O Concello do Porriño vén de pechar o prazo de presentación de ofertas da licitación do contrato para a dotación de beirarrúas no vial da Fase I de Torneiros, cun orzamento de licitación de máis de 81.000 euros, a fin de solventar os problemas de falta de aparcamento e seguridade vial na zona.
A adxudicación do concurso público resolverase nos próximos días e as obras, que contan cun prazo de execución de dous meses, comezarán o antes posible para resolver de maneira urxente un problema que a veciñanza da zona arrastra dende hai tempo. “Falamos dunha actuación moi demandada pola veciñanza que permitirá reordenar o tráfico na zona, garantir a seguridade peonil e habilitar algunhas prazas de aparcamento para a veciñanza destes bloques de vivendas, que na actualidade teñen un problema de aparcamento ao carecer de zonas onde estacionar preto das súas vivendas”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.
Cabe destacar que estas melloras executaranse grazas ao convenio de cesión asinado recentemente entre o Concello do Porriño e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Torneiros que permite á administración local facer uso duns terreos dos comuneiros situados fronte á Fase I, concretamente, unha parcela segregada de 914 m2. Un acordo entre entidades polo que o rexedor reiterou o seu “agradecemento á CM de Torneiros pola disposición que mostraron para chegar a acordos que beneficien aos veciños e veciñas da parroquia e do resto do Porriño”.
O proxecto contempla a construción dun tramo de beirarrúa de 290 m que conectará as xa existentes e, para iso, será preciso construír tamén dous tramos de 16 e 11 m de muro de pedra para a contención de terras ademais de execución de pluviais, sinalización e alumeado.