13 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelHenrique Dacosta, «O estraño caso da bicicleta amarela»

    Henrique Dacosta, «O estraño caso da bicicleta amarela»

    Henrique Dacosta vén de entregar ao prelo unha nova proposta narrativa. E digo “narrativa” e non digo ben, pois este volume, «O estraño caso da bicicleta amarela», leva o clarificador subtítulo de «Oito contos e unha traxicomedia» e tal é o contido da obra: oito relatos breves de extensión variable e unha pequena peza teatral, a primeira da que teñamos constancia e da que falaremos máis adiante.

    A parte central da obra son, xa que logo, oito relatos dispares, mais que teñen varios elementos en común. O primeiro e máis evidente é a presencia espacial de Ferrol, a súa patria chica e que, como en boa parte dos seus traballos, adquire un papel esencial na narración, coma se fose unha personaxe máis. A cidade, co seu pasado mariñeiro e militar, convértese nun espazo que reflicte a realidade cotiá tan presente nas historias relatadas, máis que tamén dá pé a elevar o contido cara á idealización da cidade soñada e do seu entorno. E velaí o segundo elemento común: a perfecta mistura entre o mundo real e un mundo onírico que se evidencia nalgúns dos relatos que compoñen o volume. Partindo da realidade, Dacosta dálle forma a tramas nas que a fantasía atopa un lugar no que sentirse cómoda.

    Outro elemento común a todos eles é a presencia da infancia ou de elementos vinculados a ela. Amosa, deste xeito, certa querencia por un pasado que ás veces resulta idealizado pola narrativa e outras reflicte nostalxia, amizade, aventura ou inquedanza. Unha viaxe retrospectiva ata un tempo de formación como persoas, a ese paso á idade adulta que intuímos alicerzado polas vivencias anteriores do propio autor ou do seu entorno máis próximo.

    Mais sendo todo iso elementos de interese nesta nova proposta literaria de Dacosta, gustaríame determe un chisco nesa “traxicomedia” coa que se pecha a colección, pois supón un elemento de ruptura total con todo o que acabamos de ver. Aquí saltamos da narrativa ao teatro; do Ferrol natal, ao camposanto da Habana; dun tempo presente ou, cando menos, cercano, aos estertores do século XIX; do realismo do que parten os relatos anteriores, a mergullarnos nunha ensoñación onírica, mesmo pantasmal; das vinculacións á nosa mitoloxía (mesmo relixiosidade) local, a participar nun rito ioruba haitiano; incluso dun contexto desvinculado do humorismo, a unha farsa cómica e retranqueira… Como vemos, Dacosta decide escapar temporalmente da súa zona de confort para enfrontarse a todo un reto do que é quen de saír airoso e que nos permite aventurar que o autor ben podería presentar algunha nova aportación dramática no futuro. Claro que isto non é máis ca especulación…

    Henrique Dacosta

    «O estraño caso da bicicleta amarela»

    Belagua