8.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasCristina Fernández, "a Atención Primaria é competencia exclusiva da Xunta de Galicia"

    Cristina Fernández, “a Atención Primaria é competencia exclusiva da Xunta de Galicia”

    Os rumores, interesados e dirixidos, que buscan responsabilizar ao Concello de Ponteareas sobre a grave situación que padece o municipio en materia de Atención Primaria, obrigan a alcaldesa a deixar claro algo que debería ser de sobra coñecido: a responsabilidade nesta materia corresponde á Consellería de Sanidade

    A preocupación cidadá ante o desmantelamento paulatino e sistemático do sistema de sanidade pública e a conseguinte desprotección na Atención Primaria é evidente. A medida que nos afastamos dos grandes núcleos urbanos e entramos na Galicia rural, esa preocupación transfórmase en algo máis parecido á crispación ao mirar como o dereito á sanidade digna, recoñecido pola propia Constitución, e vulnerado de xeito continuado.

    Nestas situacións, e como querendo facer bo o dito “a río revolto ganancia de pescadores”, xorden os rumores e as desinformacións interesadas cun obxectivo claro: desviar a atención da cidadanía a fin evitar que a súa indignación apunte aos verdadeiros responsables da situación e recaia naqueles que carecen de competencias que lles permita solucionar o problema: os Concellos.

    Ponteareas é un claro exemplo. A propia alcaldesa, Cristina Fernández, daba conta nestes días dos insistentes rumores que apuntan ao Concello como responsable da grave situación que padece o municipio en materia de Atención Primaria. Fernández insiste, con rotundidade, en algo que é evidente e que a estas alturas non sería preciso nin matizar: “a atención primaria é competencia única e exclusiva da Xunta de Galicia”.

    A alcaldesa –que tamén asume a xestión da Concellería de Saúde– aclara que a súa área de actuación queda restrinxida á organización de actividades informativas sobre saúde ou hábitos de vida saudables “pero en ningún caso en nada que teña que ver coa organización nin xestión da atención primaria que, repito, é de exclusiva competencia da Consellería de Sanidade”, insiste.

    A rexedora local ponteareá non ten dubida algunha sobre uns rumores que cualifica de “claramente interesados” e que buscan afastar a indignación cidadá dos auténticos responsables que é a Xunta de Galicia. Preocúpalle a Cristina Fernández a existencia destes embustes “non só pola falsidade das afirmacións, senón porque con elas se está a impedir que ás persoas poidan ter criterio propio e non se poidan mobilizar do xeito adecuado para reclamar os seus dereitos”.

    Os dereitos da veciñanza de Ponteareas están sendo mermados, diezmados e anulados”, asegura con rotundidade a alcaldesa e respalda as súas afirmacións con cifras: “no municipio, nestes momentos, hai 8.000 persoas que non teñen asignación de médico e levamos así 16 meses”.

    En agosto do 2021, Sanidade avisaba ao Concello de que no mes de agosto, por coincidir baixas maternais e de enfermidade, permisos e vacacións, tíñanse que suprimir os médicos da quenda de tarde, unha situación extremadamente grave se se ten en conta que se está a falar dun municipio de máis de 23.000 habitantes.

    Cristina Fernández Davila, alcaldesa de Ponteareas

    Cristina Fernández, “Os dereitos da veciñanza de Ponteareas están sendo mermados, diezmados e anulados”

    O tempo, din, pon a cada quen no seu lugar e neste caso foi o que demostrou a falsidade de tales afirmacións. “Chegado o mes de setembro, –lembra Cristina Fernández– houbo médicos que se incorporaron, outros que non o fixeron por diversas circunstancias. Chegaron os concursos de traslados, os médicos que en principio se lles debía asignar prazas en Ponteareas optaron por ir a outros sitios e a veciñanza quedou nun estado de completa desatención”.

    Buscar o motivo da renuncia do persoal facultativo a ir a Ponteareas non é moi complicado. “Non queren vir porque aquí a situación é dramática”, explica sen ambaxes a alcaldesa. “A situación é a dun concello de 23.000 habitantes e un PAC (Punto de Atención Continuada) de asistencia permanente de 24 horas ao día non só para Ponteareas, senón para outros concellos da comarca co que estamos falando de máis de 50.000 habitantes”.

    Hai pouco tempo, o persoal médico de atención primaria solucionaba a quenda que queda sen cubrir de Urxencias entre as 8 da mañá e as 15 horas. Nese treito, cada día había un médico chamado ‘de porta’ que atendía a todas as urxencias que precisaban de atención inmediata. Ese médico/a ‘de porta’ deixaba a súa consulta, ía ao PAC e atendía esa urxencia.

    Agora está sendo ao contrario –denuncia a rexedora ponteareá–. Agora está acontecendo que profesionais deste PAC ou de outros teñen que vir a suplir horas antes de comezar a súa xornada”.

