Domingo, 13 Xullo de 2025

A Deputación terá presenza na Feira do Libro de Redondela

0

A Deputación de Pontevedra volve ter presenza na Feira do Libro de Redondela, que arranca este xoves 15 de xuño na Alameda de Redondela e se desenvolverá ata o domingo 18 de xuño, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. A institución provincial contará cunha caseta propia e, ademais, organiza unha sesión de “Cantacontos” a cargo de Migallas Teatro que terá lugar o sábado 17 de xuño ás 12:30 horas.

Na caseta na Feira de Redondela a institución contará cunha mostra de libros de temática literaria, cultural e de memoria histórica editados pola Deputación ou que son froito de colaboracións e programas da institución: “365 días 365 mulleres”, “Ti non sabes o que é ser escritora” (do Manifesto de Soutomaior), “A conversa expansiva. VII Obradoiro Internacional de Tradución Poética”, “Violetas no asfalto” de Lucía Novas, “Auga nómade” de Eva Veiga, “O pasado por vir”, “O pasado por vir II”, “Acorda. Cartografía musical da memoria histórica de Pontevedra”, “Regreso á illa de San Simón”, “As 9 cruces”, “Desmontando a propaganda franquista”, “O fardel da memoria” de Conde Corbal, “Tres tempos e a esperanza” de Mariví Villaverde, “Polos vieiros do fabulador. Cunqueiro e Pontevedra” de Álvaro Cunqueiro, “Tes cinco minutos #3” (da Escola de letras) e “Nos días encantados de agosto. Unha biografía de José Gil” de Manolo González. As persoas que se acheguen ata a caseta da Deputación poderán recibir agasallos promocionais, concretamente cadernos e lapis co lema “Cultura cos pés na terra”. Os lapis, ademais, inclúen sementes para que a xente poida, de xeito simbólico, cultivar cultura nas súas casas.

“Cantacontos” de Migallas Teatro

O sábado 17 de xuño ás 12:30 horas no recinto da Feira terá lugar o “Cantacontos” de Migallas Teatro, unha actividade organizada pola Deputación de Pontevedra na que os contos tradicionais ou de creación propia serán arrequentados con cancións, música ou sons que contribuirán a espertar emocións nos nenos e nenas. Todos os contos que contará a compañía tratarán cuestións próximas ás e aos infantes, á vez que as e os convidan a participar no seu desenlace.

Diversión en verán na ludoteca municipal de Ponteareas

A ludoteca municipal de Ponteareas prepárase para abrir as súas portas un verán máis e facer gozar a nenos e nenas de 6 a 12 anos dunhas vacacións estivais chegas de lecer lúdico, divertido e educativo. Durante os meses de xullo e agosto, a ludoteca manterá unha ampla programación de actividades para que a cativada poida desfrutar dun verán de aventuras por diferentes grupos de idade.

“Queremos que a rapazada poida aprender xogando e que poidan dispoñer de actividades coas que pasar parte do seu tempo libre este verán, propostas adaptadas ás necesidades das diferentes idades para que todas e todos se sintan cómodos e poidan gozar ao máximo do programa lúdico e educativo que ofrecemos”, explica a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera.

As persoas interesadas xa poden formalizar a inscrición de nenos e nenas elixindo unha das quincenas, quincenas separadas, un mes completo ou todo o verán. Cada grupo de idade terá asignado un día a semana: os luns para a cativada de 9 a 10 anos, os martes para a de 6 e 7 anos, os mércores para a rapazada de 11 e 12 anos e os xoves para nenos e nenas de 8 e 9 anos.

A taxa por participante e quincena será de 14,64 euros. Os rapaces e rapazas que queiran duplicar quenda poderán asistir outra mañá á semana, a segunda delas no grupo de ratio de idade máis acaído e terá un custe de 29,28 euros. O horario será de 10.00 a 14.00 horas.

As actividades son sempre moi variadas, dende xogos de todo tipo, dende xogos de pelota, de pista, musicais, de paracaídas… ata manualidades, cociña, ciencia divertida, hípica, saídas medioambientais e de esparexemento. Recoméndase levar roupa e calzado cómodo e levar merenda e botellas de auga.

As persoas interesadas poderán realizar a inscrición acudindo ás instalacións da ludoteca, situadas na Avenida de Castelao, ou ben chamando por teléfono ao número 673 79 47 60. A última semana de xuño realizarase a formalización das matrículas e organizaranse os grupos.

Nigrán ofrece o sábado a obra ‘Terra’

0

O Concello de Nigrán, a través do seu convenio con Fegatea, presenta este sábado 17 de xuño ás 20:00 horas no Auditorio Municipal de Nigrán a obra microteatro ‘Terra’ da compañía viguesa Lohengrin. A entrada é de balde ata completarse o aforo.

