Luns, 9 Xuño de 2025

Gran éxito de participación no II Torneo de Petanca Concello da Guarda

0

As pistas deportivas do Codesal acolleron na xornada do pasado sábado día 20 de agosto a segunda edición do Torneo de Petanca Concello da Guarda.

Unha xornada de deporte e lecer na que participaron máis dunha vintena de equipos de toda Galicia, baixo o convite lanzado dende o clube local, Clube de Petanca O Caldeiro.

O deporte da Petanca ten experimentado nos últimos anos un gran incremento de xogadores e de competicións, o que motivou a que o Concello da Guarda apostase pola mellora das infraestruturas deportivas na zona do Codesal, onde o Clube Local desenvolve os seus adestramentos e competicións, sendo un dos clubes con máis deportistas federados.

A xornada do sábado, que contou cunha gran asistencia, tanto de participantes coma de público, rematou sobre as 21:30h da noite coa entrega de trofeos e medallas aos diferentes clubes participantes por parte das autoridades locais.

[su_image_carousel source=”media: 60816,60814″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O circuíto de pumptrack de Mondariz, sede dunha proba de ciclismo

0

O circuíto asfaltado de pumptrack construído polo Concello de Mondariz no Campo da Minada acollerá o vindeiro 10 de setembro a súa primeira competición de ciclismo. Trátase dunha proba para bicicletas propulsadas pola acción humana na que poden participar mozos e mozas de tres anos en adiante. O obxectivo desta actividade é “dar visibilidade a estas novas instalacións municipais e promover o deporte urbano entre a mocidade”, afirma o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros.

Detrás da organización desta proba deportiva está a asociación educativa e sociocultural Sports Kids, vinculada á localidade. O proceso de inscrición está aberto até o 5 de setembro no sitio web cronotec.es, mais as prazas son limitadas e pode pecharse antes se se chegan a completar. Establécense catro categorías: mini (3-7 anos), infantil (8-12 anos), júnior (13-17 anos), adultos (a partir de 18 anos). As inscricións son gratuítas para a categoría mini, pero teñen un custe de 5 euros para as categorías infantil e júnior, e de 8 euros para a categoría de adultos. 

A competición deportiva rematará cun concerto de música rap e dj’s, organizado en colaboración coa asociación de cultura urbana URCAM de Mondariz, creada recentemente por mozos e mozas da localidade interesados na cultura urbana. “Con actividades como esta tamén buscamos promover a dinamización dos colectivos socioculturais da localidade”, comenta Barros, que ademais de alcalde é concelleiro de Participación Veciñal.

Unhas instalaciones deportivas innovadoras

O cirtuíto de pumptrack de Mondariz foi construído no ano 2021 con financiación do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, converténdose naquel momento no circuíto asfaltado de pumptrack máis grande de Galicia, con 1.200 m² de superficie. Está concebido como unha pista de 180 metros de lonxitude, con ondulacións e curvas peraltadas á esquerda e á dereita que se adaptan ao regulamento de BMX da Real Federación Española de Ciclismo, polo que nun futuro podería acoller competicións deportivas profesionais.

Levántase no Campo da Minada, sobre o decrépito campo de fútbol de céspede artificial construído hai dúas décadas e que estivo en desuso por non cumprir as medidas regulamentarias para a competición. A construción do circuíto asfaltado de pump track foi a primeira actuación do centro de ocio e deporte urbano que ten proxectado o Concello de Mondariz no Campo da Minada para recuperar este importante espazo público do centro urbano da localidade. Estas instalacións deportivas municipais serán completadas nos próximos meses, no marco do Plan Reacciona Pontevedra (ReacPon) da Deputación de Pontevedra, que financiará as obras con 392.079 euros, o 90% do orzamento previsto.

Nigrán ofrece hoxe un novo roteiro

0

O Concello de Nigrán continúa este mércores 24 de agosto coas súas andainas da programación de verán cun roteiro polo percorrido oficial do Camiño Portugués pola Costa.

O punto de encontro é ás 19:00 horas na Ponte Romana da Ramallosa (non é preciso inscrición previa e é de balde) e terá unha duración de 2 horas aproximadamente, sendo a dificultade media-baixa.

Os participantes deberán levar roupa e calzado axeitados, así coma unha botella de auga. Os seguinte roteiro será ‘A praia dos Afogados’ o 31 de Agosto desde a praia da Madorra ás 19:00 horas (andaina baseada no libro de Domingo Villar). 

O Rosal recupera a súa Memoria Histórica con dous actos esta fin de semana

0

A Comisión pola Memoria Histórica Baixo Miño – Condado – Louriña, en colaboración co Concello do Rosal organiza duas actividades esta fin de semana. O sábado 27 de agosto, terá lugar en Portecelo, un acto de conmemoración no que se homenaxeará a seis persoas asasinadas nese lugar no ano 1936 por defender a liberdade e a democracia. A cita é ás 20.00 horas no Penedo, no Horizonte (Portecelo).

O día seguinte, o domingo 28, a Sala de Exposicións do Concello acollerá a inauguración dunha exposición sobre os traballos de exhumación que o Instituto de Estudos Miñoranos levou a cabo en San Xián en 2009, e na que se atoparon cinco corpos. Será ás 12 do mediodía.

Catro dos cinco cadáveres achados foron identificados, corresponden ao nigranés Joaquín de la Iglesia Portela, Manuel Prudencio do Rosario, Abilio Araújo Barboza e Jesús ‘O Palero’, todos de Gondomar. Os cinco, xunto a Manuel Noia Gil, ex-alcalde da Guarda que foi torturado e executado no mesmo lugar, serán os homenaxeados na xornada do sábado na presenza das súas familias. Tamén está previsto que asistan ao acto as e os alcaldes de Concellos do Baixo Miño, Val Miñor e Paradanta.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, sinala a importancia destes traballos de recuperación que permiten que moitas familias atopen aos seus devanceiros desaparecidos e poidan pechar o ciclo. “É imprescindible coñecer a nosa historia e saber quenes somos para vivir o presente e ter perspectiva de futuro”.

A Deputación ofrece un novo curso en Mondariz

0

O programa impulsado pola Deputación e cofinanciado polo Fondo Social Europeo, TIC Emprendes volve evidenciar a aposta polo mantemento da poboación no rural a través do autoemprego de mozas e mozos aproveitando as oportunidades que brindan as tecnoloxías. Desta volta ofrece cursos de Márketing Dixital, en Mondariz,e de Operaria de Xestión Loxística e Dixital dun Almacén, en Meaño. Estas dúas formacións, para as que se ofertan 15 prazas por acción, xa teñen abertas as inscricións ata o día 15 e darán comezo o 19 de setembro nos concellos de Mondariz e Meaño respectivamente.

Ambos cursos terán  unha duración total de 125 horas lectivas: 100 de formación específica e 25 de xestión do autoemprego ou creación de empresas. A formación de “Marketing Dixital: estratexias SEO/SEM, redes sociais e análise de tráfico web”, proporcionará coñecementos básicos sobre como crear una estratexia de márketing na Internet facendo fincapé na necesidade da presencia online no eido do emprendemento para dar visibilidade e potenciar as vendas das empresas de nova creación. A actividade está dirixida á mocidade de Mondariz. Pola súa banda, a formación de “Operaria de Xestión Loxística e Dixital dun Almacén”, que se ofrecerá en Meaño, especialízase en actividades de auxiliar de almacén, prevención de riscos laborais e radiofrecuencia amais dun módulo de carretilleiro e a promoción do autoemprego en actividades deste ámbito.

En cada itinerario ofrécese formación en materias específicas de cada zona, titorías personalizadas para a busca de emprego e asesoramento para a creación da propia empresa. Ademais, os alumnos que rematen o curso, terán dereito a solicitar unha bonificación económica  por un importe de 13,45 € por día de asistencia á formación. O programa ten como metas que o 15 % das persoas mozas participantes comecen unha iniciativa emprendedora e que o 30 % obteña un emprego.

Este proxecto proporciona formación para o emprego á mocidade dos concellos rurais da provincia de entre 16 e 30 anos, desempregada, inscrita na iniciativa “Garantía Juvenil” do Servizo Estatal de Emprego e residente nalgún dos 31 municipios participantes no proxecto. “Tic Emprendes” está cofinanciado polo Fondo Social Europeo e conta cun orzamento global de máis de 700.000 euros. O programa ten como obxectivos fomentar o emprendemento entre a xente máis nova, promover a formación cara o emprego e loitar contra o despoboamento, propoñendo alternativas que fixen a xente moza nas zonas con maiores problemas demográficos. En concreto, céntrase nos 31 municipios da provincia de Pontevedra que están declarados concellos de Reto Demográfico: A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Portas, Pontecesures, Catoira, Cuntis, Valga, Forcarei, Silleda, Agolada, Dozón, Rodeiro, Vila de Cruces, Barro, Moraña, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas, A Lama, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Mondariz, Mondariz-Balneario, Covelo, As Neves, Arbo, A Cañiza, Crecente, Oia e O Rosal.

O programa, con contidos e actividades que poden consultarse na ligazón https://www.depo.gal/es/-/tic-emprendes mantén aberta a inscrición para participar en próximas accións formativas que se irán desenvolvendo. Esta formación é gratuíta e as persoas interesadas poden acadar información no correo [email protected] ou nos teléfonos 886 217 320 e 986 804 100 (extensión 47320).

O Concello de Mos colabora co programa de formación ‘Galegas Dixitais’

0

O Concello de Mos colabora co programa de formación ‘Galegas Dixitais’. É unha oportunidade única para que as  mulleres, a través dunha formación gratuíta, adquiran as competencias dixitais necesarias para o seu día a día, para a súa empregabilidade e para o emprendemento.

O programa , está organizado por Beprojetct Consultores e Ara Formación, e ten como principal obxectivo mellorar as capacidade dixitais de mulleres en xeral, pero prioritariamente de mulleres desempregadas. Preténdese ademáis favorecer a capacidade de empregabilidade, impulsar o emprendemento e Desenvolvemento rural e reducir a fenda de xénero. Está financiado polos Fondos europeos NextGenerationEU e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

A formación esta agrupada nos seguintes bloques temáticos:

  • Competencias dixitais básicas con 40 horas de duración
  • Competencias dixitais avanzadas con 40 horas de duración
  • Competencias dixitais para o empredendemento con 40 horas de duración

O programa desenvolverase de luns a venres, dende o 19 de setembro ata o 28 de outubro.  Xunto co material didáctico e co obxectivo de facer posible o uso das novas tecnoloxías tras a formación, as alumnas participantes serán obsequiadas cun ordenador portátil, co que poderán por en práctica todo o aprendido.

