocupacionais, terapéuticas, de lecer e emprendemento que faciliten o seu desenvolvemento, así como aumentar o coñecemento da natureza, o seu coidado e protección, e potenciar iniciativas de tempo de lecer. Así, abrangue cursos sobre agricultura ecolóxica, xardinería, mantemento da horta, transformación de produtos e, entre outras iniciativas, proxectos para impulsar a inserción laboral e o traballo autónomo.

A Asociación Cidadá de Loita contra a Droga Alborada, creada en 1982, cumpre neste 2022 40 anos no acompañamento a pacientes con condutas aditivas. Ao longo destes anos ten creado un equipo de prevención que traballa nas escolas de Vigo, un centro de Día de adolescentes en conflito ou programas de atención ás novas dependencias, sen abandonar os traballos coas dependencias a todo tipo de sustancias.

Os nenos do “Campamento de verán 2022” reciben a visita do alcalde de Nigrán

0

O alcalde de Nigrán, Juan González, xunto a edil de Igualdade, Patricia Diego, de Facenda e Desenvolvemento Local, Raquel Giráldez, e a edil de Asuntos Sociais, Bibiana Peixoto, acudiron ao CEIP Humberto Juanes para visitar ás crianzas do “Campamento de Verán 2022” organizado polo Concello co obxectivo de favorecer a conciliación da vida laboral, persoal e familiar da veciñanza.

A principal novidade deste ano é a ampliación do número de prazas, pasando do récord de 120 do 2021 ás 180 actuais, todas de Nigrán, un aumento de case un 50% e dun 100% nos últimos 3 anos.

Neste campamento municipal participan crianzas empadroadas en Nigrán con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos e desenvólvese desde o día 27 de xuño ata o 29 de xullo de luns a venres.

A maiores, coa colaboración dos clubes, o Concello organiza campus deportivos semanais (todos se poden consultar na web www.nigran.es).

As pistas de tenis do Porriño xa contan con vestiarios equipados

Os tenistas do Club Tenis Porriño e todos aqueles que fan uso das pistas municipais de tenis dispoñen xa de vestiarios totalmente equipados. Ata o de agora, os usuarios e usuarias destas instalacións carecían dun lugar apropiado para cambiarse e asearse tras a práctica deportiva e tiñan que desprazarse ao polideportivo municipal.

“Os vestiarios están xa están abertos e ambos contan con aseo adaptado independente, e tamén está en uso xa o almacén que se dispuxo nas mesmas instalacións”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, que reiterou que “esta era unha obra tan reclamada polos usuarios como necesaria” e insistiu en que “o mantemento e acondicionamento das instalacións deportivas ocupa un lugar destacado na nosa axenda , non só  para deportes maioritarios senón para todas as disciplinas”.

O rexedor, acompañado polo concelleiro de Deportes, Abel Estévez, o Secretario Xeral para ao Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, o xefe provincial de Deportes, Daniel Benavides, e o presidente do Club Tenis Porriño, Agustín Doval, visitaron as novas instalacións. Para acometer estas obras, cuxo importe ascendeu a 48.389,49 euros, o Concello do Porriño asinou un convenio de cooperación coa Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, en virtude do cal, o ente autonómico aportou preto de 40.000 euros e o restante foi asumido polo Concello con fondos propios.

Música en directo con Sindicato Verbenero este sábado na casa cultural de Paraños, Covelo

0

Dentro da programación do Verán Cultural do Concello de Covelo este sábado 16 de xullo poderemos gozar da música en directo con Sindicato Verbenero que actuará a partir das 22 horas nas pistas deportivas da Casa Cultural de Paraños.

A ritmo de pop e de rock Sindicato Verbenero faranos bailar pero tamén rememorar tempos pasados cun repertorio diferente con versións dos grandes éxitos musicais.

A programación do Verán Cultural chegará a distintos puntos do concello co obxectivo de por en valor as parroquias, achegar a cultura a toda a cidadanía e ofrecer actividades variadas de distintos estilos e para tódalas idades.

Baiona ofrece dúas alternativas de lecer ambiental este verán

0

Leira Moreiras organiza os roteiros guiados “Safari Etológico de Garranos”. Un safari sostible descubrirá este animal salvaxe e prehistórico campando ás súas anchas no privilexiado lugar do Alto de Groba. As visitas guiadas serán a pé. Sairá un autobús do centro da vila cara ao Alto da Groba con guías para coñecer á única reserva de cabalos salvaxes do Atlántico, a maior manda de equinos en liberdade de Europa e un do poucos lugar de España onde velos en semilibertad e sen necesidade de intervención humana para sobrevivir.

A actividade “Safari Etológico de Garranos”ofertarase o vindeiro xoves 14 de xullo e o 28 deste mes. Tamén todos os meses de agosto. Un mini bus sladrá de en fronte da Oficina Municipal de Turismo de Baiona ás 10:15h para realizar o roteiro guiado para observar e coñecer o comportamento dos garranos, cabalos salvaxes da serra da Groba, na súa contorna natural, finalizando ás 13:15h. O prezo é de 25 €/ persoa e 20€/ menores de 12 anos. Requírese un mínimo de persoas para facer o roteiro: 12 persoas

Para inscribirse é necesario enviar correo a [email protected].

