O Concello de Redondela aprobou inicialmente o Plan Xeral de Ordenación Municipal co voto a favor de toda a Corporación municipal agás os tres concelleiros do BNG que optaron pola abstención. A alcaldesaDigna Rivas amosou a súa satisfacción por este paso adiante paro o urbanismo de Redondela “cun planeamento moi necesario para a veciñanza e para o futuro do
municipio” a cualificou a xornada como “histórica”.
O novo PXOM permitirá, entre outras cuestións, resolver os problemas de falta de vivendas que existen actualmente no municipio, xa que contempla a posibilidade de construír unhas 5.500 vivendas máis.
Unha vez aprobado e publicado no Diario Oficial de Galicia, o goberno local facilitará á cidadanía todos os medios dispoñibles para que se coñeza o plan e se poidan facer alegacións.
O concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro explicou que o prazo que establece a normativa é dun período de dous meses, pero o goberno redondelán decidiu amplialo ata os tres meses para favorecer que toda a veciñanza teña tempo de estudalo, saber como lle vai afectar e poida facer as alegacións que estime oportunas.
O prazo de exposición pública e alegacións comezará ao día seguinte de ser publicado no DOG, que será aproximadamente a mediados do mes de marzo. Abrirase logo un ese prazo de tres meses para que a veciñanza poida informarse e presentar as alegacións que estimen oportunas.
A cidadanía terá á súa disposición aos técnicos nas dependencias municipais do antigo conservatorio para explicarlles todo o relativo ao planeamento urbanístico e asesoralos.
Este servizo estará dispoñible todos os días de luns a venres de 8:30 a 14:30 horas. Para facilitar o acceso da veciñanza a toda esta m información o Concello contratou tamén o servizo dun visor dixital ao que se poderá acceder desde a páxina web do Concello, tanto desde as súas casas como acudindo á oficina de información do PXOM. Dun xeito cómodo os veciños e veciñas poderán buscar a través deste visor as súas parcelas “cun funcionamento moi sinxelo e intuitivo”, apuntou Antonio Cabaleiro.
Unha vez aberto o período de exposición pública o compromiso do goberno de Rivas é facer reunións informativas en todas as parroquias co equipo técnico redactor do plan “para resolver dúbidas e atender as inquedanzas da veciñanza”, sinalou no pleno o edil de Urbanismo.
Cabaleiro agradeceu o traballo do equipo técnico, funcionariado do Concello, veciñanza, asociacións e partidos políticos pola súa implicación neste proceso para sacar adiante o PXOM.