Trátase dun pos-drama xestual, onde todos compartiremos as causas e desventuras dunnas personaxes que foron obrigadas, en circunstancias adversas, a empezar un percorrido en busca dun destino e un novo futuro.

Lohengrín teatro fúndase en Vigo en 1989 grazas a 20 rapaces con inquedanzas artísticas. Desde ese ano a agrupación distínguese por un teatro máis físico, xestual e social, buscando sempre novas maneiras de transmitir ao público, sendo o seu obxectivo principal o teatro máis novo.

Divertido escape room no Rosal en xuño

0

O Rosal énchese de enigmas e desafíos. O vindeiro mércores 28 de xuño, a Praza do Calvario acollerá un divertido escape room, unha actividade de balde ao aire libre que levará a todas as persoas participantes a percorrer a contorna na procura de adiviñanzas e probas coas que conseguir rematar un circuíto que abarca dende A Soberbia ata o Campo da Feira.

O escape room está aberto a todos os públicos e comezará ás 19.30 h, hora na que os equipos de entre 2 e 6 persoas poderán comezar a súa particular busca. Para participar é necesaria a inscrición previa, polo que as persoas interesadas deberán enviar un correo electrónico a [email protected] co asunto Escape Room e os datos completos de todas as persoas participantes, así como DNI e teléfono de contacto. A data límite de inscrición é o vindeiro 22 de xuño.

A actividade terá unha dificultade media-alta e unha duración estimada de hora e media. As e os maiores de 12 anos poden participar de forma independente, mentres que os máis pequenos e pequenas deberán ir acompañados dunha persoa adulta.

Para participar será necesario levar un teléfono móbil con batería e conexión a internet e bolígrafo e papel ou libreta para tomar notas durante o desafío. O percorrido estará marcado con códigos QR situados estratexicamente en distintos puntos ao longo de todo o circuíto.

Ao finalizar o escape room, participantes e veciñanza poderán gozar da música en vivo co grupo Terapia de Grupo, creando un ambiente festivo e animado para pechar a xornada.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, anima a todos os rosaleiros a participar nesta divertida actividade deseñada para entreter e desafiar a persoas de todas as idades e que promete ser unha experiencia emocionante e inesquecible.  

Tomiño renova o seu convenio coa Agrupación Musical de Goián

0

Tomiño mantén o seu compromiso coa Agrupación Musical de Goián. O Concello vén de asinar por terceiro ano consecutivo coa Asociación Sociocultural de Goián un convenio de 25.000 euros co que se subvencionará a actividade anual da Escola de Música e da propia agrupación musical.

A alcaldesa, Sandra González, asinou o convenio coa presidenta da Agrupación Musical de Goián, Pilar Ramos, nun acto celebrado no salón de plenos do Concello ao que tamén asistiron o vicepresidente da AMG, Alexandre Pérez, e o director da agrupación e das bandas de música, Pedro Villarroel.

O Concello de Tomiño renova este convenio que é de vital importancia tanto para a Escola de Música como para a Agrupación Musical de Goián, xa que se trata dunha fonde de financiación directa que se traduce nunha maior estabilidade. Entre outros aspectos, a través desta axuda financiarase a impartición de clases na Escola de Música, a preparación do alumnado para a súa posterior incorporación aos Conservatorios Profesionais de Música, as audicións trimestrais, a realización de concertos de diversa índole, a realización e organización de eventos culturais no Concello, a organización do Campamento Musical no verán ou a participación en festivais e certames competitivos a nivel provincial, autonómico, estatal ou internacional.

“A Agrupación Musical de Goián é un elemento esencial en termos culturais no noso concello, cun proxecto consolidado que naceu en 1998 e que enche de cultura e música o noso pobo con actividades de carácter educativo e cultural no ámbito da música”, salientou a rexedora. González recalcou ademais o gran labor que se realiza na Escola de Música, que ofrece clases para todas as franxas de idade a partir dos 3 anos, a nivel individual e colectivo, e que integra distintas agrupacións que son unha peza fundamental dentro da asociación, como a minibanda, a banda xuvenil, a banda de persoas adultas e outros grupos.

Con 25 anos de historia, a Agrupación Musical de Goián dá a oportunidade a nenos e nenas de mergullarse no coñecemento da música grazas á profesionalidade coa que se traballa na Escola de Música de Tomiño, que ten preto de 150 alumnos e alumnas. Unha actividade apoiada sempre dende o Concello, que realizou as obras de remodelación necesarias no auditorio de Goián para dotar á escola de aulas e espazos de ensaio ou oficinas, así como para mellorar o escenario ou equipamento de son e iluminación das instalacións, entre outros aspectos.

