Mércores, 17 Setembro de 2025

O Porriño reivindica unha igualdade “real e efectiva”

O Concello do Porriño presentou hoxe a súa programación conmemorativa do 8M, Día Internacional da Muller, con actividades de visibilización sobre o papel das mulleres en diversos ámbitos e a relevancia de seguir reivindicando unha igualdade real e efectiva. 

“Este 8M temos que seguir loitando pola igualdade real entre homes e mulleres, hai que avanzar na visibilidade e concienciación e protexer ás mulleres desde todos os ámbitos de responsabilidade”, apuntou a concelleira de Igualdade, Carolina González, “Este Concello e o Goberno Local están moi concienciados coa igualdade, co impulso de políticas para que a sociedade avance en igualdade e inclusión”. 

Son varias as iniciativas incluídas nesta programación coas que se pretende chegar a toda á sociedade. Comezando pola instalación do renovado Punto Violeta, que estará durante toda a xornada do 8M instalado na praza Arquitecto Antonio Palacios, con persoal cualificado que ofrecerá información en materia de  igualdade, e tamén a colocación das bandeiras conmemorativas que xa penduran da fachada da casa consistorial. 

Click para ampliar

Como sempre defendeu o goberno municipal, a educación é un pilar clave na loita contra a desigualdade de xénero. Por iso están incluídas actividades específicas para as/os máis pequenas/os, como o espectáculo musical “A igualdade non ten idade”, dinamizado con xogos e dinámicas para amosar unha sociedade na que conflúen persoas diferentes na súa esencia pero iguais en dereitos e oportunidades. Será na praza do Concello ás 18 h. De seguido, ás 19:30 h, a actuación musical de LAW.

Outro dos actos importantes deste programa é a colocación de varias placas nas rúas e prazas do Concello co nome de mulleres que polas súas ideas e accións convertíronse en referente para moitas outras, deixando a súa pegada na nosa sociedade. Todas elas, están incluídas no rueiro municipal, pero dende o executivo avanzan que serán máis as rúas que levarán nome de muller. 

No marco da campaña “Mulleres con eco”, colocaranse no centro urbano varios contenedores co rostro de importantes mulleres galegas que tiveron que facerse oco nun mundo predominado polos homes, simbolizando a importancia do seu traballo e do de moitas mulleres máis na construccón dunha sociedade igualitaria. 

Para rematar, impulsáronse unhas xornadas de defensa persoal para mulleres: unha dirixida ao alumnado de 1º de bacharelato –que contará coa presenza da xuíza do Xulgado de 1ª Instancia e Instrucción nº3 do Porriño– e outra aberta a todas as mulleres que queiran participar. Estas últimas impartiranse no pavillón municipal e teñen como obxectivo que as participantes desarrollen máis confianza nelas mesmas e no seu entorno, aprendan estratexias de prevención e detección de situación de perigo e inegren na súa vida diaria hábitos de seguridade persoal. 

A xornada do 8M rematará coa lectura da declaración institucional e a proxección do vídeo conmemorativo.

A concelleira avanzou durante a presentación,  que neste momento o executivo traballa “no V Plan de Igualdade do Concello do Porriño, un plan viable e alcanzable coa perspectiva de xénero en todas e cada unha das áreas”. 

Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, concluíu reivindicando “a necesidade traballar a prol da igualdade os 365 días do ano” e para iso “é preciso que as administracións nos involucremos e sexamos quen de involucrar tamén a todos os axentes sociais. A defensa dos dereitos das

Redondela investirá máis de 300.000 euros no campo de fútbol municipal de Chapela

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, acompañada polos concelleiros de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, e de Deportes, Iván Valles, reuniuse esta pasada semana coa directiva do Chapela CF, encabezada polo seu presidente, José Hermida, acompañado polo vicepresidente Joaquín Rodríguez e o tesoureiro José Luis Ballesteros. Na xuntanza abordaron, entre outros temas, o cambio de céspede no terreo de xogo do campo de fútbol municipal.

O Concello de Redondela realizará estes traballos, que superan os 300.000 euros, con subvencións da Deputación de Pontevedra.

O goberno local explica que esta reforma é posible grazas ao acordo subscrito o pasado ano entre o Concello e a Comunidade de Montes de Chapela, que cedeu os terreos de xeito que agora o campo de fútbol é de titularidade municipal.

As instalacións deportivas, construídas no ano 2006, presentan un importante deterioro no terreo de xogo “polo que é moi necesario acometer esta obra”, sinala Rivas. A alcaldesa lembra que era o seu compromiso para este mandato era o de realizar o cambio de céspede no campo coa primeira subvención que recibisen para dotacións deportivas “e así se fará”.

A rexedora explica que é unha decisión do goberno local acometer esta reforma “prioritaria” con fondos do plan +Provincia e as axudas da Deputación para deportes.

As obras licitaranse neste mes de marzo e está previsto que o Chapela club de fútbol teña o seu novo campo dispoñible de cara á próxima pretempada. O prazo de execución dos traballos é de dous meses.

Miguel Araujo e Mª Dolores Gallego vencen no Trail Muíños de Folón

0

Tan só tres semanas tiveron que esperar os participantes da Pontevedra Trail League 2024 para volver competir. Foi na mañá do domingo no TRAIL MUIÑOS DO FOLÓN, que daba a súa saída ás 10.00 h. cunha meteoroloxía bastante mellor do que apuntaban as previsións.

Os primeiros no arco de saída eran os que ían facer a proba longa, ADVANCE 21K. Entre eles David Porto e Daniel Martínez, 1º e 2º no Aloia, no que se presupoñía que sería de novo o duelo pola vitoria.

Pero esta vez había un atleta moito máis forte, Miguel Araujo (Lodeiros), que non dió ningún tipo de opción para vencer (1.55.34); segundo, David Porto (1.59.33) volvía superar, con maior claridade aínda a Dani Martínez (2.02.44).

En mulleres, tres atletas distintas das do pódium do Monte Aloia. A pelexa aquí estivo foi algo máis dura que na proba dos mozos, co triunfo de Mª Dolores Gallego (Corredores do Inferno), que superaba a Deneb Álvarez en case dous minutos, (2.43.49) por (2.45.47) da porriñesa. Deneb, grazas a este segundo posto, sumado ao sexto de Tui, comanda agora mesmo a Pontevedra Trail League. O terceiro lugar do caixón sería para Noelia González (2.56.54) mantendo o pódium por apenas 21 segundos.

Ás 10.30 horas empezaba o TRAIL ADVENTURE 12K. onde o portugués Ricardo Esteves era o máis rápido (53.23). A prata foi moi disputada entre Daniel Neira (55.39) e Anxo Otero (55.43), onde o redondelano tivo que conformarse co bronce, tras a súa vitoria en Tui.

[su_image_carousel source=”media: 81980,81981,81983,81982″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

A que si repetiu foi Mª de los Ángeles Domínguez (1.08.45), que volve gañar tres semanas despois, superando a Águeda Ramírez (1.12.01) e Manuela Montes (1.14.12). Gran superioridade da deportista do Club At. Tui que leva dous de dous.

Como sempre o percorrido das dúas distancias discorreu por un dos lugares máis espectaculares de Galicia, vos Muíños do Folón, ben declarado BIC (ben interese cultural) pola Xunta de Galicia.

Ao final, entrega de premios para recoñecer aos mellores de cada categoría e emprazamento para a terceira e última proba da Pontevedra Trail League 2024; Será alá polo mes de Novembro, concretamente o domingo 16, coa celebración do Trail do Trega.

Lembrar que todas os resultados completos poden verse en www.traildofolon.com

O Multiusos Mercado de Sabarís acollerá o proximo fin de semana os contacontos da programación «Baiona Lila 8M»

0

Con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemora cada 8 de marzo, o Concello de Baiona, a través da Concellería de Igualdade, presenta a programación ‘Baiona Lila 8M’, que trae consigo un mes dedicado a actividades para sensibilizar e educar en igualdade.

O propio venres 8 de marzo darase inicio á programación coa presentación da campaña “8M, a Igualdade é a razón” ás 12:30h. no CPI de Cova Terreña.

Ese mesma fin de semana o Multiusos de Sabarís acollerá o sábado día 9 de marzo ás 20:00h. un contos para persoas adultas a partir de 20 anos a cargo de Paula Carballeira titulado “Mujeres que viven soas”. O domingo día 10 de marzo ás 12:30h haberá unha actividade orientada ao público familiar para nenos e nenas a partir de 5 anos. Raquel Queizás será a encargada de realizar “Na túa man”, contos pola igualdade.

O Porriño renovará o alumeado público dos polígonos residenciais de Torneiros

O Concello do Porriño xa puxo en marcha o proxecto de sustitución do alumeado público do polígono residencial de Torneiros e parque Piñeiro. A primeira fase desta actuación xa está aprobada e contempla a renovación de 105 lámpadas por luminarias LED nas zonas peonís das fases II e III. Conta cun investimento de 40.000 euros ao abeiro dunha subvención do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia.

Click para ampliar

A intervención neste núcleo de vivendas, un dos que máis poboación concentra do municipio, é global e non se limita a esta área. O Concello ten proxectada unha segunda actuación nas fases I e IV, onde se instalarán 51 luminarias LED. Este proxecto supoñerá un investimento de máis de 34.000 euros.

“Trátase de mellorar a seguridade e a calidade na prestación do servizo de alumeado público nesta zona residencial, xa que a instalación actual está obsoleta, ten unha antigüidade de 30 anos”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Coa sustitución das luminarias non só melloraremos os niveis de iluminación e de eficiencia enerxética, tamén se reducirá o consumo, o gasto e contribuiremos á mellora medioambiental coa optimización dos recursos enerxéticos”.

Os colectivos redondeláns tecen redes pola igualdade

0

O Concello de Redondela conmemora o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, cunha serie de actividades nas que se está a implicar toda a sociedade redondelá. Exposicións, teatro, ciclos formativos, xornadas de saúde feminina, roteiros para escolares e concertos son algunhas das actividades que ao longo dos meses de marzo e abril ofrece a concellería de Servizos Sociais e Igualdade baixo o lema ‘Enredadas pola Igualdade‘.

No acto central do próximo día 8 a veciñanza de Redondela terá un papel protagonista. O departamento que dirixe Iria Vilaboa repartiu redes de pesca entre centros de ensino, colectivos e asociacións. Cada entidade decorou estas mallas “con diferentes elementos relacionados co 8M, o papel da muller na sociedade e a importancia da igualdade real entre homes e mulleres”, explica Vilaboa.

