Mércores, 9 Xullo de 2025

O Consorcio de Aguas do Louro estrea nova oficina no Porriño

Oficina antiga do Consorcio de Augas do Louro

Co fin de facilitar a súa accesibilidade e localización, o Consorcio de Augas do Louro, anuncia o cambio de oficina de atención ao público no Porriño. Trátase dunha proposta e petición do presidente do Consorcio, Alejandro Lorenzo, de achegar máis se cabe ao cidadán estas instalacións, que sexan coñecedores da súa existencia e dos servizos que nelas se lles ofrece.

O Consorcio dispón dunhas instalacións para atender aos seus usuarios en cada un dos catro concellos que integra, Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui.

No caso do Porriño, trasládase a un local a pé de rúa, un baixo e non unha segunda planta como ata agora, preto da casa consistorial, concretamente no número 5 da rúa Antonio Palacios. O horario de atención ao público seguirá a ser o mesmo, de luns a venres de 09.00 a 13.00 horas.

En todas as oficinas das que dispón o Consorcio, os profesionais que están ao fronte ofrecen un servizo próximo ao cidadán, nun ambiente totalmente colaborativo. Nelas a veciñanza pode acudir para a realización de calquera das seguintes xestións: contratación do servizo de abastecementos e saneamento, cambio de titularidade do contrato, modificación de datos e domiciliación bancaria, tramitación de reclamacións, emisión de duplicados de facturas, solicitude de orzamentos de acometidas, baixa do subministro e resolver calquera outra dúbida ou xestión requirida polo usuario.

Segunda edición do Programa de Emprendemento de SmartPeme

Oito mulleres de Pontevedra, Salvaterra, Sanxenxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa están a participar na segunda edición do Programa de Emprendemento de SmartPeme no Viveiro de Empresas situado no Polígono de Barro. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes, visitou hoxe as instalacións provinciais onde se están levando a cabo as actividades do programa, para coñecer de primeira man os proxectos promovidos por estas oito mulleres da provincia e mais o desenvolvemento do programa. As oito mulleres están a recibir desde o 21 de abril, e durante un período de tres meses, formación e asesoramento por parte do equipo profesional de SmartPeme para coñecer as claves que lles permitan mellorar a súa competitividade, manexar as novas tecnoloxías, crear plans de empresas e de márketing ou tamén unha identidade corporativa. No marco da xornada de hoxe tamén participaron nunha sesión de Lego Serious Play.

Carmela Silva puxo en valor o feito de que todos os proxectos estean liderados por mulleres porque “no ámbito da economía temos moitos pasos que dar, e temos que seguir sendo moitas máis mulleres para poder chegar á metade, xa que eles aínda son moitos máis” malia que “as mulleres sexamos máis do 60% das persoas tituladas universitarias e, polo tanto, a maioría do talento”. A presidenta asegurou que os proxectos destas oito mulleres “están centrados nas persoas e buscan o benestar da cidadanía”, e sinalou que “se a COVID-19 nos ensinou algo foi que hai moitos problemas de benestar, físico e mental, para os que precisamos solucións como as que vós ides emprender”. Ademais, tamén destacou os proxectos vinculados á gastronomía, “algo que nos identifica”, e á artesanía, “que nos fai sentir moito orgullo e debemos traer ao século XXI pero conservando as nosas raíces, porque a xente busca o auténtico e o que nos diferenza”. Por todas estas razóns, a presidenta deulles “a benvida, ánimos e as grazas” ás participantes: “por ser valentes, dar pasos cara a adiante, ser optimistas e crer nas vosas ideas”, polo que lles trasladou os seus mellores desexos para “que vos vaia moi ben e que os vosos soños se consoliden”.

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes, deu os parabéns ás participantes e asegurou que “é un orgullo que teñamos en Barro este edificio que funciona como núcleo central de apoio ás persoas emprendedoras, e ademais dentro dun polígono que segue medrando e enchéndose de actividade económica”. O rexedor puxo en valor que “as persoas profesionais de SmartPeme son unha marabilla e sempre conseguen os obxectivos que se propoñen, e ademais a Deputación sempre tivo clara a súa misión. Se as moitísimas iniciativas que puxo en marcha funcionan é pola súa implicación e o seu esforzo”, e grazas a elas “todas as persoas que pasan por aquí saen moi satisfeitas de ter participado e puxeron en marcha as iniciativas que tiñan nas súas cabezas”.

No programa participan Sonia Limés, de Pontevedra (coa empresa “Alecrín Atención Temprana”), Beatriz Amorín, de Pontevedra (con “BAmorin”, proxecto de ioga), Susana Rodríguez, de Salvaterra (co proxecto “Hiar, Artesanía en Estampado Botánico”), Patricia Josefina Hernández, de Pontevedra (coa firma de sobremesas en tarros “Dulces Prodigios”), María Agustina Pereira, de Vigo (“Gestión Integral de Subvenciones”, empresa que axuda a pemes e persoas autónomas a impulsar os seus negocios), Ángeles Oubiña, de Vilagarcía (cun proxecto para elaborar un produto de protección UV), Eloísa Puig, de Pontevedra (con “Musggo Yoga”), e Aida Mascato, de Sanxenxo (con “Carmencitas”, dedicada á produción de tartas e doces e organización de eventos).

O programa conta con dúas fases. Por unha banda, o desenvolvemento de actividades de capacitación, compostas por distintos talleres enfocados á creación dun plan de empresa, márketing dixital, web, desenvolvemento de habilidades empresariais ou  finanzas. Estas sesións, dinámicas e innovadoras, buscan potenciar os proxectos e favorecer tanto a colaboración como a creación de sinerxías co resto de persoas participantes. A segunda fase será a de mentorización, que constará de sesións de traballo individualizadas con persoas asesoras expertas en emprendemento, novas tecnoloxías e imaxe dixital (todas elas adaptadas ás necesidades de cada proxecto). O itinerario suma un total de 60 horas de actividades presenciais e virtuais, segundo as necesidades das persoas participantes. As presenciais desenvólvense no Centro Provincial de Economía Dixital de SmartPeme no Viveiro de Empresas de Barro, para colaborar no fomento do emprendemento rural e favorecer a creación dunha economía social e sostible.

As oito mulleres do II Programa de Emprendemento de Barro participaron hoxe nunha sesión de Lego Serious Play, unha metodoloxía na que a partir de pezas deste xogo de construción deben crear e construír ideas innovadoras que dean resposta a problemas cos que se atopan no seu día a día, explorando as relacións e conexións entre as persoas e o mundo, observando as dinámicas, explorando escenarios hipotéticos e tomando conciencia de todas as posibilidades.

A risa como terapia no centro e nas parroquias de Ponteareas

O Concello de Ponteareas achega novos cursos ao centro da vila e aos centros e casas culturais das parroquias, levando novas iniciativas lúdicas, didácticas e de lecer a toda a veciñanza. Nos vindeiros días comezará un curso de risoterapia no centro urbano, en Bugarín, Guillade, Canedo e Cillarga, unha actividade de balde dirixida a público adulto que busca ofrecer un rato agradábel ao tempo que se mellora a saúde mental e o benestar emocional a través da risa con diferentes xogos e dinámicas.

O curso no Centro Cultural de Cillarga será este mesmo xoves 27 de abril, de 20.00 a 21.30 horas. A actividade contará con prazas limitadas, polo que as persoas interesadas deberán inscribirse na propia casa cultural ou no departamento de Cultura .

Xa en maio a actividade chegará tamén ao Centro Cultural de Bugarín. Alí o curso impartirase os martes a partir do 2 de maio de 11.00 a 12.30 horas. Tamén será os martes, pero en quenda de tarde de 20.00 a 21.30 horas, no Centro Cultural da parroquia de Guillade. Xa os mércores, este curso tamén se imparte aula multiúsos do auditorio municipal Reveriano Soutullo en horario de mañá (de 11.00 a 12.30 horas) e no Centro Cultural de Canedo de 20.00 a 21.30 horas. A inscrición será de balde nas casas ou centros culturais ou no departamento de Cultura, co teléfono 618 705 635. O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, salienta a importancia de actividades como estes cursos, xa que “achegan ás e aos ponteareáns unha disciplina como a risoterapia que ten demostrado ser moi efectiva para combater o estrés e a ansiedade ou para mellorar o benestar persoal da veciñanza. Todo ao tempo que se promove a convivencia e o intercambio de experiencias nun ambiente positivo”.

A campaña “Galicia sabe aMar” recala na Guarda os días 28 e 29 de abril

0

A Xunta de Galicia puxo en marcha esta iniciativa que percorrerá 260 municipios de España vencellados ao Camino de Santiago e na que se servirán unha selección de receitas elaboradas con produtos certificados do mar e da terra para enxalzar a gran variedade e calidade de recursos mariños da comunidade.

O venres 28 e sábado 29 de abril estará instalada unha furgoneta na Praza de Avelino Vicente (As de Copas) na que se ofrecerán petiscos gratuítos a todos aqueles que se acheguen nas horas da degustación, durante a mañá de 11:30 a 14:00 e na quenda de tarde entre ás 16:30 a 20:00 horas.

Máis info da campaña na seguinte ligazón https://mar.xunta.gal/sites/default/files/galiciasabeamar/index.html.

Baiona rinde homenaxe a José Gil, pioneiro do cinema Galego

0

Baiona acoelle os días 28 e 29 de abril, este sábado e domingo, a xira ”JOSÉ GIL. PONTEVEDRA, PROVINCIA DE CINE, NA ORIXE DO CINEMA”.

A presentación do libro biográfico “Nos días encantados de agosto”, de Manolo González (Ed. Galaxia), proxeccións, coloquios e encontros arredor de Gil, e a Sesión Vermú a cargo da Banda de Música Municipal de Baiona, forman parte do programa.

Hai máis de 100 anos, cando a arte chamada “sétima” comezaba a agromar en todo o mundo, sentando as bases da que pouco a pouco sería unha verdadeira revolución na nosa maneira de ollar o mundo, en Galicia un home dunha aldea da provincia de Pontevedra dedicou a súa intensa e tráxica vida a traballar por e para o cinema.

José Gil (Rubiós-As Neves, 1870-1937) foi fotógrafo, director, produtor, realizador e camarógrafo. Chegou a rodar 150 longametraxes, a dirixir o considerado primeiro filme de ficción do cinema galego, “Miss Ledya” (1916), e a consolidar a iniciática etapa da industria audiovisual en Galicia coa fundación das primeiras produtoras, todas elas radicadas a principios do século XX na provincia de Pontevedra.

Gil loitou sen descanso por aquela técnica artística que intuía habería de cambiar o mundo. E isto a pesar das trabas e dificultades, profesionais e de índole persoal.

Co proxecto JOSÉ GIL. PONTEVEDRA, PROVINCIA DE CINE, NA ORIXE DO CINEMA, buscamos colocar ao grande pioneiro do noso cinema no lugar que merece. Dalo a coñecer e poñer en valor a súa obra e importancia na historia do cinema galego a todos os veciños e veciñas de 30 vilas da provincia de Pontevedra coas que estivo vencellado durante a súa traxectoria vital e profesional.

O Concello de Baiona foi visitado en numerosas ocasións pola cámara de Gil, dende as reportaxes fotográficas para “Vida Gallega” ata a filmación en 1910 da “Visita de  periodistas ingleses”. Polas terras de Baiona filmou “Las romerías en Galicia”, “Costumbres y bailes gallegos” e “Marineros contemplando el rompeolas en la Concheira” durante o verán de 1911. A imaxe mítica da Virxe da Rocha co fondo do mar das Cies foi un plano socorrido en varios documentais como “Nuestras fiestas de allá” (1928), “Visita de los Reyes a Vigo” (1927) ou na bobina do Cinemóbil reclame nº 2.

