Sábado, 7 Xuño de 2025

Descubre os segredos que agochan os nomes das parroquias ponteareás este mércores 9 de novembro na sala multiúsos

Ponteareas acolle este mércores 9 de novembro a campaña ‘Toponimízate! Falámosche dos nomes da túa terra’, unha actividade do proxecto Galicia Nomeada coa que se procura chamar a atención sobre o perigo que corre a toponimia tradicional e se busca a persoas que colaboren coa iniciativa. Ás 20.00 horas, a sala multiúsos do auditorio municipal será o escenario no que Vicente Feijoo Ares, especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e coordinador técnico do proxecto, dará unha interesante charla que contará tamén coa presenza da alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

“Dende o Concello estamos moi interesados en participar nos traballos que permitan salvagardar a microtoponimia ponteareá. Queremos unir esforzos e, entre todos e todas, recompilar toda a información toponímica posible para que poida incluírse tamén no bando de datos da toponimia galega”, explica o concelleiro de Lingua, Fernando Groba. O edil sinalou que esta iniciativa completa a posta en marcha polo Concello de Ponteareas en 2021 en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns para salvagardar os nomes tradicionais de terras e montes da vila.

Colaborar coa campaña ‘Toponimízate!’ permitirá ao Concello “traballar cunha metodoloxía común e definida para que toda esta información cultural estea dispoñíbel nun mesmo visor, xeorreferenciada e normativizada, de xeito que permita o seu aproveitamento desde un punto de vista profesional ou lúdico para todos os galegos e galegas”.

A través desta charla, Vicente Feijoo ademais de sensibilizar ás persoas asistentes na urxencia de recoller este patrimonio inmaterial ante a súa alarmante perda nas últimas décadas, ensinará a todas e todos os participantes os topónimos e a tradición oral vinculada a eles na plataforma Galicia Nomeada, que ata a data só recibiu unhas 50 achegas públicas de Ponteareas. Ademais ensinaralles a achegar fotos, audios, vídeos, documentos… sobre un topónimo, facer suxestións sobre outros ou consultar a toponimia recollida por toda Galicia. Na segunda parte da charla, o público poderá descubrir as historias que agochan os nomes das súas parroquias e aldeas. Estas etimoloxías contan coa contribución de Gonzalo Navaza, membro do Seminario de Onomástica e novo académico numerario da Real Academia Galega. Así, falarán sobre a etimoloxía do nome da propia vila, Ponteareas, que fai referencia á existencia dunha antiga ponte sobre o río Tea situada na parroquia de Areas. Pero tamén abordarán outros nomes con referencia a un tipo de terreo areento, como o das parroquias de Arnoso ou Areas ou de aldeas como O Cribeiro.

O parque Uceira da Cañiza legalízase por completo

0

O pasado 31 de outubro de 2022 publicouse do Diario Oficial de Galicia nº 207  o ANUNCIO da aprobación definitiva do proxecto de expropiación para a execución da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal da Cañiza no ámbito do antigo mercado de gando. No DOGA anunciouse que o Concello, no Pleno do 29/09/2022, aprobou definitivamente o proxecto de expropiación, polo procedemento de taxación conxunta, declarando expresamente a utilidade pública deste proxecto. O anuncio tamén se publica aos efectos de legal notificación para todas aquelas persoas que poidan resultar descoñecidas e teñan intereses nestes terreos.

Con esta publicación está a piques de rematar un dos procedementos de maior complexidade do Concello.

Un expediente de modificación puntual do PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello da Cañiza) na zona do Antigo Mercado do Gando, no que xa teñen actividade varias empresas, que para a súa legalización e modificación precisaba de varias actuacións vinculantes:  a adquisición dos terreos e a redacción dun proxecto para esta área empresarial.

Antecedentes

O proxecto global do parque Uceira xa existía e no seu día, en anteriores mandatos, se fixeron determinadas modificacións urbanísticas. Con todo, estas modificacións quedaron sen efecto porque non se podían legalizar ata que os terreos estiveran totalmente urbanizados e quedara legalizado todo o xa construido.

Para conseguir esta legalización tiveron que iniciarse dous procedementos paralelos: arrancar de novo  o expediente de expropiación dos terreos, aproveitando todo o traballo xa desenvolvido con anterioridade e que era convalidable e desenvolver o proxecto de legalización.

Desde o Concello contrátase á empresa R.P.SALNÉS para redactar o proxecto «EXPEDIENTE DE LEGALIZACIÓN DE LA URBANIZACIÓN DEL ANTIGUO MERCADO Y OBRAS COMPLEMENTARIAS», con entrada no Rexistro da Sede Electrónica o 13 de xuño deste ano.

Para financiar o investimento do proxecto, un total de  110.397,50 €  conseguiuse unha subvención da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Industria, dentro do Plan de axudas dirixidas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais de Galicia  de 80.574,00 €, para a pavimentacion parcial das rúas e sinalización viaria co obxecto de mellorar a infraestrutura viaria. Tamén se conseguiu outra subvención da Deputación de Pontevedra, a través da Liña 1 do Plan Concellos 2021, de 22.109.83 € e os 7.713,67 € restantes fináncianse dende o Concello con fondos propios.

Novo trámite de expropiación

En paralelo iníciase de novo a expropiación dos terreos, xa que o expediente anterior estaba caducado, ademáis de contar con importantes defectos na tramitación como NON DISPOR da DECLARACIÓN DE PREVALENCIA DA UTILIDADE PÚBLICA sobre o interese social dos Montes Veciñais.

O Concello solicita esta Declaración ante a  Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, que é o órgano competente para outorgar esta prevalencia. O pasado 5 de agosto o Concello recibe a AUTORIZACIÓN FAVORABLE. Unha Declaración de Prevalencia da Utilidade Pública sobre o interese social dos Montes Veciñais  dos Gomez e de Paredes nunha superficie de 13.237 m3, pertencente á CMVC de Os Gomez e nunha superficie de 7.481 m2 pertencente a CMVMC de Paredes, para a expropiación do Antigo Mercado do Gando, actual parque empresarial debido á modificación puntual do PXOM.

A continuación o expediente pasa a exposición pública para que todos o interesados poideran realizar as alegacións oportunas. Rematado este período, aprobase no Pleno o procedemento e deposítase as cantidades económicas na conta de expropiacións.

O expediente continúa coa entrega das Actas de ocupación e o inicio das obras de legalización da urbanización, previo anuncio da licitación das obras na Plataforma de Contratación do Sector Público e da solicitude das autorizacións sectoriais a Fomento do Goberno do Estado e Confederación Hidrográfica Miño- Sil que foron ambas favorables.

A execución das obras foron adxudicadas o pasado 25 de outubro á empresa NAROM, aprobándose o contrato e a dirección e coordinación de seguridade e saúde.

Visita do alcalde ás obras

Segundo comunicou o alcalde Luis Piña esta mañá, despois de visitar as obras que rematarán nuns días «estas obras permitirán legalizar todo o parque empresarial, realizar novas ventas e o máis importante legalizar as instalacións existentes, talleres e pequenas empresas, que poderán legalizar as súas actividades e solicitar as correspondentes licenzas de actividade e tamén de aluguer».

O Proxecto de Legalización da Urbanización do Antigo Mercado do Gando ten por obxecto por en orden legal un espazo urbanístico empresarial existente dende hai décadas.

A Deputación transformará Redondela

0

A “brutal” transformación que o goberno de Digna Rivas está a acometer en Redondela, “como hai moitos anos non se vía” está a ser financiada con recursos da Deputación de Pontevedra. A Deputación e o Concello teñen agora mesmo en marcha  tres grandes obras, valoradas en 1,8 millóns de euros, para a remodelación da Avenida de Santa Mariña e da contorna da Picota e para a creación dun aparcadoiro disuasorio na zona de Vilavella. “Podo vir a Redondela a falar de feitos, do apoio concreto e real a un dos concellos máis importantes da provincia”, asegurou a presidenta Carmela Silva, quen aproveitou a visita para contrastar “obras que son amores” coa “palabrería” do Partido Popular, en alusión á visita que esta mañá protagonizaron á localidade a ex-ministra de Fomento Ana Pastor e o ex-alcalde, Javier Bas, aos que cualificou como “a raíña das promesas incumpridas” e “o noivo de Redondela á fuga”.

A transformación da avenida de Santa Mariña, cun orzamento de máis de 450.000 euros a través do Plan Concellos 2021, configurará dentro dun mes, unha vez que conclúan as obras, unha contorna máis amable, con servizos adaptados ao século XXI. O espazo contará con beirarrúas de pedra e pavimentación renovadas, novos sistemas de iluminación e sinalización, mobiliario urbano e redes de saneamento, abastecemento e liñas de comunicación. No barrio da Picota, a Deputación está a investir outros 849.000 euros a través do Plan ReacPon, que achega o 75% orzamento. Esta actuación, tamén moi esperada pola veciñanza da vila, comezou semanas atrás e suporá “unha transformación radical dunha contorna que ten un enorme valor patrimonial”, converténdoa nun lugar máis accesible e seguro, cunha mellora visual e funcional. Finalmente, están a piques de dar comezo as obras de construción do aparcadoiro disuasorio na zona de Vilavella, con outros 416.000 euros de recursos do Plan Concellos 2022 para completar a humanización da praza de Ponteareas e habilitar unha zona de esparexemento veciñal.

“A realidade é esta” asegurou a alcaldesa Digna Rivas. “Quen inviste en Redondela é a Deputación; absolutamente ninguén máis”. Rivas amosou a súa satisfacción por poder completar a transformación da avenida de Santa Mariña, “que urxía”, e a “grande transformación” na Picota, “unha das zonas máis esquecidas de Redondela, pola que pasa o Camiño de Santiago”.  Finalmente, en relación ao aparcadoiro de Vilavella, reivindicou o derrubo da nave para completar o embelecemento desta entrada ao pobo.

“Obras son amores: feitos, realidades”

“Obras son amores, feitos, realidades… Eu podo vir aquí a falar de feitos, de apoio a esta vila tan importante, para poñer na balanza como actuamos unhas e uns e como actúan outras/os” asegurou a presidenta, que non dubidou en rexeitar a visita realizada esta mesma mañá pola ex-ministra de Fomento, Ana Pastor, e do ex-alcalde, Javier Bas. “Resulta curioso que Ana Pastor, a raíña das promesas incumpridas, e Javier Bas, o noivo á fuga de Redondela, se atrevan a vir a falar aquí para esixir ao Goberno do Estado investimentos que, por certo, están en marcha como os arranxos dos camiños de Chapela. É vergoñento e inexplicable. Xa está ben de que intenten tomarnos o pelo, de dar roldas de prensa sen ofrecer explicacións por non ter investido nada cando Rajoy gobernou durante oito anos. É un escándalo, un descaro”.

