O temporal que azoutou as Rías Baixas esta fin de semana deixou diferentes incidencias no municipio de Redondela. Entre as máis destacadas están a caída dunha oliveira de gran tamaño na Alameda Rosalía de Castro en Chapela; dunha árbore no paseo do río Maceiras e dun poste de telefonía no camiño Pereira en Reboreda aos que hai que engadir a caída dun muro na Formiga e o derrube de dous taludes no camiño do Sapal, un á altura do Corisco en Saxamonde e outro en Santo Estevo de Negros, onde tamén caeu un poste de iluminación.
O traballo da Agrupación de Protección Civil durante esta fin de semana e o dos operarios municipais de Infraestruturas e Sostibilidade permitiron ir recuperando a normalidade, xa que a maior parte das incidencias foron leves. Só permanece pechado o camiño do Sapal na entrada polo Corisco “xa que a recomendación dos técnicos é a de mantelo hoxe cortado por prudencia, ante a posibilidade de novos desprendementos”. Este camiño permanecerá tamén hoxe sen iluminación pública xa que o poste provisional instalarase unha vez estea aberta a vía.
Por outra banda, desde a concellería de Medio Ambiente traballan na recuperación da oliveira da alameda de Chapela para replantala no mesmo lugar se é posible.