As mulleres interesadas deberán solicitar a súa participación , no edifico da Axencia de colocación do Concello de Mos en horario de 9:00 h. a 14:00 h., acompañadas da seguinte documentación: tarxeta de desemprego ou tarxeta de mellora de emprego

Para mais información poden dirixirse ao a Axencia de colocación do Concello de Mos, no teléfono 986 487786 ou a través do correo electrónico [email protected].

A Deputación culmina o seu modelo de transformación das estradas provinciais

A Deputación de Pontevedra dá un paso adiante na transformación da rede provincial de estradas coa presentación do Plan Estratéxico Vías Provinciais 2030, documento director no que asume o compromiso político e técnico de afondar no modelo provincial, que xa é unha referencia internacional, no marco da Axenda 2030 da ONU. O Plan Estratéxico, que foi presentado hoxe polo presidente en funcións, César Mosquera, e o deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, identifica 28 liñas de actuación e asume o reto de completalo traballo iniciado en 2015 no horizonte dos próximos 8 anos.

O Plan Estratéxico asume o compromiso do mantemento dun financiamento estable para completar a transformación de toda a rede provincial (1.625 Km repartidos en 368 estradas, o que supón unha lonxitude semellante aos 1.801 Km que suman as redes autonómica e estatal na provincia). Gregorio Agís concretou que a Deputación inviste actualmente 18 millóns de euros nas súas infraestruturas de comunicación “e con este Plan comprometémonos a un gasto mínimo anual dese mesmo importe nos próximos oito anos”. Mosquera debullou que nese importe anual inclúense tódalas obras, mesmo os pintados, sinalizacións, rozas e pavimentos, que serán universais e sistemáticos. Tamén salientou que nas actuacións de mellora e urbanización (que se realizan en convenio cos concellos) hai unhas condicións moi claras: acordos nos que os gobernos locais deben achegar entre un 20 % e un 30 % do financiamento xunto cos terreos. “Non hai unha obra que se propoña, na que o concello cumpra, e que estea parada pola nosa parte. Se está todo, para adiante!”, sentenciou.

César Mosquera asegurou que o Plan Estratéxico de Infraestruturas incrementará a visión da Administración provincial como un referente internacional no eido da mobilidade. “É moi difícil acadar unha posición de referencia, que é o que pretendemos consolidar con este Plan Estratéxico que sistematiza e dá perspectivas de futuro cos criterios que se viñeron traballando ata o de agora. Trátase de facer máis e de facer mellor, e de ser exemplares: que cando se faga unha actuación deixe contento/a a todo o mundo”, subliñou.  “Dende hai sete anos”, engadiu César Mosquera, “ao implantar o seu modelo de mobilidade, a Deputación é exemplo de como “poñendo cabeciña” se pode “pegar un salto e avanzar na materia”. Neste sentido destacou que a de Pontevedra foi a primeira deputación no Estado que puxo redutores de velocidade no 2005, sendo pioneira á forza pola alta cifra de sinistralidade que existía daquela. Despois, lembrou que en 2013 aprobouse por unha iniciativa persoal  súa a ordenanza provincial que reconvertía as vías e o enfoque que se tiña das estradas provinciais.  Xa no 2016, continuou, aprobouse o Decálogo de actuacións nas vías provinciais con criterios moi ben definidos que poñían ás persoas no centro das actuacións, chegando a obras modélicas como a primeira que se rematou seguindo eses parámetros, Luís Rocafort en Sanxenxo. Logo chegou a Guía de mobilidade amable que está a servir de referencia tamén non só para uso en vías provinciais, senón tamén para uso dos concellos.

“A Deputación, tamén nisto, asume a obriga de seren exemplo”

Gregorio Agís subliñou que o xeito de entender e atender as estradas provinciais ten mudado radicalmente dende 2015 e todo o traballo feito a pé de obra e no plano normativo culmina con este Plan Estratéxico. “Hoxe é un día moi importante para nós porque podemos dicir que, estando orgullosos/as da nosa traxectoria, asumimos un compromiso de futuro e de primeiro nivel para que a Deputación siga a ser previsible en materia de Infraestruturas, sen ocorrencias, nin predileccións. Quilómetro a quilómetro, e pasen por onde pasen, as estradas provinciais seguirán recibindo a mesma atención, porque a seguridade viaria non entende de predileccións en función da cor política das Alcaldías. A Deputación, tamén nisto, asume a obriga de seren exemplo”.

O deputado de Infraestruturas subliñou que o Plan Estratéxico está baseado nos principios de transparencia (regras claras no deseño e na relación cos concellos), solidariedade interterritorial (obras en toda a provincia concibindo a rede provincial como un todo), inclusión (atención preferente aos colectivos máis vulnerables: peóns, ciclistas, transporte público e, finalmente, vehículo privado), visión de xénero (integración da perspectiva de xénero para garantir un dereito equitativo ao espazo públic0), sustentabilidade (redución da pegada de carbono e adaptación dos proxectos ao medio natural e ás contornas patrimoniais) e futuro (orientación dos proxectos a conceptos e solucións innovadoras para garantir a sostibilidade e camiñar cara aos cambios tecnolóxicos). Todo elo para que as estradas provinciais contribúan tamén a mellorar a calidade de vida e se reforcen como un modelo de convivencia aliñado coa Axenda Urbana e a Axenda 2030.

Gregorio Agís destacou que entre os obxectivos figura, de xeito destacado, a loita contra a despoboación, atendendo cos mesmos criterios as 368 estradas provinciais que vertebran a provincia, incluíndo aquelas que teñan intensidades medias diarias moi baixas “para que ninguén quede atrás”. “Este Plan Estratéxico non entende as estradas provinciais como vías que comunican o punto A co punto B, senón como un continuo  edificado, con xente vivindo ás beiras, onde hai patrimonio histórico-artístico e tamén espazos de interese natural”. Un documento, engadiu, redactado a partir da dispersión xeográfica de Galicia.

Finalmente, aludiu ao estudo estatístico sobre sinistralidade incluído neste Plan Estratéxica que demostra unha redución sistemática no número de accidentes ao longo dos últimos anos gracias ás actuacións de seguridade viaria realizadas “e que queremos seguir reducindo”.

Nigrán humanizará a rúa Otero Pedrayo grazas á Deputación

0

Tras lograr a transferencia antiga estrada autonómica da rúa Otero Pedrayo, o Concello de Nigrán está comezando a facer realidade a súa humanización, dando así satisfacción a unha demanda histórica da veciñanza. A obra, que conta cun orzamento de 1.592.114 euros dos que a Deputación achega 905.214 euros a través do plan ReacPon, vén de comezar nos últimos días. Ata a rúa Otero Pedraio achegáronse o deputado provincial Carlos Font xunto co alcalde e Nigrán, Juan González, para comprobar  os avances nunha actuación que encádrase no modelo de mobilidade amable, sostible e segura que promulga a Deputación. Na visita tamén participaron representantes da asociación de veciños/as.

O proxecto abrangue a totalidade dos 1,6 quilómetros da antiga estrada autonómica, unha vía moi concorrida pola súa proximidade ás praias de Panxón e Madorra e que tamén serve como enlace entre as vías autonómicas PO-325 e PO-552, polo que deben combinarse os usos peonís, en condicións de calidade e seguridade, coa circulación rodada. A calzada pasará, deste xeito, a contar cun carril de circulación por sentido con ancho mínimo de 3 metros así como con zonas de aparcamento con ancho entre os 2,20 e os 2,50 metros. No que atinxe ás beirarrúas, estas terán un ancho mínimo de 1,80 metros e daráselles continuidade a través de materiais como pedra ou firme de formigón. Ademais, procederase ao asfaltado da estrada e sobreelevaranse os pasos de peóns/as.

O financiamento Deputación tamén servirá para mellorar os servizos dado que están proxectados cambios nas redes de subministracións coa renovación integral das tubaxes de abastecemento de auga e saneamento, así como o soterramento do tendido eléctrico e telefónico. Ademais disto afróntase o cambio das luminarias, que contarán con tecnoloxía LED máis respectuosa co medio ambiente.

Ademais de solucionar os problemas que arrastra o viario, as obras servirán para dispoñer na rúa Otero Pedraio de masas vexetais e de mobiliario urbano, como 10 papeleiras e 10 bancos. Esta humanización completarase coa conversión dunha parcela municipal de 450 metros cadrados nunha zona verde de lecer destinada ao uso das e dos veciños. A parcela, que fai esquina coa rúa Costiña, contará con bancos e un novo parque de biosaudable.

Este xoves, as risas encherán Ponteareas grazas ao Cine na Rúa

O Cine na Rúa volve a Ponteareas este xoves coa proxección da comedia para todos os públicos e dirixida por Santiago Segura, “A todo tren. Destino Asturias”. Será no Parque Feira Vella ás 22.00 horas. O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, convida ás familias ponteareás a acudir a esta nova xornada dedicada á gran pantalla na que o acceso será, como é habitual, libre e de balde.

“A todo tren. Destino Asturias” é unha comedia para toda a familia na que Ricardo, un pai responsable e propenso aos ataques de ansiedade, vése obrigado a custodiar a 6 nenas e nenos nunha viaxe de ferrocarril ata a comunidade asturiana.

Como única ‘axuda’ conta co avó dun dos pequenos que converterá a aventura en algo tan desastroso como el. Unha historia tan divertida como inesquecible que provocará as gargalladas das persoas asistentes á proxección.

Veciños de Valenzuela, Córdoba, realizarán este xoves unha alfombra de serraduras na Corredoira

0

Un grupo de case cen veciños e veciñas do municipio cordobés de Valenzuela ,que están realizando o Camiño de Santiago, confeccionaran unha alfombras de flores ao longo da mañá deste xoves, 25 de agosto, no céntrico paseo da Corredoira fronte á Oficina Municipal de Turismo.

A vila de Valenzuela foi convidada a formar parte da Comisión Xestora de Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago; pois este municipio ten na festa do Corpus Christi un elemento diferenciador que encerra en si mesmo a súa principal característica, o deseño dunha alfombra de serraduras multicolor de centos de metros que enche as rúas da poboación na mencionada festividade.