Desde onte os usuarios e usuarias do Centro Ocupacional Lenda están a encargarse de unir todas esas nun gran tapiz que será protagonista do acto institucional que se celebre na praza do Concello o Día Internacional da Muller. Seve Casal, mariñeiro da Confraría de Redondela e membro de Amarturmar, foi o encargado de ensinarlles a técnica. “A colaboración entre diferentes entidades e asociacións do municipio e co propio Concello é o que nos permite que esta data sexa realmente participativa, e que a sociedade sexa a protagonista, ese é o noso obxectivo”, sinala a alcaldesa Digna Rivas. O próximo día 8, ás 12.00 horas, mulleres e nenas de diferentes centros, colectivos e asociacións participarán no acto oficial coa lectura do pregón e a colocación destas “redes pola igualdade”.

Teatro e Música

A programación do 8M continuará o sábado día 9 coa obra de teatro Revolta, da compañía Juanito e Filomena, cunha reinterpretación feminista da Historia en clave de humor a cargo das actrices Arantxa Treus e Rocío Romero. A cita é ás 20.00 horas no auditorio da Xunqueira, entrada 3 euros.

O mesmo día, no Multiúsos do Piñeiral do Crego de Chapela, concerto 8M a cargo da Banda de Música de Chapela. Ás 20.30 horas con entrada de balde.

Concertos “Petiscos en Igualdade”

Os domingos 10, 17 e 24 de marzo haberá concertos na praza da Constitución con diferentes artistas. O primeiro será o de Su Garrido, o do día 17 correrá a cargo do grupo Noite, e o último será o de Zousaxmas. Nos tres casos as actuacións serán ás 12.00 horas.

Contacontos

O xoves día 14 de marzo a Biblioteca Municipal Xela Arias, en Chapela, acollerá o contacotos “”Vamos ao recreo”, de Trémola Teatro. Nesta historia, recomendada para público infantil e familiar, unha nena revoluciona o patio do cole onde rapazas e rapaces debían xogar separados. Ás 18.30 horas, entrada de balde.

Ciclo Saúde Feminina

Desde o 9 de marzo e ata o 13 de abril celebraranse na oficina de Turismo diferentes charlas e obradoiros sobre saúde física e mental, sexualidade e nutrición, entre outras cuestións. Especialistas en diferentes ámbitos (doutoras, nutricionistas, enfermeiras, fisioterapeutas, educadoras sociais, expertas en saúde sexual, etc) falarán sobre o corpo desde unha perspectiva de xénero e abordarán cuestións como a menstruación e a menopausa, a alimentación, a sexualidade e o autocoñecemento, o coidado emocional, etc. As inscricións poden realizarse unha semana antes de cada actividade no enderezo electrónico [email protected] ou por teléfono 986 40 28 65.

IV Xornadas Gemma Pereira Otero

Nesta cuarta edición as Xoradas Gemma Pereira Otero ofrecerán formación sobre a Xestión de Redes Sociais no Comercio Local. A actividade está dirixida a autónomas e pequenas empresarias, especialmente do comercio local, “que demanda ao Concello este tipo de formación para poder seguir medrando cos seus negocios”. Serán os días 18, 19, 20 e 23 de marzo.

Roteiros para escolares

Nos meses de marzo, abril e maio os escolares de Primaria participarán nuns roteiros guiados organizados polo Concello “para que poidan coñecer a pegada que o traballo das mulleres deixou na nosa vila”, explica Iria Vilaboa. En Chapela o percorrido será desde a Alameda Rosalía de Castro ata a praia de Arealonga, e en Redondela sairán desde a Praza de Ponteareas ata a Fonte de Santiago.

Xornadas “Falemos de sexo” nos IES municipais

Desde este mes de febreiro, e ao longo de marzo e abril, a educadora social e axente de igualdade Lucía Pereda, está a impartir nos institutos de Redondela charlas e obradoiros para a mocidade sobre sexualidade e afectividade.

Exposición Conquistadoras

A exposición Conquistadoras estará no mes de marzo na alameda Castelao de Redondela e e abril trasladarase ao paseo de Cardona, en Chapela. A mostra reflicte “o compromiso deste Concello con todas as mulleres que loitaron polos seus dereitos”, explica a alcaldesa Digna Rivas, e non se trata exposición “ao uso tradicional”, senón que é unha mostra “viva e dinámica” á que cada ano se van engadindo as caras e os nomes de mulleres loitaron “non só polos seus dereitos, senón polos de todas as mulleres”.

O Concello de Redondela ofrece un curso de Formación en Igualdade para os concelleiros e concelleiras da corporación

0

O Concello de Redondela ofrece un curso de Formación en Igualdade para os concelleiros e concelleiras da corporación municipal. Será o vindeiro martes, día 5, e impartirá o curso Lucía Pereda, educadora social e axente de igualdade. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que para o goberno local a formación en igualdade e a prevención da violencia de xénero é algo” prioritario” no que se traballa “ao longo de todo o ano” e non só en datas específicas. De aí os cursos de formación que se imparten nos institutos e outras actividades que se realizan tanto en Redondela como nas parroquias en diferentes épocas.

Por este motivo, e en vista da polémica xerada na sesión plenaria celebrada o pasado mércores día 21, o Concello decidiu ofrecer este curso “para que as concelleiras e concelleiros que non dispoñan desta formación poidan obtela”. Rivas suliña que como representantes electos dos veciños e veciñas deste municipio os edís “deben dar exemplo”, e non banalizar un cualificativo tan serio como é o de “machista”, xa que o machismo “é un problema social moi serio e moi grave como para utilizalo tan alegremente”.

O curso, segundo explica Pereda, incluirá formación sobre roles e estereotipos de xénero, o machismo e o sexismo, o feminismo, a igualdade formal e a igualdade real, a discriminación por razón de sexo e por razón de xénero, a linguaxe non sexista e a violencia de xénero, entre outras cuestións.

A rexedora local confía en que todos os concelleiros e concelleiras participen nesta actividade, xa que como representantes públicos da veciñanza “deberían contar con este tipo de formación”.

Luis López subliña no seo da FEMP a importancia da administración local na promoción dos hábitos de vida saudables

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participou este martes en Madrid na reunión da Rede Española de Cidades Saudables, un organismo dependente da FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias), para coñecer as conclusións da memoria de actuacións levadas a cabo ao longo do pasado ano 2023 por esta entidade, da que o mandatario provincial ocupa o cargo de vicepresidente segundo.

O principal punto da orde do día foi facer un balance do convenio asinado entre a FEMP e o Ministerio de Sanidade para apoiar ás entidades locais adscritas a esta Rede Española de Cidades Saudables. Un acordo que serviu para aplicar un plan de apoio a entidades locais que realicen actuacións estratéxicas, innovadoras e de calidade na promoción da saúde e prevención de enfermidades, como por exemplo fomentar a actividade física entre a poboación. Ademais, tamén ofrecen axudas ás entidades locais que se adhiran á Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde o actividades formativas en esta materia.

[su_image_carousel source=”media: 81953,81952″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Poñer a saúde no centro e potenciar hábitos de vida saudable no conxunto da poboación a través de diferentes programas de actividades dirixidos á cidadanía, así como a execución de obras nos concellos da provincia que fomenten a mobilidade peonil forman parte da acción de goberno da Deputación. Un plan que combina á perfección coa filosofía desta rede global xurdida hai máis de 30 anos ao amparo da Organización Mundial da Saúde (OMS).

A Rede Española de Cidades Saudables está composta por 509 entidades locais, entre as que está a Deputación de Pontevedra así como os Concellos de Caldas de Reis, Cambados, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, Ribadumia, Tomiño, Tui, Valga, Vigo e Vilagarcía.

A soidade, a debate nos ‘Cafés en Igualdade’ do Rosal con Beatriz Arroyo

0

O ser humano é, por natureza, un ser social que precisa a outras persoas para establecer relacións persoais que xeren certo benestar. Por este motivo, a soidade non desexada pode ser un dos sentimentos máis difíciles de afrontar. Para afondar na soidade, tanto na elixida como na imposta, o Concello organiza unha nova sesión dos ‘Cafés en Igualdade’, que durante este 2024 están a percorrer os barrios rosaleiros para falar de xeito cómodo e distendido sobre temas de interese e actualidade do máis diversos.

A vindeira sesión celebrarase este xoves 29 de febreiro, na que da man da traballadora social clínica e psicoterapeuta Beatriz Arroyo o público asistente afondará sobre a diferenza entre querer estar ou sentirse só ou soa ou sobre os diferentes tipos de soidades, moitas delas enriquecedoras e favorables para o desenvolvemento persoal. A cita, ás 17.30 horas, trasládase nesta ocasión ao Bar Floro, na Subida a San Vicente, en Novás.

Esta nova tempada dos ‘Cafés en Igualdade’ completarase cunha charla sobre ‘Novas masculinidades’ en marzo a cargo do axente de Igualdade Joshua Mateo; outro encontro sobre a ‘Sexualidade e desexo’ coa pedagoga e sexóloga Erea Devesa en abril e un sobre ‘Ansiedade e estrés’ en maio da man da psicóloga clínica Andrea Iglesias.

Todas as sesións dos ‘Cafés en Igualdade’ serán de balde, os últimos xoves do mes ata maio en horario de 17.30 a 18.30 horas. O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero 2023-2024.

Entran en vigor as ordenanzas que permiten á veciñanza de Ponteareas beneficiarse dun 95 % de redución nos impostos do IBI e do ICIO

O Concello informa de que xa están en vigor as ordenanzas municipais que permiten bonificar nun 95 % o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) e o Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO). Desta redución, beneficiaranse propietarios de vivendas así como organizacións culturais sociais e deportivas. A medida levada a cabo polo equipo de goberno buscar impulsar o desenvolvemento urbano sostible e o estímulo de actividades que resultan clave para a vila.

No caso do IBI, os centros culturais non municipais contan cunha dedución no pago deste imposto dun 95 %. Ademais, beneficiaranse de igual maneira desta bonificación as persoas propietarias que poñan a disposición os seus portais para levar a cabo as tarefas que require a festividade do Corpus Christi. O obxectivo é dar resposta ás solicitudes do colectivo alfombrista.

En canto ao ICIO, a redución do 95 % beneficiará á veciñanza que posúa propiedades con máis de 75 anos de antigüidade e ás persoas que conten con propiedades localizadas nas zonas pertencentes á Área de Rehabilitación Integral. Tamén se deduce un 95% as obras que se leven a cabo nas instalacións que forman parte de colectivos sociais culturais e deportivos.

Estas bonificacións favorecen, á vez, a construción do novo centro de saúde proxectado no municipio.

