Carmen Babiano, “a artista na gaiola”, pontevedresa pioneira na arte feminina de finais do século XIX, foi a primeira protagonista da segunda colección de ‘Aquí Faltan Páxinas’, que arrancou hoxe no Museo de Pontevedra cun faladoiro a cargo de Beatriz de San Ildefonso, conservadora da entidade. O programa, que ao longo de todo este 2024, enxalzará a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, busca, como explicou no acto de presentación a responsable provincial de Igualdade, Sandra Bastos, “continuar escribindo as páxinas que lles faltan aos libros, porque aínda quedan por contar centos de historias de mulleres extraordinarias das que ninguén nos falou. A contribución das mulleres foi fundamental para o desenvolvemento da humanidade e por iso é unha obriga, un deber, reescribir a historia e construír referentes”.
Nesta segunda edición de “Aquí Faltan Páxinas”, e no marco do “firme compromiso” do Goberno provincial coa igualdade, “quixemos avanzar e dar pasos cara adiante e mellorar”, asegurou Sandra Bastos. Así, por vez primeira participa unha muller viva, a fotógrafa Mary Quintero, e ponse en valor historias de mulleres anónimas, centrando o foco na importancia dos colectivos e na unión entre as mulleres, como foi o caso das leiteiras de Pontevedra ou das madriñas de San Simón. Ademais, e tamén como novidade, a Deputación aposta por espallar o programa cara o mundo rural, “abríndonos a novos concellos e espazos”, con faladoiros que irán acompañados de podcasts que se poderán escoitar tanto na web da institución como en Ivoox e Spotify.
Neste 2024 a colección dará a coñecer doce grandes mulleres “valentes e arriscadas, curiosas e inconformistas”, que se aventuraron no eido das artes como Carmen Babiano ou Mercedes Ruibal, na escritura como Avelina Valladares, na música como María Pardo Trapote, ou na loita como María Araújo, Urania Mella ou Placeres Castellanos. Tamén na ciencia, como Inmaculada Paz Andrade, ou na conquista de territorios como a raíña Urraca I, alcumada A Temeraria por atreverse a exercer o poder igual que facían os homes. “Grandes mulleres que serán, ademais, presentadas por outras grandes mulleres: as que forman parte do elenco de conferenciantes”, ás que Sandra Bastos aproveitou para agradecer “porque son, todas elas, protagonistas e conferenciantes, mulleres das que nos sentimos moi orgullosas. Mulleres cuxa xenealoxía merece ser recuperada, porque só facéndoo será posible configurar unha visión real do noso pasado e un camiño claro cara o futuro”.
Carmen Babiano Méndez -Núñez
O primeiro dos faladoiros, que vai acompañado dun podcast do que xa se pode desfrutar desde hoxe tanto na web da Deputación como en Ivoox e Spotify, estivo protagonizado por Carmen Babiano Méndez-Núñez, “a artista na gaiola”, pontevedresa pioneira na arte feminina de finais do século XIX, nun momento no que nas artes non se entendía o concepto da igualdade. A Conservadora do Museo de Pontevedra Beatriz de San Ildefonso foi a relatora da historia desta muller, nai das coñecidas irmás Mendoza, extraordinariamente culta, coñecedora de varios idiomas e cunha excelente formación musical.
Malia as súas calidades para triunfar como artista, a súa traxectoria limitouse á súa xuventude, xa que viviu nunha época na que o matrimonio marcaba o fin da carreira dunha muller. Así, ao casar en 1882 con Víctor Mendoza, médico que chegou ser alcalde de Pontevedra, retirouse do ámbito público. Foi nese momento cando pasou a restrinxir a pintura á intimidade e ao mero entretemento. Aínda así, este Museo de Pontevedra garda máis de 130 obras súas, óleos e debuxos, entre as que se atopan algunhas das que máis repercusión tiveron na súa época. Foi, en definitiva, tal e como destacou Sandra Bastos, unha “extraordinaria muller, cun carácter activo, gran intelixencia e forte interese pola arte, a música e a cultura en xeral”, que chegou a converter a súa residencia, o Palacete das Mendoza, hoxe sede de Turismo Rías Baixas, nun centro dinamizador da cultura.