Mércores, 11 Decembro de 2024

Covelo prepara a XLI Festa do Churrasco

Covelo celebrará as súas festas patronais e do Churrasco no campo da Feira e nos locais de hostalaría cun prezo único de 6 euros a ración

Volve a “Festa do Churrasco” ao campo da Feira do Concello de Covelo e con ela a boa gastronomía, a música e as ganas de celebrar en compaña o día de Santiago, patrón do concello. Esta edición estará cargada de novidades para que todos poidan gozar da mellor xornada de convivencia e xantar popular.

O alcalde, Pablo Castillo, e a concelleira de Cultura, Lourdes Enes, presentaron xunto a empresarias e empresarios da hostalaría local o cartel das festas que arrincan o 23 de xullo e que, ao longo de tres días, ofrecerán actividades para tódalas idades e arredor de 1.200 quilos de carne de tenreira e porco, 205 kg de chourizo criollo e 130 kg pementos de Arnoia con denominación de orixe.

“É un orgullo poder dicir que milleiros de persoas escollen Covelo para celebrar na nosa compaña o día de Santiago por iso este ano adiantamos a hora e comezaremos a servir churrasco ás dúas da tarde para poder dispor de máis horas de confraternidade e reencontros”, sinala Pablo Castillo.

Por segundo ano consecutivo a hostalaría de Covelo súmase a render homenaxe á carne á brasa e servirá, tamén, esta exquisita e popular receita. Deste xeito, as persoas que se acheguen a Covelo para gozar deste día festivo poderán xantar churrasco con pementos tanto nos bares e restaurantes como ao aire libre no Campo da Feira a un único prezo de seis euros a ración. Os locais participantes son bar Sebastián en Barcia de Mera, en Maceira o bar Plaza e na Graña o bar Río Tea, o bar do centro social e bar A Graña; na Ermida o restaurante Lemos e no centro urbano o bar O Buraco. 

Aposta eco

Alcalde e concelleira adiantaron que este ano a XLI Festa do Churrasco comprométese co planeta e pásase a un modelo máis ecolóxico. O tradicional prato de barro será substituído por un reciclable e biodegradable e do mesmo xeito o farán os vasos, o garfo e os coitelos. “Era o momento para dar un paso máis na concienciación colectiva e aproveitando que son milleiros de persoas as que comparten con nós esta celebración decidimos deixar no recordo o prato de barro para amosar un pequeno xesto de compromiso coa reciclaxe e a redución de lixo. Ao longo dos últimos anos xa eran moitas as cantidades de pratos e cuncas que quedaban sen recoller e consideramos que era o máis axeitado”, explica Lourdes Enes.

O programa de festas abre con actividades infantís o 23 de xullo ás 20:30 horas nas que as e os máis pequenos bailarán co “Brinca Vai!” de “Ler Conta Moito” na praza Mestre Cerviño. A continuación, ás 22:30 horas, a mocidade tomará a praza para celebrar a Festa da Xuventude Disco Móbil GHZ (Ganjack & Willow)+ Chico López. Dj Pedro Gainza + Dj Mesu + Dj Traffic House + Dj Khris Guez. O 24 de xullo ás 22:30 horas é o turno da gran verbena coa orquestra La Dimensión e con Los Lunes Al Sol. O día grande arrincará con misa solemne ás 12:30 horas seguida da procesión acompañada pola Banda de Música de Mondariz. Desde ás 12 horas haberá unha edición especial da Mostra de Produtos de Covelo e de Artesanía na carballeira do campo da Feira e ás 13:15 a Banda de Música de Mondariz ofrecerá un concerto na praza Mestre Cerviño.

Outra das novidades desta edición é o adianto na hora, a partir das 14 horas terá lugar a Festa do Churrasco coa gran churrascada no campo da Feira e nos locais de hostalaría. As persoas empadroadas en Covelo gozarán dun desconto e poderán pasar pola Casa do Concello a retirar os tickets ata o 22 de xullo. Xantar na XLI Festa do Churrasco ten premio, así o adiantan Castillo e Enes, que introducen este ano unha novidade máis, cada número de ticket participará nun sorteo con premios sorpresa que se entregarán a media tarde, así que lembren gardar o ticket. No Campo da Feira a charanga SDK non parará de tocar e de animar turnándose coas actuacións de Breocans ás 16:30 e concerto de Pelepau ás 19:00 horas.

A última das novidades que ofrece esta nova edición da Festa do Churrasco é o Choripan para merendar e cear. Será servido na cantina do Campo da Feira a partir das 19:30 horas a cargo do Club de Patinaxe Covelo que así recadará fondos para as e os seus deportistas. Ás 21 horas actuará a orquestra Talismán pechando así o programa das festas do Churrasco.