O «Trail Adventure Muíños do Folón» quenta motores cunha participación histórica

0

O Trail Adventure Muíños do Folón quenta motores para celebrar unha edición de récord. Preto de 600 deportistas de máis de 14 provincias de España e do norte de Portugal disputarán o vindeiro domingo 3 de marzo unha nova edición desta carreira, a segunda proba da Pontevedra Trail League.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e o concelleiro de Deportes e Turismo, José Carlos Martínez Crespo, participaron no acto de presentación do trail, na que estiveron acompañados polo director técnico da proba, Serafín Martínez, así como por representantes da Asociación Española contra o Cancro, da Comunidades de Montes do Rosal e das e dos voluntarios que cada ano preparan a ruta.

“Cada edición esta proba supera todas as nosas expectativas. Este ano contaremos cunha participación histórica, o que ratifica que estamos ante unha proba consolidada e que mellora edición a edición. E o seu percorrido, nunha contorna única polos muíños do Folón, serven para poñer de novo en valor o noso espazo natural e patrimonial”, salientou a rexedora.

O Trail Adventure Muíños do Folón é un exemplo claro da aposta do Concello polo turismo deportivo e de calidade. “Só o 5 % das e dos inscritos proceden do Baixo Miño, o que demostra que somos quen de atraer cada vez a máis amantes da actividade física e da natureza, afondando nun turismo deportivo con persoas concienciadas coa contorna”, resaltou Martínez Crespo.

O evento contará con dúas distancias: a Adventure 12km con case 500 metros de desnivel en positivo e que terá o punto máis alto de paso na capela de San Martiño e a Advance 21km, con case 1.000 metros de desnivel, pasando por zonas técnicas espectaculares. A carreira sairá ás 10.00 e ás 10.30 horas dende a Praza do Calvario.

Ademais, como cada ano, o Trail Adventure Muíños do Folón amosará a súa cara máis solidaria recadando fondos a favor da Asociación Española contra o Cancro (AECC), tanto a través da venda de merchandising durante a celebración da mesma proba como cunha fila 0 aberta para sumar achegas de calquera persoa interesada en colaborar. As inscricións continúan abertas na web do evento ata o mércores ás 23.59 horas.

Dende o Concello quere agradecerse unha vez máis a colaboración da Comunidade de Montes do Rosal, de Protección Civil e aos veciños e veciñas e afeccionados e afeccionadas ao sendeirismo que forman parte do grupo de voluntariado activo que percorren os montes para crear novas rutas e que cada ano o trail sexa diferente e un pouco mellor.

A Deputación pon en marcha cun faladoiro sobre Carmen Babiano a segunda colección de ‘Aquí Faltan Páxinas’

Carmen Babiano, “a artista na gaiola”, pontevedresa pioneira na arte feminina de finais do século XIX, foi a primeira protagonista da segunda colección de ‘Aquí Faltan Páxinas’, que arrancou hoxe no Museo de Pontevedra cun faladoiro a cargo de Beatriz de San Ildefonso, conservadora da entidade. O programa, que ao longo de todo este 2024, enxalzará a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, busca, como explicou no acto de presentación a responsable provincial de Igualdade, Sandra Bastos, “continuar escribindo as páxinas que lles faltan aos libros, porque aínda quedan por contar centos de historias de mulleres extraordinarias das que ninguén nos falou. A contribución das mulleres foi fundamental para o desenvolvemento da humanidade e por iso é unha obriga, un deber, reescribir a historia e construír referentes”.

Nesta segunda edición de “Aquí Faltan Páxinas”, e no marco do “firme compromiso” do Goberno provincial coa igualdade, “quixemos avanzar e dar pasos cara adiante e mellorar”, asegurou Sandra Bastos. Así, por vez primeira participa unha muller viva, a fotógrafa Mary Quintero, e ponse en valor historias de mulleres anónimas, centrando o foco na importancia dos colectivos e na unión entre as mulleres, como foi o caso das leiteiras de Pontevedra ou das madriñas de San Simón. Ademais, e tamén como novidade, a Deputación aposta por espallar o programa cara o mundo rural, “abríndonos a novos concellos e espazos”, con faladoiros que irán acompañados de podcasts que se poderán escoitar tanto na web da institución como en Ivoox e Spotify.

Neste 2024 a colección dará a coñecer doce grandes mulleres “valentes e arriscadas, curiosas e inconformistas”, que se aventuraron no eido das artes como Carmen Babiano ou Mercedes Ruibal, na escritura como Avelina Valladares, na música como María Pardo Trapote, ou na loita como María Araújo, Urania Mella ou Placeres Castellanos. Tamén na ciencia, como Inmaculada Paz Andrade, ou na conquista de territorios como a raíña Urraca I, alcumada A Temeraria por atreverse a exercer o poder igual que facían os homes. “Grandes mulleres que serán, ademais, presentadas por outras grandes mulleres: as que forman parte do elenco de conferenciantes”, ás que Sandra Bastos aproveitou para agradecer “porque son, todas elas, protagonistas e conferenciantes, mulleres das que nos sentimos moi orgullosas. Mulleres cuxa xenealoxía merece ser recuperada, porque só facéndoo será posible configurar unha visión real do noso pasado e un camiño claro cara o futuro”.

Carmen Babiano Méndez -Núñez

O primeiro dos faladoiros, que vai acompañado dun podcast do que xa se pode desfrutar desde hoxe tanto na web da Deputación como en Ivoox e Spotify, estivo protagonizado por Carmen Babiano Méndez-Núñez, “a artista na gaiola”, pontevedresa pioneira na arte feminina de finais do século XIX, nun momento no que nas artes non se entendía o concepto da igualdade. A Conservadora do Museo de Pontevedra Beatriz de San Ildefonso foi a relatora da historia desta muller, nai das coñecidas irmás Mendoza, extraordinariamente culta, coñecedora de varios idiomas e cunha excelente formación musical.

Malia as súas calidades para triunfar como artista, a súa traxectoria limitouse á súa xuventude, xa que viviu nunha época na que o matrimonio marcaba o fin da carreira dunha muller. Así, ao casar en 1882 con Víctor Mendoza, médico que chegou ser alcalde de Pontevedra, retirouse do ámbito público. Foi nese momento cando pasou a restrinxir a pintura á intimidade e ao mero entretemento. Aínda así, este Museo de Pontevedra garda máis de 130 obras súas, óleos e debuxos, entre as que se atopan algunhas das que máis repercusión tiveron na súa época. Foi, en definitiva, tal e como destacou Sandra Bastos, unha “extraordinaria muller, cun carácter activo, gran intelixencia e forte interese pola arte, a música e a cultura en xeral”, que chegou a converter a súa residencia, o Palacete das Mendoza, hoxe sede de Turismo Rías Baixas, nun centro dinamizador da cultura.

ADEGA convoca unha nova xornada de eliminación de especies invasoras no río Tea ao se paso por Mondariz

0

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, convoca unha nova actividade de voluntariado para a eliminación de especies exóticas invasoras no río Tea, ao seu paso polo concello de Mondariz. Esta xornada terá lugar a fin de semana dos días 1, 2 e 3 de marzo e para inscribirse nel é necesario cubrir o formulario dispoñible na páxina web de www.adega.gal ou escribir un correo electrónico a [email protected].

Con esta nova actividade, ADEGA continúa, no marco do Proxecto Fluviatilis, coas actividades de xestión e control da flora exótica invasora co obxectivo de dar a coñecer os problemas ambientais que ameazan os ecosistemas fluviais e facilitar a participación da cidadanía na súa xestión a través de accións de voluntariado ambiental, para promover actitudes e comportamentos que redunden na mellora dos ríos.

O LIC Río Tea é, en concreto, unha das áreas de actuación propostas por ADEGA para levar a cabo estas accións a través das xornadas de voluntariado. Alí continuarase cos traballos de eliminación das especies Acacia dealbata, Acacia melanoxylon, Phyllostachys spp., Phytolacca Americana, Robinia pseudoacacia e Crocosmia x crocosmiiflora nunha zona de alto valor ecolóxico. A actividade tamén estará dirixida á selección de metodoloxías de eliminación de EEI adecuadas que permitan abordar con éxito as futuras actuacións de restauración dos ríos e a implantación de solucións baseadas na natureza.

As actividades, tanto de xestión e control das EEI como de educación, sensibilización e voluntariado ambiental, dirixidas a distintos públicos son unha das propostas do Proxecto Fluviatilis, que conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

A actividade de voluntariado terá o seguinte programa e contidos:

  • VENRES 1 MARZO
    • 18:00 h Recepción do voluntariado no Albergue Alentea
    • 19:00 h Formación sobre a problemática das especies invasoras Xestión ambiental das EEI en espazos fluviais: liñas de actuación e mecanismos de control
    • 21:00 h Cea
    • 22:00 h Tempo de ocio
  • SÁBADO 2 MARZO
    • 9.00 h Almorzo
    • 10.30 h-13.30 h Traballos de eliminación
    • 14.00 h-15.30 h Xantar de campo e descanso
    • 15.30 h-18.00 h Continuación dos traballos de eliminación e regreso ao albergue
    • 21.00 h Cea
    • 22.00 h Tempo de ocio
  • DOMINGO 3 MARZO
    • 10.00 h Almorzo
    • 11.00 h Posta en común e avaliación dos traballos realizados
    • 14.00 h Xantar de campo
    • 15.00 h Ruta polo río Alén
    • 18.00 h Despedida e clausura do campo de voluntariado

O Concello de Redondela traballa no arranxo das incidencias tras o temporal da pasada fin de semana

0

O temporal que azoutou as Rías Baixas esta fin de semana deixou diferentes incidencias no municipio de Redondela. Entre as máis destacadas están a caída dunha oliveira de gran tamaño na Alameda Rosalía de Castro en Chapela; dunha árbore no paseo do río Maceiras e dun poste de telefonía no camiño Pereira en Reboreda aos que hai que engadir a caída dun muro na Formiga e o derrube de dous taludes no camiño do Sapal, un á altura do Corisco en Saxamonde e outro en Santo Estevo de Negros, onde tamén caeu un poste de iluminación.

O traballo da Agrupación de Protección Civil durante esta fin de semana e o dos operarios municipais de Infraestruturas e Sostibilidade permitiron ir recuperando a normalidade, xa que a maior parte das incidencias foron leves. Só permanece pechado o camiño do Sapal na entrada polo Corisco “xa que a recomendación dos técnicos é a de mantelo hoxe cortado por prudencia, ante a posibilidade de novos desprendementos”. Este camiño permanecerá tamén hoxe sen iluminación pública xa que o poste provisional instalarase unha vez estea aberta a vía.

Oliveira caída na alameda de Chapela

Por outra banda, desde a concellería de Medio Ambiente traballan na recuperación da oliveira da alameda de Chapela para replantala no mesmo lugar se é posible.

