A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, convoca unha nova actividade de voluntariado para a eliminación de especies exóticas invasoras no río Tea, ao seu paso polo concello de Mondariz. Esta xornada terá lugar a fin de semana dos días 1, 2 e 3 de marzo e para inscribirse nel é necesario cubrir o formulario dispoñible na páxina web de www.adega.gal ou escribir un correo electrónico a maria.amigo@adega.gal.
Con esta nova actividade, ADEGA continúa, no marco do Proxecto Fluviatilis, coas actividades de xestión e control da flora exótica invasora co obxectivo de dar a coñecer os problemas ambientais que ameazan os ecosistemas fluviais e facilitar a participación da cidadanía na súa xestión a través de accións de voluntariado ambiental, para promover actitudes e comportamentos que redunden na mellora dos ríos.
O LIC Río Tea é, en concreto, unha das áreas de actuación propostas por ADEGA para levar a cabo estas accións a través das xornadas de voluntariado. Alí continuarase cos traballos de eliminación das especies Acacia dealbata, Acacia melanoxylon, Phyllostachys spp., Phytolacca Americana, Robinia pseudoacacia e Crocosmia x crocosmiiflora nunha zona de alto valor ecolóxico. A actividade tamén estará dirixida á selección de metodoloxías de eliminación de EEI adecuadas que permitan abordar con éxito as futuras actuacións de restauración dos ríos e a implantación de solucións baseadas na natureza.
As actividades, tanto de xestión e control das EEI como de educación, sensibilización e voluntariado ambiental, dirixidas a distintos públicos son unha das propostas do Proxecto Fluviatilis, que conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
A actividade de voluntariado terá o seguinte programa e contidos:
- VENRES 1 MARZO
- 18:00 h Recepción do voluntariado no Albergue Alentea
- 19:00 h Formación sobre a problemática das especies invasoras Xestión ambiental das EEI en espazos fluviais: liñas de actuación e mecanismos de control
- 21:00 h Cea
- 22:00 h Tempo de ocio
- SÁBADO 2 MARZO
- 9.00 h Almorzo
- 10.30 h-13.30 h Traballos de eliminación
- 14.00 h-15.30 h Xantar de campo e descanso
- 15.30 h-18.00 h Continuación dos traballos de eliminación e regreso ao albergue
- 21.00 h Cea
- 22.00 h Tempo de ocio
- DOMINGO 3 MARZO
- 10.00 h Almorzo
- 11.00 h Posta en común e avaliación dos traballos realizados
- 14.00 h Xantar de campo
- 15.00 h Ruta polo río Alén
- 18.00 h Despedida e clausura do campo de voluntariado