A concellería de Parques e Xardíns, que dirixe Pedro Villaverde, realizou a pasada semana traballos de poda e limpeza nas árbores da avenida Mendiño para evitar posibles desprendementos das pólas que estaban secas e podres. Villaverde rexeita as acusacións da Agrupación de Electores, que cualificou actuación de “arboricidio”, xa que os traballos realizados polos traballadores municipais “realizáronse por motivos de seguridade”.
Advirte tamén que AER engánase cando atribúe estes traballos a unha empresa “xa que foron operarios do Concello os que fixeron estas labores, axudados por un traballador externo nalgunhas actuacións”. Desde o departamento de Medio Ambiente realízanse estudos de xeito periódico para avaliar a situación do arboredo.
A edil Pilar Martínez explica que cando comezaron os traballos de poda que se realizan anualmente “o servizo de Parques e Xardíns comprobou que algunhas árbores se atopaban en moi mal estado, con pólas de gran tamaño secas e podres, e que existía un grave risco de desprendemento”.
Lembran desde o goberno local que esta avenida é paso obrigado de centos de nenos e nenas e das súas familias, ao atoparse no acceso aos centros de ensino, conservatorio e instalacións deportivas. “A limpeza que se fixo nas árbores tiña como obxectivo evitar este perigo á veciñanza”, afirma Villaverde. Desde a concellería de Parques e Xardíns sinalan que dúas das árbores foron retiradas, ao estar totalmente secas, e serán substituídas por dúas árbores novas.