A Deputación ten aberto ata este venres o prazo para que cu entidades sen fins de lucro soliciten algún dos obradoiros de “+Xuntas”

Últimos días para que as entidades sen fins de lucro da provincia que teñan como obxectivo a promoción das mulleres e apoien o seu desenvolvemento poidan solicitar algún dos obradoiros do programa da Deputación de Pontevedra “+Xuntas”. A través desta iniciativa, dotada con 300.000 €, a institución provincial pretende impulsar a participación activa das mulleres, xerando vínculos e fomentando as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias

Cada entidade  poderá solicitar un dos 207 obradoiros ofertados e o prazo para facelo manterase aberto ata este venres, 1 de marzo.  As accións formativas, centradas en temáticas como a tecnoloxía, a creatividade, a natureza e a saúde,  están dirixidas a un máximo de entre 20 e 25 persoas, segundo a especialidade, e teñen unha duración de 35 horas. 

Deste xeito, en “+Tecnoloxía” contémplanse cursos de alfabetización dixital, de socialización coas redes sociais, de administración electrónica e de administradoras de redes sociais. Pola súa banda en “+ Creatividade”, as entidades poderán seleccionar entre accións formativas relacionadas coa pintura a outras centradas no teatro, encontros con lectoras, patchwork, personalización de álbums e artesanía en coiro. Ademais, a través de “+ Natura” a Deputación de Pontevedra inclúe accións formativas centradas nas plantas medicinais, a conservación de alimentos, a xardinería, as hortas ecolóxicas e o arte floral, e, por último, “+ Saúde”, ofrece obradoiros de ioga, pilates, taichí, ximnasia hipopresiva, menopausa de forma saudable, autocoidado, autoestima e comunicación asertiva, musicoterapia, risoterapia e atención plena.

Luis López reforza a aposta da Deputación á Arribada de Baiona, un dos “máximos expoñentes” do atractivo cultural e turístico da provincia

0

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reforzou a aposta do goberno provincial polo fomento do turismo na provincia na presentación dunha nova edición da Festa da Arribada de Baiona. O evento, que se celebra na fin de semana do vindeiro 1 de marzo, chega a súa edición número 28 co recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional e como unha referencia no destino turístico Rías Baixas. “A nosa provincia de Pontevedra é un destino sustentable, cultural, ligado ao medio natural, respectuoso co medio ambiente e desestacionalizado. E neste conxunto, a Festa da Arribada de Baiona é un dos nosos máximos expoñentes”, destacou o dirixente provincial.

Acompañado polo alcalde de Baiona e deputado provincial, Jesús Vázquez Almuíña; e a deputada de Turismo, Nava Castro; o presidente Luis López reafirmou o compromiso da Deputación no apoio a esta festa. “O apoio da Deputación a esta festa non é unha obriga que asumimos con gusto, é unha necesidade. Porque no goberno provincial temos o firme compromiso de apostar por un turismo que dinamice e potencie a actividade económica de vilas como a de Baiona, que teña a cultura e o deporte como aliados estratéxicos, e que sexa consciente do atractivo da nosa riqueza natural pero comprometido coa súa protección e conservación”, defendeu o mandatario provincial.

Neste sentido, Luis López recordou as boas cifras, no tocante ao turismo, coas que as Rías baixas pecharon o ano 2023 para amosar a súa seguridade en que este ano será aínda mellor. “Que o turismo nas Rías Baixas está lonxe de tocar teito é unha evidencia”, sostivo o mandatario antes de puntualizar que o crecemento ten que ser controlado. “Nin queremos, nin podemos permitir morrer de éxito. Temos unha folla de ruta clara, no que concellos como o de Baiona xogan un papel fundamental. O noso ten que ser un destino sustentable, cun sector público e privado camiñando xuntos polo mesmo camiño e cun plan estratéxico como o que impulsa esta Deputación que posicione as Rías Baixas como un destino competitivo, atractivo, sustentable e adaptado aos novos tempos”, subliñou o presidente provincial.

A colaboración da Deputación na organización deste evento compleméntase coa concesión dunha axuda de 8.000 euros para a confección do programa. Un compromiso que fará posible que “a Festa da Arribada chegue como mínimo a outras 28 edicións”, concluíu Luis López, quen animou a toda a cidadanía da provincia e os interesados en visitar as Rías Baixas a desfrutar da Festa da Arribada, unha experiencia 100 % Rías Baixas.

Covelo solicita a Patrimonio a catalogación do conxunto etnográfico da Poza do Piñeiro como Lugar de Valor Etnolóxico

0

O Concello de Covelo solicita á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia a catalogación do conxunto formado pola Poza do Piñeiro, a Cruz da Porteliña e a Choza da Poza como Lugar de Valor Etnolóxico. Construída en 1851, está formada por unha notable infraestrutura hidráulica, unha cruz baixa e un choza granítica de pastores e pertence á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Piñeiro.

O Concello propón a inclusión do conxunto etnográfico da Poza do Piñeiro no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia apelando á Lei 5/2006 do 30 de xuño que fai referencia á protección do patrimonio etnográfico e histórico-cultural relacionado e ao art. 26 da Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia.

Ubicada no barrio de Piñeiro da Igrexa, nun pequeno val fluvial de media montaña situado no suroeste da Serra do Suído, a Poza de Piñeiro é hoxe un atractivo turístico para as persoas que gustan do deporte de montaña e dun entorno natural con vistas privilexiadas. Ciclistas, corredores e sendeiristas chegan ata a Poza de Piñeiro para observar a fauna e a flora, escoitala e atopar un lugar alonxado do ruído.

Situado na ladeira suroeste da Serra do Suído, esta poza ou laga construíuse na segunda metade do século XIX sobre o Río do Piñeiro para favorecer o regadío das terras de labor da veciñanza das parroquias do Piñeiro e Barcia de Mera. A primeira instantánea que documenta a súa existencia é a do Voo Americano, realizado nos anos 1956-57. Na segunda metade do século XX engadiuse a represa de granito orixinal.

O seu titular, a Comunidade de Montes da parroquia do Piñeiro, conserva documentación histórica que data de 1851 que acredita o regadío das parroquias do Piñeiro e Barcia de Mera, así como dos correspondentes libros de regantes e repartos de auga de ambas freguesías.

A Cruz da Porteliña

Coñecida tamén co nome de Cruz do Pozo Vello, Cruz do Pozo do Sesteiro ou Cruz da Chan da Laxe, érguese a 820 m de altura sobre un afloramento granítico natural e forma parte do traballo de catalogación de cruces, cruceiros e petos de ánimas de Fernández de la Cigoña Núñez e Sampedro Fernández (2010:90).

A Choza da Poza

A 181 m do Poza do Piñeiro localízase esta construción etnográfica de planta rectangular que presenta unha notable alteración tipolóxica. A choza, construída en cachotaría granítica irregular (opus incertum), ten planta rectangular terrea e cuberta pétrea.

En palabras de Ballesteros Arias (2004:18) trátase dun “habitáculo de pequenas dimensións caracterizado pola súa adaptación ó medio e ás necesidades da explotación gandeira, así como distintas estruturas de diversa índole que evidencian un pasado de intensa actividade na serra”.

Un antigo refuxio de pastores que, “polas súas características construtivas, son elementos singulares da Serra do Suído” que “son parte integrante da economía campesina, aínda que só fose para desprazamentos temporais en determinadas épocas do ano, é dicir, refuxios temporais que so tiñan ocupación continuada durante os períodos estivais. No caso concreto do Suído estes chozos son de propiedade comunal, de xeito que, como norma xeral, cada aldea tiña o seu chozo” (op. cit).

Mondariz contará cun sistema de reciclaxe integrada de recollida de pequenos residuos contaminantes

0

O Concello de Mondariz súmase á economía circular e instalará un sistema de reciclaxe integrada para a recollida selectiva de pequenos residuos específicos e altamente contaminantes, así o anunciou a alcaldesa en funcións, Elena Naveira.

No marco da campaña ‘Da túa Man’ da Deputación de Pontevedra, o Concello contará cun punto de recollida de residuos sólidos de pequeno formato con espazos independentes de introdución e almacenaxe de distintos residuos (pilas, lámpadas, baterías, residuos electrónicos…).

Elena Naveira analizou o punto de ubicación xunto ao equipo técnico do proxecto acordando colocalo onde os actuais contedores soterrados de recollida de lixo da contorna da praza para que sexa de doada identificación e evitar maiores desprazamentos á veciñanza.

Ademais, o goberno local, na súa aposta por visibilizar e modernizar o tecido comercial da vila, adianta que colocará un tótem no centro urbano. Un expositor dixital que permitirá difundir o comercio local, lugares de interese, eventos e as potencialidades do Concello. O tótem disporá tamén de entradas de usb para a carga de dispositivos electrónicos.

“Marcaremos unha folla de ruta que vaia dando pasos para pór en valor o noso comercio e modernizalo adaptándoo aos novos hábitos de consumo, formándoos no uso de novas tecnoloxías e promovendo a reciclaxe e a redución e reutilización de lixo”.

O proxecto ‘Da túa Man’ tamén contempla campañas de comunicación e promoción en soportes dixitais, a adaptación da accesibilidade á contorna comercial, colocación de sinalética integrada, promoción de packaging sostible, instalación de illas ecolóxicas e Sensibilización e formación teórica e práctica de habilidades e uso e xestión de ferramentas tecnolóxicas no comercio, entre outras accións.

A Guarda acolle un itinerario formativo de 120 horas de duración para a dixitalización de mulleres

0

O Concello da Guarda colabora no Programa de Formación para a dixitalización de mulleres Galegas Dixitais, acollendo 3 módulos de formación que darán comezo o 11 de marzo e durarán ata o 25 de abril de 2024. A formación realizarase na Guarda en horario de 09:00 h a 14:00 h.

Esta acción é unha formación gratuíta dirixida a mulleres da Guarda orientada á mellora das capacidades dixitais, ao aumento das posibilidades na procura de emprego e na adquisición dos coñecementos en novas tecnoloxías precisos para o día a día e tamén para o autoemprego.

Módulos
• Competencias dixitais básicas: Coñecementos dixitais para o día a día (40h).
• Competencias dixitais avanzadas: Coñecementos dixitais para o traballo (40h).
• Competencias dixitais para o empredemento: Coñecementos dixitais para o negocio (40h).

O día 4 de marzo haberá unha reunión informativa ás 11 da mañá, para resolver dúbidas sobre toda esta formación.

As mulleres que rematen todo o ciclo de formación recibirán un ordenador portátil e un título acreditativo. As inscricións poderán facerse nos teléfonos 986 610000 na OMIX da Guarda ou tamén na web http://galegasdixitais.es/

O Concello de Redondela inicia os traballos de pavimentación na estrada Santo Paio de Arriba, na parroquia de Reboreda

0

O pasado xoves, o Concello de Redondela deu inicio aos traballos de limpeza das marxes na estrada Santo Paio de Arriba, na parroquia de Reboreda, para poñer en marcha a obra de pavimentación e mellora deste camiño. A actuación consiste na mellora da drenaxe e a pavimentación da estrada con aglomerado asfáltico en quente.

