11.1 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorBaionaLuis López reforza a aposta da Deputación á Arribada de Baiona, un...

    Luis López reforza a aposta da Deputación á Arribada de Baiona, un dos “máximos expoñentes” do atractivo cultural e turístico da provincia

    O presidente provincial participou no Museo da Navegación na presentación desta festa de Interese Turístico Internacional que se celebra do 1 ao 3 de marzo

    O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reforzou a aposta do goberno provincial polo fomento do turismo na provincia na presentación dunha nova edición da Festa da Arribada de Baiona. O evento, que se celebra na fin de semana do vindeiro 1 de marzo, chega a súa edición número 28 co recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional e como unha referencia no destino turístico Rías Baixas. “A nosa provincia de Pontevedra é un destino sustentable, cultural, ligado ao medio natural, respectuoso co medio ambiente e desestacionalizado. E neste conxunto, a Festa da Arribada de Baiona é un dos nosos máximos expoñentes”, destacou o dirixente provincial.

    Acompañado polo alcalde de Baiona e deputado provincial, Jesús Vázquez Almuíña; e a deputada de Turismo, Nava Castro; o presidente Luis López reafirmou o compromiso da Deputación no apoio a esta festa. “O apoio da Deputación a esta festa non é unha obriga que asumimos con gusto, é unha necesidade. Porque no goberno provincial temos o firme compromiso de apostar por un turismo que dinamice e potencie a actividade económica de vilas como a de Baiona, que teña a cultura e o deporte como aliados estratéxicos, e que sexa consciente do atractivo da nosa riqueza natural pero comprometido coa súa protección e conservación”, defendeu o mandatario provincial.

    Neste sentido, Luis López recordou as boas cifras, no tocante ao turismo, coas que as Rías baixas pecharon o ano 2023 para amosar a súa seguridade en que este ano será aínda mellor. “Que o turismo nas Rías Baixas está lonxe de tocar teito é unha evidencia”, sostivo o mandatario antes de puntualizar que o crecemento ten que ser controlado. “Nin queremos, nin podemos permitir morrer de éxito. Temos unha folla de ruta clara, no que concellos como o de Baiona xogan un papel fundamental. O noso ten que ser un destino sustentable, cun sector público e privado camiñando xuntos polo mesmo camiño e cun plan estratéxico como o que impulsa esta Deputación que posicione as Rías Baixas como un destino competitivo, atractivo, sustentable e adaptado aos novos tempos”, subliñou o presidente provincial.

    A colaboración da Deputación na organización deste evento compleméntase coa concesión dunha axuda de 8.000 euros para a confección do programa. Un compromiso que fará posible que “a Festa da Arribada chegue como mínimo a outras 28 edicións”, concluíu Luis López, quen animou a toda a cidadanía da provincia e os interesados en visitar as Rías Baixas a desfrutar da Festa da Arribada, unha experiencia 100 % Rías Baixas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.