De tal modo, e cando desde Valenzuela se organiza  unha viaxe a terras galegas para realizar o Camiño de Santiago, pretenden realizar en cada localidade do seu percorrido un acto cultural co cal establecer un achegamento a estes municipios galegos tendo en común o mundo das alfombras.  Así realizarán unha réplica a pequena escala dunha das alfombras típicas daquela vila andaluza nun lugar emblemático da cidade de Tui, como é o Paseo da Corredoira. Unha iniciativa que tamén chegará a San Román de Retorta, Melide, Sarria, Arzúa e O Pedrouzo ata chegar a Santiago de Compostela.

O alcalde de Valenzuela, Antonio Pedregosa apunta que  esta proposta enmárcase no seu continuo compromiso coa difusión das nosas tradicións, levando as súas alfombras a cidades que, por diversas circunstancias conforman un enclave destacado no Camiño e que do mesmo xeito que Valenzuela tamén posúen unha tradición de realizar alfombras de flores na festividade do Corpus Christi.

O alcalde accidental de Tui, Rafael Estévez, congratúlase desta iniciativa do municipio de Valenzuela que achegará ata Tui esta singular tradición cultural, que suscitará o interese de veciños e peregrinos, contribuíndo ao mutuo coñecemento das nosa localidades.

Esta previsto que arredor das 9,30 horas inicie este grupo de veciños de Valenzuela o proceso de confección da alfombra de serraduras multicolor que contan ter culminado arredor das 13.30 horas. A esa hora está previsto que realice unha visita a esta alfombra o alcalde accidental, Rafael Estévez, xunto a outros membros da Corporación Municipal tudense.

O Concello do Porriño mellora a seguridade vial dos polígonos industriais

O Concello do Porriño acomete a construción dunha rotonda no polígono industrial de A Granxa, nun dos cruces de alta densidade de tráfico. Concretamente é na rúa Gándaras de Prado, fronte a Citic Censa, un lugar que presentaba un importante risco para a seguridade vial.

“Esta nova infraestrutura, permitirá regular o tráfico na zona e mellorar a seguridade viaria, algo que dende a Entidade Urbanística de Conservación de A Granxa demandábase hai anos”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Existe un proxecto de obra, cuxo importe supera os 20.000 euros, pero dada a urxencia da actuación o Concello acordou executala con medios propios”.

Esta é unha das actuacións previstas nos polígonos industriais do Porriño en materia de tráfico e seguridade viaria. “Existen outros puntos do viario que requiren de intervencións que xa están proxectadas”, continuou o rexedor, “Como é o caso do cruce do CIE A Granxa, que xa está proxectada e executarase nos próximos meses”.

Ademais, o Concello do Porriño tramita xa o expediente para os traballos de sinalización horizontal e vertical dos viais dos polígonos industriais do municipio, nos que a falta de repintado de marcas e reposición de sinalización está a xerar graves problemas de seguridade e un importante risco de accidentes.

“O proxecto para a sinalización e repintado, que abrangue a totalidade do municipio, inclúe todos os viais dos polígonos industriais do Porriño, ademais dos accesos aos da Granxa e as Gándaras”, concluíu o alcalde, “Falamos dunha inversión de máis de 100.000 euros que é urxente e esencial para garantir a seguridade de vehículos e peóns”.

Cabe destacar que dende o Concello do Porriño estase a priorizar a mellora e mantemento dos polígonos industriais, tanto no tocante ás vías e obras como no que respecta á limpeza. “Hai actuacións que son de suma urxencia e levaban anos sen acometerse, algo que non pode permitirse un municipio co potencial industrial como o que ten O Porriño”, concluíu Lorenzo, “Hai moito que facer logo de tantos anos de abandono e falta de mantemento, pero traballamos sen descanso para levar a cabo unha xestión á altura do no noso tecido produtivo e do moito que aporta ao municipio”.

O cupón da ONCE ‘convida’ a desfrutar da Festa do Viño do Condado do Tea

O cupón da ONCE do sábado, 27 de agosto, ‘convida’ a coñecer e gozar a Festa do Viño do Condado do Tea. Cinco millóns e medio de cupóns difundirán esta festa pontevedresa, a segunda máis antiga de Galicia en materia de viños.

O director da ONCE en Vigo, Roberto Gaspar Conde, a alcaldesa-presidenta do Concello de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel Gómez, e o presidente da Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos, Antonio Alén, presentaron este cupón, na sede do Museo da Ciencia do Viño deste Concello.

A Festa do Viño do Condado do Tea ten as súas orixes no ano 1959. É unha cita importante para os amantes da gastronomía galega e da súa cultura. Celébrase na Fortaleza medieval de Salvaterra do Miño, conxunto histórico declarado Ben de Interese Cultural, o que dá máis grandiosidade a este evento.

No ano 2016, a Festa do Viño do Condado do Tea foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.

Ao longo dos días da festa, o visitante pode gozar dos mellores caldos da Subzona do Condado do Tea da Denominación de Orixe Rías Baixas, e dos produtos gastronómicos de Galicia.

Os asistentes gozan coas ‘Noites gastronómicas’, nas que gozarán dunha agradable velada e de concertos e degustacións de viños do Condado con produtos da terra e do mar.
O día grande é o domingo, cando se dan a coñecer os Viños Deliciosos do ano e realízase o nomeamento de confrades, embaixadores efectivos responsables de defender e difundir as virtudes destes viños.

O Sueldazo da Fin de semana da ONCE ofrece, todos os sábados e domingos, un premio principal ás cinco cifras e serie de 300.000 euros, máis 5.000 euros ao mes durante 20 anos consecutivos a un só cupón. E premios de 2.000 euros ao mes durante 10 anos consecutivos, a outros catro cupóns.

Os cupóns da ONCE comercialízanse polos máis de 19.000 vendedores da Organización. Ademais, pódense adquirir desde www.juegosonce.es, e en establecementos colaboradores autorizados.

A Xunta mellorará a eficiencia enerxética nos CEIP Pedro Caselles de Tomiño e Número 1 de Tui

0

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, está a investir máis de 750.000 euros en proxectos globais de mellora da eficiencia enerxética nos CEIP Pedro Caselles, no Concello de Tomiño, e no Número 1 de Tui.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez, e por representantes municipais e educativos, supervisou esta mañá esta dobre actuación en senllas visitas a estes dous colexios, nos que se está a proceder á substitución das carpintarías exteriores e á reparación de filtracións para mellorar o comportamento térmico de ambos inmobles de cara ao vindeiro curso académico, fixado para o vindeiro 8 de setembro.

Estas obras, que se están a acometer durante estas semanas de verán para tratar de rematalas antes do inicio da época lectiva, están orientadas á substitución das carpintarías exteriores preexistentes, xa que non ofrecen un axeitado illamento, carecen de rotura de ponte térmica e presentan diversos problemas nas caixas das persianas.

Deste xeito, as ventás están a ser renovadas por outras con rotura de ponte térmica, dobre acristalamento, cámara de aire e sistema de apertura oscilobatente. Ademais, estanse a reformar as caixas das persianas e a reparar filtracións de aire e de auga e, no caso do colexio tudense, tamén se modernizan os pechamentos das zonas de escaleiras.

Estas obras de eficiencia enerxética dan continuidade a outras melloras realizadas pola Xunta en ambos colexios en anos anteriores cunha contía de máis dun millón de euros que se destinou a reformas nos sistemas de calefacción e caldeiras, os aseos, as luminarias ou os espazos de ximnasio, entre outras, pero que ata a data non se centraran nas súas respectivas envolventes térmicas.

Carpintarías exteriores do CEIP Número 1 de Tui

“Estamos a acometer obras en decenas de centros de toda a provincia de Pontevedra, cun investimento global de máis de 15 millón de euros, para convertelos en espazos máis confortables nos que se siga prestando a mellor atención educativa e, loxicamente, os municipios de Tui e Tomiño e toda a bisbarra do Baixo Miño benefícianse desta aposta da Xunta”, revelou o representante autonómico.

Ao respecto, cómpre sinalar que a Consellería de Educación está a investir na actualidade preto de 900.000 euros en cinco centros educativos destes dous municipios para deixalos en perfectas condicións para o comezo de curso. Así, destínanse 484.000 euros a esta mellora da eficiencia enerxética no CEIP Pedro Caselles de Tomiño e outros 277.000 euros para idéntica actuación no Número 1 de Tui e, a maiores, 66.000 euros para a substitución de carpintarías no Pintor Antonio Fernández de Tomiño, 55.000 euros para o cambio de luminarias no CEIP Sobrada de Tomiño e 16.000 euros para a renovación de sistemas eléctricos no CEIP Randufe de Tui.

A Guarda acolle este mércores un concerto de Ana Belén Rodríguez e Mila Ut

0

Este mércores día 14 de agosto ás 20:30 h da tarde no exterior da Igrexa Parroquial da Guarda acolle un concerto moi especial a cargo da pianista Ana Belén Rodríguez e da cantante soprano Mila Ut, englobado no ciclo “Música no Ar” da Deputación de Pontevedra.

A pianista Ana Belén Rodríguez, estudou Piano Clásico no Conservatorio Superior de Música de Vigo e recibiu clases de pianistas do talle de Peter Efler, Eulalia Solé, Olga Semouchina ou Luiz de Moura Castro, entre outros. Pero a súa formación non acaba aquí: logrou o diploma en Música Moderna e Jazz polo Centro Profesional de Música Moderna de Santiago de Compostela (ESTUDIO). Actualmente é a directora da súa propia aula de música chamada Pianagrama e acompañante da Royal Academy of Dance, escola inglesa de danza onde interpreta as obras para as bailarinas e os bailaríns nos exames oficiais da institución. Durante os últimos anos os seus pasos musicais levárona a facer concertos solistas en diversos puntos da xeografía galega; a formar o grupo de rock Kaf!, co que versiona temas dese estilo, ademais de facer composicións propias; a acompañar a artistas do talle de Andrés Suárez e a participar no concurso Pianomeeting 2019, no que quedou finalista.

