A especialista en mobilidade, Paula Teles, enxalzou onte o modelo de mobilidade de Ponteareas nun artigo publicado no principal xornal portugués, o Jornal de Noticias. Paula Teles é enxeñeira civil, presidenta do Instituto de Cidades e Vilas con Mobilidade en Portugal e fundadora da mesma institución en Brasil, experta en mobilidade e autora de numerosas publicacións sobre a materia.
Na súa condición de experta en mobilidade, cunha longa traxectoria no asesoramento a institucións e en labores docentes, Teles participou como especialista convidada na xornada da Facultade Ágora, organizada pola Deputación de Pontevedra a pasada semana en Ponteareas e á que asistiron ducias de persoal técnico e de representantes políticos da provincia para coñecer in situ as políticas de mobilidade implementadas en Ponteareas nos últimos anos. Na xornada, a alcaldesa Cristina Fernández Davila e o primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera, expuxeron detalladamente a estratexia seguida en Ponteareas para recuperar o espazo público para as persoas e acompañaron á especialista portuguesa e ao resto de participantes nunha visita guiada por todo o centro urbano.
No seu artigo, Paula Teles cualifica de “revolución” a transformación levada a cabo no centro da vila e salienta que o que antes era unha rotonda, en referencia á Praza de Bugallal, agora é unha enorme praza con xardineiras onde as persoas conviven sen a presenza de vehículos. Teles explica que en poucos minutos puido fotografar “persoas maiores camiñando con bastóns, algunhas en cadeiras de rodas, pais con carriños de bebé e nenos en bicicleta entre cidadáns que paseaban a pé”. No artigo, Paula Teles explica que a visita rematou “cun momento moi especial. Oíase o bater da pelota no chan. Eran as crianzas que, felices, volvían xogar na rúa. Nese instante todos percibimos que a lección maior do día estaba alí”.
O Goberno municipal amosou a súa satisfacción porque “o exemplo de Ponteareas en materia de mobilidade sexa recoñecido, aplaudido e divulgado máis alá do noso País por especialistas de recoñecido prestixio”.