12.4 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaO PorriñoCinemaldea regresa para levar ás aldeas as curtas do Festival de Cans

    Cinemaldea regresa para levar ás aldeas as curtas do Festival de Cans

    O Festival de Cans e o Concello do Porriño promoven este ano unha  nova edición de Cinemaldea, unha iniciativa que achegará ás zonas rurais do municipio unha selección das curtametraxes premiadas na última edición.

    É o segundo ano consecutivo que se pon en marcha esta idea que busca achegar o cine e as novas e novos creadores ás parroquias rurais que habitualmente non teñen acceso ao cinema. O pasado ano celebrouse por vez primeira e, malia estar aínda baixo as restricións da pandemia, máis de 200 persoas asistiron ás proxecións físicas nas diversas aldeas.

    Dado o éxito da convocatoria do pasado ano, o Concello do Porriño convidou de novo a todas as asociacións que o desexasen, a formar parte da segunda edición de Cinemaldea. En total sete foron as asociacións culturais e veciñais do Concello do Porriño que se sumaron. As proxeccións arrancarán esta fin de semana e continuarán todas as fins de semana do mes de novembro.

    Este sábado 5 de novembro, ás 20 h, terá lugar a primeira das proxeccións no Centro Cultural As Mimosas de Carracido e o domingo ás 18 h no Centro Cultural San Xurxo de Mosende. As seguintes datas serán en Chenlo, o domingo 13 de novembro, na Asociación Casal-Chan de Budiño o venres 18 de novembro e en Cans o domingo 20 de novembro. As dúas últimas que pecharán o mes e o ciclo, serán  no Centro Cultural de Atios o sábado 26 de novembro e na Forna de Budiño o 27 de novembro. Todas as proxeccións serán de acceso gratuíto ata completar o aforo.

    Curtas preseleccionadas nos Premios Goya

    Este ano dase ademais a circunstancia que as dúas curtas que levaron dous dos premios principais na última edición do Festival de Cans, foron preseleccionadas a pasada semana entre as curtametraxes que optarán aos Premios Goia á mellor curta de ficción, previo paso a unha creba final na que quedarán catro. Tanto “Rompente” de Eloy Domínguez SErén, que levou o Premio do Xurado en Cans, como “La Entrega” de Pedro Díaz, que levou o Premio do Público, estarán na carreira polos Goya e poderán verse nesta nova edición de Cinemaldea. Ademais destas dúas curtametraxes, nestas sesións de cinema no rural tamén se poderán ver “Devoradora de nenos” de Fran X. Rodríguez, que levou o Premio Aisge á mellor interpretación masculina para o coñecido actor Santi Prego, e o documental “18 Cans, mayoría de idade” da realizadora Isaura Docampo, que plasma o espítitu da anterior edición do Festival de Cans, coas veciñas e veciños, a organización e actores, actrices e directores que pasaron polo certame.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.