Pola súa banda a soprano Mila Ut, natural de Vigo, amosou interese pola música desde moi pequena e comezouna a estudar na escola primaria. Posteriormente, formouse de xeito particular, examinouse por libre e obtivo o título de profesora de Linguaxe Musical. Tamén é profesora superior na especialidade de Canto do Máster en Teatro e Artes Escénicas da Universidade de Vigo e directora de coros desde o ano 1999. Ademais, colabora coa Orquestra Clásica de Vigo nos proxectos de música vocal e coral. Actualmente continúa a súa formación con clases e cursos de canto e repertorio con profesores en activo coma Estefanía Perdomo, Carmen Solís ou Ricardo Francia. Compaxina os recitais como soprano co seu traballo como profesora no Departamento de Linguaxe Musical do Conservatorio Profesional de Vigo, onde se encarga dos coros de Grado Elemental e Profesional.

Entre o repertorio que interpretarán as artistas se inclúen as pezas coma, Oratorio (Haendel), Sposa (Vivaldi), Pamina (Mozart), Gretchen (Schubert), Antonia (Offenbach), Allerseelen (R. Strauss), Liù (Puccini), L´enamourée (Hahn), Lágrimas mías (M. Marqués), Maravilla (F. Moreno Torroba), Laureana (F. Mompou), Madre, unos ojuelos (E. Toldrá i Soler), Tríptico (J. García Leoz) ou Ágoa de muíño (M. Mendoza).

Sen dúbida será un concerto especial, dado que é a primeira vez que os exteriores da Igrexa se inclúen coma escenario para un evento musical destas características. O aforo será libre ata completar a capacidade do recinto.

Volve a romaría de San Roque a Arbo

0

Arbo prepárase para celebrar, depois de dous ano máis, a Festividade de San Roque. Trátase dunha das citas máis importantes do denominado “Verán Cultural” e, sen dúbida, é un símbolo máis da importante oferta gastronómica e de lecer deste concello.

A festividade que estarba programada para o 16 de agosto como marca a tradición, tivo que ser suspendida por mor da choiva e como data escollida será este sábado 27 de agosto.

Esté sábado tes unha cita con nos, Arbo volverá converterse nun referente entre as festas que se organizan en honra a este santo e onde reinará a música, a comida, os xogos, o baile e a romaría. Un evento que reúne a todo o pobo e a centos de visitantes da comarca e mesmo de Portugal, atraídos pola extraordinaria oferta que ofrece Arbo nun día tan especial coma este.

O programa de actividades arrinca, como sempre, ás 10.300 horas coa Andaina Infantil, que sae dende a Praza do Concello e remata na Caballeira de Turbela.

A partires das 12:30 horas podremos disfrutar da actuación do Grupo Prisma

Ás 17.00 horas comezarán os xogos populares nos que maiores e pequenos gozarán dun tempo de recreo e entreteniento na Carballeira de Turbela que finalizará cun baile popular.

Sardiñas, pulpo, zona de picnic con sombra e música e diversión asegurada. Ven a Arbo o sábado 27 de agosto, merece a pena disfrútalo.

A Memoria Viva e a música son as protagonistas da semana no Rosal

0

Comeza unha nova semana cargada de propostas culturais no Concello rosaleiro. Este martes pola tarde o Rosal Cámara Fest chega ao seu fin. A cita é na igrexa de Santa Mariña, en pleno centro do Rosal. O público asistente poderá apreciar a calidade dos solitas da Agrupación Musical do Rosal no concerto que ofrecerán a partires das 20.30 horas e que servirá para clausurar a terceira edición dun festival xa consolidado na contorna.

Ás 21.30 h, os veciños e veciñas que se acheguen á esta igrexa situada na praza do Calvario, poderán visionar o documental sobre Isaac Penela, unha peza que pertence á segunda edición de Memoria Viva, iniciativa que ten o obxectivo de atesourar as lembranzas que contan a historia do Rosal e que aínda non aparecen nos libros pero si permanecen nos recordos das persoas maiores.

Esta obra audiovisual ofrece a visión de Isaac Penela, ‘o crego inquedo’, un home de 90 anos que ademais dun home de fe, foi unha persoa moi implicada socialmente que sempre buscou o benestar da veciñanza. Promotor e dinamizador do cooperativismo agrario na vila, loitador durante o conflito da auga entre 1974 e 1977 que case deixa sen este ben tan importante á vila, Isaac Penela é, segundo a alcaldesa Ánxela Fernández Callís, “un claro exemplo dese patrimonio inmaterial vivo que temos a necesidade de recuperar pouco a pouco para que as xeracións futuras poidan coñecer a nosa historia”.

A rexedora rosaleira convida á veciñanza a participar nas propostas culturais da semana que continúan o mércores 24, cunha nova cita musical: a partir das 21.00h, no Ecoparque O Campo Novo cos veciños de Viso, dos Eidos e Martín, terá lugar a actuación de Caamaño & Ameixeiras. Un dúo formado por Antía Ameixeiras e Sabela Caamaño ligado á música e ao baile de raíz. Xuntas reivindican o papel da muller como artista e creadora nun espectáculo que paga a pena.

Tres patinadoras porriñesas proclámanse subcampioas do mundo

As patinadoras porriñesas Sara Hernández, Marta Cabaleiro e Tania Expósito, do CPA Ribex, alzáronse coa prata na Copa do Mundo en Alemania, na categoría Grupos Show Grandes.

O seu exercicio “Obsession” quedouse so por detrás do dos italianos do Show Roller Team e o seu exercizo “Rebel Love”. No terceiro posto finalizou o Braga Roller Team portugués, con “Together we stand”.

 As patinadoras foron recibidas hoxe no Concello polo alcalde, Alejandro Lorenzo, que quixo darlle a noraboa, no seu nome e no de toda a veciñanza do Porriño, por este gran logro “froito do esforzo, do tesón e de loitar con paixón polos seus soños”.

Sara, Marta e Tania subíronse aos patíns sendo moi pequenas e dende entón non deixaron de facelo a diario. O seu esforzo levounas a sair á pista nun mundial entre o campión e o subcampión do mundo e regresar cun podio que marca un antes e un despois na súa carreira deportiva.

O Plan ReacPon permitirá á Guarda ter un “novo” pavillón da Sangriña

0

O Pavillón da Sangriña, unha das dotacións deportivas máis importantes da provincia, está a ser obxecto dunha ambiciosa reforma e ampliación coa que a Deputación de Pontevedra remarca o seu compromiso co deporte. As obras contan cun orzamento de 1.870.667 euros, dos que a institución provincial aporta 609.672 euros a través do Plan ReacPon. O alcance da obra foi remarcado hoxe polo deputado provincial Carlos Font durante a visita que realizou acompañado do alcalde da Guarda, Antonio Lomba.

As obras, que estarán rematadas cara finais deste ano ou comezos do próximo, darán un xiro de 360 graos ao pavillón que medrará tanto ao longo -co engadido dunha nova bancada na parte posterior- como ao ancho -coa execución dunha zona de circulación na parte superior, que permitirá un acceso máis cómodo e controlado. E modernizarase coa  reforma interior das súas instalacións nas que albergará seis vestiarios -un accesible, un para árbitros/as e outros catro xerais-, unha zona para espectadores/as en cadeira de rodas, unha área de prensa, un espazo de enfermería e de control antidopaxe e unha cantina. Ademais, as actuacións permitirán aumentar o aforo do pavillón nun 48%, o que suporá a posibilidade de reunir nel ata a 700 persoas sentadas.

Os fondos provinciais tamén servirán para acometer melloras no revestimento exterior do pavillón ao facer que A Sangriña conte cunha nova cuberta e fachada. Esta última contará con dúas alturas e permitirá a entrada controlada de luz e na zona principal deseñarase un volume de formigón que acollerá un novo acceso, a cantina e a zona de vestiarios e aseos accesibles. Con todo elo, modernízase unha instalación que data dos anos 80 e que, a pesar de que foi obxecto dalgunhas reformas, non cumpría cos requisitos dunha instalación que rexistra unha importante actividade social e deportiva.

O proxecto que financia a Deputación a través do plan ReacPon contempla tamén a rexeneración dos espazos urbanos da contorna, con beirarrúas con bandas de pedra e bordos sen diferencia de nivel. Deste xeito, porase en valor a contorna do pavillón, unha instalación referente para as e os deportistas deste concello xa que nel xogan e adestran os diferentes equipos do Atlético Guardés e tamén é empregado por alumnado do CEIP da Sangriña.

Mondariz dá un paso máis na recuperación da cestería local cunha acción formativa

0

Desde o inicio do seu mandato, o Goberno municipal de Mondariz trata de aproveitar todas as oportunidades para desenvolver proxectos que permitan recuperar o oficio de cesteiro na localidade, hoxe en día en perigo de extinción. O ano pasado, no marco do programa “O Teu Xacobeo” da Xunta de Galicia, produciu un filme documental xunto á compañía EscénaTe –vinculada a Mondariz a través do produtor Santiago Pérez, natural da localidade– que reivindicaba a memoria e a innovación da tradición cesteira a través de artesáns como Enrique Táboas e Idoia Cuesta. “Este foi o primeiro paso, pero desde o principio tiñamos claro que a formación é fundamental para avanzar na recuperación do oficio”, destaca Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz e promotor deste proxecto.

Deste interés gobernamental xurdiu este ano a oportunidade de acoller un curso gratuíto de cestería de 60 horas financiado pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) da Xunta de Galicia. O proceso de inscrición xa está en marcha na Oficina Virtual do Medio Rural (https://ovmediorural.xunta.gal/es/consultas-publicas/acciones-formativas) co código FC2022F136001 (“Recuperación da cestería en Mondariz”). As clases, impartidas por insignes cesteiros/as como Enrique Táboas e Idoia Cuesta, terán lugar nas instalacións do Centro Social de Mondariz de luns a venres, durante dúas semanas (do 12 ao 23 de setembro) en horario intensivo (os luns, de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas; os martes e mércores, de 15 a 21 horas; e os xoves e venres, de 15 a 20 horas).

“Levamos tempo buscando colaboración de diversas institucións galegas para emprender esta acción formativa. O noso obxectivo é crear un programa de formación continua na localidade para recuperar o oficio de cesteiro/a, pero este curso intensivo pode servir para achegar coñecementos básicos a persoas que están interesadas”, explica Barros.