Co obxectivo de achegar a música clásica e tradicional a toda a veciñanza, fomentar a educación musical e en valores e “achegar o seu gran de area á toda a sociedade”, a Agrupación Musical de Goián conta no seu haber con máis de 500 actuacións e máis de 4.000 horas de formación académica, contribuíndo ao fomento, desenvolvemento, promoción e difusión da música e da formación musical como vehículo de expresión artística e pedagóxica.

O Porriño activa o bono enerxético para paliar o gasto económico das familias

O Concello do Porriño vén de activar o Bono Enerxético, con axudas económicas directas para paliar as situacións de pobreza enerxética das familias do municipio.

Así o deu a coñecer hoxe o concelleiro de Benestar Social, Abel Estévez, que explicou que as persoas beneficiarias do programa recibirán unha axuda directa de 300 euros, que no caso das familias numerosas ascenderá a 450 euros.

 “Somos conscientes das dificultades que atravesan moitas familias e o elevado coste do subministro eléctrico resulta en moitos casos inasumible”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Con estas axudas buscamos aliviar a economía das persoas máis vulnerables”.

Poderán solicitala as persoas titulares dun contrato de subministro eléctrico ou enerxético, con vivenda habitual no Porriño, que figuren clasificadas nalgunha das modalidades de bono social eléctrico na data de solicitude.

Tamén outras persoas en situación de pobreza enerxética, como aquelas que non atopándose nalgún dos colectivos anteriores reúnan os requisitos de nivel de renda familiar de bono social eléctrico, pero non o teñan acadado por cuestións non imputables á propia persoa solicitante. Poderán tamén acceder ás axudas persoas que precisen do mantemento do subministro eléctrico para garantir a correcta cobertura de tratamentos médicos. As axudas poderán solicitarse desde o vindeiro venres 23 de xuño ata o 15 de novembro de 2023 presentando unha solicitude no Rexistro Municipal do Concello do Porriño. Os impresos para solicitalo estarán a disposición da veciñanza nas oficinas do departamento de servizos sociais municipais (3º andar do edificio consistorial).

Ponteareas honra a 18 alfombristas coa Medalla de Prata do Corpus Christi 2023

Ponteareas prepárase para celebrar o seu Corpus por todo o alto. A uns días de que arranque unha nova edición da festa grande da vila, o Concello aprobou este martes en pleno por unanimidade a concesión das Medallas de Prata do Corpus Christi 2023 aos alfombristas propostos polas entidades de cada tramo.

A alcaldesa en funcións, Cristina Fernández, quixo dar os parabéns a todas as persoas galardoadas por recibir “un recoñecemento que reflicte un sentir común e o esforzo de todas e todos os alfombristas, que coa súa unión e o seu traballo colectivo conseguen que a maior obra de arte efémera engalane as rúas da nosa vila cada ano, facéndonos desfrutar das sensacións, da ledicia e do recendo dunha festa única”.

Pola súa banda, o concelleiro de Eventos en funcións, Miguel Bouzó, agradeceu ás persoas premiadas “o seu esforzo, o seu traballo e a súa entrega, que fan posíbel que ano a ano a festa do Corpus Christi sexa o noso sinal de identidade e un referente que nos coloca en todo o mundo”.

Este ano, as 18 persoas galardoadas coa medalla de prata do Corpus Christi de Ponteareas a proposta de cada tramo alfombrado son:

  • Pedro González Sacramento polo tramo da Orotava.
  • María del Carmen Groba Varela polo tramo de Praza Bugallal.
  • Inés Sertaje Carballido pola alfombra da rúa Oriente.
  • Susana Rodríguez Porto pola Praza Maior (1º tramo).
  • Roberto Mera Covas pola Praza Maior.
  • Margarita Táboas Abril por Ferreiros (1º tramo).
  • Mónica Martínez da Cruz pola alfombra da ANPA Pena do Equilibrio.
  • Ana María Barros Carrera polo tramo Ferreiros-San Roque.
  • Marta Amil Lago por Fonte do Baratillo.
  • Fernando Centenera Martínez polo tramo de Fernández Vega.
  • Pilar Domínguez Fornos por Cantón de Boavista.
  • Sara Nieto Pereira polo tramo da Castiñeira.
  • Rosa Álvarez Sousa pola Asociación de Veciños A Pena do Equilibrio.
  • José Carlos Pérez Bautista polo tramo de Santa Bárbara de Prado.
  • María del Carmen Pérez Martínez polo tramo das Monxas Reveriano Soutullo.
  • Laureano Covelo González pola alfombra de Reveriano Soutullo.
  • Alvarina Álvarez Boente pola rúa Constitución.
  • María Ángeles Fernández Lago polo tramo do Arco da Vella.