Os traballos realizaranse en 346 metros de estrada, cunha superficie total de máis de 2.500 metros cadrados. A obra, adxudicada á empresa Construcciones Fechi SLU, ten un orzamento de 65.510 euros e está financiada pola Deputación de Pontevedra dentro do Plan + Provincia (antigo Plan Concellos) do programa 2022-23.

A alcaldesa, Digna Rivas, amosou a súa satisfacción pola posta en marcha destes traballos de mellora na estra de Santo Paio de Arriba xa que o obxectivo é “mellorar as infraestruturas e comunicacións das parroquias para seguir mellorando a calidade de vida dos veciños e veciñas”.

O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, explicou que o seu departamento conta con varios proxectos para seguir actuando en obras de asfaltado nas parroquias mos vindeiros meses.

Unanimidade no pleno da Deputación para instar o Goberno central a buscar un trazado alternativo da A-57

O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres por unanimidade unha moción presentada polo Grupo Popular para instar o Goberno central a realizar un estudo alternativo para o trazado actual da A-57 no tramo comprendido entre A Ermida e Pilarteiros, nas parroquias pontevedresas de Bora e Xeve, co obxectivo de dar con unha ruta que sexa menos impactante para as comunidades e familias afectadas e que teña en conta tamén a redución do impacto ambiental. Nesta sesión ordinaria, tivo lugar a toma de posesión como deputado do Grupo Socialista de Francisco Ferreira, que substitúe ao deputado Carlos López Font, así como a renuncia ao seu posto da vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Fernández-Tapias.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, na súa toma de posesión como deputado co presidente da Deputación, Luis López

A sesión plenaria comezou coa lectura por parte do presidente da Deputación, Luís López, dunha declaración para conmemorar neste 23 de febreiro o Día de Rosalía de Castro. Unha intervención na que o mandatario provincial apelou a recordar a “sensibilidade e firmeza coa que Rosalía esixía xustiza” para avanzar cara unha “provincia máis igualitaria, respectuosa co medio natural, orgullosa da súa cultura e tradicións e preparada para competir nun mundo globalizado”.

De seguido, foi a quenda da toma de posesión como deputado provincial de Francisco Ferreira. O alcalde de Gondomar ocupa o oco deixado no grupo socialista polo exvoceiro Carlos López Font, que foi elixido nas pasadas eleccións ao Parlamento de Galicia como deputado. A continuación, formalizouse a renuncia ao seu cargo de deputada de Marta Fernández-Tapias, que será relevada por Luísa Sánchez, quen asumirá o cargo na próxima sesión plenaria.

O principal acordo da orde do día foi o de instar o Goberno central a realizar un estudo alternativo para o trazado actual da A-57 no tramo comprendido entre A Ermida e Pilarteiros. O obxectivo desta petición, que contou co apoio de todos os grupos despois de que o grupo popular admitira unha emenda do grupo socialista para retirar da moción a petición de paralizar as obras, é buscar unha ruta alternativa menos lesiva para a veciñanza que vive nestes lugares e, ao mesmo tempo, reducir o impacto ambiental desta estrada. Un acordo unánime que os afectados, presentes no pleno, agradeceron cun aplauso.

No mesmo pleno tamén se aprobou por unanimidade unha modificación de crédito por valor de 422.000 euros para realizar investimentos en distintos concellos da provincia con fondos procedentes de proxectos de anualidades anteriores que quedaran anulados, así como a modificación do convenio para o servizo de vixilancia e inspección en materia de residuos para concellos de menos de 50.000 habitantes ou o cambio de titularidade en favor do Concello de Tomiño de catro treitos antigos das estradas EP-3101 e EP-3103. Por outro lado, saíu adiante cos votos dos deputados do grupo popular de do BNG o novo regulamento da escola infantil de Príncipe Felipe e foi rexeitada unha moción do grupo socialista que esixía recuperar programas en materia de igualdade que se realizaban anteriormente.

A calidade de vida e unha conciencia sostible, puntos fortes para deseñar o Plan de Acción Local da Axenda 2030 do Rosal

O Rosal continúa avanzando para deseñar un plan estratéxico para a localización, implementación e seguimento da Axenda 2030 adaptada á realidade rosaleira. O Concello celebrou un encontro con case 40 veciños e veciñas e representantes de tecido asociativo, económico e social para presentar a diagnose que servirá de punto de partida para deseñar as medidas do futuro Plan de Acción Local para o municipio.

“A Axenda 2030 pode parecer algo abstracto, pero non deixa de ser unha parte importante dos vimbios cos que tecer e construír o futuro do Rosal, pensando en global pero actuando dende o local”, explicou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, durante o encontro. A rexedora salientou que o Plan de Acción permitirá “vertebrar todos os sectores e modular toda a dinámica social para construír o futuro dende a orixe todas e todos xuntos”.

Tras meses de traballo e información recadada a través de case 400 enquisas e encontros con diversos grupos de traballo, a diagnose recolle a fotografía da situación actual do Rosal e dá unha perspectiva de cara a onde se debe ir, un camiño que se traducirá no plan de medidas que se presentará nas vindeiras semanas á veciñanza. Dividida en cinco grandes bloques temáticos (modelo urbano e mobilidade, desenvolvemento económico e innovación, reto demográfico e benestar social, medio ambiente e enerxía e gobernanza e participación cidadá), a diagnose recolle as debilidade, ameazas, fortalezas e oportunidades do concello de cara ao futuro.

A alta percepción da calidade de vida, o propio tecido asociativo ou a elevada conciencia social, que fai que a gran maioría da veciñanza pense nun concello sostible, son algúns dos eixos que vertebran as fortalezas do Rosal. Durante a recollida de datos tamén se destacou a importancia da aposta pola sostibilidade e a participación cidadá, o apoio ao tecido deportivo e cultura e a creación de espazos de convivencia e lecer convértense tamén en eixos moi destacados por todas as persoas participantes. Igualmente, o estudo revela a importancia de empregar potencialidades do concello como ser un referente en materia de igualdade, dispoñer dun gran potencial turístico ou fomentar a riqueza paisaxística, climática, agraria, medioambiental, patrimonial ou etnográfica.

Pola contra, o traballo recolle unha sorte de debilidades ou ameazas a ter en conta para deseñar un plan de acción que remate coas diferentes eivas detectadas, entre as que destacan a falta de conectividade dixital e os problemas de mobilidade nun municipio moi disperso, a falta de relevo xeracional en diferentes aspectos, a inexistencia dun plan director centrado no turismo ou a falta dun polígono industrial como no que xa se está traballando para atraer empresas e reter talento.

Tras a presentación do estudo, o Concello abre un novo período de consulta e validación da diagnose para a presentación de propostas e medidas de cara á elaboración do Plan de Acción Local da Axenda 2030. As persoas interesadas poderán atopar na web municipal o informe completo, un resumo da diagnose e un formulario no que deixar as súas achegas e suxestións.

O obxectivo do Concello do Rosal é deseñar un plan de acción que funcionará como ferramenta de planificación estratéxica coa que establecer actuacións que permitan incorporar os ODS adaptados á realidade do municipio, unha liña na que o Goberno municipal leva anos traballando. Búscase así continuar avanzando na loita contra o cambio climático, camiñar na transición cara a economías baixas en carbono, mellorar a eficiencia enerxéticas, procurar unha economía circular e construír unha sociedade máis xusta e igualitaria.

O Concello contou para este proxecto coa subvención da Secretaría de Estado para la Agenda 2030 del Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030 destinada á posta en marcha de accións para o impulso da Axenda 2030 nas entidades locais.

A Deputación destina preto de 240.000 € para que Pazos, Barro e Redondela impulsen e melloren as súas infraestruturas deportivas

A Deputación acaba de aprobar en Xunta de Goberno os primeiros recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas con axudas que ascenden a preto de 240.000 € para os concellos de Pazos de Borbén, Barro e Redondela. Este plan, promovido polo goberno de Luis López e dotado cun orzamento de 4 millóns de euros, permitirá que os concellos da provincia poidan “construír novas instalacións de uso deportivo, modernizar, remodelar ou mellorar as existentes e adquirir equipamentos, material ou terreos para uso deportivo”, detallou o presidente.

O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas está aberto aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, que aínda poden solicitar beneficiarse das súas axudas. Tanto Pazos, como Barro e Redondela benefícianse xa da contía máxima aprobada para cada concello no marco deste plan extraordinario. Deste xeito Barro recibirá 38.274 € para acometer a substitución da cuberta do pavillón polideportivo.

Pola súa banda, o goberno provincial tamén aprobou destinar a Pazos de Borbén 35.123 € para o proxecto de cuberta da pista de pádel, unha actuación que ascende a 62.674 € e que, tal e como informou o presidente Luis López, “imos financiar ao 100% xa que a estes recursos do Plan de Infraestruturas Deportivas que aprobamos hoxe hai que engadir outros 27.551 € que destinamos xa a través do Plan +Provincia”.

O mesmo acontece con Redondela, onde a Deputación de Pontevedra financiará o 100% da obra de substitución de céspede artificial no campo de fútbol de Chapela que ascende a 330.118 €. Así, aos 163.615 € que a Xunta de Goberno da institución provincial aprobou para esta obra no concello a través do Plan de Infraestruturas Deportivas hai que engadir outros 166.000 € ao abeiro da liña 1, de investimentos, do Plan +Provincia.

O Porriño conecta o núcleo de vivendas de A Droza, en Cans, á rede de saneamento

A rede municipal de saneamento do Porriño conecta novas vivendas na parroquia de Cans. Trátase concretamente do núcleo de A Droza, no que se están a executar as obras de mellora do saneamento de fecais que permitirán conectar 9 vivendas que ata o de agora non disponen de acceso a este servizo.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, e o concelleiro de Parroquias, Marcos Martínez, supervisaron onte os traballos que incluirán tamén a mellora da capa de rodadura na zona a intervir.

“Conectar cada vivenda do Porriño á rede pública de saneamento foi e seguirá sendo unha prioridade ata que toda a veciñanza dispoña deste servizo”, reiterou o alcalde, “Temos os proxectos, sabemos cales son as necesidades, queremos suprimir ao máximo a burocracia para chegar co traballo feito á hora de acceder á financiación. O noso obxectivo é o 100% do saneamento canto antes”.

Para a conexión deste núcleo de vivendas á rede de fecais, estase a realizar un cruce con perforación horizontal dirixida na estrada N-120. Por outra banda, o firme atópase en mal estado, polo que se inclúe a reposición do firme na zona máis danada da intersección e a reposición da sinalización horizontal. Cabe destacar que se instalou unha canalización de recollida de augas residuais de PVC liso de diámetro 315 mm cunha lonxitude de 70,5 m e a execución de oito pozos de rexistro. Foi precisa a reposición de tres acometidas de saneamento.

