Domingo, 16 Marzo de 2025

Luis López subliña no seo da FEMP a importancia da administración local na promoción dos hábitos de vida saudables

O presidente provincial pariticipou na reunión da Rede Española de Cidades Saudables, da que é vicepresidente, á que están adscritas a Deputación e 17 concellos da provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participou este martes en Madrid na reunión da Rede Española de Cidades Saudables, un organismo dependente da FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias), para coñecer as conclusións da memoria de actuacións levadas a cabo ao longo do pasado ano 2023 por esta entidade, da que o mandatario provincial ocupa o cargo de vicepresidente segundo.

O principal punto da orde do día foi facer un balance do convenio asinado entre a FEMP e o Ministerio de Sanidade para apoiar ás entidades locais adscritas a esta Rede Española de Cidades Saudables. Un acordo que serviu para aplicar un plan de apoio a entidades locais que realicen actuacións estratéxicas, innovadoras e de calidade na promoción da saúde e prevención de enfermidades, como por exemplo fomentar a actividade física entre a poboación. Ademais, tamén ofrecen axudas ás entidades locais que se adhiran á Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde o actividades formativas en esta materia.

[su_image_carousel source=”media: 81953,81952″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Poñer a saúde no centro e potenciar hábitos de vida saudable no conxunto da poboación a través de diferentes programas de actividades dirixidos á cidadanía, así como a execución de obras nos concellos da provincia que fomenten a mobilidade peonil forman parte da acción de goberno da Deputación. Un plan que combina á perfección coa filosofía desta rede global xurdida hai máis de 30 anos ao amparo da Organización Mundial da Saúde (OMS).

A Rede Española de Cidades Saudables está composta por 509 entidades locais, entre as que está a Deputación de Pontevedra así como os Concellos de Caldas de Reis, Cambados, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, Ribadumia, Tomiño, Tui, Valga, Vigo e Vilagarcía.