Visitas guiadas para coñener a casa fortestal rehabilitada de Oia

0

A comunidade de montes de Santa María de Oia vén de rematar os traballos de rehabilitación da casa forestal, edificio de grande valor patrimonial que, unha vez recuperado, funcionará como centro de interpretación da Serra da Groba. Para celebralo, esta fin de semana organízase un acto institucional de inauguración destinado ás persoas comuneiras (de acceso só con convite) e dúas visitas guiadas abertas ao público nas que se mostrará o edificio e se fará un pequeno percorrido polo patrimonio situado na contorna.

As visitas guiadas desenvolveranse o domingo 30 de abril e luns 1 de maio ás 12.00 horas. Nelas percorrerase o interior do edificio, explicarase a súa historia e se fará un pequeno paseo ata o castro de Chavella para dar a coñecer os principais elementos patrimoniais e paisaxísticos da zona. Para participar cómpre apuntarse previamente chamando ao número de teléfono 677 78 32 96.

Previamente, o sábado 29 pola mañá celebrarase o acto de inauguración, destinado aos comuneiros e comuneiras e de acceso con convite. Xa pola tarde (18.00 h) haberá unha actuación musical de acceso libre ata completar aforo, e que estará a cargo do grupo Take it Easy.

Proxecto de rehabilitación da casa forestal

Nos anos 1909-1910 foi construída a primeira casa forestal de Galicia, quedando vinculada ás primeiras repoboacións do Estado na provincia de Pontevedra. A partir dos anos 60 comezou a súa decadencia ata case desaparecer para sempre polo abandono sufrido.

No ano 2016 a comunidade de montes de Santa María de Oia, propietaria do inmoble, aprobou por maioría en asemblea o proxecto de recuperación deste edificio tan coñecido en todo o concello e con tanta historia ás súas costas.

O proxecto consiste na rehabilitación dun conxunto de tres edificios onde o principal é a antiga vivenda do garda forestal. Esta será destinada a centro de interpretación da Serra da Groba, para a súa divulgación como espazo sensible de especial protección natural, patrimonial e paisaxística.

A Policía Local de Tui detén a un varón de 45 anos por tres presuntos delitos

0

A Policía Local de Tui detivo esta pasada fin de semana a un varón de 45 anos tras a comisión dun presunto delito de desobediencia grave aos axentes da autoridade, delito contra a seguridade viaria e delito de danos. 

Todo comezou sobre as 17.15 h da tarde do pasado 21 de abril, cando os axentes foron alertados telefónicamente por varios cidadáns informando de que, presuntamente, o varón identificado conducía un furgón Mercedes no aparcamento na parte traseira do edificio Francisco Sánchez. O vehículo circulaba a gran velocidade, batendo contra varios vehículos estacionados, e o seu conductor parecía estar en aparente estado de embriaguez. 

A patrulla desprazouse até o lugar, dando alto ao vehículo e procedendo a identificar do conductor, comprobando na base de datos de tráfico de que carecía de permiso de conducir ao perder o total de puntos do permiso e circulando cun vehículo que carecía de seguro e ITV. Ao presentar síntomas de ter inxerido bebidas alcohólicas, procedeuse a sometelo á proba de alcoholemia, arroxando resultado positivo superior a 0,25 mg/l en aire espirado. Por todo isto, tramitáronse as correspondentes denuncias en vía administrativa por cada unha das infraccións. 

Posteriormente, pola tarde, o corpo de policía voltou a recibir varias chamadas sobre a mesma persoa, a cal estaba tentando levarse o vehículo inmobilizado pola forza, ameazando a usuarios do mesmo aparcamento e resultando implicado nunha pelexa. Por este motivo, cara ás 22.15 da noite, os axentes da Policía Local de Tui procederon á súa detención e posterior traslado e custodia pola Garda Civil, pasando a disposición xudicial ao día seguinte, o pasado 22 de abril.

Balance do dispositivo policial nas Festas de San Telmo

Asemade, a Policía Local de Tui tamén fixo balance do operativo despregado polas festas de San Telmo. Nesas datas detectáronse 3 conductores con resultado positivo nas probas de alcoholemia. No tocante á orde pública, non se rexistraron incidencias reseñables en materia de seguridade cidadá, destacando a normalidade da celebración destes festexos.

A Deputación lanza un novo libro, ‘O pasado por vir II. Un tempo posible’

A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Memoria Histórica, vén de publicar ‘O pasado por vir II. Un tempo posible’, un novo libro que recolle proxectos de progreso desenvolvidos en Galicia de principios do século XX, pero truncados polo golpe do 1936. A publicación inclúe artigos sobre a Misión Biolóxica, Zeltia, Cerámicas Celta, Os fillos do Sol, a arte, o cinema, a Unión de Mulleres Antifascistas de Vigo e escritos sobre figuras relevantes como Urania Mella ou Alejandro Viana, entre outras. A presentación, aberta ao público, será o vindeiro mércores 3 de maio ás 19.30 horas.

‘O pasado por vir II. Un tempo posible’ pretende ser a segunda parte da publicación ‘O Pasado Por Vir. Achegas á historia da Pontevedra que desbotou o franquismo’, editado a mediados de 2021 con artigos que falaban sobre a loita sindical, a agraria, o xurdimento do nacionalismo, a aposta polo ensino ou a incursión da muller no deporte e ao seu protagonismo na propia recuperación da memoria.

A publicación actual, que se distribuirá nas bibliotecas e puntos de lectura municipais e se entregará de balde ás asociacións de memoria, supón “afinar un pouco máis a imaxe e pousar o obxectivo sobre proxectos concretos, algúns xa enxergados naquel primeiro debuxo de trazo groso”, asegura a deputada de Memoria María Ortega. Así, a nova entrega convida a percorrer a Misión Biolóxica coa rapazada de Ultreia, a saber máis a fábrica de Cerámicas Celta, a coñecer ‘Os fillos do Sol’ ou a achegarse a biografías senlleiras como as de Oria Moreno, Alonso Ríos, Urania Mella ou Alejandro Viana, entre outras.

As persoas responsables dos artigos , que comparten no libro anos de investigación e escritos feitos especificamente para a publicación afondando en cuestións das que apenas existía bibliografía, son Miriam Miguélez González, David Rodríguez Rodríguez, Roberto Mera Covas, Mila Bouzón Castroagudín, Natalia Jorge Pereira, Concepción López Sánchez, Xaime Toxo, Francisco R. Pastoriza, Arturo S. Cidrás, Montse Fajardo Pérez, Margarita Ledo Andión e María Ángeles Tilve Jar.

A presentación do libro, coa presenza das persoas autoras Margarita Ledo e Xaime Toxo, e a actuación musical de MJ Pérez, terá lugar no Pazo Provincial en Pontevedra o vindeiro mércores día 3 de maio ás 19.30 horas. Para asistir é preciso inscribirse en [email protected].

Vegalsa-Eroski e AMICOS, xuntos na limpeza dun areal nigranés

0

No marco do convenio de colaboración que manteñen a compañía galega de distribución alimentaria e a entidade de apoio a persoas con discapacidade intelectual, realizarán hoxe unha xornada de limpeza na praia da Madorra, en Nigrán.

Para os traballos de retirada, identificación, clasificación e pesada de residuos contarán coa contribución de voluntarios de ambas as entidades e alumnos do colexio CEIP Arquitecto Palacios de Nigrán.

As accións de limpeza de praias forman parte do proxecto RE-MAR, centrado na custodia ambiental para a redución dos residuos no espazo mariño protexido do arco atlántico galego.

A limpeza terá lugar hoxe martes, 25 de abril, ás 12:00 horas, na praia da Madorra e contará coa asistencia do director xeral de AMICOS, Xoan España; e o responsable de emprego e empresas, Miguel Beiro, ademais de persoal de Vegalsa-Eroski, entre eles a súa directora de Sustentabilidade e Comunicación Corporativa, Gabriela González; e o director de Calidade e Medio, Ricardo Castro. Tamén estará presente o director-conservador do Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas, José Antonio Fernández Bouzas.

Tomiño entrega o ‘Selo Revitaliza’ a 28 centros da vila

0

Tomiño entregou o ‘Selo Revitaliza’ a 28 centros de ensino, centros especializados, asociacións e locais de hostalaría, un distintivo que recoñece o compromiso de todas estas entidades coa compostaxe para o tratamento dos seus residuos orgánicos.

Deste xeito, distínguese o facer responsable da comunidade terapéutica Alborada, da Asociación Vontade e do Centro de Día de Tomiño, así como seis establecementos hostaleiros: as bocaterías A Social de Estás e Cultu Tebra, o bar cafetería Vaya Punto e as taperías Casa Chaver, Casa das do Correo e Casa Faustino.

Durante o acto tamén se quixo recoñecer o labor dos centros escolares do municipio, que contan con composteiros ou teñen algún centro de compostaxe comunitario asociado para darlle outra vida ao lixo orgánico. Así, recibiron o ‘selo Revitaliza’ o CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán, o CEIP Plurilingüe de Tebra, o CEIP de Sobrada, o CEIP Pintor Antonio Fernández, o CEIP Barrantes, as Galiña Azul de Tomiño e Goián, a escola infantil Mi primer paso e as escolas do CRA Mestre Manuel Garcés do Seixo, Estás, Figueiró, Vilameán, Vilachán, Aurora, Barro, Taborda, Forcadela, Carregal e Amorín.

A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, deu os seus parabéns a todos os centros escolares e especializados e aos establecementos hostaleiros galardoados  “por comprometerse coa boa xestión dos residuos e contribuír á economía circular facéndoo ademais con responsabilidade e calidade”.

Estes distintivos postos en marcha ao abeiro do plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra “recoñecen tanto a restaurantes, comercios e outro tipo de entidades como a centros escolares que converten os biorresiduos de cociña, de comedores, merendas, xardíns ou podas nunha materia prima que servirá para alimentar os solos e pechar o ciclo que, nun futuro, reverterá en novos alimentos”.

Ao abeiro do Plan Revitaliza, o Concello de Tomiño comezou a traballar no ano 2019 na implantación do tratamento dos biorresiduos a través da compostaxe tamén cos produtores singulares, aqueles establecementos, centros escolares, asociacións… que pola súa actividade xeran unha gran cantidade de residuos orgánicos. Persoal técnico realizou varias visitas para cuantificar a xeración de residuos e propoñer alternativas de xestión, tanto para os orgánicos como para o resto de fraccións. En función de cada caso instaláronse Unidades Modulares de Compostaxe similares ás dos Centros de Compostaxe Comunitarios (CCC) e composteiros individuais de 300 ou 800 litros. Unha vez instalados, o persoal técnico continuou coas visitas para axudar a iniciar o cambio a unha autoxestión dos biorresiduos, achegando axuda técnica e resolvendo dúbidas.

O pasado ano 2022 o Concello de Tomiño xestionou case 660 toneladas de biorresiduos por compostaxe, entre os centros de compostaxe e os composteiros individuais distribuídos polas vivendas de todo o municipio. Estímase que case o 75% dos residuos orgánicos tratados foron a través dos composteiros individuais, xestionando case 491 toneladas, das que resultaron máis de 104 toneladas de compost. Pola súa banda, a través dos centros de compostaxe recolléronse case 166 toneladas de biorresiduos, dos que se obtiveron 35 de compost.

“Esperamos que estas entidades sexan exemplo para outras que aínda non separan este tipo de residuos, algo que xa é obrigatorio por lei”, lembra a edil, que remarca que “os datos de reciclaxe en xeral melloraron, pero dende o Concello temos que marcarnos uns obxectivos máis ambiciosos para poder cumprir coa normativa e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e poder demostrar o compromiso da nosa veciñanza co medio”.

Finaliza o ciclo ‘Abril, mes do libro’ en Ponteareas

O ciclo de presentacións literarias ‘Abril, mes do libro’ chega esa semana ao seu fin cunha nova proposta que porá o broche de ouro a unha iniciativa coa que o Concello busca achegar ao público obras de escritores e escritoras da comarca ou vinculadas á vila de Ponteareas e que forma parte da programación coa que conmemorar o Día Mundial do Libro.

