O Concello de Redondela, por medio da área de Normalización Lingüística, dirixida pola alcaldesa Digna Rivas, retomou a axenda de irmandade con Monçao. Logo do proxecto de “Literaturas irmás”, consistente no préstamos de libros galegos en Monçao e de libros portugueses en Redondela, o concello galego mantivo este mércores unha reunión cos membros do goberno local en Monçao. Dentro dun clima propositivo e favorable a relanzar a irmandade, ambos municipios acordaron explorar accións pedagóxicas nas escolas para coñecer un pasado común.
Neste sentido, o concello redondelán presentou tres actividades centradas en distintos niveis que terán como fío condutor a lingua e literatura compartida, así como unha posta en valor do patrimonio local en cada unha das vilas. Conferencias, xornadas de convinvencia ou días de lecer compartido son algúns dos retos que ambas institución se propoñen agora definir no calendario.
Ademais das asctividades escolares, ambos concellos retomaron o encontro de Cocas, nos días previos á festa grande. Durante este encontro Redondela quere potenciar toda a riqueza cultural que rodea á festa como son o baile e a danza. En todo caso, os responsables dos concellos manterá o contacto e o diálogo fluído para ir definindo todas estas actividades.
Pola súa parte, Digna Rivas, responsable da área do SNL, reiterou “a importancia de que Galicia e Portugal se encontren a través da cultura, en particular da lingua. Aínda precisamos traballar máis este achegamento co pobo irmán ante o descoñecemento mutuo sobre o noso pasado común. Por parte de Redondela temos especial interese en reforzar estes lazos. Por iso é importante este encontro de traballo que desexamos chegue a bo porto”.