Estes traballos, financiados con cargo ao Plan Concellos 22-23 da Deputación de Pontevedra, supoñen unha inversión de 102.073 euros que contempla tamén a mellora do asfaltado e saneamento en Covelo, na parroquia de Atios.

Esta é unha das actuacións de extensión da rede de saneamento e asfaltado levadas a cabo polo Concello do Porriño no marco do plan provincial do pasado exercicio, que supuxeron unha inversión de 262.000 euros. Concretamente interviuse nas parroquias de Mosende, Pontellas, Atios, Budiño, Chenlo e Cans.

Redondela celebra o día de Rosalía con Caldo de Gloria, libros e bolsas de tea da autora

0

Os Mercados Municipais de Redondela e Chapela celebraron esta mañá o Día de Rosalía de Castro cunha homenaxe á autora galega. Veciños e veciñas que se achegaron a estas prazas de abastos puideron degustar o Caldo de Gloria elaborado polo Obradoiro de Hostalaría do Concello de Redondela seguindo a receita do poema de Rosalía. Ademais a clientela que fixo algunha compra nestes mercados participou no sorteo de bolsas de tea cun deseño especial vencellado a Rosalía de Castro, e o reparto de balde de libros da escritora.

Estas actividades enmárcanse no programa de actos que o Concello de Redondela promove desde o SNL en colaboración coa Asociación de Empresarios e os institutos cunha campaña titulada “Unha semaniña enteira”. O goberno local decidiu arroupar esta iniciativa cun reto: falar galego as 24 horas durante unha semana, do 26 de febreiro ao 3 de marzo. Nesta campaña tamén participan clubs deportivos, o cadro de persoal municipal e o comercio. Unha vez máis o Concello de Redondela “quere amosar así o seu compromiso coa lingua galega e con Rosalía, esta muller universal, adiantada á súa época e feminista”, sinala a alcaldesa Digna Rivas, responsable tamén do Servizo de Normalización Lingüística.

Mondariz celebra o Día de Rosalía de Castro cun espectáculo musical e de narración oral

Con motivo do Día de Rosalía de Castro, 24 de febreiro, o Concello de Mondariz programa o espectáculo Somos ríos, somos fontes, somos regatos pequenos. Este espectáculo musical e de narración oral chegará da man de Caxoto ao auditorio público municipal de Mondariz ás 18 horas.

Con esta actividade para tódolos públicos o Concello de Mondariz rende homenaxe á poeta galega Rosalía de Castro. A entrada será gratuíta e financiada polo Concello de Mondariz.

A narración de Caxoto defínese hoxe en día como intensa, emocional, retórica, chea de xiros e case sempre cómica cando non bufonesca. Un transitar entre as emocións, os ritmos, os tonos, os tempos, … nos que o conto e o contar son todo un. No seu repertorio como en botica un pouco de todo: tradición oral, historias de vida, feitos históricos, contos de creación propia e algo de conto literario.

O Goberno de Ponteareas leva a Pleno a aprobación das alegacións ao proxecto de mellora de seguridade viaria da N-120

O goberno municipal leva ao próximo pleno a aprobación das alegacións ao proxecto de mellora de seguridade viaria da Nacional 120 do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible. En total, son 15 obxeccións que o Concello consensuou coa veciñanza afectada e que lle trasladará ao Goberno central. O obxectivo é protexer a comunicación do rural, evitar a demolición dunha casa habitada por unha familia e manter as paradas de autobuses, entre outras cuestións.

As reunións entre o Concello e as persoas afectadas arroxaron a conclusión de que cómpre garantir a correcta conexión entre as parroquias de Areas, Arnoso e Xinzo co casco urbano. Para iso, as persoas afectadas e a administración local solicitan que a actuación de mellora comece na coñecida como Rotonda dos Alfombristas e que contemple o trazado da senda por ambas marxes. Ademais, isto permitirá dispoñer dunha conexión directa coa Senda do Tea na que discorre a meirande parte da poboación no seu día a día para realizar actividades deportivas ou de lecer.

O documento elaborado de forma conxunta apunta tamén á necesidade de crear sendas para peóns en ambos marxes do vial e na súa totalidade debido á alta densidade de vivendas e de habitantes no ámbito de actuación do proxecto. Na mesma liña, solicítase a inclusión de pasarelas a ambos lados da ponte sobre o Tea para que, deste xeito, os veciños e as veciñas de ambas marxes do río non queden illados.

Outras das cuestións que lle preocupa á veciñanza é a eliminación das paradas de autobús de liña regular e escolar. O proxecto do Ministerio de Transportes non as mantén e tampouco ofrece unha solución nunha localización próxima para as que se sitúan na Capela dos Remedios e en Areas así como as de Arnoso e Xinzo.

De igual xeito, o Concello inclúe nas alegacións o cambio de localización dunha nova rotonda que o documento do Ministerio sitúa agora enriba dunha vivenda habitada por unha familia. O obxectivo é evitar a demolición da propiedade á vez que se posibilita o xiro entre a entrada de Guláns e a entrada de Arnoso. Solicítase tamén o desprazamento dunha segunda rotonda na entrada da parroquia de Arnoso posto que, de levarse a cabo, resultaría unha saída moi estreita coa conexión co vial municipal.

A edil de Urbanismo, Silvia Fernández, apunta que “mantivemos varias reunións coa veciñanza afectada polo proxecto do Ministerio e acordamos presentar estas 15 alegacións de forma conxunta co obxectivo de que o Goberno central as teña en conta cando decida comezar a actuación. É necesario que as inclúa no seu proxecto porque se trata de cuestións fundamentais para a vila”.

Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, indica que “imos da man dos veciños e das veciñas para conseguir que o Ministerio teña en conta as nosas necesidades, levamos xa moito tempo agardando por unha solución para á Nacional 120 e resulta imprescindible que esa actuación se adecúe ás necesidades das persoas que viven na contorna”.

O Club de Lectura ‘Tempo de Mulleres’ de Tui retoma a súa actividade o 1 de marzo

0

O Club de Lectura Feminista ‘Tempo de Mulleres’ retoma a súa actividade o próximo venres 1 de marzo, ás 19 h, no edificio Francisco Sánchez. Impulsado pola concellería de Igualdade conta coa colaboración da Asociación de Mulleres Feministas Berra e da Biblioteca Municipal. Reunirase mensualmente para compartir a lectura e análise de obras escritas por mulleres dende unha perspectiva de xénero. A data da reunión acordarase entre todas as mulleres participantes.

O Club, esta nova temporada, será dinamizado por Cristina Fernández Ameal, feminista, mestra e bibliotecaria xubilada, e lectora insaciable Ofértanse quince prazas. As persoas interesadas deben inscribirse no correo electrónico [email protected] ou no teléfono 617 498 103.

O Club de Lectura “Tempo de Mulleres” será un espazo onde explorar, analizar, e mergullarse nas obras de diversas autoras tanto clásicas coma contemporáneas. Cada mes proporase a lectura dunha obra literaria para logo compartir reflexións, analizar as personaxes femininas, desenvolver un pensamento crítico e compartir a paixón pola lectura.

Tomiño segue rodeando os seus núcleos de vida

0

O Concello da un novo paso para facer de Tomiño un municipio máis verde, sostible e eficiente. O Goberno municipal deu este mércores o pistoletazo de saída á terceira edición da campaña para repoboar as 900 hectáreas de franxas secundarias con planta frondosa e autóctona, unha iniciativa coa que se busca rodear de vida o concello e blindalo ante posibles incendios forestais creando cortalumes naturais. 

Baixo o lema ‘Rodéate de vida’, con esta campaña o Concello achega o seu gran de area “para crear un anel verde arredor dos núcleos de poboación tomiñeses que permita non só mitigar os efectos dun posible lume, senón que tamén favoreza a diversificación dos usos do monte e axude a mitigar os efectos que o cambio climático ten nos nosos municipios e nas nosas vidas”, como resaltou a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, que ademais o plantexa como “un investimento de futuro, para o desfrute e benestar da veciñanza”. 

O Concello comezou este mércores o reparto de1.800 árbores, que se sumarán aos máis de 2.600 exemplares entregados nas pasadas edicións. Durante as vindeiras semanas repartiranse plantas como cerdeiras, nogueiras, érbedos, castiñeiros, carballos, sobreiras, aciñeiras ou bidueiros a todas e todos aqueles propietarios de parcelas situadas nasfranxas secundarias de xestión da biomasa, que son aquelas que se atopan dentro dos 50 m dende o límite de solo do núcleo ou ata 50 m dende unha casa illada.

Para adquirir estes exemplares, as persoas titulares dalgunha das 13.200 parcelas de franxa secundaria poden solicitar información e os vales das plantas de forma presencial no Departamento de Medio Ambiente de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas, chamando ao teléfono 986 62 20 01 (extensión 6) ou enviando un correo electrónico a [email protected]

A concelleira de Medio Ambiente anima a todas as persoas propietarias destas parcelas a sumarse á campaña e repoboar os montes tomiñeses de vida autóctona, “que ofrece alternativas e recursos para plantar novas plantas forestais en zonas nas que as e os propietarios tiveron que talar os exemplares que xa tiñan plantados para adaptarse á normativa”.

O goberno de Ponteareas asegura ter informes técnicos que confirman o incumprimento no mantemento dos colexios por parte do anterior executivo

“Informes técnicos da administración local confirman o incumprimento das competencias en materia de mantemento nos centros educativos da vila por parte dos anteriores gobernos locais”, asegurou hoxe o Goberno local de Ponteareas que preside Nava Castro. O documento foi elaborado a partir da necesidade de realizar unha actuación de mantemento na escola unitaria de Pías e confirma que estas obras “dan resposta ás necesidades precisas da edificación pola falta do seu mantemento ao longo do tempo”. 

Neste sentido, os informes ratifican o que o actual goberno municipal sostivo desde os seus inicios ao dispoñer que “aos municipios correspóndelles a conservación, o mantemento e a vixilancia dos edificios de titularidade local destinados a centros públicos de educación infantil, de educación primaria ou de educación especial”. Desta maneira, corroborase que as competencias nas infraestruturas educativas da vila son do Concello e non da administración autonómica como alegaban os anteriores gobernos locais.  

Así, os documentos dan respaldo xurídico á actuación do actual executivo ao considerar de titularidade municipal a escola unitaria situada na parroquia de Pías e conclúe que  “son obras necesarias debidas á falta de mantemento ao longo do tempo, o que fai entrar en xogo o incumprimento dos deberes e das competencias municipais do Concello de Ponteareas en materia de conservación e mantemento dos edificios de titularidade local destinados a centros públicos de educación infantil e de educación primaria. E isto supón que o Concello teña competencia para acometer as obras, do contrario poderían esixirlle responsabilidades”. 