Carmela Silva referiuse resumidamente aos incumprimentos de Pastor en Redondela e en toda a provincia: “os proxectos quedaron esquecidos en caixóns, paralizados e ata algúns desapareceron”. Preguntouse tamén pola falta de execución dos anuncios do no de Bombeiros, en Pontevedra; a vía verde en Arcade ou o enlace da alta velocidade ferroviaria por Cerdedo ou a saída Sur de Vigo cara Portugal. Preguntouse tamén polos convenios electorais asinados pola Xunta co ex-alcalde, Javier Bas, como o da avenida Mendiño “que, agora mesmo, están a ser incumpridos”. “Xa está ben. Creo que nos toman por bobas e bobos”.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou o distinto xeito de traballar dunha Deputación que asigna recursos, ano tras ano, e unha Xunta de Galicia que nin sequera cumpre o que asinou en 2019. “Queda un pouco raro que se mude por completo a avenida de Santa Mariña, que xa está en obras, ou o barrio da Picota e, sen embargo, a avenida de Mendiño, que era un compromiso da Xunta de Galicia co anterior alcalde, sega sen arranxarse”. A alcaldesa recalcou que o Concello de Redondela “fixo os deberes” do convenio da avenida de Mendiño, pero nin así. “Ogallá que a Xunta collera o exemplo da Deputación”, lamentou.

O Porriño ampliará o seu punto limpo

O Concello do Porriño proxecta a ampliación do punto limpo municipal, sito no polígono industrial de A Granxa. A actuación requerirá unha inversión de 144.000 euros, dos cales 129.000 euros serán asumidos pola consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia que vén de conceder á entidade local unha subvención por este importe no marco das axudas a actuacións en materia de recollida de residuos especiais.

“O obxectivo deste proxecto é duplicar a capacidade actual do punto limpo, mellorando así a xestión dos residuos especiais de competencia municipal, ademais de permitir asumir posibles residuos que sexan autorizados no futuro”, explicou a concelleira de Medio Ambiente e Urbanismo, Antía Carrera.

 Para iso ampliarase a superficie a 2000 m2 na cara norte, ao que habería que sumar outros 300 m2 para un novo acceso de vehículos desde a vía pública. Deste xeito, por unha banda quedaría liberado o espacio ocupado actualmente por contedores nas plataformas de circulación, facilitándose así as manobras dos vehículos pesados e por outra banda podería aumentarse aproximadamente ao dobre a capacidade de residuos a tratar ou almacenar.

Neste novo espacio construiríase tamén unha ampliación da plataforma elevada e construiríase tamén unha nova plataforma inferior de manobras aumentando o volumen almacenable actual de residuos xa autorizados e para a recolllida futura de novos tipos de residuos.

“Trátase dunha actuación importante que permitirá mellorar a eficacia na xestión dos resíduos, á vez que se incentiva a reciclaxe e se evita o verquido incontrolado de certos residuos”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, “As instalacións que proxectamos permitirán duplicar o volumen de residuos que se recollen e catalogan para poder xestionalos de maneira responsable e respectuosa co medio”.

O cinema chega a Tui este venres coa proxección do filme ‘Cuñados’

0

Este venres, 11 de novembro, ás 19.30 h, no Teatro Municipal de Tui haberá cita cinematográfica e cómica da man do filme ‘Cuñados’, unha película dirixida por Toño López.

Xosé A. Touriñán (Sabonis) e Miguel de Lira (Eduardo) dan vida aos cuñados protagonistas do filme, que meten a pata nun dos seus negocios e precisan moito diñeiro. A eles únense os actores Federico Pérez, Eva Fernández, Iolanda Muíños, María Vázquez e Mela Casal, entre outros.

A historia continúa cun secuestro do cuñado da empresaria que os enganou e os deixou tirados perpetrado polos dous protagonistas. Só hai un pequeno problema: Alicia Zamora, a empresaria, non pensa pagar nada polo seu irmán político. Así, o secuestrado urde un novo plan co que Eduardo e Sabonis poderán salvar a adega familiar. Estes tres cuñados o teñen todo para fracasar pero, como diría Sabonis, “malo será”.

Cunha duración de 90 minutos, ‘Cuñados’ está recomendada para maiores de 10 anos. As entradas teñen un prezo de 6 euros, sendo de 4,5 euros, con descontos para os posuidores do carné xove, carné de estudante, da Biblioteca de Tui, familia numerosa, carné de discapacidade, desemprego ou xubilación e menores de 12 anos. Poden mercarse en tui.gal até media hora antes do inicio da función.

Toda a información deste outono de teatro en Tui pódese consultar na web tui.gal e nas redes sociais do Concello.

A Xunta premia o talento musical da redondelá Lara Álvarez

0

A Xunta de Galicia celebrou este domingo nas instalacións do Playa Club da cidade herculina a fase final da especialidade de Música do certame Xuventude Crea 2022, que reuniu a oito artistas e grupos de diferentes partes de Galicia. A través deste programa, o Executivo autonómico pon en valor o talento e capacidade da mocidade galega en distintos ámbitos artísticos.

O primeiro premio foi para o grupo ‘Faíscas’, formado por Lara Álvarez Álvarez, de Redondela, e o vigués Brais Fernández Pombo. Os temas que interpretaron en directo e cos que resultaron gañadores foron A flor e Vals de Traspielas.

En segundo lugar quedou a coruñesa Iria Vilas Iglesias, cos temas Hvergelmir e Gjoll. E en terceira posición quedou o grupo ‘Cantometrics’, cuxos compoñentes son: Marina Fernández Vigo, de Vigo; Luís Sánchez Bolón, de A Coruña; Sandra Pérez Míguez, de Tui; Nébeda Piñeiro Barros, de Bueu e Iago Camaño Lagoa, de Cagas do Morrazo. Os títulos dos dous temas que tocaron foron: Maios e Manuel do Campo.

Os gañadores recibirán unha gratificación repartida de 3000 euros; 1500 os segundos clasificados e 1000 os que quedaron en terceira posición.

Máis de 4000 premiados

Máis de 4000 mozas e mozos de entre 16 e 30 anos foron premiados nas trece edicións que se levan celebradas do Xuventude Crea, que acumula preto de 3000 proxectos creativos e obras presentadas.

Na edición deste ano 2022 participan un total de 350 artistas con 280 obras que, de novo, contarán con apoio por parte da Xunta de Galicia para dar a coñecer as súas creacións. Todas aquelas premiadas ao longo dos últimos anos exhíbense nun museo dixital recen estreado: www.museoxuventudecrea.gal.

As disciplinas que se premian nesta edición son: teatro, música, novela curta, poesía, videocreación, banda deseñada, arte urbana, moda, deseño de xoias, cociña, danza moderna, creación de videoxogos, fotografía e artes plásticas (esta última comprende as modalidades de pintura e escultura). Cómpre destacar, como novidade neste 2022, o cambio de nome de graffiti a arte urbana para dar cabida ás diferentes expresións neste ámbito, así como a inclusión da modalidade de música clásica dentro de música.

Chega ao Rosal Depoforest

0

O Concello do Rosal e a Deputación de Pontevedra colaboran para desenvolver no municipio o proxecto ‘Depoforest’, un curso formativo centrado na xestión integral e aproveitamento de piñeirais que, como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, ten como obxectivo “mellorar a capacidade de atopar traballo de persoas en situación de desemprego, apostando así ademais pola creación de emprego verde, pola protección do noso monte dun xeito diverso e sostible e polo asentamento de poboación no rural”.

O vindeiro mércores 9 de novembro ás 10.00 horas no Centro Social Polivalente impartirase unha charla formativa sobre este programa formativo gratuíto que está dirixido a persoas desempregadas, facendo especial fincapé en mulleres, mozos e mozas ou maiores de 45 anos que lles interese traballar no sector forestal e no medio natural.

Trátase dun proxecto para a creación de emprego posto en marcha pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Programa Empleaverde da Fundación Biodiversidad. A través desta iniciativa, as persoas interesadas poderán participar nun taller práctico no que se porá en valor a multifuncionalidade dos montes a través dunha xestión innovadora que axuda ao desenvolvemento socioeconómica dos espazos forestais das zonas rurais.

‘Depoforest’ pretende introducir a través da formación os coñecementos necesarios apra esa mellor xestión da superficie forestal a longo prazo e obter un maior beneficio, ademais de introducir actividades económicas que axuden a obter o mellor produto con vistas aos vindeiros 15 ou 20 anos ao tempo que pode ser fonte de ingresos complementarios de xeito máis periódico. Búscase ademais preservar e mellorar os socio-ecosistemas relacionados coa actividade de extracción de resinas naturais, garantindo e potenciando a mixtura de usos, unha innovación centrada nos propietarios e propietarias e comunidades de montes, cun claro retorno sociocultural, económico e ambiental, mantendo os servizos ecosistémicos e o desenvolvemento rural e facilitando a integración de mulleres e mocidade. “En definitiva, convertendo o medio forestal nunha oportunidade laboral para os veciños e veciñas do noso rural”, recalca a rexedora.

As persoas interesadas en participar na acción formativa poden poñerse en contacto coa organización a través do correo electrónico [email protected] ou do teléfono 886  210 725.

Salvaterra acolle a Feira do viño de Arantei

Os vindeiros días 12 e 13 de novembro celébrase a XXII Festa do viño novo de Arantei e Salvaterra do Miño, donde repartiranse máis de mil litros de viño gratis. Isto é posible gracias a colaboración dos veciños de Arantei que son os que donan as uvas.

Posteriormente, a comisión de festas de San Roque elabora o viño branco e tinto que se degustará gratis na festa. Para acompañar o viño poderase mercar polbo á feira, orella, callos, empanada, carne ao caldeiro, xamón, etc.

Tamén haberá distintos postos de artesanía de mel, chocolates, cafés, repostería, etc.

Todo isto estará amenizado polos grupos “2 Tipos” e “Top Legends” para o sábado día 12. O domingo día 13 a televisiva Laura Antón abrirá o evento dando lectura o pregón e seguidamente a charanga “Os Imperiais” amenizará o resto da xornada. E xa para terminar, a noite celebrarase un bingo con grandes premios.

Tomiño deu apoio a máis de 4.300 persoas para promover o seu benestar social

0

O Concello de Tomiño segue avanzando ano a ano para garantir que toda a veciñanza poida acceder a unha atención social que lle permita mellorar a súa calidade de vida, fomentando a integración e apostando pola prevención. Só durante o ano 2021 a área de Benestar Social prestou apoio a 4.355 persoas dentro do seu programa de valoración, orientación e información, a través do que se tramitaron numerosas solicitudes relacionadas con persoas maiores, con diversidade funcional e dependencia, con familia e infancia ou con muller, entre outros.

“Facer una balance anual permítenos visibilizar e dar a coñecer á veciñanza todas as tarefas que abarca a área de Benestar Social e o amplo abano de servizos que ofrece a todos os tomiñeses e tomiñesas, así como ver as melloras e os avances que cada ano facemos na conquista do benestar de todos e todas”, explica a alcaldesa, Sandra González.

