O goberno municipal leva ao próximo pleno a aprobación das alegacións ao proxecto de mellora de seguridade viaria da Nacional 120 do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible. En total, son 15 obxeccións que o Concello consensuou coa veciñanza afectada e que lle trasladará ao Goberno central. O obxectivo é protexer a comunicación do rural, evitar a demolición dunha casa habitada por unha familia e manter as paradas de autobuses, entre outras cuestións.
As reunións entre o Concello e as persoas afectadas arroxaron a conclusión de que cómpre garantir a correcta conexión entre as parroquias de Areas, Arnoso e Xinzo co casco urbano. Para iso, as persoas afectadas e a administración local solicitan que a actuación de mellora comece na coñecida como Rotonda dos Alfombristas e que contemple o trazado da senda por ambas marxes. Ademais, isto permitirá dispoñer dunha conexión directa coa Senda do Tea na que discorre a meirande parte da poboación no seu día a día para realizar actividades deportivas ou de lecer.
O documento elaborado de forma conxunta apunta tamén á necesidade de crear sendas para peóns en ambos marxes do vial e na súa totalidade debido á alta densidade de vivendas e de habitantes no ámbito de actuación do proxecto. Na mesma liña, solicítase a inclusión de pasarelas a ambos lados da ponte sobre o Tea para que, deste xeito, os veciños e as veciñas de ambas marxes do río non queden illados.
Outras das cuestións que lle preocupa á veciñanza é a eliminación das paradas de autobús de liña regular e escolar. O proxecto do Ministerio de Transportes non as mantén e tampouco ofrece unha solución nunha localización próxima para as que se sitúan na Capela dos Remedios e en Areas así como as de Arnoso e Xinzo.
De igual xeito, o Concello inclúe nas alegacións o cambio de localización dunha nova rotonda que o documento do Ministerio sitúa agora enriba dunha vivenda habitada por unha familia. O obxectivo é evitar a demolición da propiedade á vez que se posibilita o xiro entre a entrada de Guláns e a entrada de Arnoso. Solicítase tamén o desprazamento dunha segunda rotonda na entrada da parroquia de Arnoso posto que, de levarse a cabo, resultaría unha saída moi estreita coa conexión co vial municipal.
A edil de Urbanismo, Silvia Fernández, apunta que “mantivemos varias reunións coa veciñanza afectada polo proxecto do Ministerio e acordamos presentar estas 15 alegacións de forma conxunta co obxectivo de que o Goberno central as teña en conta cando decida comezar a actuación. É necesario que as inclúa no seu proxecto porque se trata de cuestións fundamentais para a vila”.
Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, indica que “imos da man dos veciños e das veciñas para conseguir que o Ministerio teña en conta as nosas necesidades, levamos xa moito tempo agardando por unha solución para á Nacional 120 e resulta imprescindible que esa actuación se adecúe ás necesidades das persoas que viven na contorna”.