12 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiño‘Voces Novas’, altofalante da mocidade tomiñesa no X Foro de Participación Infantil...

    ‘Voces Novas’, altofalante da mocidade tomiñesa no X Foro de Participación Infantil Parlamento de Galicia – Unicef

    É hora de facerse cargo e que a saúde mental sexa unha prioridade na sanidade pública. Así de rotundos se amosaron os representantes do Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, ‘Voces Novas’, que participaron no X Foro Infantil Parlamento de Galicia-Unicef celebrado en Santiago de Compostela, no que compartiron experiencia con nenos e adolescentes dos consellos locais de participación de Ames, Burela, Cabanas, Castrelo de Miño, Moaña, Moeche, Nigrán, Ponteareas, Redondela, Teo e Viveiro.

    Acompañados pola concelleira de Mocidade e Participación Infantil, Fátima Rodríguez, os rapaces tomiñeses expuxeron as súas conclusións despois de meses reflexionando e pensando propostas de mellora relacionadas coa saúde mental, un dos temas centrais do foro. A encargada de subirse ao estrado foi Carmen, que destacou que “se algo positivo deixou a chegada da COVID-19 foi que un tema tabú ou cunhas connotacións tan negativas como este se puxesen por fin enriba da mesa”. “Pero precisamos que os centros médicos, hospitais e incluso os centros de ensino conten con persoal cualificado para facer fronte ao que xa poderiamos denominar tamén como pandemia”, recalcou ao tempo que lembrou ao público que a primeira causa de morte por causas externas na xente moza é o suicidio.

    Consultas en horario pouco axeitados, unidades especializadas só para maiores de 16 anos… son aspectos que as e os integrantes de ‘Voces Novas’ poñen en cuestión e que non permiten cumprir o artigo 24 dos dereitos da infancia: poder desfrutar do máis alto nivel posible de saúde e recibir unha atención sanitaria axeitada. “Precisamos que as persoas adultas comecedes a tomarvos este tema en serio. Non queremos parches”, salientou Carmen ao tempo que facía fincapé en que hai que ter en conta que “solucionando a pobreza e precariedade xa estariades reducindo moitísimo os problemas de saúde mental de moitas familias”.

    O encontro estivo presidido pola vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, Elena Candia, que agradeceu a todos os mozos a súa participación e compromiso “xa que cremos de verdade na vosa implicación, xa que a vosa opinión conta e debería contar aínda máis”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.