Tanto Enrique Táboas como Idoia Cuesta, os dous formadores principais deste curso de recuperación da cestería de Mondariz, teñen protagonismo no documental “Notas sobre os cesteiros de Mondariz”. Táboas, vencellado familiarmente a Mondariz, está considerado o último cesteiro da tradición local, caracterizada por empregar láminas de madeira na elaboración dos cestos. No curso de setembro formará ao alumnado precisamente na cestería de láminas, tanto no referente á fabricación artesanal das láminas de madeira como na técnica de elaboración de cestos. Cuesta, pola súa banda, é unha cesteira afincada en Lugo que encarna a innovación do oficio. No curso introducirá ao alumnado á cestería de vimbio e tamén tratará a importancia de innovar nas técnicas, nos usos e na comercialización en varias sesións prácticas sobre cestería contemporánea.

“Hoxe en día, a cestería ten aplicacións múltiples en decoración, arquitectura, paisaxismo,… A actividade de Idoia Cuesta é inspiradora neste sentido. Estamos convencidos de que a recuperación do oficio pode ofrecer alternativas profesionais a moitas persoas, especialmente nesta localidade con longa tradición cesteira nas familias”, comenta o alcalde de Mondariz.

Ata as últimas décadas do século XX, era raro atopar unha familia de Mondariz que non tivera un cesteiro na casa. Ademais de vender os cestos nas feiras da contorna, estes artesáns desprazábanse coas súas ferramentas e o seu coñecemento ás comarcas vitivinícolas de Ourense ou ás zonas con actividade pesqueira da costa pontevedresa para fabricar os cestos alí onde eran máis demandados. A chegada dos produtos de plástico deu a estocada definitiva á crise deste modo de vida, e o oficio deixou de transmitirse de pais a fillos, como era habitual.

“Sobre a tradición cesteira de Mondariz hai bastante investigación. O gremio local incluso tiña unha fala propia”, apunta Barros. “Mais con esta acción formativa de recuperación da cestería de Mondariz non miramos cara o pasado, senón cara o futuro”.

Nigrán pide á veciñanza que non empregue auga do abastecemento para rego, enchido de piscinas ou baldeos

0

O Concello de Nigrán da un paso máis na súas medidas de redución do consumo de abastecemento público pedindo á veciñanza mediante un Bando que non empregue esta auga nas casas para rego de hortas, xardíns, baldeos, enchido de piscinas, limpeza de coches e fachadas asi coma posibles usos lúdicos.

“A inicios de mes o Concello pechou duchas e lavapés das súas praias e xa desde Xullo non se realizan baldeos nin regos, polo que é lóxico que, ante a insuficiencia das choivas desta semana, demos un paso máis e pidamos á veciñanza que tome exemplo nas súas casas. Trátase dunha medida de concienciación e de prevención para evitar chegar a tomar decisións máis drásticas en caso dun outono seco”, razoa o alcalde, Juan González, quen estima en máis de 37.000 litros de auga ao día o que se está a aforrar desde o Concello con respecto a unha situación de normalidade. “Desde os Concellos estamos a tomar medidas, pero a Xunta realmente Que esta a facer?”,  pregunta González, quen recrimina unha maior implicación do goberno autonómico neste asunto ao ser o máximo responsable.

“Dada a situación actual de SECA PROLONGADA na que se atopa a demarcación hidrográfica Galicia-Costa, como consecuencia da escaseza de precipitacións que padecemos, e que está a afectar a ocupación do  embalse de Zamáns, do cal se abastece o Concello de Nigrán, faise necesario adoptar medidas dirixidas a asegurar o aforro de auga”, sinala o bando.

“Tendo en conta a situación actual do embalse  e que a auga é un recurso limitado e necesario para a saúde e vida da poboación a partir do día de hoxe, e durante o tempo xustamente necesario se adoptan as seguintes medidas:

  1. Concienciar do uso responsable da auga por toda a cidadanía.
  2. Prohibir o uso da auga do abastecemento municipal para regos de hortas e xardíns, baldeos, encher piscinas, limpeza de coches e fachadas así coma de outros usos lúdicos.
  3. Reducir os consumos municipais”.

Éxito para Miguel Martínez e Irene Peiteado na VI Travesía Vila do Tea

O vigués Miguel Martínez, do club madrileño Real Canoe, adxudicouse a sexta Travesía Vila do Tea, proba puntuable para o circuíto galego e para a Copa de España de augas abertas, que viviu a súa edición máis multitudinaria este domingo 21 de agosto.

En mulleres, a vitoria foi para a andaluza Irene Peiteado, que se impuxo con claridade sobre o resto de nadadoras.

A proba reina da travesía, disputada sobre un trazado de 3.600 metros, reuniu, nun cartel de luxo, aos deportistas máis destacados desta disciplina de todo o Estado español e Portugal.

En categoría masculina, Miguel Martínez venceu tras unha disputada carreira. Un grupo de 6 nadadores destacáronse desde o principio e xogáronse o triunfo entre eles. O vigués foi o máis rápido no sprint final, parando o crono en 42 minutos e 5 segundos. O segundo posto foi para o portugués Hugo Ribeiro, con 42:10, e o toledano Alberto Martín ocupou a 3a posición do podio con 42:16.

En mulleres, a andaluza Irene Peiteado impúxose con enorme autoridade e foi a sétima de todos os participantes, cun tempo de 44:09. En segunda posición clasificouse a xixonesa do CN Ponteareas Alba Ortiz de Guinea (46:05) e a terceira foi a Iria Lemos, con 46:51, integrante tamén do club do condado.

Na proba máster, os vencedores foron os coruñés Marcos do Río, do CN Liceo, con 44:47, e a pontevedresa Rosalía García, nadadora pertencente ao CN Galaico e que parou o cronometro en 54:21.

O circuíto galego Arzúa Ulloa de augas abertas finalizará en leste mesmo escenario, a praia fluvial A Freixa, o 17 de setembro, data na que se disputará a “Etapa final” do mesmo, e para a que xa traballan tanto a federación galega como o club natación Ponteareas, anfitrión do evento.

A Deputación e o CSIC reforzan a súa alianza para loitar contra a trioza

A Deputación de Pontevedra en colaboración co Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC)  e a empresa Koppert España, vén de revalidar o  convenio para o impulso do estudo científico que ten como obxectivo estudar o comportamento do insecto trioza eryteae ou psila africana para dar resposta e loitar contra a enfermidade da HLB (“Huanglongbing”, tamén coñecida comunmente como “enverdecemento” ou “dragón amarelo”), unha praga que está a afectar aos cítricos a nivel mundial. O Convenio fírmase ao amparo do proxecto “Horizon 2020 Preventing HBL epidemics for ensuring citrus survival in Europe”.

O estudo ten unha dobre vertente: por unha banda criarase o insecto de xeito masivo nas instalacións da finca Areeiro para realizar ensaios de laboratorio e coñecer o seu comportamento e, por outra, analizarase tanto o seu ciclo de vida como as temperaturas máximas e mínimas que soporta, coa finalidade de determinar o seu desenvolvemento, distribución, bioloxía e fenoloxía para adaptar medidas de cara ao control e contención da praga. Tamén se realizarán ensaios de preferencia a diferentes xenotipos de plantas e de eficacia con fungos entomopatóxenos desenvolvidos por Koppert que poderían matar o insecto. Trátase dunha investigación pioneira xa que, ata o momento, puxéronse en marcha programas e plans que non deron os froitos agardados. O obxectivo final do proxecto e do convenio convenio é determinar formas de previr a expansión da HBL e minimizar o seu impacto onde xa está presente a enfermidade,  que está considerada como a máis grave dos cítricos, ao comprometer a viabilidade das árbores o que  pode redundar importantes perdas económicas e o encarecemento dos produtos.

En Europa, a trioza detectouse por vez primeira no 2002 nas Illas Canarias e en territorio continental europeo en 2014 na provincia de Pontevedra. De feito foi Areeiro quen por primeira vez publicou a súa detección e dende entón a praga continúa medrando. O insecto atopou nas Rías Baixas unhas condicións climáticas axeitadas para a súa supervivencia. Así, nestes momentos, trátase dunha praga regulada pola Unión Europea. A HLB provoca a deformacións nos brotes e follas dos cítricos, coloracións variadas nas froitas e que deteriora a calidade e o sabor. Causa tamén necroses ou a debilidade da árbore, reducindo a calidade e cantidade da súa produción e chegando mesmo, en casos graves, a destruíla por completo.

As actuacións previstas neste convenio non suporán ningún tipo de contraprestación económica para a Deputación; os gastos correrán a cargo do CSIC e Koppert España e están financiados polo proxecto Horizonte 2020.

O Goberno local, contundente á hora de rexeitar a diminución de profesorado no IES Mendiño

0

“Diminuír o profesorado do IES Mendiño é hipotecar o futuro dos nosos fillos condenándoos a recibir un ensino de menor calidade”, asegurou a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, ao dar a coñecer a postura do Goberno que preside de apoiar “sen ningún tipo de reservas” todas as medidas que, dentro da legalidade vixente, adopten os pais “para impedir unha medida tan arbitraria como inxusta”.

A Casa do Concello exhibe unha pancarta na que se pode ler Non ós recortes do ensino público IES Mendiño. Rivas foi clara ao sinalar que a medida que se pretende levar no IES Mendiño, un dos catro con que conta o municipio redondelán, “non é mais que o reflexo das políticas de sistemático desmantelamento do ensino público que leva a cabo do goberno do PP na Xunta de Galicia”.

“Por moito empeño que teña o persoal docente en manter o nivel de calidade do ensino, é imposible facelo se cada vez son menos os e as docentes e, por ese motivo e tal e como alertou a ANPA no seu momento, algunhas das aulas vaian sobrepasar o número de 30 alumnos”, afirma a rexedora local.

Digna Rivas amosara hai días, o seu firme rexeitamento a esta medida no mesmo momento en que foi dada a coñecer pola ANPA “xa que, pese a todos os nosos intentos, a Concellería segue sen dar resposta aos reiterados escritos que lle diriximos solicitando información sobre este asunto”. Daquela a alcaldesa de Redondela aseguraba que era unha medida “carente de toda lóxica” e que vai reperturir negativamente na calidade do ensino e a desatención do alumnado con necesidades específica.

Mentres, a ANPA do IES Mendiño vén de dirixir un escrito á Alcaldía redondelá solicitando “…que o Goberno local promova unha declaración conxunta de todos os grupos políticos con representación no Concello, rexeitando o recorte de 4 profesores proposto pola Consellería de Educación no IES Mendiño para o vindeiro curso escolar”.