Este mércores 26 de abril o encargado de subirse ao escenario será o xeólogo Óscar Pazos Rodríguez, que presentará o seu libro ‘A invención da Gallaecia e a minaría de ouro. Unha tese sobre as orixes de Galicia’, unha obra que permite comprender como Galicia se converteu na gran mina de ouro do Imperio Romano e a importancia que isto tivo para a paisaxe.

Pazos comezou en 2013 a investigar as pegadas da minaría galaico-romana na zona do Baixo Miño como parte da súa investigación xeo-arqueolóxica da cavada do Rego da Serpe, situada nas illas Cíes. Foi facendo este estudo cando atopou unha chea de minas, indicios e pegadas mineiras descoñecidas, sen documentar ou mal interpretadas, polo que decidiu escribir esta obra na que sintetiza os principais achados que realizou ao longo destes anos de traballo.

A presentación terá lugar ás 20.30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal con entrada libre ata completar aforo. O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a gozar do peche de ‘Abril, mes do libro’, e quere agradecer a súa presenza “a todas as persoas que nos acompañaron ao longo destas semanas na presentación de obras cativadoras de notables autores”. 

Árbores de Mondariz Balneario, incluidos no catálogo de árbores senlleiras

A Xunta acaba de incorporar ao Catálogo galego de árbores senlleiras unha Criptomeria xaponesa e uns Alciprestes de Portugal, localizados en ambos casos no concello pontevedrés de Mondariz-Balneario.

A resolución en virtude da cal se inclúen ambos elementos no catálogo foi publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, tal e como explicou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante a súa visita ao Xardín Histórico de Mondariz-Balneario, onde puido coñecer os novos exemplares senlleiros e indicou que son os primeiros que acadan tal consideración no municipio pontevedrés tras a solicitude promovida polo Goberno local.

Acompañada polo rexedor, José Antonio Lorenzo, do Campo explicou que o Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización, xa que poden propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades públicas ou privadas que teñan entre os seus fins a protección da natureza.

De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, esta ferramenta pública e de carácter administrativo foi obxecto de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables, como é o caso dos últimos elementos declarados tras recibir o informe favorable do Comité galego de árbores senlleiras.

Neste sentido, no catálogo son susceptibles de incluírse todas aquelas árbores e formacións merecentes de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecedoras dunha especial protección.

No caso dos dous elementos catalogados en Mondariz-Balneario —as primeiras incorporacións aprobadas pola Xunta no que vai de 2023—, a directora xeral explicou que para consideralos árbores senlleiras se tivo en conta tanto a súa significación histórica e cultural como tamén os valores estéticos e paisaxísticos que atesouran.

Así, a Criptomeria xaponesa conta con 27,8 metros de altura, 3,60 metros de perímetro e proxección de copa de 5 metros. Localizada xunto ao palco da música do Xardín Histórico do municipio, esta árbore aparece xa rexistrada na documentación fotográfica máis antiga do balneario polo que se trataría dun dos poucos exemplares que perduran hoxe en día desde os momentos iniciais do xardín —datado entre 1873, ano de creación do balneario, e 1900—.

Polo que respecta aos Alciprestes de Portugal, trátanse de dous exemplares senlleiros que medraron xuntos, con menos de tres metros de distancia entre eles. Cunha altura de 20 e 23 metros e 2,80 e 2,14 metros de perímetro, respectivamente, teñen as súas copas entrelazadas e constitúen unha testemuña viva da introdución e uso das coníferas nos espazos axardinados de Galicia, cara ao último terzo do século XIX.

Na actualidade e tras as 2 novas incorporacións publicadas hoxe, o Catálogo galego de árbores senlleiras suma xa un total de 186 elementos (147 exemplares e 39 formacións arbóreas) pertencentes a 82 especies diferentes e coa seguinte distribución:

PROVINCIAÁRBORESFORMACIÓNSTOTAL
A Coruña411354
Lugo35641
Ourense20626
Pontevedra511465
Galicia14739186

Mos responde ao TSXG sobre a sentenza da Cidade Deportiva Afouteza

0

O Concello de Mos informa de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) inadmitiu o recurso de casación cursado pola administración local mosense ante a denuncia da Comunidade de Montes de Tameiga polas obras da Cidade Deportiva do Celta en Pereiras. Se ben, as devanditas obras atópanse amparadas legalmente polo Plan Especial aprobado e en vigor desde setembro de 2022. O devandito Plan Especial ampara as obras realizadas en Afouteza.

Desde a administración local mosense xa se anunciara hai un ano que o Concello esgotaría todas as vías legais posibles e presentaría recurso de casación. Recurso que foi inadmitido, pero que non supón a ilegalidade da Cidade Deportiva, pois esta atópase amparada polo Plan Especial de Dotacións en vigor.

Existindo un Plan Especial de Dotacións en vigor e aprobado en setembro de 2022, desde o Concello insístese e aclárase, como así expresou esta mañá a alcaldesa, Nidia Arévalo, aos medios de comunicación, que as obras non son ilegais. Son totalmente compatibles e autorizables urbanísticamente en solo rústico, ao amparo do Plan Especial de Dotacións en vigor.

A aprobación definitiva do Plan Especial da Cidade Deportiva do RC Celta en Pereiras data de setembro de 2022, como xa se dixo. Previamente o Plan Especial fora aprobado inicialmente en Xunta de Goberno Local, trámite tras o cal someteuse ao pertinente período de exposición pública presentándose tan só 3 alegacións durante a mesma. E logo, con todos os informes sectoriais favorables (tanto os de Montes, Medio Ambiente, Patrimonio … etc. da Xunta de Galicia; como os estatais de AESA e Confederación Hidrográfica) aprobouse provisionalmente en Xunta de Goberno Local para a súa remisión a Urbanismo da Xunta de Galicia. A continuación, a Xunta informou e llo remitiu novamente ao Concello para a súa aprobación definitiva, efectiva desde hai 7 meses. Deste xeito, este Plan Especial en vigor, ampara a legalidade urbanística da Cidade Deportiva Afouteza, na que non inflúe a inadmisión do recurso de casación ao Concello de Mos.

“Tui en Letras”, catorce actividades de dinamización cultural e de promoción da lingua galega

0

“Tui en Letras” é o nome do programa de dinamización cultural e promoción da lingua galega e as letras que terá lugar en Tui nos meses de abril, maio e xuño. Un total de catorce actividades conformarán este programa, impulsado pola Concellería de Cultura do Concello de Tui.

A programación comezou xa o pasado 14 de abril coa XIV edición de “Tui Le”, realizada en colaboración entre as bibliotecas escolares de Tui e a Biblioteca Pública Municipal. A cita reuniu a máis de 400 alumnos e alumnas no paseo da Corredoira e contou coa actuación de Bea Campos e o seu espectáculo ‘As palabras perdidas’, xunto ás poetas María Lado e Lucía Aldao con ‘Aldaolado’.

A seguinte actividade terá lugar este xoves día 27 de abril, coa presentación do libro de Samuel Ferro “Tierra de leyenda – El legado de Breogán” no edificio Francisco Sánchez, ás 20:00 h.

O mércores 3 de maio será a quenda do espectáculo de contos “O eco das pedras” con Raquel Queizás na Biblioteca Municipal. Será ás 18:00 h.

A presentación do libro “Canto da emigración. Historia da música de Teódulo R. Paramos” terá lugar o mércores 10 de maio ás 10:00 h na Biblioteca Municipal. Estará presente o autor, Manuel Martínez Torres,

O 17 de maio, Día das Letras Galegas, a cita será coa XXIV Feira do Libro Galego, onde participarán a Librería Iris e a Librería Nobel con 13 postos. O mesmo día, a escritora tudense Beatriz de Saracho dará lectura ao pregón; e autores e autoras poderán asinar os seus libros. Ás 12:00 h Títeres Viravolta presentará o seu espectáculo “A nena que rega a alfabaca e o príncipe preguntón”. Pola tarde, ás 18:30 h actuará o mago Samuel Ferro con “A maxia das letras”. A Feira terá lugar no paseo da Corredoira a partir das 11:00 h.

O mércores 24 de maio a Biblioteca Municipal acollerá o contacontos “O traxe novo do rei” con Tarabelos Teatro a partir das 18:00 h.

Xa en xuño, o venres día 9 a cita será cunha ruta literaria por Tui. Partirá ás 19:30 h dende a Biblioteca Municipal.

O martes 20 de xuño terá lugar un encontro literario con Ledicia Costas e os clubs de lectura tudenses arredor do seu libro “Infamia”. Será ás 18:00 h na Biblioteca Municipal de Tui.

Con todo, o mes de xuño conmemorarase o CXXXII Aniversario dos Xogos Florais de Galicia, e o xoves día 22 Xesús Alonso Montero ofrecerá a conferencia “Manuel Murguía e os Xogos Florais de Tui” no edificio Francisco Sánchez. Será ás 20:00 h.

Finalmente, e dentro deste aniversario, o sábado 24 de xuño a cita será cun recital poético co “Cántico dos topónimos esdrúxulos” de Pepe Caccámo e a música de Magdalena Gamallo. Será na praza de Frómista ás 20:00 h.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, valora esta programación como “unha ampla oferta de actividades diversificada por idades para achegarse aos intereses de cada sector da nosa cidadanía”. O proxecto conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra.

Baiona acondicionará Monte Boi

0

O Concello de Baiona acadou unha nova partida de fondos Next Generation da UE, neste caso de case 60.000 euros para dous proxectos destinados a unha actuación no paseo de Monte Boi e a poñer en marcha unha nova guía dos seus recursos turísticos.

En concreto, o concello obtivo 58.385,76 euros a través dunha convocatoria aberta pola Xunta de Galicia para “accións de embelecemento do litoral”, financiada con fondos europeos.

“Moi satisfeitos de que, como xa pasara coa humanización de Santa Liberata, os proxectos presentados polo Concello de Baiona saísen adiante”, asegura o alcalde, Carlos Gómez Prado.

Unha das partidas, de 43.385,76 euros, destinarase á recuperación de Monte Boi. “A actuación consistirá nun tratamento para a eliminación das plantas invasivas do paseo e a súa contorna”, explica o alcalde, que adianta que “posteriormente levaremos a cabo unha reforestación do espazo”.

A segunda partida da subvención, de 15.000 euros, servirá para “contar cunha guía interactiva de sinalización dos nosos recursos turísticos, que contarán todos eles cun código QR e estarán localizables a través dunha aplicación no Google Maps”.

“Son dúas accións das que se beneficiarán os veciños de Baiona, que cada día pasean por Monte Boi, e os turistas que chegan á nosa vila”, engade Gómez Prado.

A Guarda acolle este xoves unha reunión aberta á cidadanía sobre o Plan Rehabita

0

Nesta reunión a veciñanza poderá coñecer de preto o Plan Rehabita, un plan de colaboración público-privada promovido polo Concello e que ten coma obxectivos mellorar a imaxe das rúas e barrios da Guarda, aumentar a eficiencia enerxética das vivendas e actuar como motor de desenvolvemento económico da vila, conseguindo ademais que a cidadanía poda verse beneficiada polas diversas subvencións dos Fondos Next Generation EU.

Para acadar todos estes obxectivos lévase traballando desde o ano pasado ofrecendo información á cidadanía e conformando a un grupo de “puntos formados” entre os que se atopan diversas empresas e profesionais da comarca que traballan no eido da rehabilitación, xestión de subvencións, servizos enerxéticos, etc.

Durante esta reunión as persoas asistentes poderán coñecer aos “puntos formados” e tamén resolver dúbidas sobre as subvencións, actuacións que encaixarían nas mesmas, etc.

