O Porriño volverá ser epicentro do ciclocrós galego esta fin de semana da man da Asociación Deportiva Avanza. O campo de fútbol de Chenlo acollerá a quinta edición do Trofeo Ciclocrós Avanza Concello do Porriño, organizado polo club porriñés e o Concello do Porriño como principal patrocinador.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, presentaron esta mañá o evento deportivo acompañados polo presidente da AD Avanza, David García, o secretario e a tesoureira da entidade, Jesús Ángel Mira e Lourdes Figueroa, e o seleccionador, José Alberto del Río, representando á Federación Galega de Ciclismo, presentaron esta mañá o evento deportivo.
As carreiras comezarán ás 13 h coa proba de promoción, non competitiva, na que participarán ciclistas de 12 a 13 anos.
De seguido rodarán as 15 categorías ao longo dunha xornada na que concurrirán figuras locais do ciclismo, como Uxía Soto, Aroa Otero, Laura Mira e Marta Estévez, da canteira do Avanza e actualmente no GD Supermercados Froiz, o líder da Copa Junior, André Martínez, e outras referentes do ciclocrós galego como Irene Trabazo ou Lorena Patiño, do XSM Marín.
Este ano estrénase ubicación. Como xa dixemos o escenario será o campo de fútbol de Chenlo e a súa contorna, onde se habilitará un circuito de 2,9 km. A proba é a sétima puntuable para a Copa de Galicia.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo agradecer á AD Avanza “o moito que fan polo deporte no Porriño, tanto na súa escola de ciclismo como impulsando no noso pobo eventos deportivos de gran nivel como este que estou seguro será un gran espectáculo para participantes e espectadores”. O rexedor salientou que o club porriñés “está crecendo como club e moitos nenos e nenas do Porriño crecen como deportistas con el, por iso contarán sempre co noso respaldo”.
A igrexa de Santa Clara acollerá mañá martes a primeira das charlas sobre os achados arqueolóxicos que amosan como foi a vida no convento durante os máis de 700 anos que o conxunto permaneceu pechado ao público. Titularase ‘Ósos, cacharros, clausura e chocolate. Primeiros resultados da escavación en Santa Clara’ e correrá a cargo do director do proxecto, o arqueólogo provincial Rafael M. Rodríguez Martínez, e o codirector da intervención, o tamén arqueólogo -da empresa Citania- Israel Picón Platas.
Esta conferencia forma parte das actividades programadas pola Deputación e o Concello de Pontevedra co fin de conmemorar o aniversario da compra do convento, o pasado 1 de decembro de 2021. Ademais desta charla de apertura do ciclo de relatorios, esta semana tamén terá lugar a segunda, o mércores 23 de novembro, baixo o título ‘Cando as paredes falan, a cargo do doutor Victoriano Nodar. Este falará sobre a lectura de alzados e paramentos interiores e exteriores dos edificios, é dicir, das diferentes construcións e muros e o momento no que foron edificadas, para poñer sobre a mesa cal foi a evolución do conxunto.
Rafael M. Rodríguez Martínez
Israel Picón Platas
A semana próxima seguirá o ciclo. Concretamente o 29 de novembro será a quenda de ‘Compoñendo puzzles’, unha charla exposta pola responsable dos traballos de conservación e restauración dos materiais mobles localizados durante os traballos arqueolóxicos, Aldara Rico, que fará un percorrido, entre outras cousas, polos milleiros de pezas de cerámica e outro tipo de obxectos singulares atopados nas diferentes catas.
O xoves 1 de decembro será a quenda para falar dende o punto de vista antropolóxico das monxas. Baixo o título ‘A vida a través da morte. Aproximación ao estudo das individuais recuperadas no convento de Santa Clara’, a doutora Olalla López e Clara Veiga falarán sobre as inhumacións realizadas e as características dos restos óseos atopados en diferentes puntos do convento, que achegan información sobre o estilo de vida e a alimentación na congregación.
O luns 5 de decembro de 2022, e como unha chiscadela ás investigacións sobre documentos segredos, baixo o título ‘Os papeis de Santa Clara’ (“Santa Clara papers”), o doutor Suso Vila falará sobre a investigación historicoartística e o baleirado documental sobre o convento no que se baseou o estudo histórico artístico. Entre outras anécdotas neste estudo nárrase a rebelión das monxas de Santa Clara fronte aos Franciscanos da cidade pola súa ‘tiranía’.
O martes 13 de decembro a ‘Conferencia de (case) clausura’ dará lugar ao doutor Xurxo Ayán para falar sobre a clausura na orde das irmás pobres de Santa Clara, mentres que o día seguinte, o mércores 14 será a quenda das ‘Plantas no pasado e no presente do convento de Santa Clara’, a cargo das doutoras María Martín e Carmen Salinero.
Todas as charlas serán ás 19.30 horas e con entrada libre ata completar cabida.
O deputado de Cooperación, Santos Héctor, a deputada provincial Victoria Alonso, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, así como integrantes da Corporación municipal visitaron os traballos da segunda fase de humanización da estrada Generoso Domínguez, desde o Camiño da Quinta ata a Igrexa de San Pedro de Cela. As obras foron financiadas grazas a unha importante achega do Plan Concellos: preto de 436.000 €.
Estas obras no acceso natural á parroquia de Cela son unha continuación dos traballos realizados anteriormente nesta mesma entrada, desde a PO-301 ata o Camiño da Quinta, e tamén financiados grazas ao Plan Concellos. Nesta segunda fase, un tramo de 321 metros, as principais actuacións foron, por unha banda, a dotación dunha nova beirarrúa de 2 metros na marxe esquerda en sentido de baixada. Optouse por un pavimento de formigón de cor vermello e un tratamento diferenciado nas zonas de acceso ás parcelas, reforzando a sección para soportar as cargas de vehículos para o que se utilizou pavimento de lastro de formigón. Pola outra banda, as obras supuxeron a execución de catro novos muros de contención tamén na mesma marxe.
A zona caracterizábase por problemas como a falta de itinerarios peonís seguros, a circulación de vehículos a velocidades inadecuadas para o estado das vías –co seu conseguinte risco de accidentes–, a falta dunha iluminación adecuada, o escaso ancho da vía –con curvas pechadas, escasa visibilidade e apenas 5 metros de calzada en varios tramos, o que supoñía dificultade para o cruce dos vehículos–, así como unha pendente elevada. Todas estas deficiencias quedaron agora solucionadas e as persoas que camiñan dispoñen dun itinerario seguro.
Satisfacción veciñal
Durante a visita estivo presente o presidente da Asociación Veciñal de Cela, Evaristo Ucha, que sinalou que esta actuación era unha reivindicación de moitos anos xa que o escaso ancho da vía dificultaba o acceso ás vivendas. Lamentou as demoras por mor da expropiación dunha parcela, que foi necesario realizar para poder acometer a obra, pero celebrou que, tras esta segunda fase, se completase unha mellora que incide directamente na calidade de vida da veciñanza.
As obras neste tramo da estrada Generoso Domínguez supuxeron a mellora da seguridade da vía e a humanización da súa contorna. Ademais da execución da nova beirarrúa, tamén se aumenta o ancho da plataforma para aumentar a seguridade peonil, mellorar o trazado viario e permitir o cruzamento de grandes vehículos nos puntos máis restritivos da estrada. Para isto foron necesarios os muros de contención que suman, entre os catro, 235 metros. Ademais, deseñouse unha nova iluminación eficiente, mellorouse a rede de drenaxe de recollida e evacuación de augas pluviais, soterráronse as redes de servizo, mellorouse a sinalización horizontal e vertical con limitación a 30 Km/h e instaláronse redutores físicos de velocidade.
A Xunta vén de adxudicar por preto de 1,8 millóns de euros as obras destinadas a reducir o risco de inundación dos ríos Miñor e Zamáns, no concello de Gondomar.
As actuacións, adxudicadas á UTE – Prace Servicios y Obras, S.A. – Francisco Gómez y CIA, S.L., comezarán a inicios do vindeiro ano e terán un prazo de execución de 12 meses.
As bacías dos ríos Miñor e Zamáns, en Gondomar, forman parte dunha área de risco potencial significativo de inundación, e a Xunta quere contribuír a minoralo mediante esta actuación que se vai executar no marco dun acordo de colaboración co Concello.
Para acadar este obxectivo, prevese acometer actuacións estruturais para mellorar a drenaxe na zona na que a confluencia dos ríos Miñor e Zamáns incrementa o risco das crecidas.
As intervencións enmárcanse na colaboración da Xunta co Concello de Gondomar, pola que a Administración autonómica se comprometeu a executar e financiar integramente as obras, mentres que o municipio asumiu o deber de poñer os terreos á disposición, un trámite que se demorou máis do previsto.
As obras executaranse no treito do río Miñor que vai desde a ponte da avenida do Conde de Gondomar -augas arriba do antigo colexio- ata a ponte da avenida Curros Enríquez; e no treito do río Zamáns que vai desde a ponte da avenida Elduayen ata a súa desembocadura no río Miñor.
A Xunta levará a cabo a demolición desa ponte da avenida Curros Enríquez, coa construción dun novo viaduto con máis amplitude que permita aumentar a capacidade de desaugue fronte ás enchentes; e a execución dunha canle de alivio baixo o novo viaduto, conectando os ríos Zamáns e Miñor.
Tamén se procederá á elevación da altura do muro do río Zamáns; ao rebaixe para eliminar o recheo xunto ao campo de fútbol, na marxe esquerda do río Miñor; e á limpeza das canles de ambos os dous ríos, á recuperación do bosque de ribeira ou á adecuación e mellora da zona do paseo Carlos Casares.
Estas intervencións están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Luz verde a novos recursos da Deputación para concellos da provincia de Pontevedra. Neste caso, a Xunta de Goberno vén de dar luz verde a preto de 600.000 € de achegas do Plan Concellos para que Caldas, Pazos de Borbén e Tui recuperen espazos públicos, melloren a mobilidade peonil, acondicionen parques infantís e adquiran un camión para o servizo de recollida de lixo.
Para Tui destinaranse 322.784 € cos que o goberno local acometerá obras de recuperación do espazo público na rúa Lugo no núcleo de Rúas Novas (252.340 €) e acondicionará o parque infantil no lugar da Igrexa de Baldráns (70.444 €). En Rúas Novas, o proxecto de mellora da rúa Lugo prevé o ensanche das beirarrúas, con zonas de esparexemento, bancos e zonas verdes, así como a reordenación do tráfico, que pasará de ter dobre sentido a un só, e a creación dunha plataforma de convivencia con prioridade peonil. Pola súa banda, as actuacións no parque infantil en Baldráns, inclúen a retirada dos elementos deteriorados e a disposición de novo mobiliario e xogos, así como pavimento de seguridade de caucho.
No caso de Caldas a Deputación aprobou unha achega de 133.457 € que corresponde á aportación municipal ao convenio que o concello ten en marcha coa institución provincial para as obras de recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-8005 na Rúa Parque. Deste xeito, a actuación será asumida ao 100% con recursos da Deputación e permitirá recuperar para as persoas este espazo público cunha zona de convivencia elevada con prioridade peonil, novos pavimentos e mobiliario urbano que garantirán a seguridade nunha contorna moi transitada e que, amais, se corresponde cun tramo do Camiño Portugués.
Pola súa banda a Pazos de Borbén destinaranse 140.360 € que servirán para financiar o 100% da adquisición dun camión do servizo de recollida de lixo.
