10.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas pecha a súa sexta edición da Feira do Libro con éxito...

    Ponteareas pecha a súa sexta edición da Feira do Libro con éxito de público

    A Feira do Libro de Ponteareas baixou este domingo o pano da súa sexta edición cun grande éxito de público, un alto número de participantes que deixou a un lado a intensa calor para gozar de catro días de intensa literatura na Praza Maior. Concello e librarías fan un balance moi positivo desta nova cita cun programa con máis de 40 actividades, presentacións e sinaturas para todos os públicos que fixo “que este ano tiveramos unha maior afluencia de xente que o ano anterior. Despois de dous anos de pandemia, o público tiña moitas gañas de gozar da Feira do Libro con normalidade”, salienta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

    As librarías tamén destacan a grande afluencia de público, especialmente durante as dúas primeiras xornadas da feira e no acto inaugural, no que a docente e amante das letras Esmeralda Quiroga estivo arroupada por numeroso público, ante o que leu un emotivo pregón no que deixou patente a súa paixón pola literatura.

    A intensa programación destes catro días de Feira do Libro de Ponteareas pechaba as súas portas por todo o alto este domingo co recital poético de Versos de Area, un grupo de poetisas e poetas que nace a partir do curso de escrita creativa impartido polo Concello dende finais de 2016 e que traballan na difusión da obra de creadores e creadoras de Ponteareas e de toda Galicia que non teñen acceso ás grandes canles de difusión. Este grupo está aberto a calquera persoa que goce da arte literaria.

    Organizada entre o Concello de Ponteareas e a Federación de Libreiros e Escritores de Galicia co apoio da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, a feira ofertou máis de 15 presentacións, 24 sinaturas de libros e un amplo programa de animación e actividades dirixidas a todos os públicos. Deste xeito, foron moitos os cativos e cativas que participaron no obradoiro de creación libre a cargo de Miudiño e no de banda deseñada impartido por Fon e moito o público que desfrutou coa información, a lectura, a música e o baile co espectáculo ‘Extra!’, de Paco Nogueiras.

    Por outra banda, como é habitual, durante a Feira do Libro a concellaría de Cultura e Lingua puxo en marcha unha nova edición do concurso ‘Remata o conto’, un certame de gran tradición en Ponteareas co que se aposta pola literatura e a lingua galega e polo comercio local premiando ás persoas gañadoras con vales de 100 e 75 euros para investir en establecementos do municipio.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.