Mércores, 12 Febreiro de 2025

A Federación de ANPAS de Redondela organiza unha nova charla sobre ‘Atención á diversidade’

Quen forma parte do alumnado con necesidade específica de apoio educativo? Que é a atención á diversidade? Cales son os dereitos das familias e do alumnado que aprende de forma diferente? son algunhas das preguntas sobre a atención a diversidade que se aborden na charla que terá lugar este xoves 22 de Febreiro no Multiusos da Xunqueira en Redondela, organizada pola Federación de ANPAS de Redondela.

A charla será impartida por Esther Lòpez Carbajales, Médica especialista en medicina familiar e comunitaria, presidenta da asociación galega de Dislexia e presidenta da federación española plataforma Dislexia, que nos dará unha visión sobre o que é e o que debemos coñecer sobre o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

A atención á diversidade é o conxunto de medidas e accións que teñen como finalidade adecuar a resposta educativa ás diferentes características e necesidades, ritmos e estilos de aprendizaxe, motivacións, intereses e situacións sociais e culturais de todo o alumnado.

É esencial que as familias coñezan os seus dereitos e que os equipos docentes entendan que cada alumno aprende de forma diferente e que, en ocasións, deben aplicar medidas que atendan á diversidade que existe dentro da aula. Con iso poderíase evitar o fracaso escolar e as consecuencias negativas que a falta de aplicación destas medidas ten no correcto desenvolvemento académico e emocional dos nosos mozos.

A Federación de ANPAS e a Confederación Galega de ANPAS veñen demandando unha maior relevancia e medios para a atención a diversidade nos centros educativos. Aínda hoxe en día unha familia con nenas ou nenos con necesidades específicas de apoio educativo (ACNEAE), ten que estar constantemente chamando a todas as portas para procurar a atención para unha filla/o do que o sistema xa ten coñecemento, e para o cal debería existir un camiño organizado de atención, polo que se demandan “uns protocolos para a atención a esta diversidade que repercuta nun beneficio para todos e nunha sociedade máis igualitaria e xusta”.