O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres por unanimidade unha moción presentada polo Grupo Popular para instar o Goberno central a realizar un estudo alternativo para o trazado actual da A-57 no tramo comprendido entre A Ermida e Pilarteiros, nas parroquias pontevedresas de Bora e Xeve, co obxectivo de dar con unha ruta que sexa menos impactante para as comunidades e familias afectadas e que teña en conta tamén a redución do impacto ambiental. Nesta sesión ordinaria, tivo lugar a toma de posesión como deputado do Grupo Socialista de Francisco Ferreira, que substitúe ao deputado Carlos López Font, así como a renuncia ao seu posto da vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Fernández-Tapias.
A sesión plenaria comezou coa lectura por parte do presidente da Deputación, Luís López, dunha declaración para conmemorar neste 23 de febreiro o Día de Rosalía de Castro. Unha intervención na que o mandatario provincial apelou a recordar a “sensibilidade e firmeza coa que Rosalía esixía xustiza” para avanzar cara unha “provincia máis igualitaria, respectuosa co medio natural, orgullosa da súa cultura e tradicións e preparada para competir nun mundo globalizado”.
De seguido, foi a quenda da toma de posesión como deputado provincial de Francisco Ferreira. O alcalde de Gondomar ocupa o oco deixado no grupo socialista polo exvoceiro Carlos López Font, que foi elixido nas pasadas eleccións ao Parlamento de Galicia como deputado. A continuación, formalizouse a renuncia ao seu cargo de deputada de Marta Fernández-Tapias, que será relevada por Luísa Sánchez, quen asumirá o cargo na próxima sesión plenaria.
O principal acordo da orde do día foi o de instar o Goberno central a realizar un estudo alternativo para o trazado actual da A-57 no tramo comprendido entre A Ermida e Pilarteiros. O obxectivo desta petición, que contou co apoio de todos os grupos despois de que o grupo popular admitira unha emenda do grupo socialista para retirar da moción a petición de paralizar as obras, é buscar unha ruta alternativa menos lesiva para a veciñanza que vive nestes lugares e, ao mesmo tempo, reducir o impacto ambiental desta estrada. Un acordo unánime que os afectados, presentes no pleno, agradeceron cun aplauso.
No mesmo pleno tamén se aprobou por unanimidade unha modificación de crédito por valor de 422.000 euros para realizar investimentos en distintos concellos da provincia con fondos procedentes de proxectos de anualidades anteriores que quedaran anulados, así como a modificación do convenio para o servizo de vixilancia e inspección en materia de residuos para concellos de menos de 50.000 habitantes ou o cambio de titularidade en favor do Concello de Tomiño de catro treitos antigos das estradas EP-3101 e EP-3103. Por outro lado, saíu adiante cos votos dos deputados do grupo popular de do BNG o novo regulamento da escola infantil de Príncipe Felipe e foi rexeitada unha moción do grupo socialista que esixía recuperar programas en materia de igualdade que se realizaban anteriormente.