A Fundación Formavigo e o Concello de Redondela rematan a formación “Persoas maiores activas”

0

A Fundación Formavigo en colaboración coa Concellaría de Servizos Socias e Maiores do Concello de Redondela vén de rematar a actividade formativa “Persoas maiores activas” na que participaron un total de 247 persoas. Para pechar esta actividade Digna Rivas fará entrega dos diplomas este xoves 15 de xuño no Multiúsos da Xunqueira ás 12:00 da mañá.

Este programa que se desenvolveu ao longo de 4 meses se realizaron os cursos de Competencias Dixitais e de Competencias en Habilidades Cognitivas. Foron un total de 23 cursos repartidos por un total de 14 Centros Culturais, asociacións de veciños, aula Cémit e Multiúsos de toda a bisbarra.

No curso de Competencias Dixitais, remataron 101 persoas que traballaron o uso do Smartphone, o emprego da cámara de fotos e galería, o uso play store e o whatsapp, e aplicacións como a liña verde do Concello de Redondela.

Para algunhas persoas era novo o uso destes móbiles e para outras persoas “se lles quitou o medo a empregar as aplicacións que alí tiñan no móbil”.

No curso “Habilidades cognitivas” no que participaron 146 persoas traballaron o autocoñecemento e autoestima, a memoria, o cálculo e a atención. Na que todas valoraron ao final do curso que melloraron a lóxica, a comprensión lectora, a escritura e as súas relacións sociais. Se sentiron máis activas e áxiles de mente.

A Fundación leva 2 anos desenvolvendo este tipo de actividades no Concello de Redondela no que conta coa financiación da Xunta de Galicia a través do Programa Vida Compartida dentro dos fondos do 0,7 % do IRPF adicado a programas sociais.

Outras actividades

Asemade sigue a actividade no Centro Sociocomunitario da Xunqueira “Mantén Activa a túa Mente” para persoas maiores de 65 anos. Onde contamos co punto de información “Tecendo redes”, aberto tódolos luns de 9:00-14:00 no que se pode solicitar información.

En setembro a Fundación voltará con novas actividades como

  • O programa Cóidate para Coidar
  • Formación sobre á atención e coidado das persoas maiores
  • Charlas coloquio sobre uso compartido do fogar, recursos e atención ás persoas maiores para familias coidadoras e maiores

As artes escénicas saen á rúa no Rosal para acadar ‘Violencia Zero’

0

Empregar as artes escénicas para reivindicar a igualdade de xénero, concienciar sobre o problema da violencia machista e, sobre todo, unir forzas para loitar contra esta lacra da sociedade. Ese é o obxectivo de ‘Violencia Zero’, un proxecto de acción artística desenvolvido pola Deputación de Pontevedra que chega esta semana ao Rosal para continuar visibilizando e reflexionando sobre a violencia de xénero e promovendo unha sociedade igualitaria.

Este venres 16 de xuño, a Liga de Amigos acollerá a proposta das artistas Nerea Brey e Miriam Rodríguez. Por un lado, Nerea Brey é actriz, docente de arte dramático, creadora escénica, violinista e narradora oral. Titulada en Interpretación pola Escola Superior de Arte Dramático de Galicia e Máster en Artes Escénicas da Universidade de Vigo, interpreta o papel de María Casares na produción teatral ‘Despois das ondas’, de ButacaZero; asume varios personaxes na obra ‘O péndulo’, de Inversa Teatro; forma parte do elenco de ‘Soga e Cinsa’, de Aporía Escénica; e protagoniza a obra ‘Entelequias’, con Abismo Caracol. A súa experiencia no audiovisual inclúe a participación na película ‘El cuarto de mona’, ‘O bosque de Levas’ de Ficción Producciones e ’13 exorcismos’, de Atresmedia Cine e Bambú Producciones, entre outros moitos traballos. 