Entre outras accións postas en marcha por esta área, ao longo de todo o ano pasado 65 usuarios e usuarias participaron no servizo de axuda no fogar con carácter básico, e outros 144 con grao de dependencia. Ao abeiro do programa de apoio á unidade de convivencia e axuda a domicilio tamén se prestaron camas articuladas e grúas a 24 persoas, 16 beneficiarios e beneficiarias están adscritos ao programa Xantar na Casa e outros 36 ao de teleasistencia domiciliaria.

Co obxectivo de promover a integración social e a calidade educativa, o Concello de Tomiño ten en marcha tamén un servizo de educación familiar no que participaron o ano pasado 199 familias con 511 menores a cargo. Ademais, dentro do programa de integración social, 168 unidades familiares percibiron algunha axuda económica de emerxencia.

A concelleira responsable da área de Benestar Social, Cristina Martínez, explica que “é fundamental facer unha diagnose social da comunidade, analizar as súas necesidade e demanda, e deseñar así un plan de intervención en caso de colectivos ou persoas socialmente vulnerables, pero tamén facer unha detección precoz de situacións de risco que nos permitan desenvolver actuacións de carácter preventivo ou de promoción e integración social”.

O Porriño incrementa a axuda a Protección Civil

A Asociación de Voluntarios de Protección Civil do Porriño conta xa cun aumento de 10.000 euros na subvención nominativa anual que recibe do Concello.

Tal e como explicou o concelleiro de Seguridade Cidadá, Abel Estévez, a agrupación de voluntarios contad ende hai máis de 10 anos cunha achega de 30.000 euros que non se modificou durante este tempo resultando insuficiente para manter o correcto funcionamento da mesma.  “Cremos que o Concello debe respaldar a estes voluntarios e voluntarias. Co incremento do custe do material de emerxencias e do combustible neste momento a axuda que recibían non cubre as súas necesidades”, explicou o edil que destacou que con este incremento “resolveríase a situación este ano á espera do novo orzamento do ano que vén. Na nosa proposta de Orzamento xa se incluía este aumento e así se contemplará tamén na do 23”.

Trátase dunha medida de mellora para sufragar o material e medios que precisan para desenvolver as súas funcións nos operativos de prevención e auxilio en situación de emerxencia.

“O traballo dos voluntarios e voluntarias de Protección Civil é encomiable, son sen dúbida un valioso instrumento para a seguridade e protección do Porriño e aumentan a capacidade de resposta que temos antes unha situación de emerxencia”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Son vitais para á cidadanía do Porriño e é o noso deber facilitar o seu labor e dotalos dos medios que necesiten”.

O muralista Manuel Alaníz imparte un obradoiro no IES Proval

0

O IES Proval recibíu o venres ao muralista nicaraguano Manuel Alaníz para ofrecer ao alumnado un obradoiro de debuxo urbano encadrado no proxecto europeo People & Planet.

A actividade foi organizada polo Concello de Nigrán e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade que o alcalde, Juan González, preside. Alaníz representa á Fundación de Apoyo al Arte Creador Infantil (FUNARTE), que emprega a arte para impulsar a participación social da xente nova, facéndoa partícipe do desenvolvemento comunitario.

A través de murais públicos colectivos, avogan ademais polo cumprimento dos seus dereitos. O primeiro contacto de Alaníz coa pintura libre tivo lugar hai máis de tres décadas, cando era un neno de só 11 anos, e a súa traxectoria céntrase no muralismo. Como educador artístico, ten experiencia asemade en Guatemala, Francia, Irlanda, Bélxica ou Palestina. Agora acaba de chegar de Holanda, onde traballou con alumnado de distintos centros educativos sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da man do Consello Nacional para Irmandamentos entre Cidades de Países Baixos e Nicaragua (LBSNN).

Igualmente, Juan González recibíu tamén este venres na Alcaldía do Concello de Nigrán a Antón Leis García, director xeral da ‘Agencia Española de Cooperación Internacional y Desarrollo’ (AECID) para tratar de asuntos xerais sobre a cooperación municipalista, a nova lei de cooperación e que, máis en concreto, vinculan ao Fondo Galego.

Celebración do 25 aniversario da Coral Polifónica de Arbo

0

O acto terá lugar o vindeiro 13 de novembro no Auditorio Multiusos de Arbo ás 18:00 horas.

A Coral Polifónica de Arbo foi fundada no ano 1996, coa finalidade de contribuír á difusión do  canto tradicional e popular no seu máis pura esencia, creando unha unión con outros pobos e outras culturas, contando sempre co apoio do  Concellode Arbo.

Está composta por voces mixtas, e dende o seu inicio esta dirixida por D. Víctor Fernández  Nogueiras, gran profesional da música e gran experto en dirección  de masas corais.

A Coral de Arbo empezou a súa actividade participando en misas e concertos a nivel local e comarcal.

A medida que a súa formación foise consolidando, as súas actuacións foron máis relevantes, chegando a percorrer moitos pobos e cidades de Galicia  e moitas outras de España.

Formou parte da Organización de  Encontros  Internacionais  do Baixo Miño, que cada ano celébrase en distintas cidades de Galicia e Portugal.

Realizou varios concertos acompañando á banda municipal de Arbo, interpretando concertos  liricos,  opera, musicais,e etc… sendo colaboradora no Certame  Galego de  Corais Vila de Arbo que organiza o  Concello e noutros moitos actos.

Dende o Concello de Arbo, desexan larga vida á Coral Polifónica de Arbo.

SmartPeme arranca esta semana con seis novos obradoiros

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana catro novas formacións impartidas de xeito online, enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As accións tratarán temas como a importancia das copias de seguridade, gañar subscritores grazas a un lead magnet, aproveitamento do Tik Tok nas empresas e programación con Arduino.

Este luns 7 de novembro, Manuel Freire, experto en Robótica, programación e impresión 3D, será o encargado de impartir o curso “Ciberseguridade, copias de seguridade”. O obxectivo deste obradoiro é dar a coñecer  a importancia de ter os datos nunha copia de seguridade para evitar situacións de perda ou roubo.

O martes 8, a Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, Fátima Faílde, impartirá  o taller “Infoprofutos II: Deseña un lead magnet para aumentar os teus subscritores”. Explicará como aumentar os contactos a través dos chamados “lead magnet”, regalos ou incentivos fundamentais para o crecemento óptimo de calquera negocio. Tamén se afondará en como deseñalos e incluír un formulario de subscrición na web para facer medrar as listas.

O mércores 9 de novembro, María Aller, postgraduada en Comunicación Corporativa, contará como sacarlle ó máximo partido a unha das redes sociais máis populares do momento: Tik Tok, que se converteu nunha ferramenta moi interesante para marcas e empresas. Todo este contido no obradoiro “Como usar Tik Tok na túa empresa”.

Finalmente, o xoves 10, impartirase o taller “Programación con Arduino II. Teórico I”. Este curso forma parte dun itinerario que ten como obxectivo  de iniciarse e adquirir soltura cunha das linguaxes de programación máis populares actualmente como é Arduino, mediante talleres teóricos en liña e talleres prácticos para experimentar o aprendido. Esta formación componse de 5 talleres, 3 deles teóricos online e 2 prácticos presenciais de 4 horas. O curso será impartido, de novo, por Manuel Freire.

Henrique Dacosta, «O estraño caso da bicicleta amarela»

Henrique Dacosta vén de entregar ao prelo unha nova proposta narrativa. E digo “narrativa” e non digo ben, pois este volume, «O estraño caso da bicicleta amarela», leva o clarificador subtítulo de «Oito contos e unha traxicomedia» e tal é o contido da obra: oito relatos breves de extensión variable e unha pequena peza teatral, a primeira da que teñamos constancia e da que falaremos máis adiante.

A parte central da obra son, xa que logo, oito relatos dispares, mais que teñen varios elementos en común. O primeiro e máis evidente é a presencia espacial de Ferrol, a súa patria chica e que, como en boa parte dos seus traballos, adquire un papel esencial na narración, coma se fose unha personaxe máis. A cidade, co seu pasado mariñeiro e militar, convértese nun espazo que reflicte a realidade cotiá tan presente nas historias relatadas, máis que tamén dá pé a elevar o contido cara á idealización da cidade soñada e do seu entorno. E velaí o segundo elemento común: a perfecta mistura entre o mundo real e un mundo onírico que se evidencia nalgúns dos relatos que compoñen o volume. Partindo da realidade, Dacosta dálle forma a tramas nas que a fantasía atopa un lugar no que sentirse cómoda.

Outro elemento común a todos eles é a presencia da infancia ou de elementos vinculados a ela. Amosa, deste xeito, certa querencia por un pasado que ás veces resulta idealizado pola narrativa e outras reflicte nostalxia, amizade, aventura ou inquedanza. Unha viaxe retrospectiva ata un tempo de formación como persoas, a ese paso á idade adulta que intuímos alicerzado polas vivencias anteriores do propio autor ou do seu entorno máis próximo.

Mais sendo todo iso elementos de interese nesta nova proposta literaria de Dacosta, gustaríame determe un chisco nesa “traxicomedia” coa que se pecha a colección, pois supón un elemento de ruptura total con todo o que acabamos de ver. Aquí saltamos da narrativa ao teatro; do Ferrol natal, ao camposanto da Habana; dun tempo presente ou, cando menos, cercano, aos estertores do século XIX; do realismo do que parten os relatos anteriores, a mergullarnos nunha ensoñación onírica, mesmo pantasmal; das vinculacións á nosa mitoloxía (mesmo relixiosidade) local, a participar nun rito ioruba haitiano; incluso dun contexto desvinculado do humorismo, a unha farsa cómica e retranqueira… Como vemos, Dacosta decide escapar temporalmente da súa zona de confort para enfrontarse a todo un reto do que é quen de saír airoso e que nos permite aventurar que o autor ben podería presentar algunha nova aportación dramática no futuro. Claro que isto non é máis ca especulación…

Henrique Dacosta

«O estraño caso da bicicleta amarela»

Belagua

Arbo mellorará o vial da Rocha

0

O Concello adxudicou as obras  de mellora dun camiño municipal no lugar de Rocha en Arbo, que se financiará a través do Plan Marco da Consellería do Medio Rural.

O investimento total é de 54.919,63 € (IVE 21 % incluído), dos cales a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia aporta 45.388,13 € e os 9.531,49 euros restantes son con cargo a fondos propios do Concello, un orzamento co que se executarán actuacións de acondicionamento do pavimento e mellora de servizos  do trazado para unha maior seguridade viaria.

Con esta actuación preténdese resolver os problemas de dar un servizo digno a unha serie de parcelas agrícolas a través dun camiño municipal actualmente estreito e con zonas de pavimento en mal estado.

