Despois de anos de procedementos e xestións impulsados polo anterior alcalde da Guarda, o socialista Antonio Lomba, cando a “conexión das rúas Baixo Muro e Ireira estaba a piques de executarse, o PP colleu o timón do concello guardés, e como está sucedendo con outras moitas xestións, os populares imposibilitaron tamén este proxecto. Neste caso renunciando a unha subvención da Deputación de 107.594,80 € destinada para este fin” asegura o PSdeG-PSOE guardés.
Segundo o PSOE non existía ningún impedimento para a realización desta obra xa que, sinalan, xa se conseguira a aprobación, por unanimidade de todos os grupos políticos, da modificación puntual do PXOM da Guarda, que permitía a apertura desta conexión; xa se contaba cun proxecto con informe favorable de patrimonio, necesario pola súa proximidade á muralla medieval; xa se conseguira evitar a expropiación dos terreos necesarios para a apertura do vial, chegando a un acordo de compra coas persoas propietarias dos terreos, que eran unha particular e a Xunta de Galicia; xa se tiñan cartos para a adquisición dos terreos necesarios para o vial no orzamento, tanto no do 2023 como no do prorrogado de 2024 e xa se contaba cunha subvención para a obra de 107.594,80 €, “pero o goberno Guardés decidiu desistir da subvención e destinar estes cartos a outros fins”.
A portavoz dos socialistas da Guarda, Fátima Rodríguez, explica a importancia e interese desta obra: “en primeiro lugar o Concello está obrigado a dar cumprimento a dúas sentencias xudiciais firmes, relacionadas coa accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas da rúa Baixo Muro. Ademais, neste caso, a conexión das rúas mellora a asistencia ás persoas que viven naquela zona en casos de emerxencia; mellórase a prestación de servizos básicos como limpeza pública e recollida de lixo; convértese en accesible un dos elementos patrimoniais máis importantes da localidade como é a muralla medieval e ábrese un novo acceso máis cómodo e rápido á zona comercial para toda a veciñanza dos barrios do Muro, das Laxes e da súa contorna.”
O goberno Guardés, “unha vez máis, da mostras da súa incapacidade para xestionar con solvencia subvencións xa concedidas e executar proxectos de interese para a nosa localidade”, conclúe Fátima Rodríguez.