No marco do convenio de colaboración que manteñen a compañía galega de distribución alimentaria e a entidade de apoio a persoas con discapacidade intelectual, realizarán hoxe unha xornada de limpeza na praia da Madorra, en Nigrán.
Para os traballos de retirada, identificación, clasificación e pesada de residuos contarán coa contribución de voluntarios de ambas as entidades e alumnos do colexio CEIP Arquitecto Palacios de Nigrán.
As accións de limpeza de praias forman parte do proxecto RE-MAR, centrado na custodia ambiental para a redución dos residuos no espazo mariño protexido do arco atlántico galego.
A limpeza terá lugar hoxe martes, 25 de abril, ás 12:00 horas, na praia da Madorra e contará coa asistencia do director xeral de AMICOS, Xoan España; e o responsable de emprego e empresas, Miguel Beiro, ademais de persoal de Vegalsa-Eroski, entre eles a súa directora de Sustentabilidade e Comunicación Corporativa, Gabriela González; e o director de Calidade e Medio, Ricardo Castro. Tamén estará presente o director-conservador do Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas, José Antonio Fernández Bouzas.