23.6 C
Pontevedra
Luns, 5 de Xuño de 2023
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación lanza unha nova edición de 'Vive o Rio Minho'

    A Deputación lanza unha nova edición de ‘Vive o Rio Minho’

    As inscricións abriranse o luns anterior á celebración de cada unha das actividades

    A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Cooperación Transfronteiriza, vén de organizar unha nova edición das actividades ecoturísticas ‘Vive o Rio Minho’ para dar a coñecer e impulsar o territorio transfronteirizo do Miño como destino de natureza.

    Entre as propostas de balde para o público haberá unha andaina popular, rutas de sendeirismo, balsismo, caiac, visitas culturais, degustacións de viño e observación de estrelas que se desenvolverán entre o vindeiro domingo 30 de abril e o 4 de xuño a cargo da empresa Xeitura. As inscricións nas actividades –60 prazas- abriranse os luns anterior á celebración e cubriranse por estrita orde de chegada na web depo.gal.

    A intención da programación é novamente, segundo explica o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, atraer visitantes ao territorio do río Miño para amosarlles todos os seus atractivos e riqueza paisaxística, natural, cultural e gastronómica dentro dun destino situado estratexicamente e compartido por dous países. Haberá actividades en Vila Nova de Cerveira, Tomiño, O Rosal, Melgaço, Salvaterra, Arbo, Monçao, A Guarda, Oia e Caminha.

    Unha cuestión fundamental, segundo subliñou o nacionalista, é realizar o aproveitamento do potencial turístico da zona de maneira sustentable e racional para así garantir a calidade da oferta como un destino tranquilo e sen aglomeracións de maneira sostida no tempo.

    O programa ‘Vive o Rio Minho’ realízase dentro do proxecto homónimo, cofinanciado con fondos FEDER a través do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020’, tal como xa se fixera na súa anterior edición en 2020, cando a pesares de estar en plena pandemia, fora un éxito de participación esgotando as prazas dispoñibles en apenas minutos.

    Andaina popular

    As actividades de ecoturismo comezarán na última semana deste mes de abril. O domingo 30 de abril haberá unha ‘andaina popular’ cun percorrido de 15 quilómetros que comezará en São Sebastião, (Vila Nova de Cerveira), e seguirá ao longo da Ecopista do Miño ata Goián, (Tomiño), cruzando o Río Miño por un das súas pontes internacionais. 

    O roteiro é lineal e de dificultade baixa (recomendado para  crianzas maiores de 12 anos afeitas a andar) e terá unha duración aproximada de catro horas, dende as 10 da mañá. Será un paseo entre viñedos e campos de cultivo a través dos que as persoas participantes poderán conectar co río, explorar praias fluviais e insuas que forman parte da Rede Natura 2000, e descubrir o rico patrimonio da zona.

    Desenvolvida pola empresa Volta Montana, a andaina popular estará sinalizada sobre o terreo para poder seguila sen problemas, habendo persoal de apoio en puntos sinalados. Ademais, darase a cada participante unha ligazón á aplicación Wikiloc para seguir o roteiro comodamente co móbil.

    O punto de encontro será a Alameda de Goián. Dende alí haberá autobuses para desprazarse ao punto de inicio en Cerveira. As persoas inscritas estarán cubertas con seguro de RC e accidentes e recibirán un paquete de merchandising da xornada. O número de prazas dispoñibles é de 60, e cubriranse por estrita orde de chegada, a partir do vindeiro luns 24 na web da Deputación.

    A seguinte actividade dispoñible será o 14 de maio e terá lugar en Tomiño e O Rosal, cunha proposta de ruta de sendeirismo pola chamada Senda dos Pescadores, para facer despois o treito inverso en caiac polo río. Ambas rutas estarán guiadas e interpretadas, discorrendo por unha paraxe natural e cultural de moita beleza. A xornada ocupará o día completo, dende as dez da mañá ata as 19.30 horas. As inscricións estarán abertas dende o 8 de maio para maiores de 12 anos (imprescindible saber nadar).

    O sábado 20 de maio a actividade desenvolverase entre Melgaço e Arbo. Incluirá unha visita guiada á vila de Melgaço e o Solar do Alvarinho en Portugal para despois visitar o Museo Arabo do viño e a lamprea en Arbo. Pola tarde haberá balsismo na zona de Arbo dirixido pola empresa Arrepións. A actividade é para maiores de 12 anos, sendo imprescindible tamén saber nadar. Comezará ás 10 da mañá e rematará ás 20.30 horas.

    O sábado 27 de maio tocará visitar Monçao e Salvaterra. Farase unha ruta pola zona de Longos Vales, visitarase Salvaterra e o Museo da ciencia do viño cunha degustación (de 10 a 20 horas). O sábado 3 de xuño a visita será a A Guarda e Oia: farase a ruta das cetáreas o do camiño de Santiago pola Costa, visitarase o Museo do Mar, unha adega da zona con degustación, o mosteiro de Santa María de Oia cunha ruta de sendeirismo que rematará nos petróglifos da Pedreira, para despois cear ao solpor na zona e realizar unha actividade observación astronómica. A xornada comezará ás 10 da mañá e rematará ás 24 horas.

    Finalmente, a última xornada será en Caminha o domingo 4 de xuño, onde se fará unha visita guiada á vila, unha ruta de sendeirismo circular (6 quilómetros) na contorna da praia de Moledo, para rematar cunha visita ao Forte da Ínsua xusto na desembocadura do Miño, ata onde se chegará en barca.

    COLABORACIÓNS

    Pilar Pallarés, «Unha boa gatucada!»

    A primeira incursión de Pilar Pallarés na literatura infantil e xuvenil resultou ser unha grata sorpresa, unha colección de poemas (en realidade un longo poema narrativo fragmentado), que ten como protagonistas un grupo de gatos que conviven cunha humana.

    Aperitivos de hojaldre sin gluten

    Mayo es el mes de las personas celíacas. El día 16 se celebró el Día Internacional de la Enfermedad Celíaca y hasta este año, el 27 de mayo se celebraba en España el Día Nacional (este año nos unimos al resto de los países y lo celebramos el día 16).

    Ponteareas diante das eleccións (II): a Xeración do cambio, un recordo para que a Historia non se repita

    “De onde vimos? quen somos? onde imos?”. O título do cadro de Paul Gauguin e a letra da coñecida canción de Siniestro Total son interrogantes filosóficos que, aplicados ao mundano proceso electoral no que estamos inmersos, serven para lembrarnos que os procesos histórico-políticos son dinámicos e, polo tanto, teñen unha xénese no pasado que explica un presente que, á súa vez, condicionará o futuro decorrer dos acontecementos. A recente historia de Ponteareas non é unha excepción e, a poucos días das eleccións municipais, convén lembrala para non estar condenados a repetila.

    Ponteareas diante das eleccións (I): David contra Goliat e a utopía feita realidade

    Botando unha ollada atrás un non pode deixar de sorprenderse da rapidez coa que transcorre o tempo e a vida. Unha velocidade vertixinosa que tamén acompaña aos acontecementos e procesos sociais e políticos e que explica a facilidade coa que a sociedade pode esquecer tan axiña o seu pasado e, sobre todo, en política, ignorar de onde vimos, onde estamos e cara onde nos diriximos. Esquecemento dos que viviron eses procesos, mais tamén descoñecemento comprensíbel por razóns biolóxicas e xeracionais dos que daquela non naceran ou eran uns cativos.

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    20 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    14 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    84 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    42 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    8 POSTS0 COMMENTS
    Avatar
    1 POSTS0 COMMENTS