Unha vez finalizadas as obras de renovación do céspede artificial do Campo de Fútbol Municipal de As Boloutas, cofinanciadas entre a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e o Concello de Mos, celebrouse, onte pola mañá nas devanditas instalacións deportivas, un acto de presentación e portas abertas.
O evento tivo lugar antes do partido de 1ª División da Liga Nacional do UD Mos Feminino. O acto concebiuse como unha gran festa dirixida a todos os integrantes do fútbol base da Unión Deportiva Mos e ademáis contou co recoñecemento e homexaxe ás integrantes do equipo de Fútbol Feminino Senior B (Filial) polo seu recente ascenso a 1ª Autonómica.
No acto estiveron presentes o secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, o xefe do Servizo Provincial de Deportes de Pontevedra da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Daniel Benavides, Camilo Augusto, tenente alcalde do Concello de Mos José Areal, concelleiro de Deportes, demais membros do goberno local e da Corporación Municipal, representantes da RFGF: o Vicepresidente José Manuel Fernández, o delegado Delfín e Eloísa Nogueira, Pablo Alonso Serodio, presidente da UD Mos e demais membros da directiva da UD Mos.
As Baloutas é un campo de fútbol polo que pasan en tempada entre 500 e 600 deportistas á semana e 1.500 persoas á semana (entre público, pais/nais, familias… etc.) A Unión Deportiva Mos conta en total con 462 xogadores e xogadoras e 20 equipos, dos cales 5 son femininos. O número total de mulleres xogadoras da UD Mos ascende a 148. Ademais do UD Mos Feminino que xoga en 1ª Nacional, a Unión Deportiva Mos conta agora tamén con outo equipo feminino que ascendeu a Primeira Autonómica, o Senior B (filial), que logrou o ascenso o pasado 3 de setembro.
Para financiar o custe desta mellora do terreo de xogo en As Baloutas, próximo aos 200.000 euros, asinouse un convenio de cooperación entre a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e o Concello de Mos.
A Secretaría Xeral para o Deporte persegue, co mesmo, o obxectivo de apoiar á administración local mosense na mellora das infraestruturas deportivas municipais. Neste sentido é de interese da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, a colaboración coas administracións locais para o fomento do deporte no ámbito municipal, xa que as actuacións que se pretenden desenvolver teñen como finalidade a mellora dunha infraestrutura deportiva de uso público.
O campo de fútbol de As Baloutas, é unha instalación municipal referente en canto a volume de utilización por parte da veciñanza. A actuación acometida é a substitución de céspede artificial do campo de fútbol de As Baloutas. A tal fin a técnico competente, elaborou un proxecto técnico cun orzamento de 188.793,93 €.
A Secretaría Xeral para o Deporte participou neste proxecto co obxectivo de potenciar o deporte base, sendo consciente da importancia da súa colaboración económica cos concellos para afrontar obras que beneficien ao conxunto dos cidadáns para a práctica deportiva. A Xunta de Galicia presta así un apoio especialmente necesario neste caso.
Pola súa banda, os representantes municipais, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o edil de Deportes, José Areal, destacaron que “a necesidade da mellora desta infraestrutura deportiva é innegable, por ter sido instalado o anterior céspede no ano 2008 e ser As Baloutas un campo de fútbol polo que pasan en tempada entre 500 e 600 deportistas á semana e 1.500 persoas (entre público, pais/nais, familias… etc.) á semana. Non cabe dúbida pois do interese público e da importancia desta actuación, ao tratarnos o Concello de Mos dun municipio que aposta forte polo deporte en xeral e polo deporte base en particular”. O proxecto técnico do Concello de Mos para a substitución de céspede artificial do campo de fútbol de As Baloutas, é autoría da técnico municipal enxeñeira industrial Raquel González Gómez.
Como se dixo, o importe total das actuacións realizadas ao abeiro do convenio entre Xunta e Concello ascende á cantidade de 188.793,93 €, IVE incluído. A Secretaría Xeral para o Deporte, achegou 100.000,00 €. O Concello de Mos achegou 88.793,93 €.
Este domingo celebrábase no concello da Guarda a novena edición do Trail do Trega, unha proba deportiva con 16 quilómetros de percorridos de pura natureza patrimonial e paisaxística nun dos emprazamentos máis espectaculares de Galicia e de todo o noroeste peninsular.
A xornada non comezaba doada, xa que as abundantes precipitacións dos últimos días continuaron durante realización da proba, o que, sumado a unha intensa néboa, adiantaban que o evento ía a ser moi duro para os máis de 300 participantes inscritos.
Ás 10:30h daba comezo o trail e rapidamente os participantes puxeron un alto ritmo que perdurou ao longo da carreira, tanto na categoría masculina coma na feminina. Só con 2 quilómetros de percorrido o grupo de favoritos xa se atopaba en primeiros postos, a parella formada por Dani Martínez e José Manuel Gil adiantouse a un ritmo que non puideron seguir o resto de corredores e ao paso polo primeiro cumio do Monte Santa Trega o corredor Dani Martínez do Club Cornelios xa se distanciou collendo a vantaxe precisa para chegar en primeiro lugar ata a liña de meta, seguido de José Manuel Gil en un terceiro posto Jose Manuel Gonzalez Domínguez, que foi quen de remontar varios postos na parte máis técnica da carreira.
Pola súa banda a favorita da categoría feminina, Diana Domínguez, cumpriu coas previsións e superou a todos os seus rivais dende o quilómetro 0, acadando a vitoria que dominou de inicio a fin, distanciando en máis de dous minutos á segunda clasificada, Lourdes Vázquez, e a máis de 4 minutos por Raque Doiro.
O trail do Trega, é a derradeira proba da Pontevedra Trail League da Deputación de Pontevedra (tralo Trail Muíños do Folón e Monte Aloia) o que coroou aos diferentes gañadores das diversas categorías que compoñen esta liga, acadando a vitoria absoluta Daniel Pazó e Diana Dominguez.
No acto de entrega de premios estiveron presentes o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, a Concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes ea Deputada Provincial Iria Lamas.
A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta catro novas formacións impartidas de xeito online, enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As accións tratarán temas de ciberseguridade, promoción de negocios turísticos a través de Facebook e Google My Business e inbound márketing.
Este luns 21 de novembro, Manuel Freire, experto en Robótica, programación e impresión 3D, será o encargado de impartir o curso “Ciberseguridade, o que non se ve da navegación na internet”. O obxectivo deste obradoiro é dar a coñecer a importancia dos riscos que ten a navegación por internet.
O martes 22, a postgraduada en Turismo pola Universidade de Santiago de Compostela, Patricia Cabaleiro, impartirá o taller “As vantaxes de Facebook para promocionar o teu negocio turístico”. Facebook é unha importante ferramenta de comunicación directa cos clientes actuais e os potenciais. Grazas á cantidade de información que ten dos seus usuarios, esta rede social permite ás empresas turísticas dispoñer de información valiosa sobre os intereses e preferencias dos viaxeiros e dos lugares aos que viaxaron.
O mércores 23 de novembro, Adrián Fernández, Licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Barcelona, dará a coñecer Google My Business, unha ferramenta de Google enfocada a negocios locais que busquen unha maior visibilidade. Google My Business está pensado para facilitar o aproveitamento, por parte dos pequenos comercios, das posibilidades da xeolocalización e as procuras que a súa potencial clientela poida facer, empregando o buscador de Google. Todo este contido desenvolverase no obradoiro “Promociona o teu negocio con Google My Business”.
Finalmente, o xoves 24, impartirase o taller “Introdución ao inbound márketing I”. Este curso ten como finalidade ensinar esta metodoloxía non intrusiva, baseada en técnicas do márketing e a publicidade dixital, que ten como obxectivo comunicarse cun usuario desde que coñece unha marca, acompañándoo ata a conversión ou venda final. Esta formación será impartida polo enxeñeiro informático José Luis Taboada.
As ANPAS de Tui organizan, por terceiro ano, o Gran Rastrillo Solidario a favor de Asanog – Asociación de Ayuda a Niños Oncológicos de Galicia.
Será os días 9, 10 e 11 de decembro no claustro do Seminario Menor de Tui, en horario de 11 a 14 h e de 17 a 21 horas (empezará o venres pola tarde).
O rastrillo básase na doazón de cousas en bo estado que a veciñanza teña en casa. As doazóns deberán ser entregadas nos colexios ou comercios colaboradores.
Principalmente é necesario material de deporte, xoguetes, libros, xogos de mesa, accesorios de bebé ou decoración navideña (roupa non). Despois de facer a recadación de artigos, poranse á venda todas as doazóns no Claustro do seminario os días 9, 10 e 11 de decembro cun prezo mínimo de 1 euro por artigo (o precio máximo o pon quen merca).
Todo o recaudado será entregado íntegramente a ASANOG.
A Deputación de Pontevedra vén de recibir unha nova subvención do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) de 280.658 euros para desenvolver o programa “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra”. Este proxecto piloto, como explicou a presidenta Carmela Silva, porase en marcha nos concellos da Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Moraña e Forcarei, concellos de reto demográfico, formará a un total de 500 persoas e está orientado especialmente a persoas maiores, e máis especificamente a mulleres, que “son as que están tendo moitas dificultades hoxe en día na comunicación con administracións, empresas e servizos e hai que xestionala en moitas ocasións de forma telemática”. É, por tanto, “un proxecto moi humano e moi potente, que pon o dereito das persoas maiores e do rural no centro”.
O proxecto articúlase en torno a tres bloques principais: a capacitación e formación en habilidades e competencias dixitais, o desenvolvemento dunha plataforma innovadora de formación cun módulo de creación de contidos, e o desenvolvemento de servizos e solucións inclusivas e accesible adaptadas á contorna e aos colectivos en risco de exclusión en municipios de reto demográfico de carácter rural. Máis concretamente, seleccionaranse axentes dixitalizadores ou “influencers”, é dicir, persoas con coñecementos e habilidades básicas ou intermedias no emprego de tecnoloxías que actuarán como capacitadoras ante os seus propios veciños e veciñas. Ademais, serán os encargados de realizar unha diagnose dos servizos dixitais das administración, que servirá para elaborar un Libro Branco de servizos dixitais inclusivos e accesibles, que, segundo confirmou a presidenta da Deputación, “despois se porá a disposición de todos os concellos de reto demográfico da provincia”.
Por outra banda, habilitaranse espazos nos concellos para realizar as formacións presenciais, dotándoos para iso do equipamento tecnolóxico e audiovisual preciso e na plataforma de formación que se desenvolverá habilitaranse canles de contidos dinamizados polos propios influencers sobre cuestións como turismo, patrimonio, aprendizaxe musical. Etc. Ademais, levarase a cabo unha xornada de encontro entre empresas tecnolóxicas e provedores de servizos sociais que servirá a modo de catalizador de novas ideas de negocio para os colectivos vulnerables no eido dixital no rural. Por último, crearase unha rede de voluntarios e voluntarias dixitais para dar soporte tecnolóxico á quen o precise, que manterán ademais chats e foros de conversa para persoas en soidade, promovendo desta maneira a participación interxeracional, permitindo “atender ás persoas maiores de forma personalizada. É algo que xa se viña facendo en moitos concellos e grazas ás plataformas que temos agora podemos estar conectados e conectadas con esas persoas, que están moito tempo soas e que precisan ter relacións humanas”, explicou Carmela Silva.
Xunto a este programa da Deputación, outros tres proxectos da provincia de Pontevedra recibiron financiamento ao abeiro deste programa, cun total de 740.364 euros, todos eles “proxectos moi novidosos e moi humanos que dan resposta contra o reto demográfico”. Convértese así na segunda provincia só por detrás de Ourense, que máis financiamento recibe nesta convocatoria de axudas e, no conxunto nacional, é unha das principais beneficiaras por diante de “grandes provincias como Madrid ou Barcelona”.