Os camiños rurais facilitan a accesibilidade as parcelas agrarias, que no caso de Arbo esta adicada maiormente ao cultivo da viz, polo que con esta mellora no Vial de A Rocha se facilita o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias o que axuda a unha maior axilidade das operacións, un maior servizo para os veciños e veciñas e unha redución de custos e dos tempos na realización das tarefas propias da actividade agraria – manifesta o alcalde de Arbo – Horacio Gil

As obras a realizar segundo memoria redactada consisten na roza do terreo, demolición e realización do movemento de terras necesario, escavacións e  terraplenados, así como a carga e transporte do material sobrante a entulleira, execución de muros de cachotería, entubado das augas de rega, e pavimentación final condicionado polas pendentes

No marco das súas funcións, correspóndenlle a Xunta, entre outras, o deseño e a implementación de estratexias e plans integrais para o

desenvolvemento e a xestión do territorio rural que coordinen actuacións de diversa natureza e conten coa participación dos axentes públicos e privados, así como contribuír ao

reforzo do tecido social e á mellora da capacidade organizativa das áreas rurais.

Neste contexto, informa o edil do Concello de Arbo, Horacio Gil,  cómpre o Concello de Arbo promover accións encamiñadas á execución de obras para conservar e mellorar as infraestruturas rurais, que xeran cohesión social e territorial, mellorando as condicións devida e traballo no medio rural.

Ponteareas, protagonista do último obradoiro Ágora

O Concello de Ponteareas será o vindeiro xoves 10 protagonista e escenario do último  ‘Obradoiro’ desta edición da Facultade Ágora da Deputación. Esta iniciativa formativa pretende achegar recursos ao persoal técnico e político dos concellos da provincia co fin de recuperar espazo público para as persoas e, neste caso, representantes de diferentes municipios da provincia visitarán a vila do Condado para facer unha análise das obras realizadas ‘in situ’ e, co caso local como exemplo, aprender xunto á especialista Paula TEles cales son as mellores fórmulas para priorizar ás persoas fronte os vehículos.

Segundo explica o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez, o obxectivo dos ‘Obradoiros Ágora’ será adquirir coñecementos técnicos de forma concreta e práctica, visibilizar como se vai plasmando a filosofía Ágora no espazo público dos ‘Concellos Ágora’ e  adquirir formación mediante o debate colectivo e en grupo. Ata o de agora, os ‘Obradoiros Ágora’ da Facultade Ágora pasaron por A Estrada, Vilagarcía e tomiño. 

Coma nas anteriores edicións, nesta última sesión, aplicarase unha metodoloxía innovadora para que tirar o máximo rendemento. Haberá unha deriva de observación, debate colectivo en grupo e visitas comentadas a espazos reformados con diferentes solucións.

Entre as zonas que se analizarán estarán o núcleo da vila, no que se teñen realizado actuacións de urbanismo táctico e tamén obras definitivas en lugares como a Praza Maior, a Praza Bugallal ou a contorna do Mercado. Tamén se falará de proxectos como os das rúas Constitución, Concha Brey, Senén Cándido, Reveriano Soutullo, ou Morales Hidalgo, entre outros, xa que todos eles seguen a filosofía Ágora.

A Observadora Ágora que estará presente en Ponteareas e fará as súas achegas externas será a arquitecta Paula Teles, quen xa participara como relatora na anterior da Facultade Ágora falando de como facer recuperar vilas e cidades para a cidadanía.

Neste caso, ademais de ser unha nova ocasión para coñecer fórmulas de traballo, o obradoiro terá para a Deputación un compoñente sentimental, xa que inicialmente ía participar nel como persoa relatora o intendente da Policía Local Benigno Moldes, recentemente falecido, quen ía explicar como se defende e actúa no espazo público. Seguir adiante co obradoiro suporá unha homenaxe e recoñecemento ao seu traballo.

Salceda solicita á Xunta de Galicia a mellora do transporte público

O tres partidos que conforman a corporación municipal de Salceda aprobaron por unanimidade, no pleno do pasado xoves 27 de outubro, unha moción conxunta na que reclamaron á Xunta de Galicia que revisara o contrato de explotación do transporte público, para acadar un mellores horarios que satisfagan as necesidades da veciñanza de Salceda. Dita moción tamén esixía que todas as modificacións nas liñas que afecten a Salceda sexan comunicadas pola empresa adxudicataria do transporte, en tempo e forma, para que non provoquen prexuízos ás persoas usuarias do transporte público.

Os últimos procesos de licitación non fixeron máis que empeorar a calidade do servizo reducindo frecuencias e eliminando liñas. A última empresa adxudicataria prestou dende os inicios un servizo deficitario e iso a pesar de que dende o concello se presentaron alegacións para a mellora do transporte aos centros de ensino que foron aceptadas. A reanudación do servizo despois da pandemia tampouco axudou a que mellorara a calidade do mesmo senón que aínda empeorou máis.

A realidade do Transporte en Salceda e que se conta tan so con cinco liñas de ida a Vigo pola maña e catro pola tarde e dúas de volta pola maña e cinco pola tarde. Nas fins de semana o servizo restrínxese e so están dispoñibles dúas liñas de ida e dúas de volta diarias, o que empobrece moito a oferta de transporte público dispoñible.

As portavocías dos tres partidos salientaron nas súas respectivas intervencións, a importancia de recoñecer as carencias do transporte no concello, a falla de calidade no servizo e a necesidade de reclamar de forma conxunta á Xunta de Galicia e a empresa adxudicataria melloras e solucións, co obxectivo de acadar un transporte público para Salceda que estea á altura das súas necesidades.

A Guarda rende homenaxe á Marea Branca no 20 aniversario do Prestige

0

O Concello da Guarda realiza o vindeiro domingo día 13 de novembro unha homenaxe á Marea Branca no 20 aniversario do afundimento do Prestige fronte á costa galega, nun acto moi emotivo que terá lugar no Miradoiro adicado á Marea Branca na estrada de Circunvalación ao Monte Santa Trega ás 12:30 h.

O 13 de novembro de 2002, o petroleiro monocasco Prestige colapsaba diante das costas galegas, iniciándose una cadea de infortunios que provocou finalmente o seu afundimento o día 19 dese mesmo ano, co conseguinte desastre e lamentable desenlace para todo o medio ambiente.

Foron moitas as persoas que, desinteresadamente, participaron nas dificultosas tarefas de limpeza da costa galega, unha acción que pasou a chamarse “Marea Branca” e á cal na Guarda se lle rendeu homenaxe no ano 2012 coa inauguración do monumento coñecido coma Miradoiro da Marea Branca na estrada de Circunvalación ao Monte Santa Trega, moi preto do barrio de Fontequente, unha acción promovida polo veciño de Oia Xabier Garrido e que contou tamén co apoio do Concello da Guarda e empresas privadas.

Neste 20 aniversario da catástrofe, o Concello da Guarda quere lembrar e homenaxear  a todas esas persoas que participaron na Marea Branca, facendo posible que a costa galega recuperase a normalidade, esquecendo as fortes imaxes das rochas e aves mariñas tinguidas de negro polo chapapote.

O vindeiro 13 de novembro, neste acto de homenaxe á Marea Branca, o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, será o encargado de dar lectura a un Manifesto, redactado por Manuel Campo Vidal, nun acto no que tamén intervirán Silvia Crespo, Patroa Maior da Confraría de Pescadores Santa Tecla e Xabier Garrido, promotor da iniciativa de crear este monumento adicado á Marea Branca na Guarda.

Será un acto moi emotivo, con acompañamento musical e aberto a toda a cidadanía Guardesa.

O Porriño acolleu a final da Liga de Baloncesto Adaptado

O Porriño acolleu a xornada final da XXVI Liga Galega de Baloncesto  Adaptado. Máis de 120 deportistas déronse cita no polideportivo municipal para pechar a clasificación da competición organizada pola Federación Galega de Deporte Adaptado.

En total disputáronse 12 partidos nos tres campos habilitados. Xogadores e xogadoras do San Rafael , Celta Integra, Aspanaex, Saiar, San Rafael, Aspavi, Celta Integra Saladino C.B, Aspanaex, Mendez Núñez, Saladino C.A. e Asdan saltaron á pista para resolver o campionato nas diferentes categorías.

O equipo do Asdan impúxose finalmente na categoría Competición, seguido do Celta Integra e o San Rafael en segundo e terceiro posto, respectivamente.

Na categoría Adaptada o Aspanaex liderou a clasificación e Saiar e Saladino CB completaron o podio.

Nigrán inicia un asfaltado histórico que abrangue 51 rúas

0

O Concello de Nigrán arrancou esta semana un plan de asfaltados histórico que abrangue 51 rúas das 7 parroquias cun investimento de 633.127,28 € a cargo do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra. Estos traballos foron adxudicados á empresa Narom S.L e estarán finalizados en menos de 3 meses coa conseguinte mellora da calidade de vida de toda a veciñanza e da seguridade viaria do municipio.

Adicionalmente, continúan as obras en Otero Pedrayo por importe de 1,3 millóns e nas vindeiras semanas arrancarán os traballos para humanizar tamén a rúa Mestra Emérita (Priegue) cun investimento de 309.127 €. Ademais, o Concello está actualmente a tramitar un segundo plan de asfaltados cun orzamento de 592.292 € cargo ao Plan Concellos 2023 e que tocará a outras 33 rúas

“Estamos sen dúbida ante o maior plan de asfaltados da Historia do Concello de Nigrán ao que seguirá outro case igual de ambicioso. Se sumamos Mestra Emérita e Otero Pedrayo falamos dun investimento de 2,2 millóns ao que se sumarán outros 592.000 no 2023”, explica o alcalde, Juan González, quen engade que “todas estas estradas tiñan en común o mal estado do firme coa conseguinte demanda de renovación por parte da veciñanza”.

Así, segundo recolle o propio proxecto redactado polo enxeñeiro Roberto Aya, todas estas rúas se atopan en moi mal estado de conservación, presentando baches, fisuras, degradación da capa de rodadura ou vexetación nos bordes, polo que serán reasfaltadas por completo (algunas son rúas de terra, como Cochos ou Regueiro da Brava, e se verán melloradas con este firme). Ademais, renovarase a sinalización horizonal e se intalarán reductores de velocidad nos tramos máis sensibles.

“En definitiva, suporá un cambio radical na mellora da seguridade viaria de estas estradas e na propia calidade de vida da súa veciñanza”, resume o rexedor.

