O Concello de Nigrán investirá 33.000 € na rehabilitación da fonte do Pereiro (Camos) e os seus accesos como parte do seu plan para por en valor estes elementos de especial interese patrimonial e etnográfico.
O manancial, moi empregado pola veciñanza, atópase na Rúa dos Pazos (barrio de ‘As Pedras’) a unha cota moi inferior da estrada, presentando unha imaxe de conxunto moi deteriorada e carente de interese debido a engadidos a base formigón, polo que os propios veciños reclamaron esta actuación.
O proxecto contempla a construción de novos peldaños en pedra (actualmente son de formigón), substituír a varanda por unha nova de aceiro inoxidable mate, reconstruír o muro de bloques frontal en mampostería tradicional e completar o muro lateral e revestilo. Ademais, substituirase a base e a fronte da fonte por novos elementos de pedra cunhas proporcións que embelezan todo o conxunto. A maiores, e como parte da mesma actuación, limparase toda a biomasa da contorna e outorgaráselle iluminación ornamental de baixo consumo.
”Será unha rehabilitación integral para outorgarlle o valor que merece, como xa fixemos noutros lavadoiros e fontes e seguiremos facendo”, explica o alcalde, Juan González, en referencia aos preto de 200.000 € que o Concello ten investido nos derradeiros 8 anos en embelecer lavadoiros e fontes de todo o municipio.
”Intervimos naqueles lavadoiros e fontes que si son de titularidade municipal para harmonizar a súa imaxe de conxunto e devolverlles o valor patrimonial e etnográfico que representan. Compre sinalar que, aínda que de xeito xa máis anecdótico, seguen a ser empregados polos veciños”, finaliza o alcalde, Juan González.