É hora de facerse cargo e que a saúde mental sexa unha prioridade na sanidade pública. Así de rotundos se amosaron os representantes do Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, ‘Voces Novas’, que participaron no X Foro Infantil Parlamento de Galicia-Unicef celebrado en Santiago de Compostela, no que compartiron experiencia con nenos e adolescentes dos consellos locais de participación de Ames, Burela, Cabanas, Castrelo de Miño, Moaña, Moeche, Nigrán, Ponteareas, Redondela, Teo e Viveiro.
Acompañados pola concelleira de Mocidade e Participación Infantil, Fátima Rodríguez, os rapaces tomiñeses expuxeron as súas conclusións despois de meses reflexionando e pensando propostas de mellora relacionadas coa saúde mental, un dos temas centrais do foro. A encargada de subirse ao estrado foi Carmen, que destacou que “se algo positivo deixou a chegada da COVID-19 foi que un tema tabú ou cunhas connotacións tan negativas como este se puxesen por fin enriba da mesa”. “Pero precisamos que os centros médicos, hospitais e incluso os centros de ensino conten con persoal cualificado para facer fronte ao que xa poderiamos denominar tamén como pandemia”, recalcou ao tempo que lembrou ao público que a primeira causa de morte por causas externas na xente moza é o suicidio.
Consultas en horario pouco axeitados, unidades especializadas só para maiores de 16 anos… son aspectos que as e os integrantes de ‘Voces Novas’ poñen en cuestión e que non permiten cumprir o artigo 24 dos dereitos da infancia: poder desfrutar do máis alto nivel posible de saúde e recibir unha atención sanitaria axeitada. “Precisamos que as persoas adultas comecedes a tomarvos este tema en serio. Non queremos parches”, salientou Carmen ao tempo que facía fincapé en que hai que ter en conta que “solucionando a pobreza e precariedade xa estariades reducindo moitísimo os problemas de saúde mental de moitas familias”.
O encontro estivo presidido pola vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, Elena Candia, que agradeceu a todos os mozos a súa participación e compromiso “xa que cremos de verdade na vosa implicación, xa que a vosa opinión conta e debería contar aínda máis”.
Alba Guzmán era, ata o de agora, unha autora practicamente descoñecida para o gran público, a pesar de contar no seu haber cunha morea de premios en certames de poesía e tamén de narrativa. Agora publica o seu primeiro traballo, que tamén chega a nós avalado por un galardón, o “Xuventude Crea-2021” na categoría de novela curta, unha historia tenra e orixinal que, a pesar de adoecer de certos pecados de xuventude, representa un lanzamento máis ca interesante no mundo editorial actual.
A historia que nos presenta está protagonizada por unha muller de idade avanzada que se adentra paseniño na perda de identidade que implica unha enfermidade como o alzhéimer. Mais, consciente de que a súa memoria se está a deteriorar e para evitar que as súas lembranzas se perdan, argalla a maneira de recuperalas con dous elementos dispares: un diario (que máis semella unha especie de memorias sobre feitos concretos) ao que acode de cando en vez na procura de certos instantes perdidos, e máis unha serie de tatuaxes que se encargan de remoer o seu pensamento ata dar coa clave de outros momentos de interese. Desta maneira vai reconstruíndo a súa vida como forma de enfrontarse á soidade que padece e de seguir aferrada a unha existencia que semella escapárselle entre os dedos da man.
A novela está estruturada a partir de dúas voces narrativas: a da propia protagonista na actualidade, indecisa e insegura fronte a unha realidade que non acaba de comprender, e a do diario que recolle os episodios máis relevantes da súa vida e que lle farán comprender, a ela mesma e máis ao lector, as razóns que a levaron á súa delicada situación. E así, case sen decatármonos, seremos arrastrados cara a un final sorprendente no que todas as pezas do crebacabezas encaixan de golpe. Porque, como a autora di para pechar o penúltimo capítulo, “É máis importante non esquecer que recordar”. E non darei máis pistas para non estragar a lectura a quen decida adentrarse nas súas páxinas.
Se temos en conta que esta novela pertence a unha rapaciña moi nova, de apenas 19 anos, e que probablemente fose escrita con non máis de 17, sorprenderémonos da madurez que amosa. Alba Guzmán ten un estilo limpo e directo que impregna o texto de fluidez e que é capaz de arrastrar ao lector ao longo da historia coma nun arrolo, sen estridencias. E todo isto fainos concluir que nos atopamos diante dunha figura á que haberá que seguir e prestar atención con interese, pois pode dar moitas alegrías aos afeccionados ás boas lecturas.
A preocupación cidadá ante o desmantelamento paulatino e sistemático do sistema de sanidade pública e a conseguinte desprotección na Atención Primaria é evidente. A medida que nos afastamos dos grandes núcleos urbanos e entramos na Galicia rural, esa preocupación transfórmase en algo máis parecido á crispación ao mirar como o dereito á sanidade digna, recoñecido pola propia Constitución, e vulnerado de xeito continuado.
Nestas situacións, e como querendo facer bo o dito “a río revolto ganancia de pescadores”, xorden os rumores e as desinformacións interesadas cun obxectivo claro: desviar a atención da cidadanía a fin evitar que a súa indignación apunte aos verdadeiros responsables da situación e recaia naqueles que carecen de competencias que lles permita solucionar o problema: os Concellos.
Ponteareas é un claro exemplo. A propia alcaldesa, Cristina Fernández, daba conta nestes días dos insistentes rumores que apuntan ao Concello como responsable da grave situación que padece o municipio en materia de Atención Primaria. Fernández insiste, con rotundidade, en algo que é evidente e que a estas alturas non sería preciso nin matizar: “a atención primaria é competencia única e exclusiva da Xunta de Galicia”.
A alcaldesa –que tamén asume a xestión da Concellería de Saúde– aclara que a súa área de actuación queda restrinxida á organización de actividades informativas sobre saúde ou hábitos de vida saudables “pero en ningún caso en nada que teña que ver coa organización nin xestión da atención primaria que, repito, é de exclusiva competencia da Consellería de Sanidade”, insiste.
A rexedora local ponteareá non ten dubida algunha sobre uns rumores que cualifica de “claramente interesados” e que buscan afastar a indignación cidadá dos auténticos responsables que é a Xunta de Galicia. Preocúpalle a Cristina Fernández a existencia destes embustes “non só pola falsidade das afirmacións, senón porque con elas se está a impedir que ás persoas poidan ter criterio propio e non se poidan mobilizar do xeito adecuado para reclamar os seus dereitos”.
“Os dereitos da veciñanza de Ponteareas están sendo mermados, diezmados e anulados”, asegura con rotundidade a alcaldesa e respalda as súas afirmacións con cifras: “no municipio, nestes momentos, hai 8.000 persoas que non teñen asignación de médico e levamos así 16 meses”.
En agosto do 2021, Sanidade avisaba ao Concello de que no mes de agosto, por coincidir baixas maternais e de enfermidade, permisos e vacacións, tíñanse que suprimir os médicos da quenda de tarde, unha situación extremadamente grave se se ten en conta que se está a falar dun municipio de máis de 23.000 habitantes.
Cristina Fernández Davila, alcaldesa de Ponteareas
“
Cristina Fernández, “Os dereitos da veciñanza de Ponteareas están sendo mermados, diezmados e anulados”
O tempo, din, pon a cada quen no seu lugar e neste caso foi o que demostrou a falsidade de tales afirmacións. “Chegado o mes de setembro, –lembra Cristina Fernández– houbo médicos que se incorporaron, outros que non o fixeron por diversas circunstancias. Chegaron os concursos de traslados, os médicos que en principio se lles debía asignar prazas en Ponteareas optaron por ir a outros sitios e a veciñanza quedou nun estado de completa desatención”.
Buscar o motivo da renuncia do persoal facultativo a ir a Ponteareas non é moi complicado. “Non queren vir porque aquí a situación é dramática”, explica sen ambaxes a alcaldesa. “A situación é a dun concello de 23.000 habitantes e un PAC (Punto de Atención Continuada) de asistencia permanente de 24 horas ao día non só para Ponteareas, senón para outros concellos da comarca co que estamos falando de máis de 50.000 habitantes”.
Hai pouco tempo, o persoal médico de atención primaria solucionaba a quenda que queda sen cubrir de Urxencias entre as 8 da mañá e as 15 horas. Nese treito, cada día había un médico chamado ‘de porta’ que atendía a todas as urxencias que precisaban de atención inmediata. Ese médico/a ‘de porta’ deixaba a súa consulta, ía ao PAC e atendía esa urxencia.
“Agora está sendo ao contrario –denuncia a rexedora ponteareá–. Agora está acontecendo que profesionais deste PAC ou de outros teñen que vir a suplir horas antes de comezar a súa xornada”.
“No Centro de Saúde de Ponteareas conta cun cadro de persoal de 15 médicos/as e, estando ao completo, é moi xusto”, explica Cristina Fernández que subliña a preocupación existente entre as familias “a de un concello cunha poboación con máis de 4.000 menores de idade que non ten servizo de pediatría de urxencias”. As familias están supeditadas a que, cando non lles coincide a quenda de mañá ou tarde, teñan que acudir ás Urxencias do hospital de referencia cada día máis colapsado e que, a falta de máis medios, depende da profesionalidade do seu persoal médico. Non é unha situación puntual, lembra con tristeza a alcaldesa de Ponteareas “nunca houbo pediatría en urxencias que é unha demanda que levamos neste municipio dende hai moitos anos”.
Entre medias, nunha actitude xa habitual na Consellería de Sanidade, ninguén contestou ás reiteradas peticións de entrevistas co conselleiro. “Sen noticias a pesar da gravisima situación sanitaria que estamos a padecer” asegura Cristina Fernández. Novamente os datos corroboran as afirmacións da rexedora local: dun cadro de persoal de 15 médicos houbo días en que se dispuxo de dous, tres ou catro facultativos.
A desatención da atención primaria nos municipios rurais é evidente; existe tal falta de facultativos que cando non hai médico en Covelo ten que cubrir o baleiro o de Mondariz e cando falta o das Neves ten que acudir un dende Salvaterra.
“
“Estamos ante un proceso paulatino de desmantelamento da sanidade pública perfectamente planificado”
Cristina Fernández, que sempre se distinguiu por chamar ás cosas polo seu nome, non ten dúbida. “Estamos ante un proceso paulatino de desmantelamento da sanidade pública perfectamente planificado”, afirma con contundencia. “Non hai médicos ningúns porque encargáronse de non ir cubrindo as baixas que se daban por distintos motivos, sobre todo aqueles por xubilación”.
Para tentar paliar este problema Sanidade optou por incorporar a todos os médicos xubilados que voluntariamente atenten telefonicamente, dende dous centros de saúde da provincia de Pontevedra, aqueles casos que os médicos de atención primaria consideran que poden ser consultados sen cita presencial. Ese ‘parche’ non supón unha solución senón que, como apunta Cristina Fernández “pode incluso supoñer un risco importante para a saúde da cidadanía porque multiplícanse as posibilidades de malas interpretacións de síntomas que poden derivar en malos diagnósticos”.