Explosión científica na Feira das Ciencias de Ponteareas

A Feira das Ciencias puxo o broche final a unha intensa semana na que, un ano máis, o Concello de Ponteareas quixo salientar a importancia da ciencia no día a día das persoas.

Esta sétima edición destacou pola alta participación nas actividades programadas, que renderon homenaxe á chegada da radio a Galicia e á contribución da tecnoloxía e da ciencia na evolución dos medios de comunicación. Máis de vinte e cinco postos de todos os centros educativos de Ponteareas amosaron o alto grao de curiosidade da infancia e da mocidade da vila. Experimentos, investigacións, inventos e unha morea de probas e ensaios que demostraron que a ciencia está agochada en cada xesto da vida cotiá.

Aos anteriores stands sumáronse os da escritora Isabel Blanco, que asinou os seus libros, e o de Dores Pereira e Paula Lago, no que o público puido afondar nos beneficios das plantas e conversar coas autoras e ilustradoras. As e os asistentes tamén puideron xogar ás 11 Torres de Xabier Prado nun posto ateigado de xente intrigada e atrapada por este xogo.

Ponte nas Ondas emitiu en directo locutado polo alumnado dos centros educativos. A través de entrevistas a persoas senlleiras de Ponteareas rescatouse da memoria oficios antigos, tradicións, cultura, música … As alfombras ponteareás, os Ranchos de Reis, o oficio de carreteira, o ciclismo, misións espaciais, o oficio artesá de crear gaitas, avós e avoas senlleiras e o conservatorio municipal de música foron os protagonistas desta edición especial de Ponte Nas Ondas.

A alcaldesa Cristina Fernández amosou a súa satisfacción pola entrega e ilusión da comunidade educativa que apoiou, unha vez máis, a Feira das Ciencias. Cristina Fernández quixo agradecer tamén ao alumnado e profesorado do conservatorio a súa participación, “pero tamén ás nosas empresas locais que conseguiron unha nota de 10 na atención prestada a todo o alumnado ao longo destes días nos que lle amosaron a súa profesión. Tamén quero agradecer a José Higinio, Sechu, as leccións ofrecidas no Museo do Reloxo”.

Obradoiros, conferencias, xogos e visitas nos que descubrir a pegada da ciencia na profesión do xornalismo, do deseño e da comunicación formaron parte da programación que tamén ofertou o ciclo de conferencias coa experta en comunicación Mónica Valderrama; co artista e profesor Mingos Teixeira; cos xornalistas Fernando Franco, María Xosé Porteiro e Paula Montes; e coas creadoras da produtora Illa Bufarda.

A segunda edición do Ciclo Mestre Mateo regresa a Baiona e A Guarda

O Ciclo Mestre Mateo regresa á provincia de Pontevedra e levará as proxeccións das longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do noso audiovisual aos concellos de Baiona, A Estrada, O Grove, Caldas e A Guarda, que pasan a formar parte da rede de salas. Deste xeito, a colaboración entre a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra achegará o mellor do audiovisual galego recente ao público destas cinco localidades, que collen o relevo de Redondela, Cambados, Poio, Ponteareas e Forcarei que acolleron con éxito o ciclo na súa primeira edición.

Os concellos participantes exhibirán entre maio e novembro unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como Mellor documental, Mellor longametraxe de animación e Mellor longametaxe na última edición dos Mestre Mateo, celebrada o pasado 11 de marzo.

O resto de títulos do programa son o documental A foreign song (César Souto, 2022) gañadora dos premios á Mellor longametraxe española e Mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón; o thriller Código Emperador (Jorge Coira, 2022) estreado no XXIV Festival de Málaga, onde tamén tivo a súa estrea a longametraxe Live is life (Dani de la Torre, 2022); o documental No somos nada (Javier Corcuera, 2022) estreado no Festival de Cine de San Sebastián; o filme de animación Valentina (Chelo Loureiro, 2022), gañadora do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española e o documental Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022) estreada no OUFF – Ourense Film Festival.

As antigas Casas dos Mestres de Redondela convértese no ‘Museo Etnográfico Ángel Barros’

0

O Concello de Redondela informa á cidadanía de que a demolición das antigas Casas dos Mestres terá unha duración total de 8 días. Para ter en conta a seguridade do alumnado dos institutos da contorna e dos viandantes está executándose en horario non lectivo e contando tódalas medidas de seguridade necesarias.

Durante a fin de semana procédese á demolición do inmoble, que estará rematada o domingo, e durante a seguinte semana retirase todo o escombro ata completar un total de 8 días de obra. “Unha actuación que cambia por completo a visión de Redondela, retirando os edificios  considerados insalubres e calificados dentro do ‘feísmo’, explica a alcaldesa Digna Rivas.

O Concello de Redondela conseguiu dar resposta a unha reclamación histórica como era a da cesión do edificio da casa dos mestres, desafectado dende o ano 2006 e, dende entón pertencía ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. Con todos os trámites previos realizados, –cesión da edificación ao Concello, memoria explicativa dos fins aos que se vai dedicar o inmoble e o cambio de uso da parcela– o Concello comezou a recuperación do edificio das ‘vivendas dos mestres’ para dar resposta a unha “reivindicación histórica dos colectivos culturais para a creación dun museo etnográfico que recolla a cultura popular de Redondela e evitar que se perda no tempo”.

O Goberno local subliñou que ese era o único uso posible que se podía dar o inmoble ao quedar descartado o seu uso para vivenda social. De feito, explica o Goberno local, “por unha banda o edificio é de titularidade de Patrimonio do Estado e este non permite a súa cesión a terceiros por parte do Concello. Doutra banda, ao estar enclavado o inmoble en dominio marítimo terrestre, non permite o seu uso residencial”.

Paralelamente a estes traballos está realizandose o proxecto museístico feito por Suso Constenla  característico pola súa innovación, en consonancia coa obra de Ángel Barros e consensuado co artista. A alcaldesa de Redondela Digna Rivas e o artista redondelán Ángel Barros  xa formalizaron por escrito ante notario a doazón de parte da súa obra, destinada ao museo sobre a historia de Redondela que vai a estar localizado onde agora se atopan as coñecidas como “Antigas Casas dos Mestres”.

O Templo Votivo de Panxón, primeiro escenario do ciclo Música no Ar

0

Tiro de saída a unha nova edición do programa cultural “Música no Ar” da Deputación de Pontevedra, que espallará a música de cámara ata o 10 de setembro por toda a provincia. A estrea do programa non poido ter mellor escenario que o Templo Votivo de Nigrán, en Panxón, que viviu unha noite máxica co concerto da formación Ars Sacra Ensemble, que encandilou ao numeroso público entre o que se atopaban o alcalde Juan González e a deputada provincial Ana Mejías.

O espectáculo que ofreceu a formación Ars Sacra Ensemble baseouse na interpretación dun ‘Stabat Mater’. Trátase dun dos poemas relixiosos máis musicados ao longo da historia da música, e nel nárrase o sufrimento de María, nai de Xesús, durante a crucifixión. Grazas á súa conversión en peza musical, a música acompaña e expande, de maneira maxistral, a crueza dun momento clave na historia da humanidade. Ars Sacra Ensemble é unha formación que naceu do puro pracer de reencontrarse para facer música. Todas as persoas integrantes deste grupo son galegas e, antes de coincidir de novo en Galicia, fixérono nalgún momento na cidade portuguesa do Porto. Este conxunto está composto por Débora Valuja (clavecinista, de Poio), Fernando Santiago (cello, de Bueu), Sonia Bouzada (mezzosoprano pontevedresa) e Rosana Domínguez (soprano, de Meaño) e a súa especialidade é a interpretación de música sacra antiga.

A programación de “Música no Ar” está composta este ano por 15 concertos de música clásica e de cámara en importantes espazos patrimoniais da provincia como museos, igrexas, bens do patrimonio industrial, castelos, pazos ou fortalezas, de concellos de menos de 20.000 habitantes. Serán en total 15 formacións, desde dúos ata cuartetos, con repertorios que versan entre o clásico e o contemporáneo, con música instrumental e voz pero tamén propostas que inclúen danza e silencio. Trala estrea en Nigrán o programa continúa entre maio e setembro en Vila de Cruces, Vilaboa, Cuntis, Soutomaior, Mos, Salceda de Caselas, Ribadumia, Ponte Caldelas, Ponteareas, Bueu, Crecente, Forcarei, Salvaterra e A Cañiza. O calendario completo pódese consultar no sitio web da Deputación. Todos os concertos teñen acceso libre ata completar a capacidade do recinto, agás os dos Castelos de Soutomaior e Sobroso e mais o do Pazo Quinteiro da Cruz (Ribadumia), que requiren inscrición previa no correo electrónico [email protected].

Este ano, ademais, co obxectivo de promover e garantir a democratización e o acceso igualitario á cultura, a institución pon en marcha un proxecto piloto nalgunhas das citas musicais do programa para permitir que as persoas con dificultades auditivas tamén poidan participar e facer este proxecto máis inclusivo e accesible. O proxecto piloto consiste na dotación de mochilas con tecnoloxía inalámbrica que transmitirán vibracións graves e subgraves dos sons que reciben, permitindo a estas persoas vivir a experiencia dun concerto de música clásica en directo.

Ponteareas amosa ao mundo ás mans do seu tradicional Corpus

“É un orgullo poder presentar por primeira vez ao público un traballo de case un ano que pretende por voz e rostro á nosa festa, o Corpus, pero, sobre todo, pode recoñecer o fantástico labor e esforzo co que todas e todos os alfombristas traballan ano tras ano para manter esta tradición que fai que Ponteareas sexa coñecida máis alá das nosas fronteiras como a vila do Corpus”. Con estas sentidas palabras, a alcaldesa Cristina Fernández daba comezo ao acto de presentación do documental ‘As mans do Corpus’, unha peza audiovisual que amosa “cunha gran sensibilidade o sentir de todas e todos os ponteareáns” por esta festa histórica.

Este documental recolle o traballo interxeracional e colaborativo entre as e os alfombristas e todo o proceso de planificación, deseño, preparación de material e elaboración dun quilómetro de alfombrado no centro de Ponteareas que é visitado e desfrutado por milleiros de veciños, veciñas e visitantes.

“Este documental é unha ollada ás historias, ao proceso creativo que hai detrás de cada unha das nosas alfombras. Con el mergullámonos no corazón desta festa que celebramos dende hai máis de 150 anos e que reflicte a riqueza cultural e patrimonial da nosa vila, pero, sobre todo, o sentir de todo un pobo polo noso Corpus”, recalcou a rexedora.

Cristina Fernández estivo acompañada no escenario polas sete persoas protagonistas, unha representación dos e das alfombristas que recolle o testemuño e poñen voz e rostro a un arte efémero centenario que soubo avanzar e modernizarse para ofrecer tamén un espectáculo festivo e cultural considerado Festa de Interese Turístico Internacional. Alejandro Porto, Ana Fernández, Iago Carrera, Julio González, Maruja Carrera, Miguel Mera e Pilar S. Garra contaron as súas vivencias e experiencias nun coloquio no que tamén participaron os integrante do equipo realizador do documental, Azo Audiovisual, composto por Miguel Fernández, Pablo Kaufman, Pío Cribeiro e Eloy Táboas.

A alcaldesa quixo dar as grazas a todos os portais alfombristas, “xa que sen eles sería imposíbel manter esta tradición”; agradecer a colaboración das e dos protagonistas do documental, “que representan o sentir e o traballo de todas e todos os alfombristas”; e achegou os seus parabéns ao equipo de produción do documental “polo excelente traballo realizado e por ter a sensibilidade para contar como é e como se vive o Corpus en Ponteareas”.

O acto rematou coa proxección do documental, que pechou a emotiva xornada cunha grande ovación do público.

