9.9 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiTui, beneficiario dos novos recursos do Plan Concellos da Deputación

    Tui, beneficiario dos novos recursos do Plan Concellos da Deputación

    Luz verde a novos recursos da Deputación para concellos da provincia de Pontevedra. Neste caso, a Xunta de Goberno vén de dar luz verde a preto de 600.000 € de achegas do Plan Concellos para que Caldas, Pazos de Borbén e Tui recuperen espazos públicos, melloren a mobilidade peonil, acondicionen parques infantís e adquiran un camión para o servizo de recollida de lixo.

    Para Tui destinaranse 322.784 € cos que o goberno local acometerá obras de recuperación do espazo público na rúa Lugo no núcleo de Rúas Novas (252.340 €) e acondicionará o parque infantil no lugar da Igrexa de Baldráns (70.444 €). En Rúas Novas, o proxecto de mellora da rúa Lugo prevé o ensanche das beirarrúas, con zonas de esparexemento, bancos e zonas verdes, así como a reordenación do tráfico, que pasará de ter dobre sentido a un só, e a creación dunha plataforma de convivencia con prioridade peonil.  Pola súa banda, as actuacións no parque infantil en Baldráns, inclúen a retirada dos elementos deteriorados e a disposición de novo mobiliario e xogos, así como pavimento de seguridade de caucho.

    No caso de Caldas a Deputación aprobou unha achega de 133.457 € que corresponde á aportación municipal ao convenio que o concello ten en marcha coa institución provincial para as obras de recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-8005 na Rúa Parque. Deste xeito, a actuación será asumida ao 100% con recursos da Deputación e permitirá recuperar para as persoas este espazo público cunha zona de convivencia elevada con prioridade peonil, novos pavimentos e mobiliario urbano que garantirán a seguridade nunha contorna moi transitada e que, amais, se corresponde cun tramo do Camiño Portugués.

    Pola súa banda a Pazos de Borbén destinaranse 140.360 € que servirán para financiar o 100% da adquisición dun camión do servizo de recollida de lixo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.