Preocúpanos moitísimo a desatención sanitaria que estamos a padecer –argumenta a alcaldesa ponteareá– e é algo que temos que denunciar publicamente”. Cristina Fernández lembra a toda a veciñanza, independentemente de ideoloxías porque a saúde e a sanidade non entenden de cores, “que hai unha plataforma a favor dos dereitos da atención primaria e dunha sanidade digna e que está loitando en toda a comarca, non só en Ponteareas. Naceu impulsada por este Goberno e agora está xestionada por diversos colectivos”.
Sen desmaio a pesar do silencio da administración, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado-Paradanta fai concentracións concentracións en distintas poboacións “para reclamar unha sanidade pública digna e denunciar a vulneración dun dereito fundamental da veciñanza como é o dunha atención primaria de calidade”.
Cristina Fernández lembra, con certa tristura, que houbo un tempo no que a Xunta utilizaba o lema ‘Ruralízate’. “É unha frase que nos encanta, unha palabra moi significativa –afirma a alcaldesa– pero detrás disto ten que haber un impulso económico e non un simple gasto en publicidade. Ten que existir unha clara implicación institucional con reforzos orzamentarios para facer efectivos que os veciños e veciñas poidamos vivir e medrar como persoas no noso entorno, no rural ”. De non facelo así, non caben moitas dúbidas sobre o futuro “acabaremos desertizando o rural. Ponteareas é un municipio moi rural, hai un asentamento urbano de case a metade da poboación pero preto de 12.000 persoas viven nas 23 parroquias eminentemente rurais”.
Para evitar o despoboamento de Galicia, problema do que todos falan pero polo que, ata o de agora, a Xunta pasou ‘de perfil’ sen ir máis aló que campañas publicitarias, para que as nosas xentes poidan seguir vivindo no seu sitio, no seu lugar, na contorna que lles é familiar, precisan que a administración autonómica dea un paso adiante. Acceso a internet –para poder afrontar o teletraballo cada día máis estendido–, transporte público que evite a obriga de utilizar os vehículos particulares cando se está falando de descarbonizar o medio ambiente; escolas que contribúan a asentación de poboación e unha sanidade pública digna e eficiente, son servizos básicos aos que ten dereito a cidadanía, dereitos que en todo caso ninguén dará, polo que se ve, de non ser que esa mesma cidadanía mobilícese para reclamalos.
O Concello do Porriño, a través da Concellería de Comercio que dirixe Antía Carrera, convoca o seu primeiro concurso de escaparates de Nadal dirixido ao comercio e hostelería local.
“Somos conscientes do emotivas que son estas datas, e queremos poñer en valor o traballo e o esforzo dos comerciantes e hostaleiros e importancia da súa presencia no día a día da veciñanza”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Especialmente este ano, que está a ser moi duro para estes sectores e por iso debemos motivalos con iniciativas que dalgunha forma contribúan a compensar todo ese traballo”.
No certame poderán participar todos os establecementos comerciais e de hostalería do Porriño que deseñen os seus escaparates ou fachadas entorno á temática do Nadal.
O prazo de inscrición será do 21 de novembro ao 2 de decembro e haberá tres premios e seis mencións especiais. O primeiro premio terá unha contía de 1200 euros, o segundo de 800 euros e o terceiro de 500 euros. As seis mencións especiais que outorgará o xurado estarán dotadas con 250 euros cada unha.
A veciñanza xogará un papel esencial neste concurso, xa que ademais do xurado que valorará os deseños(formado por representantes do Concello, comerciantes, asociacións e entidades) os veciños e veciñas poderán votar tamén a través das redes sociais do Concello, onde se expoñerán todos os participantes.
“Animámosvos a todos a participar desta iniciativa, tanto aos comerciantes e hostaleiros como aos veciños que decidan quen debe gañar”, concliu a concelleira, Antía Carrera, “Entre todos podemos potenciar a actividade comercial este Nadal no Porriño”.
O Concello de Gondomar e COXAPO, realizarán un estudo da situación de todas as comunidades de usuarios de augas de Gondomar, tal e como acordaron o alcalde, Paco Ferreira, e o presidente da asociación, Joaquín Pousa.
Este estudo comezará coa realización por parte do Concello dunha analítica completa da calidade da auga de cada unha das comunidades, co fin de establecer un punto de partida en canto ao seu uso e consumo.
Analizaránse ademáis dos parámetros básicos, a posible presenza de Aluminio ou o Radón, dous dos elementos máis presentes nas augas da contorna e que limitan o seu uso para o consumo humano.
Con esta primeira acción o Concello de Gondomar pon o foco na necesidade de garantir a total potabilidade das augas para a protección da saúde dos usuarios.
Unha vez obtidos os resultados destas analíticas serán os técnicos de COXAPO os que asesoren ás directivas das diferentes comunidades de augas sobre os pasos a seguir e as medidas a realizar en cada caso.
Paralelamente a este traballo de analise e asesoramento, o concello continuará co traballo xa iniciado de inventariado de todas as redes de captación, submnistro e acumulación, de cada unha das comunidades, para así poder plantexar as necesidades e demandas necesarias.
O alcalde, Paco Ferreira, sinalou que “unha vez teñamos unha foto clara da situación de cada unha destas comunidades, e das suas instalacións, poderemos utilizala para definir de mellor xeito as bases da convocatoria de axudas que imos a lanzar, e na que xa estamos traballando dende hai tempo, co obxectivo de que todas as persoas usuarias de estas redes veciñais poidan ter o mellor servizo posible”.
Unha representación do Grupo de Participación Infantil e Adolescente de Redondela, Axentes do Cambio, interviron onte no X Foro de Participación Infantil e Adolescente promovido polo Parlamento de Galicia e mais Unicef, unha actividade enmarcada no Día Mundial da Infancia, que se celebra este domingo.
Ademáis dos representantes redondeláns, asistiron a este foro outros grupos de participación de diversos concellos de Galicia: Ames, Burela, Cabanas, Castrelo de Miño, Moaña, Moeche, Nigrán, Ponteareas, Teo, Tomiño e Viveiro.
O grupo de participación redondelán, na voz de Carla Acosta, realizou unha intervención na que se insta aos poderes púbicos a promover a vida en comunidade, o consumo responsable e a rexeitar a discriminación e a explotación, tanto de persoas como de comunidades máis vulnerables. Retos, todos eles, enmarcados nos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible da ONU, da erradicación da pobreza e a desigualdade, dos dereitos humanos e do coidado do planeta.
Xunto á súa intervención, a voz dos representantes dos outros 11 consellos locais de participación galegos deixouse escoitar con diferentes peticións e alegatos dirixidos aos representantes do Parlamento galego alí presentes: destacando a importancia de promover a voz e a representatividade da infancia, e facendo fincapé nas preocupacións deste colectivo recollidas no encontro estatal de Cáceres, especialmente no tocante á saúde mental da poboación xeral, e da infancia e da adolescencia en particular. Tamén analizaron os recursos de atención dispoñibles e formularon varias recomendacións dirixidas tanto á sociedade en xeral como á Xunta de Galicia “para coidar a saúde mental da cidadanía e especialmente de nenos, nenas e adolescentes”.
Digna Rivas lembrou que un órgano de participación da mocidade “é un órgano activo e dinámico de participación, onde a infancia e a mocidade poidan expoñer as súas ideas e proxectos para que o Concello, posteriormente, os poña en marcha”.
A alcaldesa valorou “o compromiso e traballo” que estaba realizando ‘Axentes do Cambio’ á hora de “estudar os proxectos e de presentar achegas que os melloren, chegando incluso a falar no parlamento”.
O grupo está aberto á incorporación de calquera rapaz ou rapaza de entre 8 e 18 anos que resida en Redondela. Para calquera información podedes contactar no correo electrónico [email protected].
O Pleno Infantil do 20N celebrarase o luns 21
O Día Internacional da Infancia, o 20 de novembro, cae este ano en domingo. Por esta razón o Concello de Redondela convocou o Pleno Infantil para as 11:00 h do luns 21. Na sesión, centrada na temática da saúde mental, informarase sobre o desenvolvemento do Encontro estatal de Cáceres e as súas conclusións, ao tempo que os representantes do Consello Municipal de Infancia e Adolescencia –nenos, nenas e adolescentes dos centros de ensino do Concello– analizarán a situación de Redondela neste eido, facendo propostas aos grupos políticos con representación municipal.
O Concello de Baiona poñerá en marcha o vindeiro 22 de decembro un plan formativo municipal co Curso de Competencias Clave Nivel 2 (competencia en lingua catelá, matemáticas e lingua galega) que ten como obxectivo facilitar a inserción laboral e incrementar as oportunidades para acceder ao mercado laboral dos veciños do municipio.
As persoas participantes nesta formación adquirirán as competencias clave e poderán acceder os certificados de profesionalidade de nivel 2 e mellorar a súa cualificación profesional.
A Concellería de Emprego do Concello de Baiona, consciente da necesidade de formar a un porcentaxe importante da poboación do municipio ( que pola súa edade ou situación sociolaboral) non tiveron acceso ou abandoaron a formación conducente a titulación de graduado na ESO, polo que se ven limitadas as súas ferramentas personais para acceder os certificados de profesionalidade de nivel 2 vendo asi mermadas as súas expectativas de mellora da empregabilidade e de inserción laboral pon en marcha un CURSO DE COMPETENCIAS CLAVE NIVEL 2 ( competencia en lingua castelá, matemáticas e lingua galega) cunha carga lectiva de 265 horas.
Destinatarios
Persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego e que carezan da ESO e empadroadas no municipio de Baiona . En caso de non cubrise as prazas coa pobación empadroada no municipio poderá abrirse a cidadanía dos concellos do Nigrán e Gondomar e o Concello de Oia.
Cronograma
O curso comenzará o día 22 de decembro de 2022 e rematará o 24 de marzo de 2023 en horario de 9:30 a 13:30 de Luns a Venres no Centro Multiusos Angel Bedriñana situado na Rúa Carabela Pinta nº 11 entrechan
Lugar de presentación de instancias
As persoas interesadas deberán presentar a súa instancia no Rexistro do Concello ou a traves da sede electrónica no modelo de instancia previsto
O prazo de presentación das instancias iniciase o día 21 de novembro de 2022 e remata o día 2 de decembro 2022.
As bases que regulan a convocatoria podes descargalas na páxina web municipal (www.baiona.gal) a continuación e no taboleiro electrónico ou recollelas no Rexistro do Concello.
A tradicional carreira de San Silvestre chega de novo ao Rosal tras dous anos sen poder celebrarse por mor da situación sanitaria. Unha proba que volve ás rúas rosaleiras con máis forza se cabe e para a que xa está aberto o prazo de inscrición. Ata o vindeiro 27 de decembro as persoas interesadas poderán rexistrarse a través da web do Concello para participar en calquera das dúas probas que se realizarán: unha andaina pensada para o público infantil de 2,3 km e unha carreira non competitiva de 4 km.
A andaina sairá ás 10.00 horas dende o pavillón municipal cara a Simón do Mazo para percorrer a rúa dos Castros, Campo da Feira, Camiño da Gandarela e Estrada da Morraceira para continuar polo camiño Campo da Feira, a rúa Simón do Mazo e rematar na renovada Praza do Calvario, un escenario único.
Alí tamén rematará a carreira, que sairá ás 11.00 horas tamén dende o pavillón a Simón do Mazo para percorrer a rúa dos Castros, Campo da Feira, Camiño da Gandarela, Camiño da Laxe, Camiño Tiarxo, Camiño Laxe do Campo, Camiño a Maceira, Estrada da Morraceira, Estrada de Furnos e Camiño Pampaloas para continuar polo camiño Campo da Feira e a rúa Simón do Mazo ata a Praza do Calvario.