Arbo contará cun dispositivo especial de autobuses gratuítos para a Festa da Lamprea

0

O Concello de Arbo porá  en marcha un servizo especial de autobuses gratuítos dentro da programación da Festa da Lamprea. Este servizo gratuíto terá expedicións desde o venres 28 ata o domingo 30 de madrugada, e realizará un percorrido circular para dar a mellor cobertura posible ás diferentes zonas e barrios do municipio .

O “LampreaBus” tamén dará cobertura aos veciños dos concellos limítrofes de Crecente, Cañiza e As Neves.

O “LampreaBus” foi unha iniciativa creada no ano 2019 e que tivo moi boa acollida. O obxectivo do Concello é mellorar e facilitar a mobilidade nos días da Festa, para os veciños e os visitantes en xeral.

A vindeira fin de semana disputarase “O Porriño 10K”

Os amantes do running poderán correr un ano máis polas rúas do Porriño. O vindeiro domingo 30 de abril disputarase unha nova edición de “O Porriño 10K”, unha carreira popular organizada polo Concello do Porriño e o Club Atletismo Porriño que foi presentada polo alcalde, Alejandro Lorenzo,  a vicepresidenta do Atletismo Porriño, Lucía Novoa, e a secretaria do club, Deneb Álvarez.

Hai inscritas preto de 1000 persoas. Un dos atractivos da proba é que se trata da 10k homologada co circuíto máis rápido de Galicia, polo que os participanes teñen a posibilidade de firmar as súas mellores marcas persoais.

Cabe destacar que a carreira de pitufos e chupetes non require de proceso de inscrición e as nenas poderán participar na mesma presentándose na liña de saída á hora estipulada.

Otorgaranse premios en metálico aos tres primeiros clasificados (feminino e masculino) da carreira 10k na categoría absoluta: 300 euros ao primeiro, 200 euros ao segundo e 100 euros ao terceiro.

Tamén se entregarán trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría (catro na carreira de menores, dúas na 5K e tres na 10K).

Cinco novos obradoiros de SmartPeme esta semana

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana do 24 ao 27 de abril cinco novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros que se celebrarán de xeito telemático. Centraranse en ciberseguridade, así como nos procesos de automatización da atención ao cliente, a ferramenta Woocommerce ou a emisión de eventos en liña de xeito profesional.

O luns 24 ás 10 horas terá lugar o obradoiro “Ciberseguridade, o que non se ve da navegación na Internet”, no que se dará a coñecer ás persoas participantes os riscos aos que estamos expostos ao navegar por Internet. Os contidos abordarán que se entende por ciberataque, o mapa mundial destes ataques en tempo real e os obxectivos que buscan os e as ciberdelincuentes. Impartirao Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D.

O martes 25 ás 12:00 horas, celebrarase o obradoiro “Chatbot. A automatización da atención ao cliente”. Dirixido a pemes, persoas autónomas e emprendedoras, o curso tratará de contextualizar e amosar que é un bot, as súas tipoloxías e como se poden utilizar na atención ás persoas. Será impartido por José Luis Taboada, enxeñeiro informático con máis de 20 anos de experiencia e especializado en sistemas informáticos.

O mércores 26, SmartPeme organiza dúas actividades. A primeira delas será ás 12:00 horas, “Plan de investimentos no establecemento comercial”,  e nela as persoas participantes coñecerán o que custa poñer en marcha un negocio e poderán diferenciar os servizos bancarios e as formas de financiamento. Paz Ares, licenciada en Económicas e Empresariais con experiencia profesional no sector financeiro e educativo, será a encargada de ofrecer esta actividade.

Xa pola tarde, ás 18:00 horas, será a quenda do obradoiro “Woocommerce: a solución que buscabas para vender por Internet II”, que introducirá ás e aos asistentes nesta ferramenta que permite montar unha tenda en liña cun catálogo non moi amplo. No obradoiro ensinarase como instalala, as súas características, pasarelas e formas de pago e as persoas participantes tamén poderán coñecer como incluír produtos e xestionar pedidos. Ofrecerao María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e máster en Márketing Dixital, con máis de 3 anos de experiencia en marketing dixital e ecommerce.

Por último o xoves 27 ás 11 horas celebrarase o taller “Como emitir o teu evento en liña de xeito profesional”, dirixido a axudar as persoas participantes a mellorar a emisión dos seus eventos en liña cos e coas clientes, así como a difusión do contido e calquera comunicación empresarial por esta vía. O obradoiro centrarase na conexión da cámara web e da cámara móbil e na elección de micrófono e será impartido por Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D.

Nigrán ofrece cinco contacontos ata o mes de outubro

0

O Concello de Nigrán ofrece desde hoxe ao mes de outubro cinco contacontos infantís na Biblioteca Municipal encadrados no programa de animación á lectura ‘Ler Conta Moito’.

O primeiro deles, ‘Chimpo de ra’, a cargo de Raquel Queizás, será hoxe luns 24 de abril ás 18:00 horas e está dirixido a crianzas de 0 a 3 anos. Nano é unha ra pequena, unha ra que vive cada día unha nova aventura, porque cando se é tan pequeno ata as cousas máis sinxelas se converten en todo un reto. Através de diferentes contos, cantigas, enredos, dun xeito lúdico, xogando, aprendemos na nosa lingua a coñecer o mundo que nos rodea. E así divertíndonos ensinamos aos máis cativos a presumir de lingua propia.

O seguinte contacontos, ‘A maleta da avoa’, é o sábado 20 de maio ás 12:00 horas e tamén a cargo de Raquel Queizás pero dirixido a crianzas a partir de 3 anos. Desde ben pequena escoitaba os contos da avoa á mañá, na merenda e, sobre todo, á noite. A maleta da avoa está chea de pequenos tesouros; nela vive a memoria. Dentro dela brincan trasnos, mouras, nenas espelidas, bonecas feitas con carozos de millo… Abrímola?

O venres 22 de setembro será a quenda de ‘Os contos da leiteira’, de OQO. Este dá voz a historias de mulleres intrépidas e tímidas, loitadoras e soñadoras pero tamén á propia condición de feminina, representada por animais que viven esas circunstancias. Contos de heroínas, galiñas valentes, leóns amorosos ou galos fachendosos que nos farán gozar e concienciarnos para que a igualdade sexa unha realidade.

O sábado 7 de outubro ás 12:00 horas será ‘Contamos en Igualdade’, de Eduvía. Dirixido a crianzas de 3 a 16 anos divididos en idades homoxéneas. Esta contada pola igualdade pretende rachar cos estereotipos dos roles tradicionais asignados aos personaxes dos contos en función do seu xénero, idade, etnia ou mesmo condición social, cultural ou funcional. A través de fermosos contos trataremos de reflexionar sobre a nosa relación cos demais, construíndo entre todos e todas un mundo máis igualitario e pacífico.

Raquel Queizás regresa para por o punto final ao programa con ‘Na túa man’, dirixido a crianzas a partir de 5 anos. Ao longo dunha inesperada investigación imos ir descubrindo historias e relatos para poñer en valor o respecto, a tolerancia e mais a comunicación dentro das relacións entre as persoas. Desmitificaremos o mal chamado “amor romántico” para darmos a coñecer o fenómeno da violencia de xénero, incidindo nas causas, tipos e consecuencias.

Alejandro Lorenzo reforza o seu equipo apostando pola “xestión e a experiencia”

O alcalde do Porriño e candidato á reelección, Alejandro Lorenzo, avanzou hoxe a incorporación á súa lista en postos de saída de Carlos Martínez Nogueira, Rosa Isabel Alonso Romero e Marcos Martínez Campos, que xunto co seu equipo actual completan os once corporativos cos que aspira conformar o próximo goberno municipal.

Lorenzo aposta así pola continuidade do seu equipo, reforzándoo con incorporacións de marcado perfil técnico que acentuarán a xestión municipal, todos eles persoas “que encaixan e aportan valor ao equipo, cunha gran capacidade de traballo e vocación de servizo”.

Carlos Martínez, quen se perfila como peza importante do próximo mandato pola súa experiencia na xestión municipal, ocupará o número 2. Martínez ten 54 anos e é natural da parroquia de Atios, aínda que a día de hoxe reside en Pontellas. Licenciado en Dereito leva décadas exercendo a avogacía no Porriño e conta cun gran coñecemento da administración local, pois foi concelleiro da corporación dúas lexislaturas, dende o 2011 ata 2019. Na primeira delas como parte do equipo de goberno ao frente das áreas de Patrimonio, Servizos Xurídicos e Canteiras, na que levou ou peso da negociación que, en termos de licencias de actividade e organización, iniciou a regularización da actividade industrial das canteiras do Porriño. Na segunda, como voceiro do grupo municipal popular.

Outra novidade importante é Rosa Isabel Alonso, veciña da parroquia de Budiño, que se incorpora no número 7 da candidatura. Alonso, de 44 anos de idade desenvolve a súa carreira profesional no eido da contabilidade e a administración. Destaca pola súa implicación e compromiso social e forma parte como tesoureira da directiva da ANPA do CEIP Cruz Budiño.

Por último súmase Marcos Martínez, de 46 anos e veciño da parroquia de Cans que ocupará o número 11 da lista. Martínez desenvolveu a súa carreira profesional no sector da construción e conta cunha gran experiencia en obra pública. É Vicepresidente da AV Castelo de Cans e membro da Xunta Rectora da Comunidade de Montes de Cans. A súa implicación activa na vida cultural e social e a súa gran capacidade de traballo avalan a súa candidatura.

“Presentamos un equipo plural, capaz de responder ás necesidades da veciñanza e seguir gobernando O Porriño dende a responsabilidade e a sensibilidade. Un equipo capaz de seguir facendo unha política útil, que sirva aos porriñeseses e porriñesas”, apuntou Alejandro Lorenzo.

Lorenzo anticipou tamén que a candidatura completa que o acompaña presentarase oficialmente o vindeiro xoves 27 de abril nun acto que se celebrará no Pavillón Municipal de Deportes.

O Centro de Saúde de Covelo explica como utilizar a aplicación É-Saúde para pedir citas e realizar xestións co SERGAS

0

Ante o éxito de participación e a boa acollida que están tendo por parte da cidadanía os obradoiros e charlas impartidas polo equipo de profesionais do Centro de Saúde de Covelo, o vindeiro luns 24 de abril de oito da mañá a dúas da tarde persoal do SERGAS ofrecerá asesoramento para relacionarse co Servizo Galego de Saúde (SERGAS) a través da aplicación É-Saúde.

Pedir citas médicas, acceder á historia clínica, consultar tratamentos, obter certificados COVID, descargar e enviar partes de baixa, acceder ás follas do SINTROM ou ter no teléfono móbil a tarxeta sanitaria son algunhas das funcións que ofrece a plataforma É-Saúde.

Dun xeito cómodo e doado e dende calquera punto e hora do día podemos acceder aos nosos datos, historial e resolver dúbidas de pautas de tratamento.

Persoal do SERGAS estará ao longo da mañá no centro de saúde de Covelo atendendo a todas as persoas que desexen beneficiarse das ventaxas do uso desta plataforma na rede que permitie unha comunicación fluída e accesible dende o ordenador, tablet, teléfono móbil ou calquera outro dispositivo con acceso a internet.

Ademais, o persoal do SERGAS trasladado ese día ao Centro de Saúde de Covelo para informar e formar, ensinará ás persoas interesadas a tramitar a Chave 365 que é o sistema que permite á cidadanía maior de idade e aos/ás menores emancipados/as identificarse e asinar documentos na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de usar certificados dixitais nin DNI electrónico. Con Chave365, a persoa usuaria identifícase co seu NIF e clave persoal e asina electronicamente cun código, único para cada operación, que recibe no seu teléfono móbil.

AER consegue o respaldo da veciñanza e presenta unha candidatura con experiencia en política local

0

A Agrupación de Electores de Redondela. AER, confirma que concorrerán ás vindeiras eleccións municipais logo de acadar máis de 500 sinaturas da veciñanza. Como vén sendo habitual, as sinaturas foron recollidas por representanes da Agrupación durante dez días e a pé de rúa en diferentes ubicacións de Redondela.

