19.9 C
Pontevedra
Martes, 23 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaA Xunta premia o talento musical da redondelá Lara Álvarez

    A Xunta premia o talento musical da redondelá Lara Álvarez

    A Xunta de Galicia celebrou este domingo nas instalacións do Playa Club da cidade herculina a fase final da especialidade de Música do certame Xuventude Crea 2022, que reuniu a oito artistas e grupos de diferentes partes de Galicia. A través deste programa, o Executivo autonómico pon en valor o talento e capacidade da mocidade galega en distintos ámbitos artísticos.

    O primeiro premio foi para o grupo ‘Faíscas’, formado por Lara Álvarez Álvarez, de Redondela, e o vigués Brais Fernández Pombo. Os temas que interpretaron en directo e cos que resultaron gañadores foron A flor e Vals de Traspielas.

    En segundo lugar quedou a coruñesa Iria Vilas Iglesias, cos temas Hvergelmir e Gjoll. E en terceira posición quedou o grupo ‘Cantometrics’, cuxos compoñentes son: Marina Fernández Vigo, de Vigo; Luís Sánchez Bolón, de A Coruña; Sandra Pérez Míguez, de Tui; Nébeda Piñeiro Barros, de Bueu e Iago Camaño Lagoa, de Cagas do Morrazo. Os títulos dos dous temas que tocaron foron: Maios e Manuel do Campo.

    Os gañadores recibirán unha gratificación repartida de 3000 euros; 1500 os segundos clasificados e 1000 os que quedaron en terceira posición.

    Máis de 4000 premiados

    Máis de 4000 mozas e mozos de entre 16 e 30 anos foron premiados nas trece edicións que se levan celebradas do Xuventude Crea, que acumula preto de 3000 proxectos creativos e obras presentadas.

    Na edición deste ano 2022 participan un total de 350 artistas con 280 obras que, de novo, contarán con apoio por parte da Xunta de Galicia para dar a coñecer as súas creacións. Todas aquelas premiadas ao longo dos últimos anos exhíbense nun museo dixital recen estreado: www.museoxuventudecrea.gal.

    As disciplinas que se premian nesta edición son: teatro, música, novela curta, poesía, videocreación, banda deseñada, arte urbana, moda, deseño de xoias, cociña, danza moderna, creación de videoxogos, fotografía e artes plásticas (esta última comprende as modalidades de pintura e escultura). Cómpre destacar, como novidade neste 2022, o cambio de nome de graffiti a arte urbana para dar cabida ás diferentes expresións neste ámbito, así como a inclusión da modalidade de música clásica dentro de música.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.