Pola súa banda, Miriam Rodríguez é licenciada en Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago de Compostela e técnica superior de Realización Audiovisual e Espectáculos. Nos seus comezos interésase polo documental, chegando a gañar o Premio Curtocircuíto de Escolas Galegas e o Premio do Público da Escola de Imaxe e Son de Vigo (EISV) xunto con Ale Cid por ‘Home cobaia’, o seu traballo de fin de ciclo. No seu haber ten numerosos galardóns, como o primeiro premio na modalidade de microvídeos do Día Internacional contra a Violencia de Xénero organizado polo Concello de Vigo ou o premio Xuventude Crea, co que comeza a experimentar coa videopoesía. Crea o colectivo Fiinda xunto co poeta Xabier Xil e o director de fotografía Pablo Kaufmann e no ano 2018 comeza a desenvolver traballos de videocreación para escénicas con compañías como Berrobambán, A Artística, A Quinta do Cuadrante ou Ainé Produccións. En 2021 recibe a beca Residencias Paraíso para a investigación e creación da peza ‘Memorias danzantes’ coa bailarina Olga Cameselle.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida a todas e todos os rosaleiros a gozar desta acción artística “que busca reivindicar a loita contra as violencias machistas dende a cultura e a arte, unha forma máis de seguir revolucionando mentes, mobilizando conciencias e implicando a toda a cidadanía na transformación da sociedade nunha máis igualitaria e xusta”.

O 6×6 volve esta fin de semana a Oia

0

A iniciativa 6×6 Punto de Encontro chega esta fin de semana a Oia coas súas innovadoras propostas arredor da arte e a cultura. Teatro, danza, música e canto serán os protagonistas dun evento festivo que, organizado polo Concello de Oia e baixo a dirección de Alfredo Rodríguez (A Artística), contará con actividades para todos os públicos.

Neste 2023, no que o proxecto celebrará a súa quinta edición, a proposta desenvolverase baixo o título “Oia. Onde se pon o sol e nacen as sereas”. Partindo deste fío condutor, elaborado a partir de textos de Ana Romaní, Lupe Gómez, María do Cebreiro, Paula Carballeira, Celso Emilio Ferreiro e Álvaro Cunqueiro, artéllase unha programación cultural que terá como prato forte a tradicional representación do obradoiro de teatro veciñal así como diversas actividades complementarias.

Despois de terse aprazado a data inicialmente prevista para a celebración do 6×6, a programación completa desenvolverase ao longo desta fin de semana, repartida entre o sábado e o domingo. Os horarios das actividades serán os seguintes:

Sábado 17 de xuño

  • Ás 17.00 horas, a Praza Centinela acollerá o espectáculo infantil “As palabras perdidas”, de Inventi Teatro. O tráfico estará cortado nas rúas de acceso á praza mentres dure esta actividade.

Domingo 18 de xuño

  • A partir das 12.00 horas abrirán os postos de artesanía, onde permanecerán á venda diversos produtos de creadores e creadoras locais.
  • Ás 18.00 horas o grupo local Tra-lo Mosteiro encargarase de amenizar o barrio do Arrabal coa súa música.
  • Ás 19.30 horas dará comezo o espectáculo do grupo de teatro veciñal. O punto de encontro será a Praza Centinela e, desde alí, público e artistas percorrerán a pé o camiño ata o Mosteiro para asistir á representación no interior do recinto.

Xunto co alumnado do taller de teatro, o espectáculo contará coas artistas convidadas Olga Cameselle (danza), Mónica de Nut (canto) e Rubén Pastoriza (música). Tamén participará o alumnado da aula infantil de teatro do Concello de Oia.

Esta xornada festiva está organizada polo Concello de Oia xunto co grupo Tra-lo Mosteiro e conta coa colaboración de Pontegal (Deputación de Pontevedra) e máis do Mosteiro de Oia.

  • En caso de choiva, os postos de artesanía trasladaranse á oficina de turismo, mentres que o resto da programación pasará ao IES Mestre Manuel García.

Festival de verán do Club Covelo Patinaxe Artística

0

O Club Covelo Patinaxe Artística convida a toda a cidadanía ao seu festival de verán 2023 que celebrarase este domingo día 18, ás 19 horas, no pavillón municipal da vila.

A asistencia para o Festival de verán, organizado polo Club Covelo Patinaxe Artística en colaboración co Concello de Covelo, será de balde.

Todas as persoas que queran poderán gozar deste espectáculo deportivo no que os patinadores do Club amosarán todas as habilidades adquiridas ao longo do curso.

Nigrán agarda unha noite de San Xoan de afluencia masiva en Panxón

0

O Concello de Nigrán agarda unha noite de San Xoan masiva en Panxón e Praia América ao coincidir na noite de venres para sábado e xa superada a situación de pandemia. Así, tal e como se acordou na Xunta Local de Seguridade, a totalidade da Policía Local participará no dispositivo con algo máis de 30 efectivos (sumaranse doutras localidades en ‘comisión de servicio’) xunto a Guardia Civil e axentes de Tráfico, Seprona, Policía Autonómica, GES e Protección Civil, conformando entre todos máis de 200 persoas. A maiores, como ven sendo habitual, a zona deportiva de Gaifar contará cun hospital de campaña e un Punto Violeta de atención a posibles casos de violencia de xénero e, como cada ano, as dunas quedarán pechadas perimetralmente para impedir o paso e iluminadas para mellorar a vixilancia.