“Agradecemos á veciñanza de Redondela que nos permitan volver a presentarnos, sobre todo a aquelas e aqueles que, sendo doutra ideoloxía polítca, amosan así o seu talante democrático. Trátase da cuarta vez que o conseguimos nestes 12 anos, o que supón un fito nacional sen precedentes”, destacan desde a Agrupación.

AER aposta pola continuidade e a experiencia na política local nos cinco primeiros postos da súa candidatura, no que tamén hai espazo para a renovación. Encabezando a lista atópase Roberto Villar, ao que dende a formación asemblearia cualifican de “incansable traballador por Redondela”, experto en políticas locais medioambientais e concelleiro de Medioambiente nos dous primeiros anos deste mandato.

No número dous repite Daniel Boullosa, que xa demostrou tamén a súa implicación no ámbito cultural e turístico, ocupando o cargo de concelleiro no goberno municipal. No número tres irá Jose Carlos Orge, profesor da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo e experto en economía de empresa. En cuarto lugar, incopórase a traballadora social Alba de Jong, e, no quinto posto, repite na candidatura a docente Carmela Darriba.

A candidatura nútrese, polo tanto da experiencia que xa amosaron tanto Villar como Boullosa na política municipal liderando grandes iniciativas a prol de Reondela, a presenza dun destacado economista, a ilusión de Alba de Jong e o coñecemento no eido científico de Darriba nun proxecto que prentede “dar continuidade ao traballo feito neste mandato aproveitando a experiencia, pero tamén querendo incorporar novas ideas e propostas democráticas que teñan cabida no noso xeito de defender Redondela e a súa veciñanza”.

O Goberno local da Cañiza desminte que se lle negara información ao Grupo Popular

0

O Grupo Socialista do Concello da Cañiza denuncia o que cualifica como “mentiras e manipulacións” nas redes sociais do PP que, segundo as e os socialistas cañicenses “mostran dous decretos da alcaldía para seguir argumentando falsamente que o Alcalde lle prohibiu o acceso á documentación a Domínguez (portavoz do PP).

A falsidade destes argumentos, sinalan fontes socialistas, veñen demostradas polo feito de que “un decreto ratificaba, de maneira redundante, o acceso; e o segundo anula o primeiro, por ser innecesario”. O certo, subliñan, é que “en ningún deses decretos se prohibe o acceso á documentación, pois dito acceso está concedido automaticamente ao non existir denegación por escrito nos 5 días seguintes á petición. ROF Art. 14: “La petición de aceso a las informaciones se entenderá concedida por silencio administrativo(…) en el término de cinco días a contar desde la fecha de solicitud…”

Polo tanto queda demostrado, afirman, que nunca se denegou ó acceso á documentación. “O PP de Domínguez usa esta denuncia, falsa, a menos de 2 meses dunhas eleccións, para atacar ao alcalde socialista Luis Piña, xa que carece de argumentos de ningún outro tipo para poder facelo”.

Por outra banda, a Secretaria Municipal certifica que o alcalde xamais denegou o acceso a un expediente a ningún concelleiro ou concelleira. Para que exista o delito que acusa o PP de Domínguez, engade o PSOE cañicense, “tería que existir un decreto negando acceso a documentación, cousa que en ningún caso existe tal como acredita un certificado emitido pola secretaria municipal”.

As dilixencias previas iniciadas nun xulgado son un paso normal ante unha querella. O que non é tan normal, aseguran, “é presentar documentación manipulando a realidade: un decreto anula o outro decreto, pero o acceso xa o tiña dende antes por silencio administrativo”.

“Ao afirmar que se lle prohibe o acceso á documentación o PP da Cañiza minte”, conclúe o PSdeG da Cañiza .

O Museo de Pontevedra únese ao Salón do Libro para contar un conto dende as paredes do Edificio Sarmiento

O Museo de Pontevedra abriu hoxe a exposición ‘Había outra vez’, unha mostra organizada ao abeiro do Salón do Libro, para contar un conto dende as paredes do Edificio Sarmiento unindo arte e literatura: arredor dun texto de Manuel Lourenzo González distribúese a obra de catro artistas ligados á cidade como son Belén Padrón, Itziar Ezquieta, Manolo Figueiras e Xosé Carlos Seoane.

O director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, puxo en valor a colaboración entre as institucións provincial e local. Destacou que o Museo de Pontevedra tiña que estar implicado nunha das iniciativas máis salientables da programación cultural da cidade, como é o Salón do Libro, facéndoo ademais a través de persoas creados do país nunha ‘maridaxe’ perfecta.

A concelleira responsable municipal do Salón, Carmen Fouces destacou tamén, na mesma liña, que coa exposición no Museo de Pontevedra séguese a robustecer a visión do Salón do Libro como punto de encontro e colaboración entre administracións. “Para nós esta mostra é como o resumo do Salón: aglutina todas as perspectivas que queremos traballar, a ligazón entre as diferentes disciplinas creativas (…) e a conexión e o traballo colaborativo entre administracións, ademais, nun evento aberto de balde para o público, e homenaxeando a autoras galegas e de Pontevedra. É un ‘combo’ completo”.

Pola súa banda, a comisaria e tamén creadora participante na mostra, Itziar Ezquieta Llamas, subliñou que ‘Había outra vez’ ten unha ‘precuela’, a exposición ‘Había unha vez’ de Belén Padrón e Xosé Carlos Seoane, á que agora se incorporaron Manolo Figueiras e máis ela mesma “con personalidades e xeitos diferentes no traballo”.

Sobre a relación da mostra coa literatura, Ezquieta destacou que “quizais si que é certo que as nosas creacións, as de todos, teñen moito de conto… no sentido de que cada cadro, cada imaxe conta unha historia , ten unha trama, unha poética e esconde unha parte de literatura. Aí e onde entra Manuel Lourenzo”: “que mellor xeito de xuntar as nosas historias que propoñerlle a un grande escritor desentramar esa nova historia compartida para todos nós?”, preguntouse. Por iso, explicou, concibiuse a exposición “non como una mostra corrente, senón como un proxecto que enfía á perfección Literatura e Arte. Porque quizais sexa unha mostra para ser lida… para xogar a mirar historias”, finalizou.

A apertura finalizou cunha visita guiada pola sala da mostra a cargo de Manuel Lourenzo González, autor responsable dos primeiros Salóns do Libro e homenaxeado nesta edición, que creu un texto específico para o proxecto. Nel narra a enigmática viaxe dun mozo que se ve obrigado a camiñar por un escenario de rúas labirínticas á busca de sinais que lle proporcionen a clave para saír e recuperar a súa vida e o seu pasado; unha viaxe que fornece desde a literatura, a modo de xogo, fíos que consolidan esa converxencia da obra artística plural.

O Concello de Covelo denuncia o roubo da lona de promoción turística da estrada Covelo-Paraños

0

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, vén de denunciar ante a Garda Civil o roubo da lona de promoción turística ubicada na estrada Covelo-Paraños á altura do cruce con As Medelas. Esta lona publicitaria, instalada nas últimas semanas, tiña unhas dimensións de oito metros de longo e tres metros de ancho. O valor da mesma ascende a 900 € e o seu obxectivo era promocionar o patrimonio cultural do concello a través dunha fotografía impresa a cor dos pasos de Lourido.

O alcalde solicita a colaboración cidadá e agradece que as persoas que teñan algunha pista firme lla poidan facilitar á Garda Civil.

“Afortunadamente son feitos illados pero non esquezamos que se trata dun soporte pagado con fondos públicos, cos cartos de todas e todos. Ferramentas que promoven o coñecemento da nosa vila e as nosas riquezas, que reciben ao visitante coa intención de que pase un bo día e quede con ganas de voltar, prexudicar o mobiliario público é prexudicar o día a día das veciñas e veciños de Covelo”.

Dende o Concello adiantan que procederán a unha nova colocación e agardan que as persoas responsables desta substracción tomen conciencia do dano que provocan.

Cesantes celebra o domingo unha homenaxe aos mestres Carmen Barreiro Seoane e Óscar Rey Belle

0

O Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy de Redondela organiza, para este vindeiro domingo, 23 de abril un acto de homenaxe aos mestres Carmen Barreiro Seoane e Óscar Rey Belle, acto que terá lugar no Centro Cultural de Cesantes ás 12 horas e que contará coa participación do grupo de gaitas Airiños de San Simón. A homenaxe quere lembrar o traballo que fixeron, durante anos, para “alimentar as mentes” de tantos nenos e nenas de Cesantes.

Carmen Barreiro Seoane e Óscar Rey Belle casaron en xullo de 1934 cando ela era Mestra Nacional en Cepeda, Pazos de Borbén, e el Garda Forestal no mesmo lugar.

No ano 1944 Carmen chega como mestra con plaza definida para a Escola Unitaria Mixta de Outeiro das Penas en Cesantes, Redondela. Antes xa impartira docencia cando menos en dous lugares mais, Silleda e Cepeda. Pola súa banda, Óscar chegaría como mestre a Cesantes anos mais tarde, na década dos 50, si ben con anterioridade xa impartira clase de xeito interino en dous colexios do actual concello de Vigo.

Durante os anos que o matrimonio exerceu o maxisterio en Cesantes, residiron na propia parroquia, preto da escola que estaba ubicada na antiga sede da desaparecida Sociedade de Agricultores e que actualmente ocupa o Centro Cultural e Deportivo de Cesantes.

Alí, durante tantos anos, nunhas condicións precarias, onde moitas veces faltaba o material mais básico e se tiñan que facer cargo de dar clase en moitas ocasións a cursos de mais de cen alumnos, alimentaron as mentes de tantos e tantas nenos e nenas de Cesantes.

Ambos se xubilaron no seu último destino, Cesantes; primeiro Óscar e despois, no 1969, Carmen.

A Deputación lanza unha nova edición de ‘Vive o Rio Minho’

A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Cooperación Transfronteiriza, vén de organizar unha nova edición das actividades ecoturísticas ‘Vive o Rio Minho’ para dar a coñecer e impulsar o territorio transfronteirizo do Miño como destino de natureza.

Entre as propostas de balde para o público haberá unha andaina popular, rutas de sendeirismo, balsismo, caiac, visitas culturais, degustacións de viño e observación de estrelas que se desenvolverán entre o vindeiro domingo 30 de abril e o 4 de xuño a cargo da empresa Xeitura. As inscricións nas actividades –60 prazas- abriranse os luns anterior á celebración e cubriranse por estrita orde de chegada na web depo.gal.

A intención da programación é novamente, segundo explica o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, atraer visitantes ao territorio do río Miño para amosarlles todos os seus atractivos e riqueza paisaxística, natural, cultural e gastronómica dentro dun destino situado estratexicamente e compartido por dous países. Haberá actividades en Vila Nova de Cerveira, Tomiño, O Rosal, Melgaço, Salvaterra, Arbo, Monçao, A Guarda, Oia e Caminha.

Unha cuestión fundamental, segundo subliñou o nacionalista, é realizar o aproveitamento do potencial turístico da zona de maneira sustentable e racional para así garantir a calidade da oferta como un destino tranquilo e sen aglomeracións de maneira sostida no tempo.

O programa ‘Vive o Rio Minho’ realízase dentro do proxecto homónimo, cofinanciado con fondos FEDER a través do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020’, tal como xa se fixera na súa anterior edición en 2020, cando a pesares de estar en plena pandemia, fora un éxito de participación esgotando as prazas dispoñibles en apenas minutos.

Andaina popular

As actividades de ecoturismo comezarán na última semana deste mes de abril. O domingo 30 de abril haberá unha ‘andaina popular’ cun percorrido de 15 quilómetros que comezará en São Sebastião, (Vila Nova de Cerveira), e seguirá ao longo da Ecopista do Miño ata Goián, (Tomiño), cruzando o Río Miño por un das súas pontes internacionais. 

