13.7 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaO PorriñoO Concello do Porriño mellora a seguridade vial dos polígonos industriais

    O Concello do Porriño mellora a seguridade vial dos polígonos industriais

    O Concello do Porriño acomete a construción dunha rotonda no polígono industrial de A Granxa, nun dos cruces de alta densidade de tráfico. Concretamente é na rúa Gándaras de Prado, fronte a Citic Censa, un lugar que presentaba un importante risco para a seguridade vial.

    “Esta nova infraestrutura, permitirá regular o tráfico na zona e mellorar a seguridade viaria, algo que dende a Entidade Urbanística de Conservación de A Granxa demandábase hai anos”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Existe un proxecto de obra, cuxo importe supera os 20.000 euros, pero dada a urxencia da actuación o Concello acordou executala con medios propios”.

    Esta é unha das actuacións previstas nos polígonos industriais do Porriño en materia de tráfico e seguridade viaria. “Existen outros puntos do viario que requiren de intervencións que xa están proxectadas”, continuou o rexedor, “Como é o caso do cruce do CIE A Granxa, que xa está proxectada e executarase nos próximos meses”.

    Ademais, o Concello do Porriño tramita xa o expediente para os traballos de sinalización horizontal e vertical dos viais dos polígonos industriais do municipio, nos que a falta de repintado de marcas e reposición de sinalización está a xerar graves problemas de seguridade e un importante risco de accidentes.

    “O proxecto para a sinalización e repintado, que abrangue a totalidade do municipio, inclúe todos os viais dos polígonos industriais do Porriño, ademais dos accesos aos da Granxa e as Gándaras”, concluíu o alcalde, “Falamos dunha inversión de máis de 100.000 euros que é urxente e esencial para garantir a seguridade de vehículos e peóns”.

    Cabe destacar que dende o Concello do Porriño estase a priorizar a mellora e mantemento dos polígonos industriais, tanto no tocante ás vías e obras como no que respecta á limpeza. “Hai actuacións que son de suma urxencia e levaban anos sen acometerse, algo que non pode permitirse un municipio co potencial industrial como o que ten O Porriño”, concluíu Lorenzo, “Hai moito que facer logo de tantos anos de abandono e falta de mantemento, pero traballamos sen descanso para levar a cabo unha xestión á altura do no noso tecido produtivo e do moito que aporta ao municipio”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.