11.6 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelAlba Guzmán Falcón, «Xoaniña de Deus»

    Alba Guzmán Falcón, «Xoaniña de Deus»

    Alba Guzmán era, ata o de agora, unha autora practicamente descoñecida para o gran público, a pesar de contar no seu haber cunha morea de premios en certames de poesía e tamén de narrativa. Agora publica o seu primeiro traballo, que tamén chega a nós avalado por un galardón, o “Xuventude Crea-2021” na categoría de novela curta, unha historia tenra e orixinal que, a pesar de adoecer de certos pecados de xuventude, representa un lanzamento máis ca interesante no mundo editorial actual.

    A historia que nos presenta está protagonizada por unha muller de idade avanzada que se adentra paseniño na perda de identidade que implica unha enfermidade como o alzhéimer. Mais, consciente de que a súa memoria se está a deteriorar e para evitar que as súas lembranzas se perdan, argalla a maneira de recuperalas con dous elementos dispares: un diario (que máis semella unha especie de memorias sobre feitos concretos) ao que acode de cando en vez na procura de certos instantes perdidos, e máis unha serie de tatuaxes que se encargan de remoer o seu pensamento ata dar coa clave de outros momentos de interese. Desta maneira vai reconstruíndo a súa vida como forma de enfrontarse á soidade que padece e de seguir aferrada a unha existencia que semella escapárselle entre os dedos da man.

    A novela está estruturada a partir de dúas voces narrativas: a da propia protagonista na actualidade, indecisa e insegura fronte a unha realidade que non acaba de comprender, e a do diario que recolle os episodios máis relevantes da súa vida e que lle farán comprender, a ela mesma e máis ao lector, as razóns que a levaron á súa delicada situación. E así, case sen decatármonos, seremos arrastrados cara a un final sorprendente no que todas as pezas do crebacabezas encaixan de golpe. Porque, como a autora di para pechar o penúltimo capítulo, “É máis importante non esquecer que recordar”. E non darei máis pistas para non estragar a lectura a quen decida adentrarse nas súas páxinas.

    Se temos en conta que esta novela pertence a unha rapaciña moi nova, de apenas 19 anos, e que probablemente fose escrita con non máis de 17, sorprenderémonos da madurez que amosa. Alba Guzmán ten un estilo limpo e directo que impregna o texto de fluidez e que é capaz de arrastrar ao lector ao longo da historia coma nun arrolo, sen estridencias. E todo isto fainos concluir que nos atopamos diante dunha figura á que haberá que seguir e prestar atención con interese, pois pode dar moitas alegrías aos afeccionados ás boas lecturas.

    Alba Guzmán Falcón

    «Xoaniña de Deus»

    128 páxinas