Nesa liña, a alcaldesa adiantou que o hoxe está convocada na Casa do Concello unha Xunta de Portavoces de carácter extraordinario coa intención tanto de informar aos grupos da oposición da situación actual tralo anuncio da Consellería coma das medidas que o Goberno local tomará en defensa do ensino público. Amais, trasladarase aos distintos grupos a petición da ANPA de que definan a súa postura fronte este conflito. “Cada quen ten que ser consecuente coa postura que adopte nun tema non que non caben nin ambigüidades nin medias tintas”, di rotunda Digna Rivas.

“Nun tema que afecta á calidade de ensino e polo tanto ao futuro dos nosos fillos e fillas, cada quen debe posicionarse de xeito claro e ser responsable coa postura que adopte”, engade a alcaldesa que espera que o PP local “tome partido polos nosos mozos e mozas, polo seu futuro e polo seu dereito a un ensino público de calidade”.

Doutra banda, o Goberno redondelán amosou a súa sorpresa polo feito que no Pleno da Corporación de Soutomaior e a preguntas da oposición sobre a redución de profesorado no IES do municipio, o alcalde do PP manifestara “ter noticias de que tal diminución non se ía realizar”.

Ese anuncio non é, para a alcaldesa Digna Rivas, máis que a mostra evidente “que a Xunta de Galicia segue a manter a súa clara actitude partidista e discriminatoria facendo primar as cores políticas e transmitindo información privilexiada aos concellos e concelleiros das súas cores mentres que, ao mesmo tempo ignora neste caso, tanto ao Concello de Redondela, lexítimo representante de todas as veciñas e veciños, como a ANPA, portavoz das nais e pais”.

Mentres o alcalde popular de Soutomaior di “ter coñecemento” de que non se vai reducir persoal docente no ensino, o Concello segue a espera que a Consellería teña a “delicadeza institucional” de responder aos numerosos escritos que se lle remitiron solicitando información e ás reiteradas demandas de reunións co conselleiro. Lonxe diso, mantén ao Concello nun “vergoñento silencio administrativo” ao igual que fai coas nais e pais “e prefire que sexan ‘os seus’ os que reciban esa información para tentar obter unha dubidosa rendibilidade ante as eleccións municipais do 2023”.

Praia América acolle o venres o festival Sons D’Ardora

0

O Concello de Nigrán estrea o 26 de Agosto en Praia América un novo festival: Sons D’Ardora, adicado a música máis vangardista  dentro da tradición galega e lusófona.

Así, a partir das 18:00 horas e ata ás 22:30 horas subirán ao escenario do campo de fútbol de Lourido Aparato, Mónica de Nut e Virxilio Da Silva, María Soa, Sekadra, Marta Sempre Arriba, Jara Ortiz, Tropical Boy e Dimi Ferreira. A actriz e monologuista galega Arantxa Treus presentará este evento gratuíto que nace coa intención de promover a música de raíz que bebe da modernidade.

Será un festival inclusivo no que as mochilas vibratorias do Concello estarán a disposición de toda aquela persoa xorda que as solicite a través do mail [email protected] ou no WhatsApp 690679675. No festival colabora a Deputación de Pontevedra e, como empresas privadas do municipio Rodosa, Prado Surf e La Abadía Mesón Restaurante.

O Consorcio de Augas do Louro executa obras no Porriño

O Consorcio de Augas do Louro está a realizar obras de mellora na rede de abastecemento consistentes na interconexión do ramal de fibrocemento que percorre a rúa Ramiranes, paso a nivel e Avenida de Galicia co ramal de fundición dúctil que percorre o Camiño da Foz e a rúa Relva (PO-2401) ata Torneiros.

“Esta actuación buscar garantir o subministro de auga á parte leste do Porriño dotando á rede nesa zona con dúas entradas de auga, o que permitirá ademais nun futuro proceder á renovación da canalización de fibrocemento que cruza polo paso a nivel”, explicou o alcalde do Porriño e presidente do Consorcio de Augas do Louro, Alejandro Lorenzo.

As obras inclúen a execución de 25 metros de canalización de 200 mm de diámetro e un arquetón no Camiño da Foz, no que se instalará unha toma en carga na tubaxe existente de 300 mm, unha válvula reguladora de presión de diámetro 150 mm, dúas válvulas de peche, un filtro, conos de redución e demais pezas especiais.

Realizarase a conexión deste novo ramal coa tubaxe que de 200 mm que percorre a Avenida de Bos Aires. Na rúa Peña executarase unha nova arqueta e instalarase unha válvula de comporta de 200 mm de diámetro.

O importe das actuacións ascenden a 45.178,60 €, financiados con fondos propios do Consorcio.

Covelo executa obras de mellora de camiños en catro parroquias

0

O goberno de Covelo continúa na súa aposta pola mellora da calidade de vida da veciñanza e, nestes días, executa o proxecto de pavimentación de camiños en Piñeiro, Covelo, A Lamosa e Paraños.

O Concello investe, así,  un total de 112.905 euros executando unha obra completa de renovación de pavimento con formigón armado no camiño do Souto e rúa Fonte do Chorlo en O Piñeiro de Areas, Piñeiro; pista das Penizas en Corzós, A Lamosa; camiño Picoto en Picoto e camiño da gasolineira en Paraños. Tamén intervén na rúa Vercal en O Mangón de Arriba, Covelo e na rúa Portacortiñas en Paraños, mellorando, ademais, a drenaxe superficial ao atoparse o pavimento actual en mal estado.

Entre os traballos que se realizan, está a demolición de pavimentos en mal estado, a instalación de canaletas con rellas de fundición nos lugares necesarios, colocación de arquetas e sumidoiros, canalizacións de regadíos, limpeza de cunetas e arcéns ou pintado das marxes donde proceda.

O alcalde Pablo Castillo adianta que é prioridade deste goberno mellorar o día a día das persoas atendendo primeiro á mellora dos servizos básicos. Con esta nova intervención non só se garante un paso de seguro da veciñanza, tamén o acceso de servizos de subministros e de atención sanitaria, entre outros. Ademais, mellora o emprazamento dos negocios de hostalaría, turismo ou explotacións gandeiras locais.

Este investimento súmase aos xa executados ao longo deste ano na mellora de camiños en Barcia de Mera, Campo, Casteláns, Godóns, Paraños, Piñeiro, Prado da Canda, San Salvador de Prado e Santa Mariña e que superan os seiscentos mil euros.

A Oficina de Turismo de Tui acolle unha exposición de Rosa Mª Vila

0

A Oficina Municipal de Turismo de Tui, no Paseo da Corredoira, acolle até finais de setembro unha mostra de cadros da tudense Rosa Mª Vila. Realizados en plumilla e acuarela retrata distintos lugares do conxunto histórico coma o túnel da Misericordia, as  rúas San Telmo ou Entrefornos, o pórtico da Catedral ou o Paseo da Corredoira, xunto a outros lugares coma a cruz do Monte Aloia ou a vella Ponte Internacional. Amais presenta dous óleos un dunha panorámica da cidade dende a beira portuguesa do Miño e outra dun tramo do sendeiro dos muíños do río Tripes.

Estas obras forma parte dunha colección realizada pola artista tudense co obxectivo de editar un libro que até arestora en proceso. “Son todos recunchos de Tui traballados a plumilla con tics de acuarela” segundo explica a propia Rosa María Vila.

A mostra pódese visitar até finais de setembro no horario de apertura da oficina de luns a domingo de  9.30 a 14.00 h e de 16 a 19 h.

O Concello de Tui con esta exposición nun espazo municipal aposta por visibilizar o talento de artistas coma neste caso Rosa Mª Vila.

O Concello de Nigrán pecha o luns o ciclo de cine de verán

0

O Concello de Nigrán finaliza este luns 22 de agosto o seu ciclo de cine de verán coa película familiar ‘A todo tren. Destino Asturias’ , dirixida por Santiago Segura ás 22:00 horas na Praza do Concello (non ás 22:30 horas como viña sendo habitual).

Cando Ricardo, pai responsable envorcado no seu fillo, decide levarlle a un campamento en Asturias en tren nocturno, algúns pais propóñenlle que leve tamén a varios dos seus fillos. Con todo, non contan con que no último minuto lles acompase Felipe, avó de dous dos nenos, un tipo extravagante e irresponsable. Cando o tren arrinca sen Ricardo nin Felipe, pero cos nenos sós dentro, comezará unha disparatada persecución por parte do pai e do avó para alcanzar ao tren, e unha aloucada viaxe por parte dos nenos, onde farán todas as travesuras que non se atreverían nunca a facer diante dos maiores.

Este sábado, festa da bicicleta no Concello de Covelo

0

O Concello de Covelo convida a participar este sábado na súa festa da bicicleta. Organizada en colaboración coa Deputación de Pontevedra, a marcha ciclista arrincará ás 19:30 horas da praza Mestre Cerviño para realizar un percorrido apto para toda a familia.

Na súa aposta por fomentar os hábitos de vida saudables, o Concello convida a participar nesta cita anual na que os e as ciclistas participarán no sorteo de diferentes accesorios deportivos. Tamén se sorteará unha bicicleta e será obrigatorio o uso do casco en todo o traxecto.

Ademais de ser unha actividade deportiva, a festa da bicicleta do Concello de Covelo supón un momento de convivencia e lecer ao aire libre que tamén promove os desprazamentos en bicicleta e ofrece a oportunidade de descubrir novos recunchos da súa xeografía.

Nigrán ofrece o programa ‘Música nas parroquias’ para colaborar na celebración das Festas das Angustias

0

O Concello de Nigrán colabora coa comisión de Festa das Angustias a través do programa municipal ‘Música nas Parroquias’ achegando a actuación da Banda de Música do Val Miñor, Orquestra Costablanca e D´Lider aos festexos que comezaron hoxe e rematan o domingo. Os seguintes eventos cos que colabora o Concello son San Roque de Camos e Bo Xesús de Priegue.

Hoxe venres tivo lugar a actuación da Banda de Música do Val Miñor, ás 19:30 sairán os ‘Xigantes e Cabezudos’ da Casa do Concello cara a igrexa das Angustias, ás 20:00 horas a gran tirada de fogos e ás 21:00 Banda de Música do Val Miñor con verbena a partir das 22:00 horas a cargo de D´Lider e Kamelot. O sábado 20 de agosto tocará a Agrupación Musical de Belesar ás 10:00 horas, despois da Misa Maior e previamente á verbena con Alabama e S´Vigo. Finalmente, o domingo 21 será o turno da Unión Musical de Guláns e Costablanca.