Os caminos que comprenden este plan de asfaltados son:

  • Priegue: Pedrosas, Comesaña, Cea, PO-235 e Abetos
  • Panxón: Cansadoura, Camiño das Barxas, Filgueira, Cacheiro, Rabadeira, Gorféns, Panasco, Arquitecto Palacios, O Noso Camiño e A Barcalleira.
  • Camos: Reboreda, O Regueiro da Brava, Cano, Fontenla, Tarela, Outeiro, Preira, Rial, Igrexa, Sobral, Costas, Fontes.
  • Parada: Gándara, Porto do Molle, Casanova
  • San Pedro: Cocho de Cotros, Estrada pola Vía, Estripeiro, Gobernador, Viso, Tobeira, Francisca Lago, Souto, Cabreira, Salgueira, Xunqueira, Pisco, Pousa e Lameira.
  • Nigrán: Praia América, Maceiras, Castelao, Ferreiro, Casas
  • Chandebrito: Tomadas

A Deputación celebrará o Día das Escritoras cun encontro literario

A sede da Deputación en Vigo celebrará o vindeiro venres, 11 de novembro, o Día das Escritoras cun encontro literario das mulleres asinantes do “Manifesto de Soutomaior”. “Imos xuntarnos ese día –informou a presidenta Carmela Silva- para tomar decisións moi relevantes e novidosas”, entre as que anunciou a posta en marcha duns premios literarios e un concurso escolar de relatos. Tamén se descubrirá a “grande sorpresa artística” coa que se conmemorará a celebración, unha escultura que se instalará no exterior da sede viguesa da institución e que tamén terá réplica nos xardíns do Pazo provincial en Pontevedra.

Se o pasado ano o Castelo de Soutomaior foi o punto de encontro dun grupo de 19 mulleres da escrita e da cultura que, da man da Deputación de Pontevedra, celebraron por vez primeira o Día das Escritoras e culminou coa histórica sinatura do “Manifesto de Soutomaior”, neste 2022 será a sede de Vigo o escenario da xuntanza. Será un auténtico “encontro literario no que se continuarán dando pasos cara a igualdade das mulleres na escrita” detallou Carmela Silva. Así, entre as iniciativas que se van impulsar atópase a posta en marcha duns premios literarios para o 2023 cuxo nome, número de premios que se van entregar e recursos que se van destinar definiranse durante o encontro.

Tamén durante a xuntanza acordarase o lanzamento dun concurso escolar de relatos para premiar “as mellores redaccións centradas na igualdade e na loita contra a violencia de xénero” elaboradas por alumnas/os de educación secundaria de centros educativos da provincia. Ademais, o encontro servirá para dar conta do avance da creación dunha biblioteca dixital de mulleres ou definir un concurso de composición musical centrado en poetas galegas.

Dende hai sete anos a Biblioteca Nacional de España, en colaboración coa Asociación Clásicas y Modernas, organiza a celebración do Día das Escritoras, unha iniciativa que ten o obxectivo de reivindicar o labor e o legado das escritoras ao longo da historia.   

A oficina de turismo de Tui atendeu preto de 2.700 visitantes en outubro

0

O pasado mes de outubro Tui continuou sendo un importante punto de referencia turística na comarca e na provincia de Pontevedra. Durante este mes, un importante fluxo de turistas e peregrinos dinamizaron a actividade turística da cidade que se viu reflectida no número de visitantes da Oficina Municipal de Turismo. En total foron 2.659 os visitantes atendidos ao longo de outubro.

Analizando estes datos extráese que do total de visitas, 842 eran peregrinos e peregrinas que realizaban o Camiño de Santiago dende Tui ou como punto de paso. 425 destes camiñantes tiñan procedencia internacional e 417 eran nacionais. No que atinxe ás procedencias dos peregrinos, no caso dos estranxeiros, os principais países de procedencia son: Alemaña (85), Estados Unidos (52), Italia (45), Portugal (32), Australia (23), Colombia (27), Reino Unido (15) e Israel (12). Pola súa banda os peregrinos españois chegaron dende Madrid (90), Barcelona (44), Valencia (37), Málaga (33), Pontevedra (28), Las Palmas (18), Sevilla (16) e Baleares (16).

Pola súa banda, os turistas atendidos na Oficina Municipal de Turismo foron 1.817. Trátase maioritariamente de turistas de orixe española, con 1.667 persoas atendidas que chegaron dende: Madrid (273), Barcelona (181), Pontevedra (174), León (133 ), Navarra (77), Málaga (72 ), Xirona (61 ) e Biscaia (58). Con orixe estranxeira, os turistas atendidos foron 150, que chegaron dende os Estados Unidos (20), Italia (32), Portugal (40), Reino Unido (36), Francia (13), Alemaña (10) e Colombia (7).

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salienta como a afluencia de visitantes á nosa cidade segue a manter un alto ritmo, como acreditan estes datos da Oficina Municipal de Turismo que unicamente recolle unha porcentaxe dos visitantes. O sector turístico, engade o rexedor tudense, reforza o seu vigor e dinamismo que repercute positivamente no desenvolvemento socio-económico do municipio e contribúe de xeito moi eficaz ao posicionamento de Tui no mercado turístico.

Mes cultural en Nosa Terra de Pereiras

0

A Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras organiza o seu mes cultural que comezará hoxe sábado, 5 de novembro, co monólogo de Hermen & Gildo ás 20.30 horas.

A programación continuará o 12 de novembro cunha andaina ás 18.30 horas seguida de magosto ás 21.00 horas, amenizado musicalmente polas Pandereteiras de Tangaraño.

O 19 de novembro ás 20.30 horas actuará o Grupo de Teatro Celado de Cela. E como remate final, o 26 de novembro celebrarase unha gran foliada a partir das 18.00 horas.

Sae a licitación para a rehabilitación do Centro Cívico da Praza Maior de Ponteareas

Ponteareas avanza na creación do futuro Centro Cívico na Praza Maior, un espazo rehabilitado que porá a disposición de tecido asociativo e veciñanza máis de 900 metros cadrados para servizos municipais e actividades sociais. O Concello acaba de sacar a licitación esta obra que, como sinala a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, “permitirá dinamizar a Praza Maior e a súa contorna, favorecendo a revitalización urbana e comercial do centro histórico e ofrecendo ás e aos ponteareáns un espazo único no centro da vila”.

“Traballamos para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, tamén a través deste proxecto innovador para poñer en marcha novos equipamentos públicos no corazón de Ponteareas, unha ferramenta verdadeiramente importante para a cohesión social dunha vila como a nosa. Unha dotación de servizos básicos e equipamentos para a veciñanza que ten especial relevancia na contorna na que vai nacer este novo Centro Cívico, cun alto número de edificacións desocupadas ou nun estado deteriorado que queremos recuperar”, destaca a rexedora.

As obras contemplan os traballos de rehabilitación do edificio, que contará con espazos para servizos municipais e actividades sociais, como zonas para a mocidade, salas de reunións, espazos para obradoiros e cursos, servizo de atención temperá ou unha oficina de información. O proxecto de obra inclúe un estudo de accesibilidade elaborado en colaboración con COGAMI para adecuar ás instalacións á realidade de persoas con mobilidade reducida. Ademais, o Concello está a traballar tamén co tecido asociativo así como co Consello da Infancia e Adolescencia para definir o destino das instalacións e axeitalo ás necesidade reais de Ponteareas.

A través deste proxecto o Goberno municipal do BNG-PSOE rehabilitará un edificio do centro histórico para “poñer en marcha servizos ata agora inexistentes, o que permitirá dinamizar a zona vella, tanto na contorna da Praza Maior como nas principais rúas que conectan con ela. Iso implicará ademais ampliar os usos comerciais e de servizos máis alá do uso hostaleiro actualmente predominante nesta praza”, explica a segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote.

A licitación sae por un importe de máis dun millón de euros. O Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’ cofinanciará a actuación con 633.000 euros, mentres que o Concello achegará máis de 400.000 euros a través de fondos propios, dos que 243.000 corresponden ao Plan Concellos  2023 da Deputación de Pontevedra.

As entidades ou persoas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 23 de novembro ás 23.59 horas.

Máis de 6.000 vivendas de Gondomar xa dispoñen das novas placas identificativas

0

O proceso para identificar as vivendas e inmobles de Gondomar, chegou  a súa última fase. Tras un arduo traballo de identificación de todas as vivendas a través dun estudo que correxiu aquelas numeracións incorrectas, e en algúns casos incluso duplicadas, iniciouse o pasado mes de xuño a colocación de forma gratuita de 6.100 placas identificativas.

En palabras do Alcalde Paco Ferreira “esta iniciativa tivo como obxectivo principal facilitar a correcta identificación de todos os inmobles para os servizos de notificación, reparto, servicios de ambulancias e emerxencias ou taxis, que deste xeito poderán localizar calquera vivienda sen dificultade, sendo así tamen unha axuda para a actividade económica da vila xa que calquera negocio ou comercio que precise enviar un pedido a un cliente, non terá problemas a hora de identificar o destino, algo que viña sucedendo con moita frecuencia”.

Ademáis o rexedor quiso destacar que “ao unificar a estética das placas, cun deseño atractivo e moi visible, seguimos dando pasos para que Gondomar sexa cada día unha vila máis amable e atractiva, tanto para os que residen nela como para quenes nos visitan”

Asimesmo este traballo permitiu a actualización de toda a cartografía municipal, que estará dispoñible a través da páxina web do concello e no que están identificadas cada unha das vivendas e parcelas do municipio, a través dunha plataforma GIS, a tamén permitrá a actualización dos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE).

Paralelamente o Concello está actualmente a traballar  na actualización do inventario municipal de bens e camiños, que será dixitalizado e posto a disposición tamén na web municipal.

Nas próximas semanas comezará a instalación de novas placas cos nomes de todas as rúas de Gondomar, cun deseño unificado e coa utilización de materiais moi respetuosos cos inmobles con valor histórico e aquitectónico, e que sen dúbida “mellorarán a estética da vila e axudarán a cantos nos visten a identificar correctamente as nosas rúas” indicou o alcalde.

Por último todas ás rúas e camiños identificados serán etiquetados coa su numeración correspondente na plataforma de Google e deste xeito se poderá localizar correctamente calquera vivenda de Gondomar de xeito inmediato, o que faciltará moito o traballo dos servizos postais, de notificación, de reparto, de transporte ou de emerxencias.

O campamento de Nadal de Rosal abre o prazo de inscrición

0

O Concello do Rosal xa está preparando todo para que os nenos e nenas poidan desfrutar dunhas vacacións de Nadal chea de actividades. O vindeiro luns 7 de novembro ás 09.00 horas abre o prazo de inscrición para participar no campamento de Nadal, unha iniciativa que, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “busca axudar a rosaleiros e rosaleiras a conciliar a vida familiar e laboral a través de distintas actividades educativas e lúdicas coas que dinamizar o tempo libre dos seus fillos e fillas tras o remate do período lectivo”.

Este campamento de Nadal desenvolverase os días 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e os días 2, 3, 4 e 5 de xaneiro de 08.45 a 14.15 horas e está orientado a nenos e nenas matriculados en 4º, 5º ou 6º de educación infantil ou en educación primaria neste curso escolar, tanto empadroados e empadroadas no Rosal como non empadroados pero que o seu pai, nai, titor ou titora traballe ou posúa un negocio no municipio. O prazo de inscrición rematará o martes 22 de novembro ás 14.00 horas.

