Os Mercados Municipais de Redondela e Chapela celebraron esta mañá o Día de Rosalía de Castro cunha homenaxe á autora galega. Veciños e veciñas que se achegaron a estas prazas de abastos puideron degustar o Caldo de Gloria elaborado polo Obradoiro de Hostalaría do Concello de Redondela seguindo a receita do poema de Rosalía. Ademais a clientela que fixo algunha compra nestes mercados participou no sorteo de bolsas de tea cun deseño especial vencellado a Rosalía de Castro, e o reparto de balde de libros da escritora.
Estas actividades enmárcanse no programa de actos que o Concello de Redondela promove desde o SNL en colaboración coa Asociación de Empresarios e os institutos cunha campaña titulada “Unha semaniña enteira”. O goberno local decidiu arroupar esta iniciativa cun reto: falar galego as 24 horas durante unha semana, do 26 de febreiro ao 3 de marzo. Nesta campaña tamén participan clubs deportivos, o cadro de persoal municipal e o comercio. Unha vez máis o Concello de Redondela “quere amosar así o seu compromiso coa lingua galega e con Rosalía, esta muller universal, adiantada á súa época e feminista”, sinala a alcaldesa Digna Rivas, responsable tamén do Servizo de Normalización Lingüística.