25.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación continúa coa aposta pola dixitalización do comercio de proximidade

    A Deputación continúa coa aposta pola dixitalización do comercio de proximidade

    A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar hoxe os expedientes de contratación para adxudicar dúas novas subministracións de accións para os proxectos “Da túa man” e “Commerce Inside”, dous proxectos europeos auspiciados pola Administración provincial cos que “pretendemos vincular turismo e apoio ao comercio, tanto nos municipios máis turísticos como nos do interior”, como explicou Carmela Silva, ao tempo que lembrou que son unha proba mais de que “si que están chegando recursos dos fondos NextGenerationEU” desde o gobernó de España. Os programas, que contan cun orzamento global superior aos dous millóns de euros, dos que 70% corresponde á achega europea, o 15% á Deputación e o 15% restante aos concellos, contemplan accións que repercuten directamente en 21 concellos.

    En concreto, “Commerce Inside” se está a realizar en Baiona, A Guarda, Bueu, Tui, Soutomaior, Caldas de Reis, Nigrán, Sanxenxo, Cambados e O Grove, dez municipios cun perfil moi turístico para que “as persoas visitantes poidan desfrutar dos produtos locais e enriquecer a súa experiencia turística ao tempo que apoiamos o comercio”. Pola súa banda “Da túa man” desenvólvese en Silleda, O Rosal, Tomiño, Moaña, A Cañiza, Poio, Ponte Caldelas, Meaño, Ribadumia, Gondomar e Salceda de Caselas e pretende “impulsar o comercio e a transformación dixital dos negocios. En palabras da presidenta da Deputación, “son dous programas moi potentes aos que definen dúas palabras: dixitalización e sostibilidade”

    Para continuar avanzando en ambos proxectos, a Administración provincial busca agora contratar a subministración de packaging sustentable e reutilizable, xa que “hai que desbotar o plástico e todo aquel empaquetadoque non é sustentable, porque hai que apoiar que cambie o modelo”, como asegurou a presidenta, que explicou que esta acción conta cun orzamento de 435.000 euros. Ademais, por 353.804 euros contrataranse os espazos de illas ecolóxicas, con paneis informativos e contenedores “nos que poida situarse despois todo o material e residuos”. Unha vez adxudicados estes contratos, as últimas actuacións que se levarán a cabo serán formativas, coa posta en marcha de cursos de inglés, francés e portugués para comerciantes, no marco de “Commerce Inside”, e de competencias dixitais e deseño de embalaxes sostibles de “Da túa man”.

    Actuacións xa realizadas

    Actualmente, xa se adxudicaron catro contratos que comprenden varias da actuacións que estaban contempladas ao abeiro dos programas “Da túa man” e “Commerce Inside”. A primeira, que xa está en marcha, é unha campaña de comunicación en soportes dixitais para o proxecto “Da túa man”. Ademais, contratouse o embelecemento das zonas comerciais coa habilitación de espazos axardinados de descanso que garantan a accesibilidade universal, próximas ás áreas comerciais de interese, a sinalización corporativa para o comercio de proximidade dos concellos nos que se desenvolven os proxectos e “un gran contrato de máis de 940.000 euros” que contempla diferentes actuacións para cada un dos programas.

    No caso de “Commerce Inside” contratouse a instalación de tótems interactivos, a creación dunha plataforma de xestión de áreas comerciais, a creación de contidos vinculados ao comercio en zonas turísticas, despregue de puntos wifi en zonas comerciais. Pola súa parte, os concellos de “Da túa man” poderán beneficiarse tamén da instalación de tótems interactivos, pero ademais crearase unha plataforma de xestión de áreas comerciais e de contidos vinculados ao comercio en zonas turísticas, así como do despregue de puntos wifi en zonas comerciais.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.