Haberá un total de 20 prazas, reservándose dúas para nenos e nenas que precisen dun apoio específico derivado dalgún tipo de diversidade funcional ou doutra patoloxía. A actividade terá un custe de 20 euros por participante e desenvolverase en instalacións municipais.

As solicitudes deberán presentarse por Rexistro de Entrada no Concello do Rosal ou por Sede Electrónica xunto coa autorización de recollida do ou da menor; un cuestionario de saúde e autonomía persoal; fotocopia do DNI do pai, nai, titor ou titora e do libro de familia; unha vida laboral actualizada; o certificado de recoñecemento de discapacidade da ou do participante en caso de telo; ou certificado de monoparentalidade ou título de familia numerosa en caso de darse algunha destas dúas circunstancias.

O Concello elaborará unha listaxe de persoas admitidas e de reserva en función da puntuación obtida en base ás seguintes variables: por traballo de ambos membros da parella ou titores legais, 2 puntos; por traballo dun dos membros, un punto; por familia monoparental, dous puntos; e por pertencer a familia numerosa, dous puntos. A puntuación máxima será de 5 puntos.

A Deputación continúa coa aposta pola dixitalización do comercio de proximidade

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar hoxe os expedientes de contratación para adxudicar dúas novas subministracións de accións para os proxectos “Da túa man” e “Commerce Inside”, dous proxectos europeos auspiciados pola Administración provincial cos que “pretendemos vincular turismo e apoio ao comercio, tanto nos municipios máis turísticos como nos do interior”, como explicou Carmela Silva, ao tempo que lembrou que son unha proba mais de que “si que están chegando recursos dos fondos NextGenerationEU” desde o gobernó de España. Os programas, que contan cun orzamento global superior aos dous millóns de euros, dos que 70% corresponde á achega europea, o 15% á Deputación e o 15% restante aos concellos, contemplan accións que repercuten directamente en 21 concellos.

En concreto, “Commerce Inside” se está a realizar en Baiona, A Guarda, Bueu, Tui, Soutomaior, Caldas de Reis, Nigrán, Sanxenxo, Cambados e O Grove, dez municipios cun perfil moi turístico para que “as persoas visitantes poidan desfrutar dos produtos locais e enriquecer a súa experiencia turística ao tempo que apoiamos o comercio”. Pola súa banda “Da túa man” desenvólvese en Silleda, O Rosal, Tomiño, Moaña, A Cañiza, Poio, Ponte Caldelas, Meaño, Ribadumia, Gondomar e Salceda de Caselas e pretende “impulsar o comercio e a transformación dixital dos negocios. En palabras da presidenta da Deputación, “son dous programas moi potentes aos que definen dúas palabras: dixitalización e sostibilidade”

Para continuar avanzando en ambos proxectos, a Administración provincial busca agora contratar a subministración de packaging sustentable e reutilizable, xa que “hai que desbotar o plástico e todo aquel empaquetadoque non é sustentable, porque hai que apoiar que cambie o modelo”, como asegurou a presidenta, que explicou que esta acción conta cun orzamento de 435.000 euros. Ademais, por 353.804 euros contrataranse os espazos de illas ecolóxicas, con paneis informativos e contenedores “nos que poida situarse despois todo o material e residuos”. Unha vez adxudicados estes contratos, as últimas actuacións que se levarán a cabo serán formativas, coa posta en marcha de cursos de inglés, francés e portugués para comerciantes, no marco de “Commerce Inside”, e de competencias dixitais e deseño de embalaxes sostibles de “Da túa man”.

Actuacións xa realizadas

Actualmente, xa se adxudicaron catro contratos que comprenden varias da actuacións que estaban contempladas ao abeiro dos programas “Da túa man” e “Commerce Inside”. A primeira, que xa está en marcha, é unha campaña de comunicación en soportes dixitais para o proxecto “Da túa man”. Ademais, contratouse o embelecemento das zonas comerciais coa habilitación de espazos axardinados de descanso que garantan a accesibilidade universal, próximas ás áreas comerciais de interese, a sinalización corporativa para o comercio de proximidade dos concellos nos que se desenvolven os proxectos e “un gran contrato de máis de 940.000 euros” que contempla diferentes actuacións para cada un dos programas.

No caso de “Commerce Inside” contratouse a instalación de tótems interactivos, a creación dunha plataforma de xestión de áreas comerciais, a creación de contidos vinculados ao comercio en zonas turísticas, despregue de puntos wifi en zonas comerciais. Pola súa parte, os concellos de “Da túa man” poderán beneficiarse tamén da instalación de tótems interactivos, pero ademais crearase unha plataforma de xestión de áreas comerciais e de contidos vinculados ao comercio en zonas turísticas, así como do despregue de puntos wifi en zonas comerciais.

Tomiño pon en marcha o programa Encaixat

0

Tomiño continúa a ser un referente en políticas de infancia e adolescencia. O Concello e Aldeas Infantiles asinaron este mércores o convenio de colaboración para a posta en marcha de Encaixat, un proxecto pioneiro no que se entende a infancia dun xeito integral atendendo ás necesidades educativas, ao apoio psicolóxico e ás familias buscando que os nenos, as nenas e a mocidade tomiñesa poida vivir integrada e feliz na súa contorna.

O proxecto arrancará en Tomiño este mes convertido nun centro de proximidade co que se busca mellorar a igualdade de oportunidades dos e das menores en situación de risco e vulnerabilidade que forman parte do Servizo de Educación e Apoio Familiar (SEAF) municipal a través dunha metodoloxía de intervención innovadora, con atención integral a nenos e nenas, tendo sempre en conta as súas necesidades de apoio escolar, formación en competencias esenciais, lecer educativo e apoio psicolóxico para mellorar as súas condicións de vida e a das súas familias.

“Seguimos apostando por atender á nosa infancia e adolescencia dun xeito integral, coordinando recursos e fomentando sinerxías para prestar un servizo que se fixo máis necesario se cabe tras a pandemia. Co Encaixat creamos un espazo socio-comunitario dedicado á infancia e á adolescencia, continuando así co gran traballo que estamos a desenvolver para seguir sendo referencia en políticas de infancia. Así, non só poderemos atender as necesidades de cada neno e cada nena pensando no que precisa e nas características da súa contorna e das súas familias, senón que nos permitirá achegar os recursos ás e aos usuarios evitando que teñan que desprazarse e favorecendo a súa inclusión social”, explicaba a alcaldesa, Sandra González, durante a sinatura do convenio de colaboración con Aldeas Infantiles SOS para levar a cabo este proxecto.

O director territorial de Galicia da entidade, Víctor Muñoz, sinalaba que este traballo conxunto tan próximo aos nenos, nenas e adolescentes permite “traballar dende a prevención e detectar situacións de risco. Para nós é unha experiencia innovadora e estamos moi ilusionados e esperanzados, porque cremos que o futuro pasa por achegarnos ás súas necesidades e apoialos dende os servizos sociais dos concellos”.

Este programa de intervención socio-educativa coa infancia e a adolescencia arrancará con dúas áreas principais de intervención. Por un lado, unha área centrada na formación socio-educativa que comezará con dous grupos de traballo formados por oito menores cada un de entre 6 e 17 anos e na que se traballarán os hábitos de estudo centrados no apoio das tarefas derivadas dos centros escolares pero tamén nas necesidades persoais e sociais dos e das menores, cun programa de tempo de lecer e participación comunitaria. Á fronte dos grupos estará persoal cualificado coordinado polo SEAF e a Concellería de Benestar Social.

Por outro lado, haberá unha área de apoio psicolóxico, que terá como eixos vertebradores a competencia social, a capacidade para a resolución de problemas, a autonomía e o sentido de propósito e de futuro. “Trátase dun traballo integral de apoio escolar, pero tamén de reforzo de habilidades emocionais e sociais, da capacidade de adaptación e das oportunidades de lecer, sempre dunha forma coordinada”, recalcou Susana Puga, directora dos programas de atención ás familias de Aldeas Infantiles SOS.

O programa tamén contempla a intervención a nivel terapéutico, sesións que comezarán a vindeira semana con cinco menores derivados do SEAF de Tomiño que servirá como un apoio extra á situación que poidan estar atravesando os e as menores e a súa contorna.

O obxectivo último que se persegue desde o SEAF é seguir avanzando e crecendo con este programa e poder cubrir as novas necesidades socieducativas que se vaian detectando, con fin de acadar a integración plena e unha oportunidade para vivir nun entorno mellor, máis seguro e feliz.

Nigrán inicia co concerto de ‘Chungo Pastel’ un convenio de actividades coa Fundación IgualArte

0

O Concello de Nigrán inicia este domingo 6 de novembro co concerto de Chungo Pastel (19:00 horas-Auditorio Municipal) un convenio por valor de 5.000 € coa Fundación IgualArte que traerá de aquí a finais de ano concertos, obradoiros e contacontos inclusivos a Nigrán. A Fundación Igualarte, con sede en Vigo, loita pola integración das persoas con diversidade funcional no campo artístico e o desenvolvemento das súas competencias creativas e expresivas, sendo a única de España adicada ao desenvolvemento artístico destas persoas.

“Estamos especialmente orgullosos de traer a Nigrán aos artistas de Igualarte e as súas actividades inclusivas para que as nosas familias se sumen e, adicionalmente, reciban leccións de vida, solidariedade e respecto”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que, na súa maioría, se trata de actividades que abranguen a toda a familia e non só ao menor.

Así, o concerto rock de ‘Chungo Pastel’ este domingo, o concerto ‘De Tapas’ (Auditorio, 4 de decembro-12:00 horas), o contacontos de 5 a 8 anos (Biblioteca, 10 de decembro-17:00 horas) ou obradoiro de animación musical (Auditorio, 20 de novembro-17:30 horas) son con entrada libre ata completar o aforo. Pola súa banda, os obradoiros de pasta de sal o 28 de novembro e o obradoiro de cociña do 30 de novembro (ambos no CEIP Humberto Juanes de 17:30 horas a 19:00 para crianzas de 5 a 8 anos e de 19:00 a 20:30 para nenos e nenas de 9 a 12 anos) desenvólvense en quendas de 15/20 minutos segundo orde de chegada. Finalmente, para o obradoiro de primeira infancia (Biblioteca, 17 de decembro- bebés de ata 2 anos ás 17:00 e crianzas de 2 a 5 anos ás 18:30 horas) é imprescindible inscrición previa no formulario web en www.nigran.es, estando destinado só a crianzas empadroadas.

‘Chungo pastel’

O grupo de rock, que colaborou con Antonio Orozco, Dakidarría, Ganjahr, Xermán Bugallo ou Wöyza, fará unha versión de cancións actuais e mostrará as creacións dos seus cinco integrantes, persoas con diversidade funcional que tocarán “a ritmo do pop rock máis cañero” e defenderán que a arte é de todos.