    No Centro de Saúde de Ponteareas conta cun cadro de persoal de 15 médicos/as e, estando ao completo, é moi xusto”, explica Cristina Fernández que subliña a preocupación existente entre as familias “a de un concello cunha poboación con máis de 4.000 menores de idade que non ten servizo de pediatría de urxencias”. As familias están supeditadas a que, cando non lles coincide a quenda de mañá ou tarde, teñan que acudir ás Urxencias do hospital de referencia cada día máis colapsado e que, a falta de máis medios, depende da profesionalidade do seu persoal médico. Non é unha situación puntual, lembra con tristeza a alcaldesa de Ponteareas “nunca houbo pediatría en urxencias que é unha demanda que levamos neste municipio dende hai moitos anos”.

    Entre medias, nunha actitude xa habitual na Consellería de Sanidade, ninguén contestou ás reiteradas peticións de entrevistas co conselleiro. “Sen noticias a pesar da gravisima situación sanitaria que estamos a padecer” asegura Cristina Fernández. Novamente os datos corroboran as afirmacións da rexedora local: dun cadro de persoal de 15 médicos houbo días en que se dispuxo de dous, tres ou catro facultativos.

    A desatención da atención primaria nos municipios rurais é evidente; existe tal falta de facultativos que cando non hai médico en Covelo ten que cubrir o baleiro o de Mondariz e cando falta o das Neves ten que acudir un dende Salvaterra.

    “Estamos ante un proceso paulatino de desmantelamento da sanidade pública perfectamente planificado”

    Cristina Fernández, que sempre se distinguiu por chamar ás cosas polo seu nome, non ten dúbida. “Estamos ante un proceso paulatino de desmantelamento da sanidade pública perfectamente planificado”, afirma con contundencia. Non hai médicos ningúns porque encargáronse de non ir cubrindo as baixas que se daban por distintos motivos, sobre todo aqueles por xubilación”.

    Para tentar paliar este problema Sanidade optou por incorporar a todos os médicos xubilados que voluntariamente atenten telefonicamente, dende dous centros de saúde da provincia de Pontevedra, aqueles casos que os médicos de atención primaria consideran que poden ser consultados sen cita presencial. Ese ‘parche’ non supón unha solución senón que, como apunta Cristina Fernández “pode incluso supoñer un risco importante para a saúde da cidadanía porque multiplícanse as posibilidades de malas interpretacións de síntomas que poden derivar en malos diagnósticos”.

    Preocúpanos moitísimo a desatención sanitaria que estamos a padecer –argumenta a alcaldesa ponteareá– e é algo que temos que denunciar publicamente”. Cristina Fernández lembra a toda a veciñanza, independentemente de ideoloxías porque a saúde e a sanidade non entenden de cores, que hai unha plataforma a favor dos dereitos da atención primaria e dunha sanidade digna e que está loitando en toda a comarca, non só en Ponteareas. Naceu impulsada por este Goberno e agora está xestionada por diversos colectivos”.

    Sen desmaio a pesar do silencio da administración, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado-Paradanta fai concentracións concentracións en distintas poboacións “para reclamar unha sanidade pública digna e denunciar a vulneración dun dereito fundamental da veciñanza como é o dunha atención primaria de calidade”.

    Cristina Fernández lembra, con certa tristura, que houbo un tempo no que a Xunta utilizaba o lema ‘Ruralízate’. “É unha frase que nos encanta, unha palabra moi significativa –afirma a alcaldesa– pero detrás disto ten que haber un impulso económico e non un simple gasto en publicidade. Ten que existir unha clara implicación institucional con reforzos orzamentarios para facer efectivos que os veciños e veciñas poidamos vivir e medrar como persoas no noso entorno, no rural ”. De non facelo así, non caben moitas dúbidas sobre o futuro “acabaremos desertizando o rural. Ponteareas é un municipio moi rural, hai un asentamento urbano de case a metade da poboación pero preto de 12.000 persoas viven nas 23 parroquias eminentemente rurais”.

    Para evitar o despoboamento de Galicia, problema do que todos falan pero polo que, ata o de agora, a Xunta pasou ‘de perfil’ sen ir máis aló que campañas publicitarias, para que as nosas xentes poidan seguir vivindo no seu sitio, no seu lugar, na contorna que lles é familiar, precisan que a administración autonómica dea un paso adiante. Acceso a internet –para poder afrontar o teletraballo cada día máis estendido–, transporte público que evite a obriga de utilizar os vehículos particulares cando se está falando de descarbonizar o medio ambiente; escolas que contribúan a asentación de poboación e unha sanidade pública digna e eficiente, son servizos básicos aos que ten dereito a cidadanía, dereitos que en todo caso ninguén dará, polo que se ve, de non ser que esa mesma cidadanía mobilícese para reclamalos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.