Así mesmo, a empresa Baiventura oferta a actividade “Baiona Natural”. Un serie de novos roteiros de sendeirismo entre as catro parroquias do municipio de Baiona. Están
recomendadas para maiores de dezaseis anos, teñen unha duración aproximada de 3,5h e a súa dificultade é moderada. Contarán con guía durante o percorrido. O prezo é de 14 euros por persoa. Inclúe agasallo de benvida, seguro de accidentes e guías titulados

A primeira dos roteiros ofertarase o vindeiro venres 15 de xullo e denomínase “A Groba Panorámica”: Deseñada para dar a coñecer o patrimonio natural de Baiona gozando da contorna panorámica da vila. O roteiro de 7Km mostra a contorna marítima desde os mellores miradoiros do alto da Groba. Entre os puntos de interese polos que transcorre atópanse: miradoiro do Cortelliño, miradoiro Alto dá Groba, A Gabiñeira, Granxa dá Tomada, Fonte dá Groba.

Seguiranlle o domingo 24 de xullo, “ Descobre Baredo” e o venres 29 deste mes “Solpor na Groba”.

Durante o mes de agosto ofertaranse outras catro roteiros: o domingo 7 de agosto “A Groba Montañosa”; o venres 12 “Solpor na Groba”; o domingo 21 de agosto “A Groba Panorámica” e o domingo 28 “Descobre Baredo”.

Para inscribirse é necesario enviar correo a [email protected] ou chamado ao número de teléfono 690814343

Trátase de dúas iniciativas que contaron co respaldo institucional do Concello de Baiona e que tiveron unha gran aceptación do público.

“Cando Adrián Martins e David Fontán presentarme #vos as súas proposta non dubidei en mostrarlle apoio desde o Concello de Baiona. A veciñanza de Baiona ten moi boas ideas de negocio e noso deber como institución máis próxima é mostrale o noso apoio aos veciños e veciñas para que desenvolvan os seus proxectos.” destaca o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado.

Tomiño acolle unha charla informativa sobre a nova lei de residuos

0

O Concello de Tomiño acolle mañá mércores ás 11 da mañá no Mercado municipal unha charla informativa sobre a nova lei de residuos que, segundo anunciou o vicepresidente César Mosquera, supón “unha auténtica e verdadeira revolución” na organización, xestión e tratamento dos residuos”. A nova normativa, de feito, establece que dende o pasado 30 de xuño é obrigatorio por lei e sen excepcións que calquera tipo de negocio, especialmente hostalería e produtores singulares, separen os residuos orgánicos – restos de comida e vexetais- que producen como consecuencia da súa actividade.

Segundo Mosquera hai catro cuestións xerais e novidosas que marca a nova lei e que “é preciso que se asuman canto antes”. A primeira é que toda institución, negocio, comercio ou industria que xere residuos pasa a ser responsable deles e debe acreditar documentalmente a súa correcta xestión. É dicir, que os produtores singulares, teñan ou non facilidades para tratar os seus residuos por parte dos concellos, deben encargarse eles mesmos de cumprir coas obrigas de separación e responder ante posibles inspeccións.

A segunda das novidades é que a lei prohibe expresamente que todo aquel residuo que se poida aproveitar ou reutilizar vaia a un vertedoiro ou a incinerar. Como terceiro punto está a prohibición das queimas agrarias, xa que os residuos silvícolas débense achegar como material para a terra, a compostaxe, ou a xeración de biogás.

Finalmente, o cuarto punto salientable e de consecuencias máis inmediatas é que mañá 30 de xuño de 2022 pasará a ser obrigatorio para todo tipo de negocios, comercios e industrias a separación tanto dos biorresiduos como dos aceites usados sen excepcións. A a nova lei recolle a obriga de que Xunta e concellos realicen inspeccións e sancionen con elevadas multas. “As sancións pode que non sexan rápidas, pero están aí e poden supoñer ‘puros’ monumentais”, afirmou Mosquera.

O vicepresidente tamén quixo aclarar que o requirimento a negocios e hostalería non está relacionado co tamaño e poboación dos concellos: “non hai excepcións nin máis prazo para os xeradores singulares, teñen que separar xa os biorresiduos porque xa se incumpriu o prazo de 2020”, insistiu.

No caso dos domicilios, Mosquera salientou que a cidadanía tamén ten a obriga de separar nos concellos que xa dispoñan dun sistema de recollida ou separación de biorresiduos como o que marca a normativa: xa ben composteiros individuais, comunitarios ou colectores marróns. “Non podemos esixir a unha persoa que separe na súa casa se despois non ten onde depositar as fraccións que separou”, subliñou.

En calquera caso, o nacionalista salientou que a nova lei establece que mañá tamén é a data límite para que os municipios de máis de 5.000 habitantes recollan de maneira separada as fraccións actuais e tamén -e sobre todo- a fracción orgánica domiciliaria. Neste sentido instou ás institucións  locais a dar un salto adiante e a poñerse ao día, xa que a meirande parte dos municipios da provincia están moi lonxe de cumprir.

Para que todas as novidades da nova normativa cheguen á cidadanía, concellos e negocios a Deputación vén de poñer en marcha unha campaña divulgativa e de comunicación en radio, prensa, redes sociais, mobiliario urbano (mupis) e transporte público na que se explica a obrigatoriedade da separación dos biorresiduos. “Imos bastante tarde para cumprir. A campaña é unha necesidade”, di o vicepresidente.