O programa ‘Música nas Parroquias’ do Concello de Nigrán naceu hai tres anos para apoiar as festas patronais do municipio, moitas delas organizadas ao 100% desde o consistorio ao non terse constituído comisións. Destes cartos, a Deputación de Pontevedra achega 10.000 € a través da Liña 2 do Plan Concellos.

“Iniciamos este programa co Covid-19 para poder manter as festas pese a ausencia de comisións organizadoras e apostamos pola súa permanencia para garantir a pervivencia das mesmas porque son os verdadeiros días de celebración conxunta da veciñanza e de ledicia en cada parroquia”, resume o alcalde, Juan González.

Tui creará un gran espazo público con zonas verdes e un campo da feira na Guía, en Randufe

0

Un itinerario peonil seguro, un gran espazo público e un campo da feira serán o resultado da reforma da rúa A Guía, en Randufe. O goberno de Tui vén de solicitar á Rede ÁGORA da Deputación de Pontevedra o seu apoio para executar este proxecto que actuará en 1.282 m2  para conectar dun xeito seguro o norte da parroquia coa contorna da igrexa de Santa María da Guía.

O alcalde, Enrique Cabaleiro ,explica que a rúa A Guía é unha vía secundaria que da servizo e acceso ás vivendas do núcleo sendo posible xerar un itinerario peonil de calidade que comunique a zona norte do núcleo co centro (a contorna da Igrexa de Santa María da Guía) dando lugar a un gran espazo público con zonas verdes e un campo da feira e recuperando para as persoas 1.177 m2.

As actuacións proxectadas están enfocadas á recuperación dun espazo público de clara prioridade para o automóbil, con calzada de pavimento asfáltico sen apenas ter beirarrúas e de deficiente iluminación. O proxecto establecerá a prioridade peonil, impoñendo unha restrición dos vehículos, autorizando unicamente o tráfico de necesidade. Os espazos proxectados estarán deseñados de xeito que garantan a accesibilidade universal e devolvan o uso principal do espazo público aos peóns. O goberno de Tui avanza na súa estratexia de crear un espazo público seguro e amable no que maiores e nenos/nenas non atopen dificultades. Ademais, a veciñanza da zona gañará en seguridade e tranquilidade.

Substituír o firme do ámbito con pavimentos de gran calidade, como lousa, adoquín de granito ou formigón lavado e a dotación de mobiliario urbano e iluminación, son algúns dos traballos que contempla a obra.

Fomentar a mobilidade segura a pé ou en bicicleta, volver conectar barrios con itinerarios amables e xerar espazos de convivencia e interacción social son algúns dos obxectivos que se contemplan non só na Rede ÁGORA, tamén no Pacto das Alcaldías e nos obxectivos estratéxicos da Axenda Urbana de Tui.

Areeiro informa da boa saúde xeral da viña cara á vendima

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que advirte de que a pesares dos cambios meteorolóxicos das pasadas xornadas, o estado fenolóxico da viña evoluciona correctamente, polo que a saúde da uva e bo de cara á vindeira época de vendima. Areeiro tamén informa de que segundo as mostras de uva recollidas para analizar o grao alcohólico do viño, resultaron valores comprendidos entre os 8,73 graos e os 9,99 graos.

No que se refire ó mildio, a pesar das precipitacións que se rexistraron durante a semana, observáronse moi poucos brotes de este patóxeno. os ventos do norte que se están a producir e o tempo estable que prognostican para os próximos días, farán que  siga sendo improbable a aparición de novos síntomas. No caso do oídio, o persoal de Areeiro observou a semana pasada, nalgunhas das súas plantas testemuña un incremento significativo de follas con síntomas deste patóxeno, pero non evolucionaron dende entón.

Por outra banda, a pesar de producirse algunhas precipitacións, na maioría dos casos foron lixeiras e non suficientes como para manter durante tempo a humidade na vexetación, polo que non se esperan danos de importancia producidos pola botrite. Areeiro tamén informa de que xa se observaron os primeiros acios en fase de maduración afectados por paxaros, por tanto recomenda a vixilancia nas viñas. Tamén aconsella que se sigan controlando os síntomas de golpe de sol, de plantas con alteracións de madeira, e da aparición de máis cepas con síntomas de estrés hídrico.

A tamén aconsella continuarcomprobando a evolución dos trips nas plantas, xa que avisa de que se atoparon síntomas de alimentación destes insectos en dúas viñas. Compre manter a vixilancia por si houbera que aplicar un tratamento. En canto ós ácaros, continúan observándose síntomas de acariose nas parcelas de seguimento aínda que séguese percibindo unha poboación relativamente importante de ácaros beneficiosos.

O persoal de Areeiro informa de que se Incrementou o número de perforacións das eirugas nos acios, aínda que sen acadar os limiares que xustificarían unha intervención, polo menos de momento, é necesario vixiar a evolución durante a vindeira semana para determinar si hai que actuar ou non contra as avelaíñas do acio. No caso dos cicadélidos, o persoal da Estación Fitopatolóxica, volveu a capturar esta semana algúns exemplares de Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada. Os novos resultados das mostras recollidas esta semana tamén resultaron negativas, é dicir, ausencia do fitoplasma da flavescencia.

Ademais, Areeiro recomenda manter o seguimento da bolboreta do buxo xa que atoparonse as primeiras eirugas e síntomas da nova xeración de Cydalima perspectalis, aínda que son casos moi puntuais polo que de momento non é necesario tratar. No que respecta á procesionaria do piñeiro descendeu o número de capturas, nestas datas están próximos os nacementos das primeiras eirugas.

Licitadas as obras para dotar de beirarrúas e aparcamento á Fase I de Torneiros

O Concello do Porriño vén de pechar o prazo de presentación de ofertas da licitación do contrato para a dotación de beirarrúas no vial da Fase I de Torneiros, cun orzamento de licitación de máis de 81.000 euros, a fin de solventar os problemas de falta de aparcamento e seguridade vial na zona.

A adxudicación do concurso público resolverase nos próximos días e as obras, que contan cun prazo de execución de dous meses, comezarán o antes posible para resolver de maneira urxente un problema que a veciñanza da zona arrastra dende hai tempo.  “Falamos dunha actuación moi demandada pola veciñanza que permitirá reordenar o tráfico na zona, garantir a seguridade peonil e habilitar algunhas prazas de aparcamento para a veciñanza destes bloques de vivendas, que na actualidade teñen un problema de aparcamento ao carecer de zonas onde estacionar preto das súas vivendas”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Cabe destacar que estas melloras executaranse grazas ao convenio de cesión asinado recentemente entre o Concello do Porriño e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Torneiros que permite á administración local facer uso duns terreos dos comuneiros situados fronte á Fase I, concretamente, unha parcela segregada de 914 m2. Un acordo entre entidades polo que o rexedor reiterou o seu “agradecemento á CM de Torneiros pola disposición que mostraron para chegar a acordos que beneficien aos veciños e veciñas da parroquia e do resto do Porriño”.

O proxecto contempla a construción dun tramo de beirarrúa de 290 m que conectará as xa existentes e, para iso, será preciso construír tamén dous tramos de 16 e 11 m de muro de pedra para a contención de terras ademais de execución de pluviais, sinalización e alumeado.

Cultura24 ameniza a fin de semana en Cumiar cun espectáculo de maxia

Co firme obxectivo de dinamizar e encher de vida as parroquias, o programa Cultura24 de Ponteareas regresa esta fin de semana cunha programación de lecer gratuita e dirixida especialmente a público familiar.

A proposta para este domingo 21 de agosto é un espectáculo de maxia familiar a cargo de Ian & Elisa, un dúo que durante os 16 anos que leva enriba dos escenarios tivo a oportunidade de traballar internacionalmente e mesmo saír na televisión. Desta vez, chegan a Cumiar cos petos cheos de ilusión e moitas ganas de presentar o seu novo espectáculo diante do público ponteareán. A cita é ás 19.30 horas na Casa Cultural.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida á veciñanza a participar nesta nova actividade cultural de balde que encherá de maxia e de sorrisos a parroquia de Santo Estevo de Cumiar.

A Guarda inaugura a Colección fotográfica Tito Lemos

0

O pasado xoves día 18 de agosto de 2022 a Casa dos Alonso acolleu o acto de inauguración da Colección Fotográfica Tito Lemos, unha mostra que recolle parte da gran colección recabada por Tito Lemos con fotografías da vila da Guarda de distintos fotógrafos e autores.

Montserrat Magallanes, concelleira de Cultura, foi a encargada de abrir este acto de inauguración ante preto dun cento de persoas, destacando unha vez máis a Casa dos Alonso coma espazo singular para o uso público e para poder gozar desta colección de fotografías.

Miguel Reboredo, presidente da Asociación Tito Lemos, interviu neste acto para dar conta das diferentes accións realizadas para por en valor a súa figura e homenaxear a Tito Lemos, coma o acto de inauguración dun miradoiro no Monte Santa Trega ou a próxima catalogación dunha praza que levará o seu nome na rúa Manuel Álvarez, lugar onde exerceu moitos anos coma médico.

Pablo Lemos, fillo de Tito Lemos, continuou coa quenda de intervencións falando da longa traxectoria do seu pai na vila, recordando que, aínda que Tito fose de Vigo, tiña un apego especial pola Guarda e polas súas xentes e iso quedou reflectido no campo da medicina, onde exerceu coma médico e tamén no da fotografía, cunha colección propia e de outros autores que supera as 5000 fotografías, a maior parte delas da Guarda e a súa contorna.

Para pechar o acto Antonio Lomba, alcalde da Guarda, quixo destacar que con esta pequena exposición, que non é máis cunha mostra da ampla colección de Tito Lemos, se pode ver a outra faceta de Tito, a da súa paixón pola fotografía e por querer plasmar a vida diaria da Guarda, dos seus costumes, das súas xentes…

A Colección Fotográfica Tito Lemos estará na Casa dos Alonso ata o 31 de agosto en horario de 10:30 h a 13:30 h e de 19:00 h a 21:00 h de luns a sábado.