“Traballamos para que a noite transcorra con normalidade, sen incidentes, e que, polo tanto, as fogueiras sexan as auténticas protagonistas da festa máis señeira de Nigrán”, resume o rexedor, Juan González, quen apunta a que se teñen solicitado 74 permisos de cacharelas (todas particulares agás as de Panxón, a da Asociación Cultural Camoesa e outra dunha comunidade de propietarios en Nigrán).

Nesta ocasión, e despois de varios anos, si que se ten consituído comisión de festas, polo que haberá actuacións musicais e atraccións desde o propio venres e ata o domingo. Así, o venres terá lugar a actuación do Grupo América S.L. e Metrópolis; o sábado a banda de cornetas e tambores da Brilat ofrecerá un concerto ás 19:00 horas e a verbena será a cargo de Conexión e La Banda de Ayer. Xa o domingo 25, último día, haberá concerto ao mediodía da Unión Musical de Vincios e pola noite de La Oca Band con gran tirada de fogos de artificio. O Concello, a través do programa ‘Música nas Parroquias’ da Liña 2 do Plan Concellos da Deputación achegará 4.000 € para colaborar neste apartado.

A Festa da Rosa premia como mellores rosas de Mos ás de Purificación Lago, de Dornelas

0

O Concello de Mos apostou nesta 50 edición da Festa da Rosa por darlle visibilidade ao labor integral e social que o Centro de Saúde de Mos realiza na contorna polo que decidiu de forma unánime, contar coa presencia das dúas enfermeiras para realizar o pregón das festas.

Os actos comezaron cunha misa solemne na Igrexa de San Mamede de Petelos ás 11:00 h, cantada pola Coral Ventos do Val, posteriormente ás 12:00 h realizouse o fallo do tradicional Concurso da Empanada de Millo, incluída na festa gastronómica organizada pola Asociación de Mulleres Rurais en colaboración co Concello de Mos e que este ano chega á súa 24 edición, e fallouse o Concurso de Rosas do Día da Rosa que inclúe novamente o premio á mellor rosa de cada unha das 10 parroquias mosenses, de entre as que se elexiu a mellor de todo Mos, e unha mención especial á parroquia con maior participación. O acto foi presentado por Alejandro Pérez e Cristina Maró.

Ao remate da entrega de premios dos devanditos concursos houbo unha actuación musical da Banda de Música Xuvenil de Torroso na que interpretaron o Himno Municipal, Alborada Camiño da Rosa, composto por Xulio Lorenzo, cantado polo artista Antonio Barros (autor da letra xunto con Ialma), entre outras pezas.

No acto institiucional estiveron presentes Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, demais membros da Corporación Municipal do Concello de Mos, Julio García Comesaña, conselleiro Sanidade, Francisco Javier Puente, xerente do Chuvi, Valentín García Gómez, secretario Xeral de Política Lingüística, Encarnación Rivas, secretaria Xeral de Urbanismo, Susana López Abella, secretaria Xeral de Igualdade, Daniel Domínguez, tenente adxunto da Compañía de Vigo, Juan Antonio López Ganaza, brigada Garda Civil de Mos, Alejandro Lorenzo, alcalde de O Porriño e a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, acompañada de Ana Ortiz e Marta Mariño.

Premios concursos de rosas por parroquias

  • Mellores rosas de Sanguiñeda: Xoel Vieito
  • Mellores rosas de Tameiga: Genaro Rodríguez da Asociación San Martín de Tameiga
  • Mellores rosas de Dornelas: Purificación Lago
  • Mellores rosas de Torroso: María Romero
  • Mellores rosas de Mos: Marco Pazo Reigosa
  • Mellores rosas de Petelos: Mario Rivera
  • Mellores rosas de Guizán: Virita
  • Mellores rosas de Cela: Ángeles Rodríguez
  • Mellores rosas de Pereiras: María Jesús Ramilo
  • Mellores rosas de Louredo: Dávide González
  • MELLORES ROSAS DE TODO O CONCELLO DE MOS:  Dornelas: Purificación Lago
  • PARROQUIA CON MAIOR PARTICIPACIÓN: Guizán con 25 ramos participantes

Premios concursos de empanada de pan de millo

  • Mellor presentación: Nº 8 Rita Albán
  • Maior tamaño: Nº 4 Panadería San Miguel As Vides (4 Kg)
  • Mellor sabor: Nº 3 Constantino González Gómez
  • Mención Especial á Asociación Mulleres Rurais Val da Louriña

Oia participa de novo na Festa da Flor

0

Oia volve a participar na Festa da Flor da localidade portuguesa de Oiã, que se celebrará o próximo 25 de xuño. Despois de varios anos sen que o encontro entre ambos pobos irmáns se puidese desenvolver por mor da covid, as dúas localidades retoman os contactos presenciais neste 2023. Co obxectivo de que os veciños e veciñas que o desexen poidan asistir á celebración, o Concello fretará un autobús.

