12.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorGondomarA Xunta axudará a reducir o risco de inundación dos ríos Miñor...

    A Xunta axudará a reducir o risco de inundación dos ríos Miñor e Zamáns, en Gondomar

    A Xunta vén de adxudicar por preto de 1,8 millóns de euros as obras destinadas a reducir o risco de inundación dos ríos Miñor e Zamáns, no concello de Gondomar.

    As actuacións, adxudicadas á UTE – Prace Servicios y Obras, S.A. – Francisco Gómez y CIA, S.L., comezarán a inicios do vindeiro ano e terán un prazo de execución de 12 meses.

    As bacías dos ríos Miñor e Zamáns, en Gondomar, forman parte dunha área de risco potencial significativo de inundación, e a Xunta quere contribuír a minoralo mediante esta actuación que se vai executar no marco dun acordo de colaboración co Concello.

    Para acadar este obxectivo, prevese acometer actuacións estruturais para mellorar a drenaxe na zona na que a confluencia dos ríos Miñor e Zamáns incrementa o risco das crecidas.

    As intervencións enmárcanse na colaboración da Xunta  co Concello de Gondomar, pola que a Administración autonómica se comprometeu a executar e financiar integramente as obras, mentres que o municipio asumiu o deber de poñer os terreos á disposición, un trámite que se demorou máis do previsto.

    As obras executaranse no treito do río Miñor que vai desde a ponte da avenida do Conde de Gondomar -augas arriba do antigo colexio- ata a ponte da avenida Curros Enríquez; e no treito do río Zamáns que vai desde a ponte da avenida Elduayen ata a súa desembocadura no río Miñor.

    A Xunta levará a cabo a demolición desa ponte da avenida Curros Enríquez, coa construción dun novo viaduto con máis amplitude que permita aumentar a capacidade de desaugue fronte ás enchentes; e a execución dunha canle de alivio baixo o novo viaduto,  conectando os ríos Zamáns e Miñor.

    Tamén se procederá á elevación da altura do muro do río Zamáns; ao rebaixe para eliminar o recheo xunto ao campo de fútbol, na marxe esquerda do río Miñor; e á limpeza das canles de ambos os dous ríos, á recuperación do bosque de ribeira ou á adecuación e mellora da zona do paseo Carlos Casares.

    Estas intervencións están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.