Neste contexto, o actual goberno liderado pola alcaldesa, Nava Castro, levou a cabo o cambio de cuberta e a substitución de carpintería exterior na escola unitaria situada de Pías. A rexedora lembrou que “xa dixemos en varias ocasións que as competencias en canto ao mantemento dos centros educativos son do Concello, mentres os anteriores gobernos botaban os balóns fóra, nós coñecemos as nosas responsabilidades e actuamos onde resulte necesario”. 

Pola súa banda, a edil de Urbanismo, Silvia Fernández, apunta que “sabiamos que ao chegar ao goberno teríamos que poñer remedio a anos de abandono e agora así o confirma o secretario municipal mediante o seu informe” e pon en valor o traballo que se realizou no edificio educativo posto que “as obras posibilitaron solucionar as filtracións de auga e garantir a seguridade mediante a substitución da estrutura de madeira en mal estado. Procedeuse tamén ao cambio da carpintería exterior co obxectivo de mellorar as condicións interiores de confort e salubridade”. 

Finalmente, o concelleiro de Educación, Ricardo González, indicou que “atender ás necesidades dos alumnos e das alumnas implica tamén coidar dos lugares nos que estudan, aprenden e socializan. Xa realizamos diversas actuacións en diferentes colexios e continuaremos realizando obras que garantan o correcto funcionamento dos centros”.

Redondela aproba inicialmente o PXOM

0

O Concello de Redondela aprobou inicialmente o Plan Xeral de Ordenación Municipal co voto a favor de toda a Corporación municipal agás os tres concelleiros do BNG que optaron pola abstención. A alcaldesaDigna Rivas amosou a súa satisfacción por este paso adiante paro o urbanismo de Redondela “cun planeamento moi necesario para a veciñanza e para o futuro do
municipio” a cualificou a xornada como “histórica”.

O novo PXOM permitirá, entre outras cuestións, resolver os problemas de falta de vivendas que existen actualmente no municipio, xa que contempla a posibilidade de construír unhas 5.500 vivendas máis.

Unha vez aprobado e publicado no Diario Oficial de Galicia, o goberno local facilitará á cidadanía todos os medios dispoñibles para que se coñeza o plan e se poidan facer alegacións.

O concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro explicou que o prazo que establece a normativa é dun período de dous meses, pero o goberno redondelán decidiu amplialo ata os tres meses para favorecer que toda a veciñanza teña tempo de estudalo, saber como lle vai afectar e poida facer as alegacións que estime oportunas.

O prazo de exposición pública e alegacións comezará ao día seguinte de ser publicado no DOG, que será aproximadamente a mediados do mes de marzo. Abrirase logo un ese prazo de tres meses para que a veciñanza poida informarse e presentar as alegacións que estimen oportunas.

A cidadanía terá á súa disposición aos técnicos nas dependencias municipais do antigo conservatorio para explicarlles todo o relativo ao planeamento urbanístico e asesoralos.

Este servizo estará dispoñible todos os días de luns a venres de 8:30 a 14:30 horas. Para facilitar o acceso da veciñanza a toda esta m información o Concello contratou tamén o servizo dun visor dixital ao que se poderá acceder desde a páxina web do Concello, tanto desde as súas casas como acudindo á oficina de información do PXOM. Dun xeito cómodo os veciños e veciñas poderán buscar a través deste visor as súas parcelas “cun funcionamento moi sinxelo e intuitivo”, apuntou Antonio Cabaleiro.

Unha vez aberto o período de exposición pública o compromiso do goberno de Rivas é facer reunións informativas en todas as parroquias co equipo técnico redactor do plan “para resolver dúbidas e atender as inquedanzas da veciñanza”, sinalou no pleno o edil de Urbanismo.

Cabaleiro agradeceu o traballo do equipo técnico, funcionariado do Concello, veciñanza, asociacións e partidos políticos pola súa implicación neste proceso para sacar adiante o PXOM.

A Xunta remata o itinerario peonil na estrada PO-400 en Arbo cun investimento superior a 1 millón de euros

0

A Xunta vén de rematar as obras de construción dun itinerario peonil no antigo trazado da PO-400 en Arbo, cun investimento de máis de 1 millón de euros. A actuación desenvolveuse ao longo de máis dun quilómetro da estrada, entre os puntos quilométricos 23+400 e 24+600.

A senda construída conta cun ancho mínimo de 1,8 metros para garantir os desprazamentos cómodos e seguros dos veciños.

Esta intervención tamén incluíu a mellora do firme da calzada e a súa ampliación ata os seis metros de ancho. 

Ademais a Xunta aproveitou esta obra para resolver distintas necesidades constatadas nesa contorna.

Neste sentido, ampliouse o pontón de mampostería coa instalación dunha pasarela para o tránsito peonil; mellorouse osaneamento e o abastecemento de auga coa instalación de tubaxes baixo a senda; e colocáronse novos puntos de luz e dúas paradas de autobús con marquesiñas.

A Federación de ANPAS de Redondela organiza unha nova charla sobre ‘Atención á diversidade’

0

Quen forma parte do alumnado con necesidade específica de apoio educativo? Que é a atención á diversidade? Cales son os dereitos das familias e do alumnado que aprende de forma diferente? son algunhas das preguntas sobre a atención a diversidade que se aborden na charla que terá lugar este xoves 22 de Febreiro no Multiusos da Xunqueira en Redondela, organizada pola Federación de ANPAS de Redondela.

A charla será impartida por Esther Lòpez Carbajales, Médica especialista en medicina familiar e comunitaria, presidenta da asociación galega de Dislexia e presidenta da federación española plataforma Dislexia, que nos dará unha visión sobre o que é e o que debemos coñecer sobre o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

A atención á diversidade é o conxunto de medidas e accións que teñen como finalidade adecuar a resposta educativa ás diferentes características e necesidades, ritmos e estilos de aprendizaxe, motivacións, intereses e situacións sociais e culturais de todo o alumnado.

É esencial que as familias coñezan os seus dereitos e que os equipos docentes entendan que cada alumno aprende de forma diferente e que, en ocasións, deben aplicar medidas que atendan á diversidade que existe dentro da aula. Con iso poderíase evitar o fracaso escolar e as consecuencias negativas que a falta de aplicación destas medidas ten no correcto desenvolvemento académico e emocional dos nosos mozos.

A Federación de ANPAS e a Confederación Galega de ANPAS veñen demandando unha maior relevancia e medios para a atención a diversidade nos centros educativos. Aínda hoxe en día unha familia con nenas ou nenos con necesidades específicas de apoio educativo (ACNEAE), ten que estar constantemente chamando a todas as portas para procurar a atención para unha filla/o do que o sistema xa ten coñecemento, e para o cal debería existir un camiño organizado de atención, polo que se demandan “uns protocolos para a atención a esta diversidade que repercuta nun beneficio para todos e nunha sociedade máis igualitaria e xusta”.

Valença vai avançar com intervenções na floresta

A Câmara Municipal de Valença vai avançar com a intervenção em 12 manchas florestais, próximas a aglomerados populacionais, nas freguesias de Cerdal, Boivão, Gandra, Taião, Gondomil e Sanfins. Esta operação, denominada ‘Condomínios de Aldeia’, implicará um investimento de cerca de 575 mil euros e vai promover uma grande intervenção florestal, à volta de 12 aglomerados populacionais destas freguesias. O objetivo é tornar estas áreas edificadas rurais menos suscetíveis ao fogo.

Os trabalhos vão implicar ações de limpeza e desmatação, retirada de espécies exóticas, abertura / manutenção de caminhos florestais e plantação de árvores folhosas autóctones, mais adequadas à nossa região e resistentes aos incêndios florestais. Estas ações vão decorrer em áreas de terrenos baldios e privados, de acordo com os proprietários.

Ao longo dos últimos meses a Câmara Municipal desenvolveu sessões de apresentação / esclarecimento sobre esta operação, em todas as freguesias abrangidas, que contou com a participação do vereador Arlindo de Sousa. Os proprietários que necessitem de esclarecimentos adicionais podem contactar a Junta de Freguesia da sua área de residência, bem como o Gabinete Técnico Florestal do Município, sito no Edifício dos Serviços de Desenvolvimento Social e Cultural, na Avenida da Juventude, ou através do telefone 251 800 331.

Em Cerdal a operação vai decorrer nas áreas envolventes ao lugar de Gondelim.

Na União de Freguesias de Gandra e Taião, estarão abrangidos os lugares de Felgueiras, em Taião e Mondim de Cima, Paço e Ozão em Gandra.

Na União de Freguesias de Gondomil e Sanfins, estarão abrangidos os lugares de Quebrada e Eiras em Sanfins, Laços, Pereiro, Silhães e Aldeia em Gondomil.

Na Freguesia de Boivão estará abrangido o lugar da Pedreira.

Para além destas intervenções a Câmara Municipal vai, também, promover ações de sensibilização para o uso do fogo em cada um dos aglomerados intervencionados, proceder à aquisição de um biotriturador, reforçar e melhorar a sinalética dos pontos de água e proceder à sinalização de zonas de lazer e espaço verde, na União de freguesias de Gandra e Taião e de Gondomil e Sanfins.

A intervenção do Município de Valença enquadra-se nas medidas do Fundo Ambiental, financiada a 100 % pelo Programa de Recuperação e Resiliência, à medida “Condomínio de Aldeias”.

O PSOE da Guarda asegura que o goberno local do PP “non respecta as sentenzas xudiciais” evitando a apertura da rúa Baixo Muro

0

Despois de anos de procedementos e xestións impulsados polo anterior alcalde da Guarda, o socialista Antonio Lomba, cando a “conexión das rúas Baixo Muro e Ireira estaba a piques de executarse, o PP colleu o timón do concello guardés, e como está sucedendo con outras moitas xestións, os populares imposibilitaron tamén este proxecto. Neste caso renunciando a unha subvención da Deputación de 107.594,80 € destinada para este fin” asegura o PSdeG-PSOE guardés.

Segundo o PSOE non existía ningún impedimento para a realización desta obra xa que, sinalan, xa se conseguira a aprobación, por unanimidade de todos os grupos políticos, da modificación puntual do PXOM da Guarda, que permitía a apertura desta conexión; xa se contaba cun proxecto con informe favorable de patrimonio, necesario pola súa proximidade á muralla medieval; xa se conseguira evitar a expropiación dos terreos necesarios para a apertura do vial, chegando a un acordo de compra coas persoas propietarias dos terreos, que eran unha particular e a Xunta de Galicia; xa se tiñan cartos para a adquisición dos terreos necesarios para o vial no orzamento, tanto no do 2023 como no do prorrogado de 2024 e xa se contaba cunha subvención para a obra de 107.594,80 €, “pero o goberno Guardés decidiu desistir da subvención e destinar estes cartos a outros fins”.

