21.5 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorBaionaA Xunta colabora na terceira edición da 'Tripla Coroa Illas Atlánticas'

    A Xunta colabora na terceira edición da ‘Tripla Coroa Illas Atlánticas’

    A Xunta volverá colaborar un ano máis na competición deportiva internacional Tripla Coroa Illas Atlánticas, que este ano chega á súa terceira edición e se estenderá ata 2024. A primeira proba, na que están inscritos un total de 160 nadadores procedentes de 12 comunidades e de países como Francia ou Portugal, foi presentada precisamente esta mañá na sede do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia en Vigo.

    Na rolda de prensa participou en representación do Goberno galego a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen sinalou que esta cita deportiva volverá contar co apoio loxístico e económico da Xunta.

    O vindeiro 10 de setembro disputarase a primeira proba da terceira edición da Tripla Coroa Illas Atlánticas 2022-2024, considerada unha das probas de natación máis longas e duras de toda Europa. Será un percorrido de 15 quilómetros por augas abertas entre a praia de Rodas, nas illas Cíes, e a de Ribeira, no municipio de Baiona, ao longo do que se despregará un completo dispositivo de seguridade e apoio aos nadadores.

    Esta será a primeira das tres probas que integran esta edición da Tripla Coroa Illas Atlánticas, cun percorrido total de 57 km. A seguinte etapa, prevista para o ano que vén, terá como punto de partida a praia do Almacén, na illa de Sálvora, e tras 19 km de percorrido finalizará na praia ribeirense de Coroso. A terceira e última proba desta edición celebrarase no ano 2024 e será a máis larga: un total de 23 km en augas abertas entre a illa de Ons e Combarro, en Poio, pasando antes pola illa de Tambo.

    Precisamente, Belén do Campo fixo fincapé no “espectacular percorrido” que lles agarda a todos os participantes nesta proba. Por iso, subliñou que máis alá da innegable transcendencia da Tripla Coroa Illas Atlánticas desde o punto de vista deportivo, acontecementos deste tipo teñen importancia tamén porque son un exemplo de equilibrio entre os usos posibles e compatibles coa protección dos espazos naturais.

    Tras salientar o carácter internacional desta competición, do Campo subliñou que a travesía a nado prevista entre Cíes e Baiona servirá de escaparate promocional para dar a coñecer en todo o mundo as Illas Atlánticas, un espazo natural que, como lembrou, está moi vencellado ao mar xa que “o 85% da súa superficie protexida é mariña”.

    De feito, explicou que o arquipélago de Cíes acollerá, baixo o lema Mollámonos polo medio ambiente, unha serie de actividades medioambientais en paralelo á competición, nas que se contará coa colaboración do persoal do Parque e que terán como fin poñer en valor a riqueza natural, paisaxística e patrimonial que atesoura. “E todo isto ademais coincidindo co ano no que conmemoramos o 20 aniversario da declaración destas illas como Parque Nacional”, declarou.

    Neste sentido, o programa inclúe unha ruta guiada por Cíes que concluirá cunha acción de limpeza e recollida de residuos na praia de Rodas, que acollerá a saída da proba; e tamén se organizará unha visita guiada a Baiona para que os deportistas e os seus acompañantes poidan coñecer a fondo o casco histórico da vila e a carabela La Pinta. Ademais, convocarase un concurso de fotografía entre os participantes no que se premiará ás tres instantáneas máis orixinais e que mellor representen á illa.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.