As persoas interesadas en participar nesta cita que cada fin de ano reúne a rosaleiros e rosaleiras para desfrutar do deporte saudable ao aire libre dun xeito divertido poden encher o formulario de inscrición cos seus datos persoais. Os dorsais poderán ser recollidos no Concello antes do día 31 de decembro ou o mesmo día das probas de 09.00 a 10.00 horas os e as participantes na andaina infantil e de 10.00 a 11.00 horas as persoas inscritas na carreira.
Como é tradicional, non haberá categorías diferenciadas e ao remate da San Silvestre todas as persoas participantes serán agasalladas cunha chocolatada e participarán no sorteo de tres cestas de Nadal. Ademais, ás 12.00 horas haberá badaladas e sesión vermú con Sapoconcho sem Poncho.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima a todos os rosaleiros e rosaleiras a participar nesta carreira “que retomamos con moitas ganas tras dous anos de parón pola COVID-19. É un momento para desfrutar xuntos e xuntas, sen límites, porque é unha actividade que pode facer calquera persoa ao seu ritmo, correndo ou camiñando, e que nos permite volver desfrutar do deporte todos e todas xuntas”.
O Proxecto Trega 2020+5 elaborado entre Concello da Guarda e o Instituto de Historia do CSIC trata de desenvolver o potencial patrimonial, social, cultural e científico do castro do Trega a través dunha actuación integral. Así este proxecto desenvólvese en torno a tres eixos, recuperar e consolidar os sectores do castro escavados entre 1910 e 1930, manter de forma sostida no tempo o conxunto das estruturas escavadas no castro e expostas ao público e investigar e afondar no coñecemento arqueolóxico do Trega coa finalidade de crear novos contidos destinados á divulgación e ao incremento da valorización do patrimonio.
O proxecto, que conta co respaldo financeiro do Padroado do Monte Trega e a autorización das Comunidades de Montes da Guarda e Camposancos, parte da iniciativa do alcalde da localidade e Presidente do Padroado, Antonio Lomba. Esta primeira campaña dispón dunha financiación de 23.691,80 € aportada exclusivamente polo Padroado. Para o desenvolvemento do proxecto nos vindeiros anos espérase contar tamén co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, que xa foi convidada a formar parte do mesmo.
A reconstrución da porta norte do poboado implica unha grande complexidade técnica. Os traballos consistirán na reconstrución da muralla e a restitución do lintel que se atopa caído “in situ” xusto ao pe da porta. Esta actuación será levada a cabo pola empresa Terra Arqueos, que conta cunha longa experiencia en restauracións e consolidacións de castros, baixo a dirección de Miguel Ángel López Marcos, restaurador de gran prestixio internacional que ten dirixido proxectos como a reconstrución dos colosos de Memmón no Exipto.
Esta actuación contribuirá á valorización patrimonial do castro de Santa Trega como parte dunha estratexia que aposta por potenciar o seu valor como recurso cultural e turístico, e tamén pola súa relevancia científica no estudo das sociedades dos castros. Desde o Concello da Guarda e o CSIC confíase en que esta inversión impulse moitas outras actuacións nun dos maiores xacementos castrexos de todo o noroeste peninsular e un símbolo da cultura dos castros.
Ponteareas prepárase para acoller a vindeira semana unha nova actividade memoria histórica, un programa posto en marcha polo Concello en colaboración coa Deputación de Pontevedra ao abeiro da iniciativa ‘O pasado por vir’, coa que se busca “recuperar non só a memoria dunha xeración oprimida de ideais devastados, senón tamén salientar todo o que loitaron para tentar construír o país e a sociedade que querían, aínda que os seus soños foran aniquilados”, como explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.
O vindeiro martes 22 de novembro, a sala multiúsos do auditorio municipal acolle a charla da xornalista, escritora e técnica de Memoria Histórica da Deputación provincial Montse Fajardo, un encontro no que abordará co público ‘A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas’. Unha cita na que a relatora poderá facer un percorrido pola situación e as vivencias das mulleres durante todo o século pasado, un século no que a sociedade pasou por unha longa noite de pedra no que as mulleres foron reprimidas duramente en diferentes épocas ou tratadas como seres inferiores, sempre dependentes dun home, educadas para ser nais abnegadas e obedientes esposas.
A charla, aberta a todos os públicos, comezará ás 11.00 horas e será con entrada gratuíta ata completar aforo.
Ao abeiro das actividades de memoria 2022 o Concello tamén aberta ao público no Museo municipal a exposición ‘Rexas. Mulleres baixo o terror franquista’, unha mostra para coñecer un anaco da historia a través dunha escolma da historia de represión sufrida por 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e que, polo feito de ser mulleres, sufriron vexacións de corte sexista. A mostra, que reivindica a memoria das vítimas do alzamento de 1936, analiza a contextualización histórica, que conta como se produciu unha quebra dos dereitos tanto de clases como para as mulleres, que pasaron a ser tratadas como menores de idade ou sempre dependentes de varón. Ademais, a exposición analizará as diferentes tipoloxías de represión e permitirá recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindíbel á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e ás criaturas orfas, así como o seu protagonismo na transmisión da memoria.
O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a toda a veciñanza a coñecer esta exposición que poderá visitarse de balde ata o vindeiro 30 de novembro de luns a venres de 09.00 a 21.00 horas e sábados de 10.30 a 13.30 horas.
O Concello de Redondela, por medio da área de Normalización Lingüística, dirixida pola alcaldesa Digna Rivas, retomou a axenda de irmandade con Monçao. Logo do proxecto de “Literaturas irmás”, consistente no préstamos de libros galegos en Monçao e de libros portugueses en Redondela, o concello galego mantivo este mércores unha reunión cos membros do goberno local en Monçao. Dentro dun clima propositivo e favorable a relanzar a irmandade, ambos municipios acordaron explorar accións pedagóxicas nas escolas para coñecer un pasado común.
Neste sentido, o concello redondelán presentou tres actividades centradas en distintos niveis que terán como fío condutor a lingua e literatura compartida, así como unha posta en valor do patrimonio local en cada unha das vilas. Conferencias, xornadas de convinvencia ou días de lecer compartido son algúns dos retos que ambas institución se propoñen agora definir no calendario.
Ademais das asctividades escolares, ambos concellos retomaron o encontro de Cocas, nos días previos á festa grande. Durante este encontro Redondela quere potenciar toda a riqueza cultural que rodea á festa como son o baile e a danza. En todo caso, os responsables dos concellos manterá o contacto e o diálogo fluído para ir definindo todas estas actividades.
Pola súa parte, Digna Rivas, responsable da área do SNL, reiterou “a importancia de que Galicia e Portugal se encontren a través da cultura, en particular da lingua. Aínda precisamos traballar máis este achegamento co pobo irmán ante o descoñecemento mutuo sobre o noso pasado común. Por parte de Redondela temos especial interese en reforzar estes lazos. Por iso é importante este encontro de traballo que desexamos chegue a bo porto”.
O centro sociocultural de Pedornes acollerá este sábado 19 de novembro a actividade infantil e familiar ‘Caderno de cores e cancións’, un espectáculo de Magín Blanco recomendado para público de todas as idades (a partir dos 3 anos) e que comezará ás 18.00 horas.
‘Caderno de cores e cancións’ é un percorrido pola creación musical e literaria das cancións que se desenvolve partindo do legado dos trobadores e vinculado ás cores e as súas sinerxías tanto emocionais como naturais. O xogo con todos estes elementos (as melodías, as harmonías e a musicalidade poética das rimas) axudará a ir construíndo e descubrindo todo un universo persoal e colectivo.
Esta proposta chega a Oia da man do repositorio de proxectos TeCe Redes en galego (ao abeiro do Fondo Xacobeo 21-22 en colaboración co Ministerio de Cultura e Deporte) e desenvolverase no marco da XXXV Semana Cultural de Pedornes que organiza a Asociación Cultural San Mamed do 14 ao 19 de novembro.
O espectáculo de Magín Blanco será o encargado de abrir a programación de actos do sábado, a cal continuará coa representación teatral da obra ‘O Ángulo’, a cargo do grupo local O Mellor de Cada Casa (ás 19.00 horas). Como broche final da Semana Cultural de Pedornes, a partir das 20.30 horas terá lugar o tradicional magosto, que chega este ano á súa edición número 38.
Na mañá de hoxe, ás 11.00 horas pechamos o Programa Integrado de Emprego- Concello de Mos, na súa Edición 2021-22, coa asistencia de 40 persoas entre equipa técnica, representantes institucionais, empresas colaboradoras e profesionais da Orientación e Prospeción Laboral.
No acto de clausura tivóse a oportunidade de pechar dita edición, cun PANEL DE EXPERIENCIAS, no que dar visibilidade ao traballo compartido durante 12 meses, no que interviron, Natalia Diéguez de Talleres Vamo SL, Jose M. Sío de Cristal Sío SL, Mónica Cabaleiro de Forest Green, Yolanda Santos de Lusant Formación SL e Susana Iglesias, docente no Programa Integrado de Emprego.
Logo de aportar os datos cuantitativos dos resultados obtidos, servizos prestados, orientación, accións formativas desenvolvidas, prácticas en empresas e a intermediación laboral con empresas, realizados a máis de 100 persoas demandantes de emprego da contorna de Mos.
Seguidamente, Julia Loureiro Campo, Concelleira Delegada de Promoción Económica, Desenrolo Empresarial e Emprego, e Marta Mariño Regueiro, Xefa Territorial da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, fixeron extensivo o agradecemento polo traballo colaborativo compartido que fixo posible acadar todos os retos establecidos.
Sheila, Xoán, Elisa, Gabriel, Mara, Lorena, Carlos, Eva, Mara, Diego, David, Elena, Javier,.. foron parte dos nenos que esta mañá protagonizaron o primeiro pleno infantil celebrado no Concello de Tui coincidindo coa conmemoración este domingo, 20 de novembro, do Día Mundial dos Dereitos da Infancia. Unha sesión plenaria especial coa que amais o Concello de Tui abre un proceso de participación infantil e adolescente que hoxe neste pleno foi tamén refrendado por unanimidade. E amais con esta sesión comeza o programa municipal con motivo do 25N xa que o tema a tratar esta mañá polos nenos e nenas foi a violencia de xénero.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, abriu a sesión lembrando a celebración do Día Mundial dos Dereitos da Infancia, e da convocatoria desta sesión infantil respondendo á recomendación de Nacións Unidas de “participación dos nenos nas institucións públicas, de cara a que as poidades coñecer, porque son as institucións públicas as que levan a cabo medidas que vos van afectar de forma moi directa e polo importante que é xa dende moi pequenos que vos vaiades familiarizando coas mesmas” dicía . Engadía o rexedor tudense que “os nenos e nenas sodes xa o presente, sodes o presente en dereitos, e polo tanto é importante que dende ese punto de vista o conxunto das administracións públicas adoptemos políticas activas de protección dos vosos dereitos”. Sobre o tema monográfico da sesión indicaba que “as cifras de violencia de xénero son moi preocupantes” polo que “para loitar contra a lacra da violencia de xénero importante é a educación e a pedagoxía” indicando que “ poñeremos en marcha cantos mecanismos sexan necesarios para sensibilizarnos desta epidemia”.
