Luns, 17 Marzo de 2025

A cuberta do pavillón de Panxón, primeira comunidade solar municipal de Galicia

Beneficiará á propia instalación deportiva e ás vivendas situadas a menos de 500 metros, que pasarán a consumir directamente esta enerxía renovable a un custe prácticamente simbólico

O Concello de Nigrán dará un paso máis a prol da sostibilidade ambiental creando a primeira comunidade solar municipal de Galicia. Con este obxectivo ven de licitar o aluguer da cuberta do Pavillón  de Panxón para instalar placas fotovoltaicas que subministren de enerxía verde ao propio edificio e tamén ás vivendas situadas a un radio máximo de 500 metros. Deste xeito, á veciñanza da contorna poderá beneficiarse deste novo modelo enerxético de autoconsumo sen facer ningún investimento, mellora ou trámite e obtendo a cambio enerxía 100 % renovable a un custe simbólico.

“O aforro na factura da luz será drástico, de máis dun 80 %, pero é que estamos a falar tamén de aforro de emisións, polo que consideramos que é a nosa obriga como administración local apostar por este modelo sostible. Así que impulsaremos ese sistema de autoconsumo colectivo en todos os espazos municipais onde sexa viable polas súas incuestionables vantaxes en términos medioambientais, sociais e económicos”, avanza o alcalde, Juan González, quen destaca que os veciños recibirán esta enerxía limpa a través da rede eléctrica xa existente.

Tal e como xa está publicado no ‘Perfil do Contratante’, o Concello ofrece en libre concorrencia ás eléctricas interesadas o aluguer de 453,6 m2 de cuberta do Pavillón para que instalen unha planta de enerxía solar fotovoltaica con 121,5 Kwp de potencia. O cánon mínimo anual que estipula é de 1.814 €/ano con posibilidade de mellora na oferta e cun prazo de concesión de 15 anos non prorrogables. As empresas interesadas dispoñen desde onte de 15 días naturais para presentar as súas ofertas. Supón polo tanto valorizar un espazo en desuso e obter un beneficio económico e medioambiental a cambio.

“É un modelo todavía novidoso e que inauguramos como Concello en Galicia. Estamos moi orgullosos de situarnos sempre á vangarda das políticas medioambientais, igual que sucedeu no ano 2018 cando instalamos a primeira electroliñeira municipal e gratuíta que logo ampliamos con máis surtidores”, explica o rexedor en referencia á aposta do Concello polos vehículos eléctricos, aos que mesmo bonifica no Imposto de Rodaxe. Paralelamente, esta acción contribuirá significativamente a cumplir o compromiso do Concello de Nigrán de acadar unha reducción das emisións de CO2 nun 40% de aquí a 2030, tal e como suscribíu no ‘Pacto Europeo de Alcaldes polo Clima e a Enerxía’ (isto suporá que o municipio deixe de lanzar 23.271 toneladas de CO2 á atmósfera). Neste sentido de aforrar emisións, compre destacar que o Concello leva investidos preto de 20.000 € nos últimos anos en instalar placas solares na Casa Consistorial, o propio Pavillón e o Campo Municipal de Condomínguez.

“Estamos a buscar xa novos espazos municipais onde crear comunidades solares porque ademais do beneficio para á natureza e o peto dos veciños, cremos que con esta acción serviremos de exemplo para que a veciñanza considere esta opción no seu edificio, ao igual que coas electroliñeiras e bonificacións de impostos promovemos o cambio cara o vehículo eléctrico”, engade González.