A oficina de turismo de Baiona incorpora novos soportes tecnolóxicos

0

Visitar a oficina de turismo de Baiona será unha experiencia interactiva que enriquecerá a todas as persoas que se acheguen a ela gracias ao uso dun amplo “paquete” de novos soportes tecnolóxicos como “beacons”, unha impresora braille ou un bucle magnético que a Deputación instalará neste punto de atención. As melloras foron anunciadas pola presidenta provincial, Carmela Silva, quen tamén comunicou investimentos nos próximos meses de cara á dixitalización desta oficina da man do proxecto europeo Tourist Inside Rías Baixas. Fíxoo nunha visita a este espazo de información na que tamén estivo presente o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, e na que se fixo balance do crecemento dunha oficina que conta coa “Q” de Calidade turística dende hai dous anos.

O proxecto Tourist Inside, que conta con financiamento europeo xestionado polo Goberno do Estado, fará que as tecnoloxías da información e a comunicación sirvan para optimizar a satisfacción das e dos visitantes da oficina de Baiona así como a experiencia turística das persoas con diversidade funcional, dado que ao abeiro deste proxecto instalarase unha impresora braille na oficina, que permitirá ampliar a oferta de información escrita, así como un bucle magnético, que axudará a que as persoas con dificultades de audición desfruten por completo das visitas guiadas neste concello. 

A oficina de Baiona tamén contará cunha pantalla de 55 polgadas no seu interior na que se divulgarán contidos de interese turístico de Pontevedra provincia así como cun tótem situado na fachada exterior da oficina no que se proporcionará información do destino. Do mesmo xeito, instalarase unha tableta que se empregará para realizar enquisas de satisfacción. Ademais, en 24 puntos do concello disporanse “beacons”, é dicir, balizas electrónicas que transmitirán información de interese aos móbiles das e dos visitantes a través da tecnoloxía bluetooth. Con todas estas medidas a Deputación está a mudar o clásico modelo de atención a persoas visitantes de cara a un novo que se apoia nas novas tecnoloxías e na interconexión da Rede Info Rías Baixas para ofrecer ás persoas visitantes todas as posibilidades.

O punto de información  dispón do distintivo de calidade que outorga o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) o que a converte nunha referencia na atención aos visitantes, dado o grao de cumprimento dos estándares e procedementos certificados.

Máis de 15.000 visitantes no que vai de ano

Durante a visita de Carmela Silva tamén se deu a coñecer que a ofician de Baiona recibiu, entre o 1 de xaneiro e o 15 de agosto, a cifra de 15.255 persoas visitantes. As e os turistas que visitaron a oficina no que vai de 2022 foron principalmente de nacionalidade española (79,81%) e chegadas/os maioritariamente dende Madrid (25,73%) así como doutros puntos como Barcelona, Biscaia, Sevilla e Valencia. Entre as persoas estranxeiras que se achegaron á oficina baionesa en busca de información (o 20,19% restante) destacaron as procedentes de Portugal, Francia, Alemaña, Estados Unidos ou Reino Unido. En canto ao rango de idade, destacan as/os turistas de entre 35 e 60 anos, que supuxeron un 59% do total. A Rede Info Rías Baixas é un modelo de éxito que conta con 33 oficinas adheridas e espalladas por toda a provincia de Pontevedra. Foi creada hai catro anos pola Deputación de Pontevedra para garantir un servizo de atención de calidade nas oficinas de turismo da provincia, ás que dota de máis medios, de novas tecnoloxías e dunha imaxe unificada a fin de mellorar o grao de satisfacción dos e das visitantes.  

O rock do grupo Suevia carga contra a violencia machista na Cañiza

0

“Vive e deixa vivir” foi o lema con que as “rockeiras” de Suevia cargaron contra a violencia machista no concerto que constituíu a nova acción do programa provincial “Mulleres en Acción. Violencia Zero” desenvolvida no concello da Cañiza. As catro integrantes da formación protagonizaron unha sentida actuación na praza Maior na que reivindicaron a liberdade da muller, de xeito especial con temas como “Princesas”, e á que asistiu a deputada provincial Ana Laura Iglesias, amais do alcalde Luis Gómez Piña.

Suevia, formado por Susi Quiu, Patricia, Fati Cadavera e Olga Starr, defendeu na súa intervención que a violencia machista é “a que se exerce sobre as mulleres só polo feito de selo, permitida e aceptada”. Deste xeito, arengou contra “misóxinos, intolerantes, machistas e maltratadores”. “Esta clase de pensamentos entorpece o papel das mulleres e o seu avance cara á a igualdade.  Por iso, hoxe dicímoslle non á violencia machista, reivindicando o noso camiño cara adiante, cara a un mundo onde os valores humanos e democráticos non teñan sombras”. Para as artistas, “quen xustifica a violencia sobre as persoas máis vulnerables, nenas e nenos, mulleres, menores inmigrantes non acompañados, minorías raciais etc., utiliza contra elas unha violencia sistémica, mais tamén dialéctica, onde entre outros termos lles chaman feminazis, co que conseguen criminalizar as vítimas”. “Isto –defende Suevia- resulta moi perigoso para unha sociedade que está por detrás doutros países en materia de educación, debido aos recortes ou sinxelamente porque temos unha democracia moi nova e aínda con demasiados vestixios da ditadura”.

Suevia formouse en 2019 por mulleres con experiencia en formacións anteriores que decidiron unirse e levar adiante un proxecto musical influenciado polo rock dos anos 70 e 90. O seu primeiro disco, Luces y sombras, estreado en 2021, recolle cancións de temática principalmente social e letras comprometidas.

A maxia e a música inundarán Gondomar esta fin de semana

0

Enmarcadas dentro do programa “Gondocultura Verán 2022”, o Concello de Gondomar programou para esta fin de semana dúas actuacións musicais e un espectáculo de ilusionismo e maxia.

Así, a programación comezará hoxe mesmo venres coa mellor musica “funk” e “soul” a cargo da banda “SUGAR POCKETS” que animarán a Praza Paradela a partir das 22:00 horas.

Ao día  seguinte, o sábado, e no mesmo escenario da praza do Concello, e tamen ás 22:00 h os encargados de amenizar a noite serán os “MESTEÑO BLUES”, a banda capitaneada polo gran guitarrista Diego Pacheco, que nos traerán o seus sonidos de raíz americana.

O domingo será o turno da maxia. O Mago Teto presentará en Gondomar o seu espectáculo “ULTREIA” acompañado da Agrupación Musical de Vincios que porá a banda sonora a unha noite chea de ilusionismo, maxia e diversión para todos os públicos.

O alcalde do concello, Paco Ferreira, quixo destacar que “Gondomar é un referente na actividade cultural durante todo o ano, e ao longo do que vai de verán temos programado espectáculos gratuitos de todas as disciplinas culturais, para todos os gustos e para todas as idades e así o seguiremos a facer”.

Desfruta dun Entroido con respecto, lema para gozar dun Entroido de Verán limpo e seguro

0

Un Entroido de Verán seguro e libre de violencia machista e, ao mesmo tempo, respectuoso coa contorna e co medio ambiente. Eses son os eixos da dobre campaña que o Concello de Redondela que preside a socialista Digna Rivas ten en marcha coa intención de concienciar á cidadanía sobre a importancia destes dous argumentos para gozar, plenamente, do Entroido de Verán que se celebra mañá sábado, 20 de agosto.

Aos Puntos Violeta e Puntos Arco da Vella, que poñen o foco de atención sobre a igualdade, á diversidade e a erradicación da violencia machista e sexual, o Goberno local poñerá por primeira vez e como iniciativa pioneira, un punto de información sobre seguridade e medio ambiente que quedará situado na antiga caseta da Oficina de Turismo da Alameda Castelao.

“Queremos que a palabra clave deste Entroido de Verán sexa Respecto porque é a que mellor define a transversalidade que en todas as actuacións buscamos dende o Goberno local. É un concepto que abrangue todo e a todos e todas; respecto á liberdade individual pero tamén á liberdade dos demais, ao medio ambiente, a contorna na que te atopas”.

A campaña Desfruta un Entroido con respecto insistirá en lemas como Non che pedimos que limpes so que non ensucies, Sé parte da solución non da contaminación, Respecta, utiliza as papeleiras e contedores ou Respecta, utiliza os baños públicos cos que se busca “apelar á responsabilidade persoal de cada quen para manter os espazos públicos sen lixo e respectar o medioambiente”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

Para que a campaña poida ser máis efectiva no que á limpeza fai referencia, a Concellería de Medio Ambiente instalará máis de 40 novos colectores de lixo que, ao igual que 14 puntos con varios baños públicos –tres deses puntos dotados con servizos para persoas con mobilidade reducida–, estarán distribuídos por todo o casco urbano con especial incidencia naqueles lugares nos que se vai rexistrar maior afluencia de público.

Os lemas que centran a atención no respecto ao medio ambiente combínanse con outros que inciden na seguridade das e dos participantes como Se se atopas mal achégate ao Hospital de Campaña, No Entroido utiliza transporte público, coida de ti; A diversión non está na túa copa senón en ti ou Desfruta do Entroido con moderación.

“Queremos que este Entroido de Verán sexa exemplar e para iso a palabra clave é Respecto, unha palabra, insisto, corta pero que define unha enorme cantidade de conceptos”, afirma a alcaldesa de Redondela. “Queremos que a cidadanía, de todas as idades, sexa consciente de que pode divertirse respectando a contorna, non tirando lixo, e, por suposto, rexeitando e denunciando calquera tipo de violencia machista o sexual, sexa esta do tipo que sexa”.

Xoga cos sentidos no campamento de verán da finca de A Seara, en Covelo

0

Se tes entre 5 e 12 anos este verán poderás vivir unha experiencia única inmerso na natureza. A finca A Seara, ubicada no barrio da Ermida en Covelo, ofrece do 22 ao 26 de agosto un campamento de verán no que xogar coa arte e coa natureza.

O campamento “Xogando cos sentidos” realizará obradoiros de pintura, música, escultura e danza, ademais de permitir estreitar vínculos cos cabalos.

En horario de mañá, de 10 a 14 horas, as e os participantes entrarán en contacto coa natureza, realizarán exercizos de meditación, xogos e todo tipo de actividades lúdico-didácticas.

Organizado por A Seara e Eomaia en colaboración co Concello de Covelo, as persoas interesadas poderán atopar máis información na páxina da Fundación Eomaia tamén se pode contactar a través do enderezo electrónico [email protected].