O autobús sairá ás 10.00 horas e fará distintas paradas polas parroquias para recoller ás persoas anotadas á excursión. Posteriormente xantarase xa na localidade de destino, onde se asistirá ás celebracións e, finalmente, a chegada a Oia está prevista para as 22.30 horas.

As prazas son limitadas, polo que é preciso inscribirse no Concello de Oia a través dos seguintes teléfonos: 986362125 / 639329493 ou o correo electrónico [email protected]. O prazo remata o luns 19 de xuño. A excursión será de balde a excepción da comida, que terá un prezo de 15 euros por persoa.

A Festa da Flor celébrase coincidindo co aniversario da elevación a vila da freguesía de Oiã, no municipio portugués de Oliveira do Bairro. A poboación lusa, que está irmandada con Oia desde hai varias décadas, adquire un especial e colorido ambiente festivo durante esta xornada. Rúas decoradas de flores, desfiles e outras actividades institucionais e de lecer compoñen a axenda desta data sinalada que congrega a milleiros de persoas.

Curso de defensa persoal para mulleres en Salvaterra

O Concello de Salvatera de Miño ofrece un curso de defensa persoal. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe e ata o vindeiro día 16 de xuño.

Esta acción en pro da igualdade, enmárcase no Pacto de Estado contra a violencia de Xénero a través do Ministerio de Igualdade.

Este obradoiro impartirase durante os días 19 e 20 de xuño, en horario de 10:00 a 12:00 horas, na casa da cultura de Salvaterra de Miño. Poderá anotarse calquera muller do concello nesta dirección [email protected]. As admisións serán por orde de chegada e ata un máximo de 25 persoas.

A finalidade destas accións, ademáis das inherentes ao obxecto propio das mesmas, é que se pretenden sirvan asimesmo como un espacio de encontro así como creación de rede social para as participantes.

Do desenvolvemento desta acción pode ser xurdan novas ideas e iniciativas co obxectivo de continuar a previr, concienciar e sensibilizar á poboación e promocionar a Igualdade.

Esta acción é unha continuación da liña de traballo que vén seguindo este Concello a través doutras campañas e accións de sensibilización e difusión para loitar contra a violencia de xénero, como o concurso de slogans e campañas de prevención que levan moitas edicións xa.

Consideramos necesario facer fincapé na importancia de seguir traballando por unha sociedade máis xusta e igualitaria, un reto no que debemos estar unidos todas as administracións e a poboación en xeral, sendo entre outros éste, o obxectivo final destas accións”.

O estudo de arquitectura ‘Nieto & Sobejano’ gaña o concurso de anteproxectos de Santa Clara

O estudo de arquitectura ‘Nieto & Sobejano’ vén de gañar o concurso de anteproxectos de Santa Clara coa proposta ‘Verbas da pedra’ e unha puntuación de 86 puntos sobre 100. O deseño -que propón un peche sutil do claustro, unha recepción baixo baldaquino no medio da finca e a creación dun espazo de arqueoloxía de tres plantas semisoterradas na zona leste- destacou principalmente pola excelente organización funcional dos espazos para destinalos a museo e centro arqueolóxico.

A resolución do xurado foi aprobada hoxe en Xunta de Goberno, que outorgou o premio principal de 60.000 euros á equipa gañadora e os catro accésit de 30.000 euros ao resto dos anteproxectos: ‘Os inicios’, de Kaan Architecten (80 puntos); ‘Abrente’, da UTE Chipperfield-Carlos Seoane (75 puntos); ‘Piedra y madera’, de Kengo Kuma (73 puntos); e ‘Revelación’, da UTE Snohetta Oslo-Alfonso Penela (69 puntos).

O vicepresidente César Mosquera subliñou o alto nivel dos deseños presentados e as boas respostas a todas as solicitudes complexas que se plantexaron no concurso: unir o recinto coa cidade, resolver as circulacións, gañar espazo expositivo e conservar o patrimonio.