Os representantes do alumnado dos CRA Mestra Clara Torres, dos CEIP’s Nº1, Nº2, Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis, e Rebordáns, do colexio Maristas Santa María, do IES Indalecio Pérez Tizón, e do Seminario Menor reflexionaron sobre a violencia de xénero, amosando a súa preocupación polo maltrato non so físico senón tamén polo psicolóxico que seguen a sufrir as mulleres, a desigualdade salarial, o teito de cristal, os xoguetes sexistas, e amosaron a súa disposición a colaborar en “iniciativas efectivas”. Propuxeron “poñer as lentes de igualdade para erradicar a violencia de xénero na nosa sociedade, porque a solución depende de todos nós”, dicía. Afirmaron tamén que “non queremos crecer nunha sociedade con violencia”.
No remate da quenda de intervención a concelleira de Igualdade, Ana Núñez, amosouse abraiada polas propostas e a visión reflexiva amosada polos e polas participantes, e felicitou aos profesorado e ás familias polo traballo que queda reflectido no sentimento transmitido por nenos e nenas.
Explicou amais que que este proceso de participación infantil terá continuidade coa creación dun Consello Municipal de Infancia e Adolescencia, con obradoiros nos centros educativos e nas parroquias, coa colocación de caixas de suxestións, elaboración de enquisas, redes sociais específicas, e constitución dunha mesa de coordinación para promover a transversalidade das políticas da infancia.
Interviñeron os representantes do grupos políticos presentes. José Manuel Palacín de C21 falou de “esperanzadoras propostas” as feitas polo alumnado na loita contra o machismo, que dicía é “unha loita universal”.
José Ángel Fernández do PP destacou “o labor tan magnífico dos responsables educativos” e felicitou aos nenos e nenas polas súas propostas. Dicía “hoxe sodes protagonistas e nos puxéchedes deberes, temos que camiñar cara adiante con todas estas inquietudes que tedes, e darvos as grazas por participar”.
Coma remate do pleno aprobado polos representantes dos centros educativos, por unamimidade, continuar con este proceso de participación infantil, do que hoxe foron os protagonistas.
Esta mañá, o Concello de Salvaterra de Miño denunciaba formalmente ante a Garda Civil de Salvaterra uns actos vandálicos no Ponte Cordeiro que produciron un problema moi grave na captación de auga potable que da servizo ao municipio.
Na noite do 16 ao 17 de novembro empezamos a ter problemas de caudal na entrada de auga do río ao pozo de bombeo, supostamente por atasco. Nese intre fíxose unha inspección e posteriormente para darlle solución ao problema chamouse a unha empresa especializada, introducindo mangueiras de desatranco entre o río e o pozo de bombeo (traballo que durou ata ás 18.00h), aparecendo unha rede semirríxida no interior das tubarias. A continuación chamouse a Medio Ambiente e a Garda Civil, xa que non hai forma de que entre no sistema se non é coa apertura voluntaria da trampilla de acceso á zona de captación, co cal tratábase dun sabotaxe ao sistema de abastecemento, que produciu que baixara o caudal e que unha parte do Concello quedara sen auga dende ás 12.00h do xoves ata hoxe pola mañá (que se recuperou o nivel de auga).
Ante esta situación hoxe pola mañá formalizouse a denuncia.
A “grandísima e recoñecidísima” actriz galega, María Casares, terá unha camelia co seu nome no Xardín de Camelias con Nome de Muller do Castelo de Soutomaior. A presidenta da Deputación Carmela Silva, sinalou que “temos moita necesidade de celebrar ás mulleres”, e recordou que, “queremos que haxa grandes referentes que sirvan a outras mulleres, para querer ocupar os espazos como ocupou María Casares”.
Así, a institución provincial, ao fío do centenario do nacemento da actriz, celebrará un acto o próximo martes 22 de Novembro no Salón do Tapiz do Castelo no que a actriz Paula Sanmartín, caracterizada de María Casares, interactuará co público e ofrecerá un monólogo, acompañada polo pianista Martín Rodríguez, que coa súa música de fondo evocará o ambiente musical dos bares da época en París, onde Casares viviu e traballou.
Despois, plantarase no xardín a nova camelia María Casares. Trátase dun exemplar de xapónica de cor rosa cun tamaño de pequeno a mediano. Foi orixinada por Begoña Franco no terreo do Chazo en Boiro, A Coruña, a partir dunha semente de camelia xapónica. A súa floración é moi temperá e duradeira, comeza en outubro e esténdese ata maio. A flor da actriz será a novena camelia no xardín con nome de muller do Castelo, sumándose aos nomes de María Vinyals, Emilia Pardo Bazán, Rosalía de Castro, Jane Andresen, Juana de Vega, Jimena Fernández de la Vega, Sofía Novoa e Bella Otero.
Outro ano máis desde o Concello póñense en marcha varias accións para conmemorar o Día Internacional contra a violencia de xénero. Aínda que esta é unha problemática na que se traballa durante todo o ano desde o CIM e a Concellería de Igualdade, este departamento municipal considera moi importante continuar celebrando estas datas sinaladas.
Durante toda a semana a fachada do Concello lucirá tinguida de cor morado, o día 24 terá lugar no Centro Cultural a obra de teatro “As que limpan” da compañía de teatro A Panadaría para a que as entradas xa están esgotadas, e o propio día 25 ás 19:00 celebrarase nos baixos da Casa dos Alonso un acto conmemorativo no que poderemos desfrutar dunha performance que será levada a cabo por un grupo de 13 mozos e mozas que participan no grupo de teatro do Proxecto Actúa Verde, que a Asociación Foco puxo en marcha na vila a través de Fondos Europeos. Durante dito acto os/as portavoces dos distintos partidos políticos terán tamén oportunidade de manifestar a súa repulsa contra todas as manifestacións da violencia de xénero e o seu compromiso coa igualdade.
Desde o Concello convidamos a todas as persoas implicadas coa loita pola igualdade e que condenan a violencia de xénero a que nos acompañen neste acto.
O Concello de Nigrán ofrece este domingo 20 de novembro ás 17:30 horas no Auditorio Municipal un obradoiro de animación musical a cargo da Fundación Igualarte con entrada de balde ata completar aforo. Primeiramente constará dunha animación musical con diferentes instrumentos tradicionais e a continuación cada familia creará o seu propio instrumento con materiais de refugallo, despois faranse diferentes xogos de ritmo e movemento e, para finalizar, entre todos os participantes crearase unha pequena orquestra.
Esta actividade forma parte do convenio de 5.000 € do Concello de Nigrán coa Fundación Igualarte. O seguinte obradoiro é o de pasta de sal o 28 de novembro e o de cociña o 30 de novembro (ambos no CEIP Humberto Juanes de 17:30 horas a 19:00 para crianzas de 5 a 8 anos e de 19:00 a 20:30 para nenos e nenas de 9 a 12 anos) en quendas de 15/20 minutos segundo orde de chegada. Finalmente, para o obradoiro de primeira infancia (Biblioteca, 17 de decembro- bebés de ata 2 anos ás 17:00 e crianzas de 2 a 5 anos ás 18:30 horas) é imprescindible inscrición previa no formulario web que no mes de decembro se habilitará en www.nigran.es, estando destinado só a crianzas empadroadas.
A Fundación Igualarte, con sede en Vigo, loita pola integración das persoas con diversidade funcional no campo artístico e o desenvolvemento das súas competencias creativas e expresivas, sendo a única de España adicada ao desenvolvemento artístico destas persoas.
O Concello de Tui vén de renovar as marquesiñas nas parroquias de Rebordáns, Pazos de Reis, Baldráns, Caldelas, Malvas e Paramos, utilizadas polo alumnado que emprega o servizo de transporte escolar para agardar aos autobuses que diariamente os levan aos seus centros educativos.
Ante o mal estado de conservación que presentaban estes elementos, o concello decidiu levar a cabo renovación destas marquesiñas con fondos propios, sendo realizadas e instaladas polos operarios municipais.
O obxectivo do goberno municipal é continuar a renovación das marquesiñas nas parroquias restantes, co obxectivo de completar a substitución destes elementos antes do inicio do novo ano.
Carmen Álvarez Pérez, veciña da parroquia de Burgueira e a muller máis lonxeva do municipio, cumpriu hoxe 103 anos. Para felicitala en nome do Concello de Oia, a alcaldesa, Cristina Correa, e a tenente de alcalde, Carmen María Estévez, fixéronlle entrega dunha torta e aproveitaron para transmitirlle os seus mellores desexos.
A centenaria homenaxeada celebrou o seu aniversario na compañía dos seus achegados e seres queridos. Nesta data tan especial, a rexedora e a tenente de alcalde achegáronse a felicitala e transmitirlle os parabéns e agarimos en nome de todo o municipio.
Carmen Álvarez naceu o 17 de novembro de 1919 en Torroña, trasladándose a vivir a Burgueira cando casou con José, veciño coñecido por ser o carteiro nesta parroquia. Traballou toda a vida no campo, tivo 3 fillos e, segundo lembran na súa familia, foi unha muller de gran memoria: cando ía ata Comercial Blanco para facer a compra, levaba sempre a lista de memoria e, ademais, facía todos os cálculos mentalmente, sen ter que recorrer á axuda da calculadora.
Despois dunha existencia chea de traballo e esforzo, actualmente a ‘avoa de Oia’ supera o século de vida gozando do cariño da súa gran familia.
Definir ferramentas e propostas que permitan mellorar o ensino da situación sociolingüística do galego nas aulas de Secundaria e contribuír a que o alumnado comprenda a situación de minoración na que se atopa o idioma son dous dos obxectivos do proxecto ‘Lingua e sociedade’ -que impulsa a Deputación de Pontevedra xunto a persoal investigador da Universidade de Vigo– e que onte centraron as xornadas homónimas celebradas no Pazo Provincial. Un dos resultados do traballo será a publicación dunha guía didáctica que se repartirá nos centros da provincia.
Na súa intervención na xornada, a deputada de Lingua María Ortega subliñou que a escola, tanto Primaria coma Secundaria, é “o alicerce do futuro do idioma”. “A poboación máis nova do país é o futuro, é a que vai facer que a lingua se manteña, permaneza viva e se asente –agardamos- máis do que está”, dixo a nacionalista, quen subliñou que é preocupante tanto a competencia que a día de hoxe manifesta o alumnado tanto na fala como no coñecemento sobre o galego.
Para Ortega é fundamental unha revisión fonda da actual política educativa verbo da lingua galega nos centros públicos e privados e desenvolver iniciativas para potenciar o uso do galego tamén fóra das aulas. Salientou que non se pode aceptar a situación actual, que conduce na práctica a un abandono progresivo do galego, e subliñou que o corpo docente da lingua galega é fundamental para a promoción da lingua na mocidade.
Nese sentido, deu os parabéns a todas as profesoras e profesores involucrados no estudo da UVigo, porque “a pesares de ser minoría”, permiten avanzar no ensino do idioma, sacar conclusións, tomar decisións e chegar a solucións que muden a situación actual.
Reflexión e debate sobre a lingua
Co propósito de coñecer como se traballan nos institutos os contidos do bloque Lingua e sociedade e coñecer as demandas e expectativas do profesorado da materia Lingua galega e literatura, o persoal investigador da UVigo realizou unha serie de entrevistas a docentes, que este xoves se vén complementadas polas visións que tanto profesorado de diferentes institutos como docentes universitarios achegan na xornada de reflexión e debate Lingua galega e sociedade.
“Estamos nun contexto de minoración lingüística notoria e evidente e fai falta achegar ferramentas de concienciación para contribuír á recuperación do galego”, sinala o coordinador desta investigación, o profesor Fernando Ramallo, que incide en que esa necesidade de “gañar falantes” para o galego require dun paso previo, “a concienciación da necesidade de gañar falantes”.
