Luns, 28 Abril de 2025

Nigrán pide á veciñanza que non empregue auga do abastecemento para rego, enchido de piscinas ou baldeos

O Concello de Nigrán da un paso máis na súas medidas de redución do consumo de abastecemento público pedindo á veciñanza mediante un Bando que non empregue esta auga nas casas para rego de hortas, xardíns, baldeos, enchido de piscinas, limpeza de coches e fachadas asi coma posibles usos lúdicos.

“A inicios de mes o Concello pechou duchas e lavapés das súas praias e xa desde Xullo non se realizan baldeos nin regos, polo que é lóxico que, ante a insuficiencia das choivas desta semana, demos un paso máis e pidamos á veciñanza que tome exemplo nas súas casas. Trátase dunha medida de concienciación e de prevención para evitar chegar a tomar decisións máis drásticas en caso dun outono seco”, razoa o alcalde, Juan González, quen estima en máis de 37.000 litros de auga ao día o que se está a aforrar desde o Concello con respecto a unha situación de normalidade. “Desde os Concellos estamos a tomar medidas, pero a Xunta realmente Que esta a facer?”,  pregunta González, quen recrimina unha maior implicación do goberno autonómico neste asunto ao ser o máximo responsable.

“Dada a situación actual de SECA PROLONGADA na que se atopa a demarcación hidrográfica Galicia-Costa, como consecuencia da escaseza de precipitacións que padecemos, e que está a afectar a ocupación do  embalse de Zamáns, do cal se abastece o Concello de Nigrán, faise necesario adoptar medidas dirixidas a asegurar o aforro de auga”, sinala o bando.

“Tendo en conta a situación actual do embalse  e que a auga é un recurso limitado e necesario para a saúde e vida da poboación a partir do día de hoxe, e durante o tempo xustamente necesario se adoptan as seguintes medidas:

  1. Concienciar do uso responsable da auga por toda a cidadanía.
  2. Prohibir o uso da auga do abastecemento municipal para regos de hortas e xardíns, baldeos, encher piscinas, limpeza de coches e fachadas así coma de outros usos lúdicos.
  3. Reducir os consumos municipais”.