Mércores, 11 Decembro de 2024

A Memoria Viva e a música son as protagonistas da semana no Rosal

Comeza unha nova semana cargada de propostas culturais no Concello rosaleiro. Este martes pola tarde o Rosal Cámara Fest chega ao seu fin. A cita é na igrexa de Santa Mariña, en pleno centro do Rosal. O público asistente poderá apreciar a calidade dos solitas da Agrupación Musical do Rosal no concerto que ofrecerán a partires das 20.30 horas e que servirá para clausurar a terceira edición dun festival xa consolidado na contorna.

Ás 21.30 h, os veciños e veciñas que se acheguen á esta igrexa situada na praza do Calvario, poderán visionar o documental sobre Isaac Penela, unha peza que pertence á segunda edición de Memoria Viva, iniciativa que ten o obxectivo de atesourar as lembranzas que contan a historia do Rosal e que aínda non aparecen nos libros pero si permanecen nos recordos das persoas maiores.

Esta obra audiovisual ofrece a visión de Isaac Penela, ‘o crego inquedo’, un home de 90 anos que ademais dun home de fe, foi unha persoa moi implicada socialmente que sempre buscou o benestar da veciñanza. Promotor e dinamizador do cooperativismo agrario na vila, loitador durante o conflito da auga entre 1974 e 1977 que case deixa sen este ben tan importante á vila, Isaac Penela é, segundo a alcaldesa Ánxela Fernández Callís, “un claro exemplo dese patrimonio inmaterial vivo que temos a necesidade de recuperar pouco a pouco para que as xeracións futuras poidan coñecer a nosa historia”.

A rexedora rosaleira convida á veciñanza a participar nas propostas culturais da semana que continúan o mércores 24, cunha nova cita musical: a partir das 21.00h, no Ecoparque O Campo Novo cos veciños de Viso, dos Eidos e Martín, terá lugar a actuación de Caamaño & Ameixeiras. Un dúo formado por Antía Ameixeiras e Sabela Caamaño ligado á música e ao baile de raíz. Xuntas reivindican o papel da muller como artista e creadora nun espectáculo que paga a pena.