De aí que o propósito central deste proxecto sexa definir propostas de mellora para a práctica docente no referido a un bloque de contidos, o de ‘Lingua e sociedade’, que ten presenza ao longo de todo o ensino secundario e que centra os seus contidos na situación sociolingüística do idioma e na diversidade lingüística.
Financiado con 17.000 euros pola Deputación de Pontevedra, o propósito deste proxecto é nese senso “indagar en como se están a ensinar e aprender os contidos” deste bloque, atendendo as “experiencias, traxectorias, expectativas, demandas e propostas” do profesorado, co propósito de “reflexionar sobre posibles melloras” que contribúan ao ensino destes contidos desde unha “perspectiva descritiva, pero tamén crítica”. Deste xeito contribuiríase “concienciación” do alumnado, sinala o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución, que incide non obstante en que mudar a situación de “desigualdade” do idioma “é un desafío moi completo, que non é responsabilidade unicamente do sistema educativo”.
Como xornada de peche deste proxecto, o Pazo Provincial acolle este xoves un encontro dirixido a “profundar no coñecemento crítico e dialéctico da relación entre lingua e sociedade en Galicia, poñendo o foco no fortalecemento da lingua galega no sistema educativo”. Estruturada en catro bloques, esta xornada arrancou cunha primeira mesa centrada en analizar “as focaxes sociolingüísticas dominantes na docencia e investigación universitarias”. Moderada por Ramallo, esta primeira mesa contou coas intervencións das profesoras da Universidade de Santiago de Compostela Bieito Silva e María López Sández e do director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo, Xosé Henrique Costas. “Nós contribuímos á formación do que profesorado de secundaria. Isto é un bucle e tamén ter que haber cambios na universidade”, salientou Ramallo.
Pola tarde, a xornada continuou con tres novas mesas, centradas no ensino-aprendizaxe sociolinguístico no ensino obrigatorio desde distintas perspectivas, tomando como punto de partida os datos obtidos nas entrevistas realizadas a unha trintena de profesores no marco deste proxecto.
Doce profesores e profesoras de instituto (representantes dos IES Salvaterra do Miño, IES Fonmiñá, IES Terra de Turonio, IES Alexandre Bóveda, IES Pedro Floriani, IES San Paio, IES Chapela, IES Coruxo, ES Monte Carrasco, IES Johan Carballeira, IES Castelao, e IES de Poio) interviron ao longo da tarde nas tres mesas de debate moderadas por Ramallo e os tamén investigadores da UVigo Xabier Benavides e Luís López Alonso.
Da análise á divulgación
Esta xornada insírese no traballo que un equipo de sociolingüísticas vén desenvolvendo nun proxecto que comprendeu en primeiro termo unha revisión curricular e lexislativa relacionada co bloque Lingua e sociedade e na realización de entrevistas ao profesorado responsable da materia de Lingua e literatura no institutos da provincia. Tras contactar, como explicou Ramallo, con máis de 300 docentes, este traballo permitiu a realización de 33 “entrevistas en profundidade” a docentes de secundaria, ás que se suman outras dez a profesorado das tres universidades galegas. Estas constitúen, como sinala Ramallo, unha “fonte fundamental de datos para a nosa reflexión e análise”, á que se suman as conclusións que se obteñan ao longo desta xornada e que contribuirán tamén ao “informe final do proxecto”.
Así mesmo, o proxecto comprende tamén a elaboración dunha guía didáctica, orientada a secundaria, “na que recollemos propostas que complementen o ensino de módulo de Lingua e sociedade no ensino obrigatorio”, explica Ramallo da que será a final dun proxecto que “constitúe un paso máis da campaña En Galego! Investigación e divulgación científica da UVigo.
O Novembro Lila continúa a súa andaina no Multiúsos Mercado de Sabarís e acolle este domingo, 20 de novembro, ás 12:00 h a representación teatral para as crianzas ‘Aprendendo a querer’ de Isabel Risco, a cargo de Trinke Trinke Teatro. A entrada é gratuíta e libre ata completar aforo.
Esta actividade forma parte da programación ‘Novembro Lila’ organizada pola Concellería de Igualdade, que xestiona Yasmina Moreira Costas, que trae consigo un mes dedicado a actividades para sensibilizar e educar a poboación contra a violencia contra a muller co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
A Concelleira de Igualdade do Concello de Baiona, Yasmina Moreira Costas, acercouse hoxe ata o CPI Cova Terreña para coñecer o obradoiro ‘Afiidades Diversas’ e acompañar a Anne Malgogne Dumesnil ‘Amadu’, Brigitte Darras Dit ‘Bivan’, Fabbienne Alliou-Lucas, as artistas francesas que xunto coa artista baionesa Irene Silva, impartiron una serie de obradoiros para o alumnado de 1º da ESO neste colexio baionés.
A delegación francesa de artistas de Pornic e artista baionesa tratan con este obradorio de dar visibilidade oa traballo das mulleres artistas que ao longo da historia da arte virou o seu traballo invisibilizado. Os obradoiros tamén conta con una parte práctica no que o alumnado deixa voar a súa imaxinación.l
Este ano a Concellería de Igualdade do Concello de Baiona vai aproveitar o aniversario co irmandamento con Pornic, para abrir o círculo e integrar a mirada de artistas francesas, as cales forman parte da programación, non só expoñendo as súas pezas, senón que tamén dirixen estes obradoiros para o alumnado dos centros educativos de Baiona.
Entre as actividades estrela desta edición 2022 atópase a exposición e o encotro cas artistas “Afinidades divesas” que se inaugurá mañá as 19:00 h no Multiusos Mercado de Sabarís. Anne Malgogne Dumesnil ‘Amodu’, Brigitte Darras Dit ‘Bivan’, Fabbienne Alliou–Lucas, son as artistas francesas que xunto as artistas baionesas Irene Silva, Mar Caldas e Elvira Jardón exporán o seus traballos ata o 27 de novembro no Multiúsos Mercado de Sabarís, podendo visitarse os sábados de 16:30 h a 19:00 h e os domingos de 16:30 h a 19:30 h, unha oportunidade moi valiosa para tecer lazos e traballar en proxectos comúns no futuro. (Para visitas grupais concertar cita no teléfono 620 065 056)
O ‘Novembro Lila’ é un programa deseñado para dar visibilidade á secuela da violencia machista coincidindo con motivo do 25 N, día internacional contra a violencia de xénero. Trátase dunha programación que abarcará todo o mes de novembro e contará cunha importante presenza feminina, cuxas pezas e traballos contan historias vividas e sentidas por mulleres.
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas conmemorou onte o Día Internacional do Patrimonio e o fixo coa entrega de premios do 5º certame de Imaxes do Patrimonio, evento retrasmitido en directo, a través da radio e internet, dende o Auditorio da Asociación Cultural de Valadares, en Vigo.
O CEP Carlos Casares de Salvaterra de Miño obtivo o premio especial polas imaxes do proxecto do curso pasado A auga no patrimonio arquitectónico da contorna de Salvaterra de Miño e as súas parroquias e pola súa traxectoria de colaboración ao longo de tantos anos.
Cómpre lembrar que o Carlos Casares é unha das escolas pioneiras que formaron parte daquela innovadora metodoloxía que buscaba tecer lazos de unión e colaboración entre os centros educativos, dun e doutro lado do río Miño e que pretendía recuperar e dar visibilidade ao Patrimonio Inmaterial que é común a ambos lados do río.
Esta actividade xurdiu cando se inaugurou a Ponte Internacional que une Salvaterra de Miño con Monçao. Dende entón, e xa van preto de 30 anos, o colexio de Alxén leva participando activamente en todas as actividades que organiza esta Asociación.
Á entrega de premios asistiron, ademais das persoas galardoadas, numerosas autoridades do eido da Cultura e da Educación dos dous países.
Este é un premio compartido con toda a Comunidade Educativa do CEP Carlos Casares, porque cada quen aportou “a súa pinga de auga” para que este proxecto saíra adiante.
O Proxecto que van traballar este curso é “MeteoAlxén” unha iniciativa multidisciplinar e moi ambiciosa, que se desenvolverá dende varias disciplinas. O pasado domingo coincidindo coa xornada de portas abertas que organiza a ANPA e o colexio, foi inaugurada a exposición anual dos obxectos aportados por toda a Comunidade Educativa, unha mosta que contou coa presenza de moito público a pesar das conducións meteorolóxicas adversas.
Como cada ano conseguiuse un número moi importante de fotografías relacionadas coa meteoroloxía, o clima e os fenómenos atmosféricos. Quen sabe se unha destas imaxes será a gañadora do 6º certame de imaxes do Patrimonio.
Agardamos con impaciencia que Ponte… nas Ondas consiga entrar, nos próximos días, no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco.
O Concello de Tui retoma o vindeiro martes, 22 de outubro, ás 19,30 horas no Edificio ‘Francisco Sánchez’ (antiga Área Panorámica) a celebración do «Foro do Camiño Portugués» coa presenza na nosa cidade do director da Área de Cultura Xacobea da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, Francisco Singul Lorenzo, que pronunciará unha conferencia titulada Puerto y Puerta del Camino Portugués: Tui en la construcción cultural de la peregrinación a Santiago.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradece a presenza en Tui dun dos máximos especialistas, a nivel internacional, sobre o Camiño de Santiago e cultura xacobea que se achega ata a nosa cidade para realizar esta intervención que documenta a achega tudense á construción, ao longo dos séculos, do fenómeno da peregrinación, neste caso a través do Camiño Portugués.
Para o alcalde tudense, Enrique Cabaleiro, afirma que este «Foro do Camiño Portugués», pretende contribuír ao posicionamento de Tui no ámbito do Camiño de Santiago. Este Foro foi inaugurado o pasado 20 de abril de 2021 coa presenza de Juan Manuel López-Chaves e nel teñen participado numerosas personalidades vinculadas ao Camiño Portugués e a súa xestión.
Este Foro súmase a outras medidas impulsadas dende o Concello a prol do Camiño ao entender que a ruta xacobea é un dos principais recursos patrimoniais e turísticos do noso concello: a creación da Mesa do Camiño, o impulso a actividades diversas, publicacións, a posta en marcha do perfil de Facebook ‘Camiño Portugués. Tui’ con máis 5.400 amigos, etc.
Medidas todas para consolidar a hospitalidade desta cidade de Tui aos milleiros de peregrinos que nos vistan ao longo do ano e que converten á esta vella urbe nun dos primeiros lugares que elixen os peregrinos para iniciar a súa peregrinación a Compostela.
Francisco Singul é doutor en Historia da Arte, xefe de área de Cultura Xacobea da SA de Xestión do Plan Xacobeo (Xunta de Galicia), investigador, comisario de exposicións e escritor. Participou en numerosos congresos internacionais sobre as peregrinacións a Santiago de Compostela, ten dirixido e coordinado varios libros colectivos sobre a catedral de Santiago, a pratería e o acibeche composteláns e sobre o Camiño de Santiago. É autor de varios libros de temática xacobea e de artigos sobre arte galega e as peregrinacións xacobeas, aparecidos en revistas internacionais, obras colectivas e actas de congresos.
Entre os seus libros podemos citar:Historia Cultural do Camiño de Santiago, Vigo, 1999; O Caminho de Santiago. A peregrinaçâo ocidental na Idade Média, Río de Janeiro, 1999; La Ciudad de las Luces, Santiago, 2001, Cammino di Santiago. Cultura e pensiero, Roma 2007; Camino de Santiago, Tokio, 2008; Vino y cultura medieval. Galicia y los caminos de Santiago, Santiago, 2010; Diego Gelmírez, señor de Torres de Oeste, Madrid, 2014; El Camino Francés en el Códice Calixtino, Santiago, 2016; Camino que vence al tiempo. La peregrinación a Compostela, Madrid, 2020, A imaxe da harmonía universal. Música, poesía e artes visuais en Galicia e no Camiño de Santiago (séculos XII-XIII)”, 2021, etc.
