7.9 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasÁngel Stanich, cabeza de cartel do festival Rock in Río Tea 2022

    Ángel Stanich, cabeza de cartel do festival Rock in Río Tea 2022

    O Rock in Río Tea volve este mes de xullo a Ponteareas coma sempre foi deseñado: sen cadeiras, sen distancias, sen límites e cun cartel inmellorable encabezado por Ángel Stanich. O festival, que conta coa financiación do Concello de Ponteareas, celebrará este 22 e 23 de xullo o seu décimo aniversario “con música de alto nivel e con toda a emoción contida nas últimas edición por mor da pandemia. Queremos recuperar o espírito musical cun cartel no que todos serán primeiros pratos cargados de ritmo”, explica o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó.

    Ángel Stanich será unha das actuacións estrelas destes dous días de festival. O cántabro aterra en Ponteareas o sábado 23 co seu último traballo “Polvo De Battiato”, un conxunto de 10 temas inéditos que nos descobren a un Stanich aínda máis indómito, explorando paraxes inusuais por un territorio quizais máis intimista.

    Tamén estará presente ese día no Rock in Río Tea Grande Amore, o proxecto persoal do lucense Nuno, que mestura rock and roll, pop e techno dos oitenta. Os e as presentes no Feira Vella tamén poderán gozar do espírito punk, a sensibilidade pop e o rock’n roll máis aguerrido da man de Los Fusiles, que acaban de lanzar o seu agardado segundo LP.

    Esa mesma xornada o Rock in Río Tea 2022 contará tamén cos portugueses Best Youth, a banda formada pola voz de Catarina Salinas e a música de Ed Rocha Gonçalves, cun son en loita entre o indie rock e o dream pop. E cos granadinos Sibelclan, gañadores do Concurso de Bandas do Rock in Río Tea, que xa cruzaron a Península ata tres ocasións para facer desfrutar ao público da súa potente música, e que nesta décima edición volverán achegarnos o seu rock con sons heavys e á vez melódico, presidido por unha voz ao alcance de moi poucos.

    Como non podería ser doutro xeito, volve un dos grupos máis importantes do rap en galego: os ponteareáns SonDaRúa. Nesta ocasión o publico poderá desfrutar deles a xornada anterior, o 22 de xullo. Ese mesmo día tampouco podería faltar unha das bandas máis laureadas da historia de Ponteareas: O Caimán do Río Tea. Os seus concertos son pura enerxía, cun estilo entre o rock e o punk e a súa canción “Estou na lavadora” marcou a xeracións e xeracións de cativos do Xabarín Club. Xunto aos alumnos e alumnas do CDM (Rock School) e SonDaRúa reunirán, na xornada do venres, ao pasado, presente e ao futuro da musica ponteareá.

    O festival terá lugar no parque da Feira Vella con apertura de portas tanto o venres 22 como o sábado 23 ás 20 horas e inicio dos concertos ás 21.00 horas. A entrada será de balde.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.