7.9 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosA Deputación fai posible a humanización do acceso á parroquia de Cela,...

    A Deputación fai posible a humanización do acceso á parroquia de Cela, en Mos

    O deputado de Cooperación, Santos Héctor, a deputada provincial Victoria Alonso, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, así como integrantes da Corporación municipal visitaron os traballos da segunda fase de humanización da estrada Generoso Domínguez, desde o Camiño da Quinta ata a Igrexa de San Pedro de Cela. As obras foron financiadas grazas a unha importante achega do Plan Concellos: preto de 436.000 €.

    Estas obras no acceso natural á parroquia de Cela son unha continuación dos traballos realizados anteriormente nesta mesma entrada, desde a PO-301 ata o Camiño da Quinta, e tamén financiados grazas ao Plan Concellos. Nesta segunda fase, un tramo de 321 metros, as principais actuacións foron, por unha banda, a dotación dunha nova beirarrúa de 2 metros na marxe esquerda en sentido de baixada. Optouse por un pavimento de formigón de cor vermello e un tratamento diferenciado nas zonas de acceso ás parcelas, reforzando a sección para soportar as cargas de vehículos para o que se utilizou pavimento de lastro de formigón. Pola outra banda, as obras supuxeron a execución de catro novos muros de contención tamén na mesma marxe.

    A zona caracterizábase por problemas como a falta de itinerarios peonís seguros, a circulación de vehículos a velocidades inadecuadas para o estado das vías –co seu conseguinte risco de accidentes–, a falta dunha iluminación adecuada, o escaso ancho da vía –con curvas pechadas, escasa visibilidade e apenas 5 metros de calzada en varios tramos, o que supoñía dificultade para o cruce dos vehículos–, así como unha pendente elevada. Todas estas deficiencias quedaron agora solucionadas e as persoas que camiñan dispoñen dun itinerario seguro.

    Satisfacción veciñal

    Durante a visita estivo presente o presidente da Asociación Veciñal de Cela, Evaristo Ucha, que sinalou que esta actuación era unha reivindicación de moitos anos xa que o escaso ancho da vía dificultaba o acceso ás vivendas. Lamentou as demoras por mor da expropiación dunha parcela, que foi necesario realizar para poder acometer a obra, pero celebrou que, tras esta segunda fase, se completase unha mellora que incide directamente na calidade de vida da veciñanza.

    As obras neste tramo da estrada Generoso Domínguez supuxeron a mellora da seguridade da vía e a humanización da súa contorna. Ademais da execución da nova beirarrúa, tamén se aumenta o ancho da plataforma para aumentar a seguridade peonil, mellorar o trazado viario e permitir o cruzamento de grandes vehículos nos puntos máis restritivos da estrada. Para isto foron necesarios os muros de contención que suman, entre os catro, 235 metros. Ademais, deseñouse unha nova iluminación eficiente, mellorouse a rede de drenaxe de recollida e evacuación de augas pluviais, soterráronse as redes de servizo, mellorouse a sinalización horizontal e vertical con limitación a 30 Km/h e instaláronse redutores físicos de velocidade.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.