O Instituto de Estudios Agrario Mártires de Sobredo (IEAMSo) organiza este Acto cívico e social «Sobredo na memoria 100 anos despois», evento que terá lugar o sábado 19 de novembro a partir das 19 horas no Teatro Principal de Tui e no que se proxectará o documental Os sucesos de Sobredo, video gañador do premio ‘De Escola a Escola’, TVE-Galicia 1991.
Trala proxección do video terá lugar a actuación do coro galego Cantares do Brión, para de seguido dar continuidade a unha mesa de conversa na que participarán persoas e entidades iniciadoras dos actos en memoria dos Sucesos de Sobredo.
Seguirá a interpretación musical a cargo de Tomás Camacho e o recitado poético de Brais González que dará paso á intervención da representación de familiares dos Mártires de Sobreto, representantes do Concello de Tui e representantes do IEAMSo. A claudura correrá a cargo do coro galego Cantares do Brión.
Doutra banda, o 27 de novembro, a partir das 11:00 h, en Sobredo, haberá un acto de conmemoración do Centenario e o luns, 28 novembro, ás 17:00 h, nomeamento Rúa Mártires de Sobredo, acordado polo Concello de Tui.
100 anos dunha mobilización social sen precedentes
O 28 de novembro cúmprense 100 anos dos Sucesos de Sobredo; até esa data, durante o verán e outono do ano 1922 Galicia vive unha mobilización social sen precedentes; a poboación labrega mobilizábase para esixir que se eliminara o pago dos foros, rendas sobre a terra con orixe en contratos de mais de tres centos ano de antigüidade; realizados nun réxime de señoríos, no que os beneficiarios eran a nobreza, a fidalguía e as entidades eclesiásticas.
O sistema foral, xa en pleno século XX e cun réxime administrativo municipal, seguía en paralelo cobrando rendas á poboación campesiña, que ao mesmo tempo tiña que facer fronte aos impostos públicos. A consecuencia de non pagar a renda do Foro polo San Martiño, unha vez feitas as colleitas, era o embargo de bens.
No final o mes de xullo do ano 1922 celebrase en Tui o Congreso Agrario Galego, no que participaron mais dun centenar de asociacións agrarias representado a toda Galicia; a resolución do Congreso foi non pagar os foros e iniciar unha campaña nos meses seguinte para a súa abolición.
A traxedia desencadease en Sobredo, lugar da parroquia de Guillarei, en Tui, cando o Xulgado realiza un embargo a un veciño que non pagou o foro. A Garda Civil disolve a tiros a concentración dunha multitude de persoas da contorna que, en solidariedade e para opoñerse ao embargo, acudiu a Sobredo guiada polo toque de campás das parroquias veciñas e foguetes ao ar.
A labrega Cándida Rodríguez González, natural de Pazos de Reis, municipio de Tui e os labregos Venancio González Romero, natural de Budiño e Joaquín Estévez Besada, natural de Soutelo, ámbolos dous do municipio de Salceda de Caselas, faleceron por disparos de armas de fogo; sucesos nos que así mesmo resultaron lesionadas, tanto feridas de bala e con contusións e mazaduras numerosas persoas.
O BNG do Condado-Paradanta baixo o lema 40 anos ao servizo de Galiza, celebra os 40 anos da súa fundación cun acto público, convidando a participar a toda a veciñanza da comarca e que terá lugar este sábado 19 de novembro ás 20:30 h, no auditorio municipal de Ponteareas.
Neste acto –no que se vai contar coas intervencións da alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández e de Lucía Veciño, membro da Fundación Galiza Sempre–, proxectarase un vídeo documental elaborado cos testemuños da militancia da comarca e que relata como xerminou o BNG no Condado-Paradanta.
Terá lugar tamén neste acto, a presentación do libro do 40 aniversario do BNG, e unha pequena actuación musical a cargo do grupo Voces de Arrieiro.
O Concello de Nigrán dará un paso máis a prol da sostibilidade ambiental creando a primeira comunidade solar municipal de Galicia. Con este obxectivo ven de licitar o aluguer da cuberta do Pavillón de Panxón para instalar placas fotovoltaicas que subministren de enerxía verde ao propio edificio e tamén ás vivendas situadas a un radio máximo de 500 metros. Deste xeito, á veciñanza da contorna poderá beneficiarse deste novo modelo enerxético de autoconsumo sen facer ningún investimento, mellora ou trámite e obtendo a cambio enerxía 100 % renovable a un custe simbólico.
“O aforro na factura da luz será drástico, de máis dun 80 %, pero é que estamos a falar tamén de aforro de emisións, polo que consideramos que é a nosa obriga como administración local apostar por este modelo sostible. Así que impulsaremos ese sistema de autoconsumo colectivo en todos os espazos municipais onde sexa viable polas súas incuestionables vantaxes en términos medioambientais, sociais e económicos”, avanza o alcalde, Juan González, quen destaca que os veciños recibirán esta enerxía limpa a través da rede eléctrica xa existente.
Tal e como xa está publicado no ‘Perfil do Contratante’, o Concello ofrece en libre concorrencia ás eléctricas interesadas o aluguer de 453,6 m2 de cuberta do Pavillón para que instalen unha planta de enerxía solar fotovoltaica con 121,5 Kwp de potencia. O cánon mínimo anual que estipula é de 1.814 €/ano con posibilidade de mellora na oferta e cun prazo de concesión de 15 anos non prorrogables. As empresas interesadas dispoñen desde onte de 15 días naturais para presentar as súas ofertas. Supón polo tanto valorizar un espazo en desuso e obter un beneficio económico e medioambiental a cambio.
“É un modelo todavía novidoso e que inauguramos como Concello en Galicia. Estamos moi orgullosos de situarnos sempre á vangarda das políticas medioambientais, igual que sucedeu no ano 2018 cando instalamos a primeira electroliñeira municipal e gratuíta que logo ampliamos con máis surtidores”, explica o rexedor en referencia á aposta do Concello polos vehículos eléctricos, aos que mesmo bonifica no Imposto de Rodaxe. Paralelamente, esta acción contribuirá significativamente a cumplir o compromiso do Concello de Nigrán de acadar unha reducción das emisións de CO2 nun 40% de aquí a 2030, tal e como suscribíu no ‘Pacto Europeo de Alcaldes polo Clima e a Enerxía’ (isto suporá que o municipio deixe de lanzar 23.271 toneladas de CO2 á atmósfera). Neste sentido de aforrar emisións, compre destacar que o Concello leva investidos preto de 20.000 € nos últimos anos en instalar placas solares na Casa Consistorial, o propio Pavillón e o Campo Municipal de Condomínguez.
“Estamos a buscar xa novos espazos municipais onde crear comunidades solares porque ademais do beneficio para á natureza e o peto dos veciños, cremos que con esta acción serviremos de exemplo para que a veciñanza considere esta opción no seu edificio, ao igual que coas electroliñeiras e bonificacións de impostos promovemos o cambio cara o vehículo eléctrico”, engade González.
A especialista en mobilidade, Paula Teles, enxalzou onte o modelo de mobilidade de Ponteareas nun artigo publicado no principal xornal portugués, o Jornal de Noticias. Paula Teles é enxeñeira civil, presidenta do Instituto de Cidades e Vilas con Mobilidade en Portugal e fundadora da mesma institución en Brasil, experta en mobilidade e autora de numerosas publicacións sobre a materia.
Na súa condición de experta en mobilidade, cunha longa traxectoria no asesoramento a institucións e en labores docentes, Teles participou como especialista convidada na xornada da Facultade Ágora, organizada pola Deputación de Pontevedra a pasada semana en Ponteareas e á que asistiron ducias de persoal técnico e de representantes políticos da provincia para coñecer insitu as políticas de mobilidade implementadas en Ponteareas nos últimos anos. Na xornada, a alcaldesa Cristina Fernández Davila e o primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera, expuxeron detalladamente a estratexia seguida en Ponteareas para recuperar o espazo público para as persoas e acompañaron á especialista portuguesa e ao resto de participantes nunha visita guiada por todo o centro urbano.
No seu artigo, Paula Teles cualifica de “revolución” a transformación levada a cabo no centro da vila e salienta que o que antes era unha rotonda, en referencia á Praza de Bugallal, agora é unha enorme praza con xardineiras onde as persoas conviven sen a presenza de vehículos. Teles explica que en poucos minutos puido fotografar “persoas maiores camiñando con bastóns, algunhas en cadeiras de rodas, pais con carriños de bebé e nenos en bicicleta entre cidadáns que paseaban a pé”. No artigo, Paula Teles explica que a visita rematou “cun momento moi especial. Oíase o bater da pelota no chan. Eran as crianzas que, felices, volvían xogar na rúa. Nese instante todos percibimos que a lección maior do día estaba alí”.
O Goberno municipal amosou a súa satisfacción porque “o exemplo de Ponteareas en materia de mobilidade sexa recoñecido, aplaudido e divulgado máis alá do noso País por especialistas de recoñecido prestixio”.
A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, asinou xa a documentación que autoriza o inicio das obras de impermeabilización e reparación dos danos que sufriu o auditorio municipal de Ponteareas tras anos de filtracións e os graves danos causados polos arranxos executados de forma incorrecta no ano 2010 e que obrigaron ao seu peche hai dous anos para garantir a seguridade dos usuarios e usuarias. A previsión é que esta instalación volva estar aberta ao público en primavera.
Estas obras, que se inclúen no proxecto de integración do auditorio na malla urbana da vila, son posíbeis grazas a moitos meses de traballo técnico que permitirán ao fin a reapertura “dunha instalación emblemática para a vila”.
“Comezamos uns traballos que devolverán a vida ao escenario do auditorio e un espazo único á veciñanza no que gozar da cultura e do lecer. Estamos a traballar para solucionar todos os problemas que fixeron que levemos tanto tempo sen poder empregar estas instalacións, problemas de humidades que viña arrastrando case dende o seus inicios que xa se reflectían no proxecto técnico realizado en 2009 antes da súa reforma e que a remodelación acabou de agravar”, explicou a rexedora.
Con estes traballos que se inician agora eliminaranse as principais causas das filtracións ao interior do auditorio municipal e repararanse paredes, falsos teitos e todas aquelas zonas que poidan estar danadas como consecuencia da entrada constante de auga. Nun informe técnico do 2021 recóllese que estas filtracións chegan ao interior do auditorio principalmente pola parte central da praza, nos arredores do parque infantil, e pola auga acumulada no sumidoiro perimetral, que a través dos ocos da fachada entra ás cámaras interiores dos muros e aos falsos teitos. Ademais, tamén se remodelarán os lucernarios cun novo sistema acristalado estanco, así como o saneamento da zona do parque infantil e do perímetro da praza; arranxaranse as filtracións das fiestras, sen sistema para escorrer a auga; e repararanse os paramentos interiores e dos teitos e falsos teitos.
A reparación e impermeabilización do auditorio Reveriano Soutullo suporá un investimento de 185.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022.
Utilizamos cookies para mejorar su experiencia y nuestros servicios, analizando la navegación en nuestro sitio web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información pulsando aquí:.Saber MásAceptar
Cookies
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.