O roteiro é lineal e de dificultade baixa (recomendado para  crianzas maiores de 12 anos afeitas a andar) e terá unha duración aproximada de catro horas, dende as 10 da mañá. Será un paseo entre viñedos e campos de cultivo a través dos que as persoas participantes poderán conectar co río, explorar praias fluviais e insuas que forman parte da Rede Natura 2000, e descubrir o rico patrimonio da zona.

Desenvolvida pola empresa Volta Montana, a andaina popular estará sinalizada sobre o terreo para poder seguila sen problemas, habendo persoal de apoio en puntos sinalados. Ademais, darase a cada participante unha ligazón á aplicación Wikiloc para seguir o roteiro comodamente co móbil.

O punto de encontro será a Alameda de Goián. Dende alí haberá autobuses para desprazarse ao punto de inicio en Cerveira. As persoas inscritas estarán cubertas con seguro de RC e accidentes e recibirán un paquete de merchandising da xornada. O número de prazas dispoñibles é de 60, e cubriranse por estrita orde de chegada, a partir do vindeiro luns 24 na web da Deputación.

A seguinte actividade dispoñible será o 14 de maio e terá lugar en Tomiño e O Rosal, cunha proposta de ruta de sendeirismo pola chamada Senda dos Pescadores, para facer despois o treito inverso en caiac polo río. Ambas rutas estarán guiadas e interpretadas, discorrendo por unha paraxe natural e cultural de moita beleza. A xornada ocupará o día completo, dende as dez da mañá ata as 19.30 horas. As inscricións estarán abertas dende o 8 de maio para maiores de 12 anos (imprescindible saber nadar).

O sábado 20 de maio a actividade desenvolverase entre Melgaço e Arbo. Incluirá unha visita guiada á vila de Melgaço e o Solar do Alvarinho en Portugal para despois visitar o Museo Arabo do viño e a lamprea en Arbo. Pola tarde haberá balsismo na zona de Arbo dirixido pola empresa Arrepións. A actividade é para maiores de 12 anos, sendo imprescindible tamén saber nadar. Comezará ás 10 da mañá e rematará ás 20.30 horas.

O sábado 27 de maio tocará visitar Monçao e Salvaterra. Farase unha ruta pola zona de Longos Vales, visitarase Salvaterra e o Museo da ciencia do viño cunha degustación (de 10 a 20 horas). O sábado 3 de xuño a visita será a A Guarda e Oia: farase a ruta das cetáreas o do camiño de Santiago pola Costa, visitarase o Museo do Mar, unha adega da zona con degustación, o mosteiro de Santa María de Oia cunha ruta de sendeirismo que rematará nos petróglifos da Pedreira, para despois cear ao solpor na zona e realizar unha actividade observación astronómica. A xornada comezará ás 10 da mañá e rematará ás 24 horas.

Finalmente, a última xornada será en Caminha o domingo 4 de xuño, onde se fará unha visita guiada á vila, unha ruta de sendeirismo circular (6 quilómetros) na contorna da praia de Moledo, para rematar cunha visita ao Forte da Ínsua xusto na desembocadura do Miño, ata onde se chegará en barca.

O Trail Orixes Mondariz aspira a superar as 600 persoas inscritas na súa quinta edición

0

O Goberno municipal, xunto a representantes da Asociación Deportiva Mondariz, presentou este venres 21 de abril o V Trail Orixes Mondariz, unha carreira de montaña que se consolida ano a ano e atrae a decenas de participantes de Galicia e fóra de Galicia. Nesta quinta edición, programada para o sábado 6 de maio, a organización aspira a superar as 600 persoas inscritas. “A día de hoxe levamos 576 inscritos nas diferentes categorías. As prazas da distancia curta de Minitrail esgotáronse hai 15 días, e do Trail a semana pasada”, afirma Sebas Lourenzo, da Asociación Deportiva Mondariz. 

O V Trail Orixes Mondariz, que abriu o prazo de inscrición o pasado 15 de febreiro, preséntase este ano cheo de novidades. Ademais das tradicionais categorías de Minitrail (14 km), Trail (26 km) e Maratón (40 km), a organización repite coa exixente Ultra (60 km), inclúe por primeira vez a cativos/as de 3 a 13 anos no Pequetrail e introduce a categoría non competitiva de Andaina (13 km). As inscricións deben realizarse na plataforma www.empa-t.com até o 1 de maio, ás 23:59 h. Nas categorías de Minitrail (14 km) e Trail (25 km), as 350 prazas dispoñibles están esgotadas desde hai días, mais a organización habilitou na mesma plataforma a opción de inscribirse nunha lista de agarda para optar a prazas vacantes de última hora. 

Outra das novidades deste ano é que as distancias de Ultra (60km) e Maratón (40km) van ser homologadas pola Federación Galega de Montañismo, acción que recoñece o traballo da organización na selección de trazados. O ritmo de inscrición nestas dúas categorías, con 100 prazas dispoñibles cada unha, tamén vai mellor do previsto. Na distancia Ultra (60km) cóntanse 53 persoas inscritas, mentres que na de Maratón (40km) hai 69 cando faltan 10 días para que remate o prazo de inscrición.

Tamén quedan prazas nas novas categorías de Pequetrail e Andaina (13km). O Pequetrail, que terá lugar o mesmo día 6 de maio pola tarde, consta de varias distancias en trazado semiurbano: Xabarín, de 1.500, para nenos e nenas de 10 a 13 anos; Raposo, de 800m, para idades de entre 6 e 9 anos; e Esquío, de 100m, para meniños e meniñas de 3 a 5 anos. Trátase dunha proba gratuíta, pero requírese igualmente inscrición na plataforma www.empa-t.com dentro do prazo establecido. A categoría de Andaina (13km) está concebida como unha proba non competitiva para desfrutar da contorna natural de Mondariz.

O Goberno municipal de Mondariz apoia esta carreira desde os seus inicios. Nos últimos anos, a pesar de que a pandemia obrigou a suspender esta actividade nos anos 2020 e 2021, o Trail Orixes Mondariz recuperou e mesmo incrementou o seu atractivo entre as persoas afeccionadas á montaña. O ano pasado houbo máis de 400 participantes, e nesta quinta edición hai previsións de chegar ás 600 persoas inscritas. “Temos participantes de toda Galicia, pero tamén de Portugal, Francia e diferentes comunidades españolas, como Asturias, Castela e León e Madrid, entre outras”, afirma Lourenzo.

O percorrido volverá ser circular, con saída e chegada na praza de España de Mondariz. Discorrerá por Riofrío, Aboal, Festín, Gargamala, Caxil, Vidueiros, Foxo do Lobo de Estacas, Lago de Piñeiro, Caxil (Mosteiro de San Xoan), Sabaxáns, Cernadela e Mondariz, con diversos controis que están especificados nas bases de participación. O día 5 de maio convocarase ás persoas participantes a unha charla técnica.

O Concello de Salceda preséntase ao programa PON2030 da Deputación de Pontevedra

O Concello de Salceda de Caselas ven de presentarse ao  programa provincial Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (PON2030) da Deputación de Pontevedra.

Dada a necesidade dun novo pavillón do que o concello conta xa cun proxecto completo que ascende a 1.864.656,89 euros, dentro deste programa presentou o proxecto de construción dun novo equipamento deportivo na zona deportiva de Altamira que ascende a 1.180.007,34 euros e forma a primeira parte do novo pavillón municipal ao lado do existente.

Rubén González Coto, concelleiro de Deportes, indicou que “o desenvolvemento completo do proxecto do novo pavillón municipal supón un reto complexo a nivel técnico que fomos quen de planificar en dúas fases diferenciadas para poder optar a distintas vías de financiamento que esperamos se resolvan positivamente para garantir o éxito na execución final e integral do proxecto”.

Nesta primeira parte aproveitarase a diferencia de cota entre a rasante actual onde se ubica o pavillón Altamira e as pistas polideportivas ao aire libre para a construción dun novo edificio situado na planta semisoto.

Esta nova edificación contará con tres salas polivalentes, dous vestiarios, catro aseos separados, dous deles accesibles, vestiarios para árbitros e árbitras, dous vestiarios accesibles e tres almacéns. Nesta mesma edificación habilitouse un alxibe para a protección contra incendios e dun cuarto específico de instalacións.

Esta planta semisoto servirá de complemento ás pistas deportivas ao aire libre e apoio ao pavillón existente, posibilitando a utilización dos vestiarios, salas polivalentes e almacéns. A superficie da cuberta desta nova planta será transitable e se converterá nunha zona de práctica deportiva conectada ao pavillón existente e as pistas descubertas.

Para a execución da segunda fase do pavillón municipal a concellería de Deportes xa está a estudar para xestionar a presentación da subvención á convocatoria anunciada polo Consello Superior de Deportes para as vindeiras semanas, a través dos Fondos Europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que xestiona o Goberno de España.

Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda de Caselas, finalizou ”a consecución integral deste novo pavillón municipal suporía un gran salto de calidade definitivo dentro do conxunto de instalacións deportivas que prestan servizo á veciñanza e atende unha demanda fundamental dos equipos e colectivos do deporte local”.

As obras de mellora de camiños en Barcia de Mera e Paraños terán un custe de 93.990 €

0

No marco do Plan de Melloras de Camiños Municipais da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) executaranse obras de limpeza, ensanche e asfaltado, entre outros traballos, en Barcia de Mera e Paraños, en Covelo.

Cun orzamento final de 93.990,38€ realizarase unha obra completa que mellorará as actuais condicións de tránsito na Pista das Veigas e Camiño das Rochas, no lugar de Mera que da servizo tamén ao albergue Alen Tea, e no camiño As Searas de Cotarel a Medelas na parroquia de Paraños.

Na actualidade, ámbolos dous camiños presentan moitos baches e zona de rodadura en formigón ou terra, inexistencia de cunetas en moitos tramos e pasos estreitos que dificultan o tránsito dos vehículos.

O Concello informa que para a execución dos traballos realizaranse traballos de excavación, desmontaxe de peches e muros para o ensanche da vía,  limpeza e apertura de cunetas para a mellora da drenaxe, limpeza de caños e arquetas obstruídas, instalación de tubaxes e arquetas novas así como salvacunetas para canalizar as augas, colocación de muros de perpiaño de pedra granítica e pavimentación ademais de mellorar a seguridade viaria co pintado de marcas viais e colocación de sinalización de stop onde proceda.

Mos acolle a representantes do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 interesados no proxecto Rumbo

0

As entidades galegas representativas da discapacidade, COGAMI, Aspace Galicia, Autismo Galicia e Fegadace, xunto a outras 18 entidades de Andalucía, Aragón, Cataluña e Castela e León vinculadas ás confederacións estatais do Terceiro Sector da discapacidade (COCEMFE, ASPACE, PREDIF, FEDACE e AUTISMO ESPAÑA), desenvolven un proxecto piloto que pretende retrasar a non desexada institucionalización da persoa e favorecer a permanencia na contorna familiar, social ou comunitaria.

Denominado ‘Rumbo: cara un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva’, este proxecto ten por obxectivo impulsar o deseño de modelos innovadores de apoio á autonomía persoal e á vida independente de persoas con discapacidade, especialmente as que presentan maiores necesidade de apoios. Coa combinación de servizos e recursos pódese facilitar unha forma de vida inclusiva en condicións de seguridade, accesibilidade e benestar.

O proxecto Rumbo está financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia do Goberno de España, e ligado aos fondos Next Generation da Unión Europea. Representantes deste Ministerio, o director xeral de Dereitos das Persoas con Discapacidade, Jesús Martín, e a asesora do Gabinete da Secretaría de Estado de Dereitos Sociais, Berta González, desprazáronse ata o centro que COGAMI ten no Concello de Mos para coñecer en primeira persoa o desenvolvemento do proxecto piloto en Galicia.