Plano da obra de apertura da Rúa Baixo Muro

A portavoz dos socialistas da Guarda, Fátima Rodríguez, explica a importancia e interese desta obra: “en primeiro lugar o Concello está obrigado a dar cumprimento a dúas sentencias xudiciais firmes, relacionadas coa accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas da rúa Baixo Muro. Ademais, neste caso, a conexión das rúas mellora a asistencia ás persoas que viven naquela zona en casos de emerxencia; mellórase a prestación de servizos básicos como limpeza pública e recollida de lixo; convértese en accesible un dos elementos patrimoniais máis importantes da localidade como é a muralla medieval e ábrese un novo acceso máis cómodo e rápido á zona comercial para toda a veciñanza dos barrios do Muro, das Laxes e da súa contorna.”

O goberno Guardés, “unha vez máis, da mostras da súa incapacidade para xestionar con solvencia subvencións xa concedidas e executar proxectos de interese para a nosa localidade”, conclúe Fátima Rodríguez. 

Redondela realiza unha limpeza nas árbores secas da Avenida de Mendiño “por motivos de seguridade”

0

A concellería de Parques e Xardíns, que dirixe Pedro Villaverde, realizou a pasada semana traballos de poda e limpeza nas árbores da avenida Mendiño para evitar posibles desprendementos das pólas que estaban secas e podres. Villaverde rexeita as acusacións da Agrupación de Electores, que cualificou actuación de “arboricidio”, xa que os traballos realizados polos traballadores municipais “realizáronse por motivos de seguridade”.

Advirte tamén que AER engánase cando atribúe estes traballos a unha empresa “xa que foron operarios do Concello os que fixeron estas labores, axudados por un traballador externo nalgunhas actuacións”. Desde o departamento de Medio Ambiente realízanse estudos de xeito periódico para avaliar a situación do arboredo.

A edil Pilar Martínez explica que cando comezaron os traballos de poda que se realizan anualmente “o servizo de Parques e Xardíns comprobou que algunhas árbores se atopaban en moi mal estado, con pólas de gran tamaño secas e podres, e que existía un grave risco de desprendemento”.

Lembran desde o goberno local que esta avenida é paso obrigado de centos de nenos e nenas e das súas familias, ao atoparse no acceso aos centros de ensino, conservatorio e instalacións deportivas. “A limpeza que se fixo nas árbores tiña como obxectivo evitar este perigo á veciñanza”, afirma Villaverde. Desde a concellería de Parques e Xardíns sinalan que dúas das árbores foron retiradas, ao estar totalmente secas, e serán substituídas por dúas árbores novas.

Deputación e Consellería de Medio Rural asinan un protocolo de colaboración por valor de 600.000 euros para a prevención de lumes forestais

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou este martes co conselleiro de Medio Rural, José González, un protocolo de colaboración para a prevención e defensa contra os incendios forestais. Un acordo a través do cal a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia achegan 300.000 euros cada unha para ratificar o compromiso compartido na loita contra o lume e para realizar actuacións conxuntas dirixidas ao mantemento e conservación das infraestruturas preventivas e da contorna agroforestal dotando de medios materiais aos concellos da provincia. Trátase do primeiro convenio deste tipo asinado entre a Deputación e a Xunta de Galicia e o presidente López destacou que “os concellos serán os beneficiarios desta medida”.

O acordo, asinado esta mañá no Pazo provincial coa presenza do director xeral de Defensa do monte, Manuel Rodríguez, senta as bases para executar accións concretas neste ámbito nos que a Deputación e a Xunta cooperarán para adquirir nova maquinaria, poñer a disposición do goberno autonómico o material de titularidade provincial formar a persoal dos concellos no uso destas ferramentas e en estratexias de prevención e extinción de incendios. Uns obxectivos que se levarán a cabo posteriormente a través de convenios específicos entre a Deputación, a Xunta e os concellos da provincia.

Despois de asinar o convenio, Luis López sinalou que os lumes son unha das grandes ameazas que afectan o medio rural. “Ameazas que proveñen do despoboamento do rural co que loitamos a través do departamento creado por este goberno para o Reto Demográfico, ameaza que proveñen do cambio climático que tratamos de combater e ameazas como esas accións imprudentes ou intencionadas, pero sempre inxustificables dalgunhas persoas que danan o noso patrimonio natural”, subliñou o mandatario provincial. Ademais, o mandatario provincial recordou que a colaboración entre Xunta e Deputación en materia de prevención de incendios é un exemplo máis da cooperación entre ambas as dúas institucións, como a cesión da Escola de Cantería, o Pazo de Lourizán ou os centros educativos de Príncipe Felipe, así como o compromiso para a reforma de Santa Clara.

Neste sentido, o presidente da Deputación agradeceu ao conselleiro José González e á Xunta de Galicia o compromiso coa conservación do patrimonio natural. “Na loita contra os incendios non cabe outra cousa que non sexa a máxima colaboración e cooperación entre institucións”, rematou Luis López.

Ponteareas incorpora novos servizos de conciliación sen custe para as familias

O Concello incorpora dous novos servizos municipais que buscan potenciar a conciliación dos veciños e das veciñas. Trátase do Plan Madruga e da Aula Matinal, uns recursos sen custe para as familias mediante os cales os pais e as nais que o precisen poden levar aos nenos e ás nenas aos centros educativos antes de que comece o horario lectivo. O primeiro deles desenvólvese na Escola Infantil Municipal e o segundo, nos colexios da vila. 

Para levar a cabo esta iniciativa, o goberno municipal propuxo ao pleno municipal a regularización da ordenanza da Escola Infantil. A moción do executivo local recibiu os votos a favor de todos os grupos da corporación polo que, deste xeito, os alumnos e as alumnas que o precisen terán atención educativa previa ao inicio das clases a partir das 07:00 horas. Os usuarios e as usuarias estarán atendidos por un profesional da materia e realizarán diferentes actividades e xogos con finalidades tanto didácticas como lúdicas. 

No caso dos colexios do municipio, a Aula Matinal permite dar resposta ás necesidades das familias do municipio que, por cuestións laborais ou persoais,  precisan dispoñer de atención educativa antes de que comecen as clases nos seus centros. O alumnado deste servizo realizarán diversas actividades adecuadas ao seu nivel formativo baixo a supervisión de profesionais cualificados. O horario comprende desde as 07:30 horas ata as 09:30 horas e no caso do CEIP Feliciano Barrera, tamén está dispoñible a partir das 13:45 horas ata as 15:00 horas. 

A edil de Benestar Social, Raquel Plana, apunta que “o obxectivo é que as familias do municipio conten con máis opcións á hora de conciliar os horarios laborais cos lectivos, é por iso que decidimos poñer ao servizo dos pais e das nais este Plan Madruga que busca unha maior tranquilidade ao saber que os nenos e as nenas estarán atendidos de forma profesional na Escola Infantil antes de que comecen as clases”. 

Pola súa banda, o concelleiro de Ensino, Ricardo González, indica que “trátase dunha aposta que une a conciliación familiar coa educación. O noso obxectivo é que o centro educativo funcione ademais como un recurso ao que poden acudir os pais e as nais do municipio para que poidan levar a cabo o seu día a dia mentres os nenos e as nenas reciben atención especializada en función da súa idade e necesidades”.

Nigrán investirá 33.000 euros na rehabilitación da fonte do Pereiro e os seus accesos

0

O Concello de Nigrán investirá 33.000 € na rehabilitación da fonte do Pereiro (Camos) e os seus accesos como parte do seu plan para por en valor estes elementos de especial interese patrimonial e etnográfico.

O manancial, moi empregado pola veciñanza,  atópase na Rúa dos Pazos (barrio de ‘As Pedras’) a unha  cota moi inferior da estrada, presentando unha imaxe de conxunto moi deteriorada e carente de interese debido a engadidos a base formigón, polo que os propios veciños reclamaron esta actuación.

​O proxecto contempla a construción de novos peldaños en pedra (actualmente son de formigón), substituír a varanda por unha nova de aceiro inoxidable mate, reconstruír o muro de bloques frontal en mampostería tradicional e completar o muro lateral e revestilo. Ademais, substituirase a base e a fronte da fonte por novos elementos de pedra cunhas proporcións que embelezan todo o conxunto. A maiores, e como parte da mesma actuación, limparase toda a biomasa da contorna e outorgaráselle iluminación ornamental de baixo consumo. 

​”Será unha rehabilitación integral para outorgarlle o valor que merece, como xa fixemos noutros lavadoiros e fontes e seguiremos facendo”, explica o alcalde, Juan González, en referencia aos preto de 200.000 € que o Concello ten investido nos derradeiros 8 anos en embelecer lavadoiros e fontes de todo o municipio. 

​”Intervimos naqueles lavadoiros e fontes que si son de titularidade municipal para harmonizar a súa imaxe de conxunto e devolverlles o valor patrimonial e etnográfico que representan. Compre sinalar que, aínda que de xeito xa máis anecdótico, seguen a ser empregados polos veciños”, finaliza o alcalde, Juan González.

Tui despide o Entroido co Enterro do Bacallau

0

Tui prepárase para despedir o Entroido este domingo co Enterro do Bacallau que reunirá a máis de mil persoas participando activamente nunha festa que conta con gran tradición na cidade. Máis aló das persoas integrantes das doce comparsas que o martes participaron no Desfile-Concurso, son moitas outras as que neste día completamente vestidos de loito se suman á comitiva para acompañar ao bacallau. Son xa moitos os que dende primeira hora da mañá comezan a festa nas rúas de Tui, e participan en xantares protagonizados por pratos de bacallau.

[su_image_carousel source=”media: 81783,81785,81782″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Xa o Enterro propiamente dito comezará ás 19.30 h na praza de San Fernando. A comparsa “Terra dos mil segredos” da Asociación Cultural “O Borralliño” de Soutelo, de Salceda de Caselas, gañadora na categoría absoluta e na de carrozas no desfile do pasado martes, son os encargados da fabricación do Bacallau e serán os portadores. Na propia praza procederase á lectura das coplas, para logo iniciar o percorrido polas rúas Seixas, Porta da Pía, Ordóñez, Corredoira, Augusto G. Besada, Ourense e Aparcadoiro Municipal, onde terá lugar a cerimonia de incineración para dar remate á festa.

Debido á celebración do Enterro do Bacallau o domingo de 10 a 22 h non se poderá estacionar no aparcamento municipal na traseira do edificio Francisco Sánchez.