A Guarda continúa co reparto gratuíto de composteiros

0

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Medio Ambiente,  leva repartidos xa máis de 500 composteiros para realizar compost entre os veciños e veciñas das diferentes parroquias a barrios do nosos municipio.

A mestra composteira municipal é a encargada de realizar charlas formativas para ensinar como é o seu funcionamento.

Todos os veciños e veciñas da Guarda que desexen obter un destes composteiros deben de solicitalos chamando ao 986 61 0000, despois serán citados para una charla informativa e entrega do composteiro.

As persoas contarán cun asesesoramento por parte da mestra composteira sempre que sexa preciso tanto por teléfono, no concello ou desprazándose á casa para ver o proceso in situ.

Se tes unha casa con horta podes facer compost ti mesmo/a,  un proceso sinxelo, no que  sen ter que usar químicos nin substancias artificiais, obterás un compost estupendo para a túa horta e xardín, reducindo os residuos, xerando valor e coidando o medio ambiente.

O Encontro Estatal de Consellos da Infancia e a Adolescencia terá representantes pontareáns

Juan, Lucía e Mateo foron as tres persoas seleccionadas entre os seus propios compañeiros para participar como representantes do grupo de participación infantil e xuvenil ‘Mentes Novas’ de Ponteareas para acudir ao sétimo Encontro Estatal de Consellos Locais de Participación Infantil e adolescente organizado por Unicef do 4 ao 6 de novembro en Cáceres. As e os representantes ponteareáns asistirán acompañados pola concelleira de Igualdade, Verónica Carrera, e compartirán experiencias cos mozos e mozas dos máis de 60 consellos de toda España.

Durante estes tres días, todas e todos os participantes traballarán para crear propostas de mellora relacionadas con temas como a saúde mental, a igualdade de xénero ou o medio ambiente, entre outros. Pola súa banda, Unicef encargarase de elaborar un manifesto que recompilará todo este traballo, que se presentará ante o Congreso dos Deputados e que rapazas e rapaces poderán, á súa vez, levar aos seus municipios e compartir co resto de integrantes do grupo de participación infantil e adolescente, co Goberno municipal e cos centros de ensino.

Cinemaldea regresa para levar ás aldeas as curtas do Festival de Cans

O Festival de Cans e o Concello do Porriño promoven este ano unha  nova edición de Cinemaldea, unha iniciativa que achegará ás zonas rurais do municipio unha selección das curtametraxes premiadas na última edición.

É o segundo ano consecutivo que se pon en marcha esta idea que busca achegar o cine e as novas e novos creadores ás parroquias rurais que habitualmente non teñen acceso ao cinema. O pasado ano celebrouse por vez primeira e, malia estar aínda baixo as restricións da pandemia, máis de 200 persoas asistiron ás proxecións físicas nas diversas aldeas.

Dado o éxito da convocatoria do pasado ano, o Concello do Porriño convidou de novo a todas as asociacións que o desexasen, a formar parte da segunda edición de Cinemaldea. En total sete foron as asociacións culturais e veciñais do Concello do Porriño que se sumaron. As proxeccións arrancarán esta fin de semana e continuarán todas as fins de semana do mes de novembro.

Este sábado 5 de novembro, ás 20 h, terá lugar a primeira das proxeccións no Centro Cultural As Mimosas de Carracido e o domingo ás 18 h no Centro Cultural San Xurxo de Mosende. As seguintes datas serán en Chenlo, o domingo 13 de novembro, na Asociación Casal-Chan de Budiño o venres 18 de novembro e en Cans o domingo 20 de novembro. As dúas últimas que pecharán o mes e o ciclo, serán  no Centro Cultural de Atios o sábado 26 de novembro e na Forna de Budiño o 27 de novembro. Todas as proxeccións serán de acceso gratuíto ata completar o aforo.

Curtas preseleccionadas nos Premios Goya

Este ano dase ademais a circunstancia que as dúas curtas que levaron dous dos premios principais na última edición do Festival de Cans, foron preseleccionadas a pasada semana entre as curtametraxes que optarán aos Premios Goia á mellor curta de ficción, previo paso a unha creba final na que quedarán catro. Tanto “Rompente” de Eloy Domínguez SErén, que levou o Premio do Xurado en Cans, como “La Entrega” de Pedro Díaz, que levou o Premio do Público, estarán na carreira polos Goya e poderán verse nesta nova edición de Cinemaldea. Ademais destas dúas curtametraxes, nestas sesións de cinema no rural tamén se poderán ver “Devoradora de nenos” de Fran X. Rodríguez, que levou o Premio Aisge á mellor interpretación masculina para o coñecido actor Santi Prego, e o documental “18 Cans, mayoría de idade” da realizadora Isaura Docampo, que plasma o espítitu da anterior edición do Festival de Cans, coas veciñas e veciños, a organización e actores, actrices e directores que pasaron polo certame.

Abertas as inscricións para os obradoiros de outono de Arbo

0

A Asociación PVG Reciclaxe Solidaria e o Concello de Arbo ofrecen obradoiros  dirixidos para toda a poboación de decoración, cociña, alfabetización dixital e memoria para os meses de novembro e decembro nas Antigas Escolas de Sela.

As actividades ofertadas pola Asociación PVG Reciclaxe Solidaria e o Concello de Arbo  son gratuítas e as prazas limitadas por orden de inscrición.

OBRADOIRO DE DECORACIÓN  terá lugar ós xoves  24 de novembro  e 1 e 15 de decembro  en horario de  11:00 horas a 13:00 horas

COCIÑA DE NADAL terá lugar ós mércores: 30 de novembro e 7, 14 e 21  de decembro en horario de 11:00 horas a 12:30 horas

OBRADOIRO DE MEMORIA a actividade desenvolverase dende o 7 de novembro ó 17 de decembro en horario de 11:00 horas a 12 horas

ALFABETIZACIÓN DIXITAL terá lugar ós martes  8, 15, 22 e 29 de novembro  en horario de 11:00 horas a 13:00 horas

Todos os interesados ​​nestes obradoiros , que se desenvolverán en novembro e  decembro, poden inscribirse dende hoxe no teléfono 677 555 748 ou no enderezo electrónico [email protected].

O Concello de Tui pon en marcha a campaña #ElixeTui

0

O Concello de Tui quere elevar o seu comercio local ás alturas. Neste camiño vén de poñer en marcha unha campaña promocional de apoio ao comercio de proximidade baixo o lema #ElixeTui, unha orixinal campaña impulsada dende a área de comercio coa que se busca “impulsar e promocionar a compra nos establecementos locais sensibilizando á veciñanza da importancia de consumir en clave local para activar a economía, defender o emprego e impulsar o crecemento da nosa cidade en beneficio de todos e todas”, como sinala a concelleira de Comercio, Ana Núñez.

A campaña estará activa ao longo dos próximos meses coincidindo con datas de grandes eventos que mobilizan unha gran cantidade de compras. A campaña de comunicación incluirá un amplo abano de accións cos que implicar á veciñanza e comerciantes na dinamización do comercio local nesta recta final do ano, animando a todas e todos os tudenses a apostar polo consumo de proximidade o longo do ano e de xeito especial nas próximas datas de compras como é o Black Friday ou durante as festas de Nadal.

Para iso, o Concello deseñou unha imaxe específica e distribuirá entre o sector da hostalaría e a restauración manteis coa imaxe da campaña, colocará carteis nos establecementos, repartirá entre os comerciantes bolsas de cartón serigrafiadas, instalará unha valla publicitaria coa que animar tamén a mercar en Tui a todas e todos os visitantes e iniciará unha campaña de promoción en radio e nas redes sociais. O Concello anunciará proximamente as bases e forma de participación, a través das redes sociais de #QueroTui do sorteo de bolsas de rafia, cestas de produtos e varios carriños para a compra coa imaxe da campaña. Precisamente dende as redes sociais de #QueroTui levarase a cabo unha campaña de impulso ao comercio local a través dos propios protagonistas, os e as comerciantes, a clientela e os produtos.

Coa imaxe de Tui subindo ao ceo grazas a milleiros de globos, a campaña está inspirada na historia real de Edith Macefield, unha muller de 80 anos de Estados Unidos que sostivo unha longa batalla contra os donos dun centro comercial que pretendían desaloxar a súa casa para continuar co proxecto e que deu lugar a  coñecida película de animación Up!. “Esa é exactamente a mensaxe que queremos trasladar ao pequeno comercio, que as ameazas poden converterse en oportunidades”, explica a edil, que destaca tamén que a campaña “quere sensibilizar á veciñanza da necesidade de ser solidarios coas e cos nosos veciños, especialmente agora que se achega unha época de moitas compras”.

Todo o material promocional da campaña está a disposición dos establecementos comerciais na Oficina de Turismo de Tui. As persoas interesadas poden dirixirse ao correo [email protected]  ou ao teléfono da concellería 673 14 95 25 para calquera aclaración ou dúbida.

Esta campaña conta co financiamento da Consellería de Política Lingüística da Xunta de Galicia e do Concello de Tui.

Baiona remodelará o Paseo Pinzón tras 40 anos

0

Onte pola tarde, o auditorio municipal V Centenario de Baiona acolleu a presentación do Proxecto de Remodelación do Paseo Pinzón. O director de obra, Manuel Portolés foi o encargado de explicar á veciñanza a reforma integral despois de 40 anos desta zona por un valor de 1.058.655,41 € máis IVE.

O proxecto será cofinanciado xunto coa Deputación de Pontevedra, que achegará o 48 % da inversión ao abeiro do convenio acordado en xaneiro dentro do plan Reacpon da Deputación, mentres que o 52 % correrán a cargo da tesourería restante, que xa estaba reservada no  pleno ordinario do mes de marzo.

O alcalde considera urxente actuar nesta zona peonil de algo máis de 6.000 metros cadrados para frear o afundimento do terreo que se agrava tras máis de corenta anos de actuación dende o mar sen mantemento. A transformación será total e a solución levarase a cabo segundo o estudo xeotécnico e topográfico realizado na zona para modernizar unha das áreas recreativas máis concorridas da vila, especialmente nos días de marea para observar as ondas.

O proxecto contempla renovar o firme para poñer fin ao afundimento do terreo. As baldosas superficiais obsoletas serán substituídas por formigón pulido de cores. Crearase unha zona de xogos para os máis pequenos e zonas verdes. Tamén se renovará toda a iluminación para cumplir cos obxetivos de desarrollo sostible apostando pola eficiencia e o ahorro enerxético.

As obras comenzarán nas vindeiras semanas e espérase que duren seis meses.

“O balcón ao Atlántico do noso municipio, unha zona na que se pode contemplar un dos mellores solpores do mundo, será máis accesible e moderno para gozalo durante todo o ano”, destaca o alcalde, Carlos Gómez Prado.