En Mos, foron recibidos polas presidencias das catro entidades que participan neste proxecto Rumbo en Galicia, sendo Anxo Queiruga, presidente de COGAMI, Luciano Fernández, presidente de FEGADACE, Concepción Somoza, presidenta de ASPACE Galicia, e Mercedes Fernández, presidenta de Autismo Galicia. As presidencias estiveron acompañadas de persoal técnico das entidades, encargadas de aportar a experiencia sobre o desenvolvemento do proxecto, e de persoas con discapacidade beneficiarias directas das actividades do proxecto. Tamén se achegou ata as instalacións de COGAMI a concelleira de Política Social do Concello de Mos, Sara Cebreiro, tras participar neste proxecto coa sinatura dun dos convenios de colaboración asinado no mes de marzo no que o Concello cedeu un piso municipal na Urbanización de San Eleuterio, na parroquia de Tameiga, para ser utilizado como vivenda de transición.

Na mellora da autonomía da persoa e evitando ou retrasando a súa institucionalización, as entidades galegas presentaron as accións realizadas na adecuación e personalización de vivendas, no testeo de ferramentas tecnolóxicas deseñadas por Vive Libre e no deseño de produtos de apoio baseados na impresión 3D. Visitouse unha vivenda de transición cara a vida independente, compartíronse as experiencias vinculadas aos Servicios Sociosanitarios de proximidade e tamén explicouse a función da figura da asistencia persoal.

Primeiros resultados de Rumbo

Rumbo é un modelo piloto de apoio á autonomía e coidado da persoa. Arrancando o ano pasado, e cunha duración que se estenderá ata finais de 2024, a través deste proxecto estanse a realizar servizos e actuacións para promover a vida independente na contorna da persoa. Este novo modelo de atención, inclúe o uso de tecnoloxías experimentais, o paso por un período de seis meses en vivendas de transición, a figura profesional de apoio da asistencia persoal, intervencións nas vivendas das propias persoas para facilitarlles a súa estadía así como a busca de colaboracións entre as administracións públicas para crear unha rede de servizos de apoio integral á vida independente.

Cunha participación de 42 persoas ata o de agora, en COGAMI estase a desenvolver un servizo de adecuación e personalización de vivendas con obras de accesibilidade e coa cesión de produtos de apoio que faciliten a autonomía das persoas e a súa permanencia no fogar. A través do uso de novas tecnoloxías como a impresión 3D deséñanse produtos de apoio de baixo custe ou coa pilotaxe da plataforma tecnolóxica de atención 24×7.

Ten en marcha tres vivendas de transición, dúas en Lugo e unha en Mos, onde as persoas usuarias desenvolven unha experiencia de vida independente co apoio de asistentes persoais. Co obxectivo de xerar ofertas de recursos habitacionais inclusivos alternativos ás fórmulas residenciais, púxose en marcha un servizo de promoción de aloxamento inclusivo e de asesoramento á persoal municipal das áreas de urbanismo e promotoras privadas.

No caso de FEGADACE as accións englóbanse en tres liñas de traballo: desenvolvemento da figura de Asistencia Persoal para persoas con dano cerebral adquirido (DCA), mediante o deseño do perfil e o de formacións adaptadas; en coordinación con COGAMI, derivación ao servizo de adecuación e personalización de vivenda para realización de obras de accesibilidade; e, especialmente a posta en marcha de servizos sociosanitarios de proximidade a persoas e familias con DCA residentes no rural. Neste servizo, as principais actuacións enfócanse en: atención terapéutica especializada no domicilio de Logopedia, Terapia Ocupacional e Psicoloxía, realización de actividades formativas que fomentan o empoderamento e a autonomía e están dirixidas non só ás persoas e familias con DCA, senón tamén a colectivos profesionais sociocomunitarios ou a futuros profesionais do ámbito sociosanitario; e impulso da participación comunitaria e cidadanía activa mediante a elaboración e edición de materiais informativos e divulgativos en materia de dereitos.

Desde a posta en marcha do servizo, en xaneiro de 2023, son 30 as persoas que están sendo atendidas por este servizo en lugares como Xinzo de Limia, Allariz, Vilar de Barrio, Cee, Fisterra, Camariñas, Aranga, San Sadurniño ou Pontedeume. E 93 persoas técnicas de servizos sociais municipais están participando en formacións, presenciais ou online, de “Apoio no Fogar a Persoas con DCA” e “Sexualidade e DCA”.

Dende ASPACE estase a traballar co INICO da Universidade de Salamanca no estudo de necesidades para a vida independente das persoas con parálise cerebral con grandes necesidades de apoio. Para a realización do estudo estase contando coa participación de 40 persoas con parálise cerebral, as súas familias e profesionais das entidades ASPACE.

Este estudo servirá de base para o deseño de accións que faciliten e favorezan a vida independente das persoas con parálise cerebral como o desenvolvemento da figura do asistente persoal; o deseño dunha ferramenta para a valoración da accesibilidade de vivendas; a adaptación de vivendas; boas prácticas e metodoloxías que favorezan a autonomía, a toma de decisións e exercicio de dereitos das persoas con parálise cerebral,…

Dende Autismo Galicia realizase no marco do Proxecto un estudo das necesidades das persoas con TEA para que poidan desenvolver os seus proxectos de vida independiente parello ás análises dun mapeo de recursos que poidan determinar cales son aqueles servizos e programas que se deben potenciar en todo o territorio para garantir o acceso aos apoios necesarios para facilitar un plan de vida autónomo ás persoas con TEA. Entre estes recursos analizamos como debe ser o modelo de asistencia persoal e a concreción da creación de un modelo de servizo de vivenda de transición á vida adulta independiente que dea resposta as características e necesidades das persoas con autismo.

Areeiro recomenda volver intervir nas viñas unha vez pasen os días de choiva

A Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que recomenda realizar unha nova intervención nas viñas contra o mildio unha vez rematen estes días de choiva, en caso de que non se teñan renovado ata o momento os tratamentos contra este patóxeno. Tamén advirte da presenza da bolboreta do buxo e no caso da avelaíña das maceiras recomenda a instalación de trampas para realizar tratamentos en función das capturas.

As viñas, segundo sinala o aviso, presentan un estado fenolóxico de acios visibles, e o persoal do centro sinala que trala aparición a semana pasada das primeiras manchas de mildio en todas as comarcas e en case todos os predios, a maioría xa foron obxecto de tratamento. Esta semana, en xeral, non se teñen incrementado o número de manchas e estas estaban case curadas ou en fase de curación, aínda que tamén se observou algunha mancha aínda sen curar e algún que outro acio afectado. Diante das previsións meteorolóxicas, que anuncian precipitacións e temperaturas mínimas elevadas, condicións favorables ao patóxeno, Areeiro sinala que, en caso de non ter feito a renovación dos tratamentos, débese realizar unha nova intervención inmediatamente despois dos días de choiva, pois as choivas reducen o período de protección dos  produtos.

Sinala tamén que ao igual que todos os anos a principios de campaña, hai síntomas de erinose en case todas as viñas, que non é preciso tratar, e tamén síntomas evidentes, neste caso nalgúns predios, de ataque de caracois.  O centro tamén se refire a outros cultivos, como a maceira e advirte da presenza da avelaíña, e sinala que as poboacións desta praga poden variar entre predios aínda que estean próximos. Por este motivo, Areeiro recomenda a instalación de trampas en cada un para tratar segundo as capturas que se teñan e así evitar que haxa mazás con eirugas.

Así mesmo, lembra que nestes momentos as eirugas da bolboreta do buxo están ben desenvolvidas e, onde non se fixeron tratamentos, están a defoliar vorazmente o buxo. Tamén xa se observan crisálides nas sebes non tratadas.

A Guarda acolle o 29 de abril o Concerto de Primavera

0

O Auditorio de San Benito da Guarda acolle o vindeiro sábado día 29 de abril ás 20:00 h o Concerto de Primavera, un evento musical que contará coa participación do Coro Cantábile, o Coro da Terceira Idade e Pensionistas da Guarda, a Coral Polifónica da Guarda e a Agrupación Musical da Guarda.

Nesta ocasión realizarase a estrea do pasodobre galego “A Guarda” composto por José Luís Represas, unha composición que, de seguro, emocionará a todos e todas as presentes neste concerto e que en palabras do seu autor “este pasodobre, utiliza formas musicais do folclore galego tan recoñecibles como a alborada, a muiñeira ou a canción popular, sendo a intención última  que este pasodobre poda ser cantado polo pobo”.

Nado en Xinzo (Ponteareas) dentro dunha familia de gran tradición musical, José Luís Represas Carrera é Licenciado superior en Composición, Saxofón e gaita polos Conservatorios de Vigo e A Coruña.

As súas composicións e transcricións (máis de 400) foron interpretadas polas máis diversas bandas de música de España e do estranxeiro. Dende o pasodobre Xinzo, a súa maior ocupación foi a composición de música para Banda. O carácter do folclore galego está sempre presente, non só polo amor á nosa cultura, sobre todo, para competir dende a singularidade da nosa Música popular con gran desenrolo na composición orixinal para banda que ten producido nas últimas décadas. O principal obxectivo da música de Represas é a de entreter e emocionar, condicións básicas en calquera obra, a un público que, afortunadamente, cada vez ten máis ofertas lúdicas e culturais.

A Deputación estrea “Degusta Europa” en Redondela

0

Lacón prensado con grelos á feira, arroz negro con chocos de alioli, sopas de burro canso, larpeira de sobremesa e ponche de Sansón, ou queimada 4.0. O programa da Deputación de Pontevedra “Degusta Europa” arrancou na Praza de Abastos de Redondela, na que a veciñanza da vila e persoas traballadoras do mercado municipal acompañaron á presidenta, Carmela Silva e á alcaldesa de Redondela, Digna Rivas que, xunto ao deputado Santos Héctor e a deputada Olga García, desfrutaron de máis de 800 tapas elaboradas polo alumnado do CIFP Carlos Oroza con produtos da provincia de quilómetro cero.

Carmela Silva explicou que este programa se celebra para conmemorar o 9 de maio, Día de Europa, no que se firmou a “Declaración de Schuman” en 1950, “e a gastronomía é unha das cuestións máis importantes da Unión Europea, pois é patrimonio inmaterial dos seus pobos”.  Desta maneira, “Degusta Europa” permite poñer en valor os produtos de quilómetro cero da provincia e dinamizar os mercados e prazas municipais para darlles un toque de innovación e vangarda gastronómica. “As Rías Baixas xogan un papel fundamental na gastronomía de Europa, porque non hai produtos como os nosos –asegurou a presidenta provincial-. E son precisamente os mercados tradicionais os que teñen o produto do día, de enorme calidade e aos que a xente ven mercar o mellor produto do mundo”.

Esta edición está ligada á campaña de turismo da Deputación, “Orixe”, polo que o menú busca facer unha homenaxe “á cociña tradicional, a das nosas avoas e nais, que é esa cociña de produto, feita con cariño”. O menú na Praza de Abastos de Redondela foi elaborado alumnado do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, “un centro de formación profesional que é un orgullo, non só da provincia ou Galicia, senón de toda España, porque é moi referenciado e ten moitos recoñecementos”, como asegurou Carmela Silva. Na mesma liña se expresou a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que definiu ao alumnado do Carlos Oroza como “espectacular” e fixo fincapé na importancia de “dar un impulso aos mercados”. “Queriamos tamén revolucionar á xente que se achegase ata aquí con algo especial, que é degustar produtos como o noso choco da Ría, e non hai mellor espazo que esta Praza de Abastos”.

Todas as elaboracións foron preparadas polo alumnado do CIFP Carlos Oroza, que será tamén o encargado dos menús de Cambados e Pontevedra. Pola súa banda, o CIFP Manuel Antonio de Vigo preparará as degustacións en Tui (26 de abril), Baiona (3 de maio) e Vigo (4 de maio).