O Concello de Nigrán, dentro da súa programación especial de verán, ofrece este sábado 27 de Agosto ás 19.00 horas no Torreiro de San Roque de Camos á compañía local Teatro do Ar representando a súa nova obra “Porcos do país”.
“Porcos do país” é unha comedia, preferiblemente para maiores de 8 anos, que nos presenta ao Padre Muñoz, un crego da aldea de Eiriñas que soña con ser inmortal e rexentar un albergue de peregrinos do Camiño de Santiago na súa igrexa. Para elo, terá que loitar contra unha meiga, contra dous cazatesouros e contra os seus propios fillos. Todo por non chegar nunca ao ceo… ou ao inferno.
Dende Teatro do Ar explican que “Porcos do país” é unha comedia absurda con personaxes que “co seu sufrimento nos van facer rir e escoller bando”, e animan a todos e a todas a asistir a un escenario natural tan bonito e onde o “teatro brilla aínda máis”.