A reforma integral do Paseo Pinzón será a primeira fase dun plan de reordenación de toda a zona situada entre as praias urbanas da Concheira e A Ribeira. “Queremos redefinir toda esa zona dividida en tres espazos illados. Comezamos polo paseo do Pinzón porque é o máis urxente, pero tamén abordaremos A Palma e o paseo da Ribeira para convertelos nun entorno unificado, esteticamente homoxéneo que conserve o carácter histórico e o uso deportivo e de ocio”, conclúe o rexedor.

Mos celebra unha reunión sindical sobre o orzamento 2023

0

Mos celebra unha Mesa Sindical como primeiro paso do novo orzamento municipal para o vindeiro ano 2023.

Onte celebrouse unha reunión cos representantes dos sindicatos do Concello de Mos, na que estiveron presentes a alcaldesa, Nidia Arévalo, a concelleira de Persoal, Julia Loureiro, o Secretario Municipal, o Interventor, e a técnico de Persoal. 

O motivo da xuntanza foi tratar cos representantes sindicais do Concello a partida de persoal no orzamento municipal para o próximo ano, que se incrementará nun 3,5% polo acordo estatal entre Goberno Central e sindicatos nas retribucións dos empregados das Administracións Públicas. Ademais, esta subida salarial aumentará nun 9% a dotación económica destinada ao capítulo de persoal do orzamento municipal de aquí ao ano 2024.

A rexedora local mosense declarou sobre a xuntanza que durante a mesma quedou patente “a extraordinaria relación entre goberno, traballadores e sindicatos” e explicou que durante a mesma “tamén recollemos diversas peticións dos representantes sindicais tales como a revisión do plan de pensións e a creación dun fondo social. Informamos, así mesmo, sobre os avances na oferta extraordinaria de estabilización do emprego público”. Oferta que permitirá a funcionarización de ata 31 traballadores municipais, actualmente en réxime de persoal laboral e interino, e sobre a que na reunión desta mañá se informou de que este mes serán publicadas as bases xerais e o proceso levarase a cabo durante o período 2023-2024.

Os representantes sindicais abordaron tamén unha posible modificación da RPT (Relación de Postos de Traballo) pero, dado que o documento é aínda xoven, pois a última modificación foi aprobada en 2019, a devandita nova modificación non se abordará ata o ano que vén, coa nova Corporación Municipal e iniciada a vindeira lexislatura, tal e como informaron as representantes municipais, Arévalo e Loureiro.

Orzamento 2023

Sobre o orzamento municipal para o vindeiro ano a alcaldesa mosense declarou que “levamos xa case un mes traballando nel e nas vindeiras semanas entregarémosllo á oposición para levalo a aprobación no Pleno do presente mes de novembro. Unha vez máis aprobarémolo en tempo e forma, antes do inicio do novo exercizo”.

“Será un orzamento de 12 millóns de euros sen cambios drásticos respecto ao anterior. Destaca como durante os últimos anos, a partida destinada a Política Social, que é a máis elevada de todo o orzamento. Para min a partida de Política Social é a máis importante do orzamento. Tamén haberá un incremento do gasto en servizos, como por exemplo o de recollida de lixo, cuxo importe anual elévase a case o dobre, pasando de 525.149,94 euros (sen IVE) aos 1.024.847,34 euros (sen IVE)” concluíu Nidia Arévalo.

Un magosto popular acompañará á feira de produtos de Covelo esta fin de semana

0

O Concello de Covelo convida a toda a veciñanza a participar na edición especial “magosto” da mostra de produtos de Covelo, Como cada primeiro sábado de mes o Concello de Covelo acolle unha cita cos produtos de proximidade, coa artesanía e coa boa gastronomía local.

Este sábado día 5 de 10 a 14 horas na praza Mestre Cerviño gozaremos dunha nova cita coa mostra de artesanía na que poderemos atopar produtos téxtiles, xoiería, prantas, decoración, cerámica polimérica, cosmética natural, pan artesán, cervexa artesán, horta ecolóxica, cestería, pintura, maquetería, helicicultura, instrumentos musicais de madeira, xoguetes, libros e un sinfín de produtos de primeira calidade.

Completa a oferta os postos de segunda man nos que, previa petición ao Concello, as persoas poden vender aqueles artigos que xa non precisen.

A partir das 12 horas haberá un obradoiro infantil para crear caveiras móbiles e seguir festexando o Samaín.

Ponteareas triunfa no Campionato de España Infantil e Precadete de taekwondo

Grandes resultados para o taekwondo ponteareán. O equipo da escola Leam de Ponteareas regresou do Campionato de España cun total de nove medallas, unha de prata conseguida na categoría infantil e dous ouros, catro pratas e dous bronces na categoría precadete, “o que demostra o gran momento que está a vivir este deporte na nosa vila”, destaca o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó.

O equipo ponteareán regresou do campionato con dous novos campións de España, Ana Segovia e Iago Pérez, así como con catro subcampións, Estela Pereira en infantil e Olga González, Ángela Campos e Pedro Dasilva no campionato precadete. Subiron tamén ao podio Noa Xi Moliner e Icía Sosa, que acadaron medalla de bronce. Gran actuación tamén a de Efrén no campionato infantil, e do ponteareán Bruno Docampo, que non tiraron a toalla en ningún momento.

Estes bos resultados repetíronse tamén no Open Internacional Cidade de Pontevedra, no que Uxía Sánchez facíase co bronce na categoría júnior e Noa Rodríguez na cadete. Gran primeira ronda para Ilai Loren, que non puido continuar a competición tras perder na segunda contra o actual subcampión de España. Pola súa banda, Mario Faro tivo que retirarse por un contratempo tras chegar de quedar campión no Open Internacional de Ribeira e de ser escollido o mellor competidor do torneo na categoría cadete.

Bouzó quixo felicitar a todas e todos os deportistas participantes nestes campionatos e aos seus formadores polos logros acadados, pero tamén “polo seu esforzo e traballo e polo alto nivel que amosan en cada competición, que fai que esta modalidade deportiva suscite cada vez máis interese en Ponteareas”.

‘Papagena’, a ópera electrónica en galego dirixida por ButacaZero, chega a Gondomar

0

Papagena, á última creación da compañía ButacaZero, dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, vaise representar este sábado 5 de novembro, ás 21 h, no Auditorio Lois Tobío de Gondomar. Trátase dunha ópera electrónica contemporánea de pequeno formato en galego, con perspectiva de xénero, que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica. O elenco está formado pola soprano Esperanza Mara e o barítono cambadés Jacobo Rubianes que actúan acompañados no escenario por Iago Hermo, compositor da ópera e do libreto e tamén director musical da peza.

A entrada do espectáculo é gratuíta ata completar o aforo. A función enmárcase no programa ‘Con-fiando Cultura’ da Deputación de Pontevedra que tamén levará proximamente Papagena ata Bueu (19 de novembro) alén de achegala ata outros concellos da provincia logo da súa estrea nas Ruínas de Santo Domingo: O Grove, Caldas de Reis e Tui.

Papagena é unha ópera electrónica inspirada na parella de persoas-paxaro da célebre A frauta máxica, de Wolfgang Amadeus Mozart. A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outras percepcións habitualmente asociadas ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato. Para conseguilo, Iago Hermo deseñou unha ópera electrónica, baseada nas súas investigacións arredor do espectralismo minimalista. O resultado, coa colaboración de Ana Arteaga na escenografía e de Diego Valeiras no vestiario, é un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que levará a ópera a vilas onde non adoita chegar este estilo musical.

Así, alén de Pontevedra, a xira de Papagena tamén ten previstas funcións en Celanova (6 de novembro), Muros (12 de novembro), Boiro (18 de novembro) e Foz (25 de novembro). Na meirande parte das vilas o público poerá gozar desta experiencia única e inmersiva de xeito totalmente gratuíto. Todas as datas, horarios e sistema de acceso ás funcións de Papagena está dispoñible na páxina web da compañía, butacazero.net.

APOSTA POLA CREACIÓN EMERXENTE E O TERRITORIO

Con esta nova produción, unha ópera galega e en galego, ButacaZero mantén a súa aposta polo risco escénico, pola creación emerxente a través da colaboración con artistas de Galicia e pola creación vinculada á temática social e cunha fonda implicación no territorio. Neste sentido, un dos principais obxectivos da compañía viguesa é construír país arredor da cultura. Para iso, adaptarán a ópera contemporánea á realidade social galega, levándoa, ao longo do vindeiro trimestre, a espazos non convencionais para a súa representación. A entrada será de balde en case todas as funcións para favorecer, deste xeito, o achegamento á ópera tanto do público adolescente coma adulto.

O Rosal pon en marcha un punto verde para xestionar os restos de poda e herbas

0

O Concello mantén a súa aposta por facer do Rosal un municipio o máis sostible posible. Por este motivo, a partir da vindeira semana o Goberno municipal porá en funcionamento un punto verde, un espazo creado para axudar á veciñanza a xestionar os restos vexetais que non poden ser depositados nos colectores verdes da rúa. “Seguimos camiñando para facer un Rosal máis verde, implementando paso a paso iniciativas que nos permiten ser máis respectuosos co medio ambiente a todos os niveis e fomentar e facilitar aos rosaleiros e rosaleiras que poidan facer unha correcta xestión dos seus residuos é fundamental tamén neste camiño”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Con este novo punto verde “queremos axudar a rosaleiros e rosaleiras a dar saída a todos eses restos de poda e herbas que temos na casa, naquelas épocas nas que non se poden facer queimas pero tamén durante todo ano, xa que a través deste punto daremos saída aos restos vexetais un xeito moito máis sostible”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente.

Situado a carón do CPI Manuel Suárez Marquier, este punto verde funcionará baixo cita previa para evitar o depósito incontrolado de materiais e será de uso exclusivo das vivendas do Rosal, xa que non poderá ser empregado por empresas de xardinería ou de limpeza forestal. Este espazo pretende ser unha alternativa a aquelas persoas que teñen restos de poda que dado o seu tamaño ou cantidade non poden ser xestionados co sistema de préstamo de biotrituradoras posto en marcha polo Concello do Rosal, ademais de supoñer “unha alternativa máis respectuosa á tradición da queima, xa que nos permite reaproveitar eses restos á vez que evitamos a emisión de gases tóxicos e de efecto invernadoiro á nosa atmosfera”.

No punto verde poderán depositarse ramas, troncos, céspede, restos de herbas… que non poden ser entregados en bolsas plásticas. O Concello triturará os restos de poda para usalos nos composteiros individuais e comunitarios como estruturante para facer o compost, mentres que as herbas e similares deixaranse compostar de foma natural no propio lugar.

Dende o Concello lémbrase que neste espazo estará prohibido depositar restos de plantas invasoras, restos de palmeira, de plantas enfermas, restos vexetais con terra ou pedras, de madeira tratada como mobles ou restos diferentes aos de poda e herba. As persoas interesadas poden resolver calquera dúbida chamando ao Concello.