Cada equipa presentou propostas moi particulares, polo que a comparación por parte do xurado “non foi sinxela”, dixo, explicando que o tribunal practicamente estivo pechado doce horas diarias entre luns e mércores ata dar coa decisión final. Salientou tamén que o xurado estivo formado por persoal funcionario e representantes de organismos, sendo nomeados externamente polas propias institucións ás que personalizaban.

O seguinte paso do concurso – a adxudicación da redacción do proxecto definitivo á equipa gañadora-, segundo confirmou o nacionalista, “quedará para a seguinte Corporación”. Destacou Mosquera que había que fallar o concurso porque había uns acordos, uns prazos e unhas bases,  pero insistiu en que salvo comunicación expresa por parte do novo goberno entrante non se irá  máis alá.

Tamén puntualizou que serán necesarios axustes no proxecto final. “Estes son anteproxectos que valoran ideas e solucións. O proxecto definitivo deberá ir nesta liña pero será un proceso negociado no que haberá que axustar segundo as determinacións de Patrimonio, pero a idea central é esta”, sinalou indicando os planos e deseños de Nieto Sobejano.

Reinterpretación da clausura para crear un espazo aberto

O director do Museo Xosé Manuel Rey amosou a satisfacción grande polo proceso e a calidade xeral, mais tamén sinalou que será preciso afinar cuestións no futuro. “Quero deixar claro que isto non é un punto de chegada. É un punto de partida. Isto é moito máis que un concurso de ideas, é un concurso de anteproxectos onde hai moitas cuestións que veñen definidas e integradas. Pero este proxecto ten que madurar e evolucionar para acabar converténdose nunha solución definitiva. Entendemos que constituíron todas –as propostas- unha moi boa base da que partir no futuro. Queda no caso de que o proceso se materialice unha discusión moi profunda con todo o equipo do Museo para axustar algunhas disfuncións puntuais e algún desaxuste, para reforzar partes moi potentes e minimizar cuestións “, salientou.

A proposta gañadora, segundo explicou, foi a escollida porque resposta dun xeito “sobresaínte á vocación de converter o espazo illado da escena urbana nun lugar público, nun ágora e espazo de encontro de visitantes e cidadanía co Museo”.

Hai cuestións, argumentou, que o xurado valorou positivamente como a sutil integración do espazo de recepción de persoas visitantes no medio da finca, que se converte nun miradoiro cara o claustro e que permite ordenar toda a circulación e distribución de usos e circulacións polo complexo. Sinalou tamén a eficiencia no plantexamento e na organización dos espazos, na materialización do programa previsto polo museo, na organización funcional, na coherencia das diferentes áreas, e a solución construtiva.

En contraposición ao resto dos anteproxectos, sinalou que unhas propostas trataron de manter exactamente a esencia do que hai no convento cunha mínima intervención, e outras trataron de intentar completar o que era o recinto claustral pechándoo en si mesmo, pero abríndoo á cidade. A gañadora, dixo,  fai isto último “dunha forma máis sutil a través da peza distribuidora que se implanta sutilmente sobre o claustro e permite ter unha panorámica da contorna inmediata aproveitando o desnivel, para entender os edificios existentes”.

Sobre o acceso dende Barcelos, Rey destacou que estaba no documento base e todos os equipos o materializan cun plantexamento diferente, igual que a entrada de Santa Clara, que funcionará de conexión coa cidade vella.

Orzamento

O vicepresidente César Mosquera informou que a execución das obras de rehabilitación roldará os 22 millóns de euros, e que a redacción do proxecto final suporá un 10% dese montante.

Destacou, neste sentido, que a vindeira Corporación xa dispón de dez millóns de euros consignados no orzamento provincial para pagar o que se faga en Santa Clara, ademais dos cartos tamén previstos para a rehabilitación dos edificios centrais do Museo (tres millóns do PIREP e outros cinco de fondos propios).  Deixou aberta a porta a que, agora que hai anteproxecto, tamén se poidan solicitar fondos europeos para o convento, que se sumen aos que poidan chegar da Xunta e do Estado.

Insistiu en que quedan as “mans abertas para adxudicar” e manifestou a súa confianza en que todos os proxectos previstos vaian para adiante a pesares do cambio no goberno e a entrada dos ‘populares’. Neste sentido, destacou que  “non sei cal é o posicionamento do Partido Popular” porque recentemente votaron en contra a pesares de que publicamente dan impresión de estar a favor de que a mellora de Santa Clara vaia adiante.

“Mentres esteamos aquí daremos todos os pasos para que se cumpra o proxecto de Santa Clara. Logo tocará esixir que se cumpra. É un proxecto de cidade que nada ten que ver cunha forza política ou outra. Agardo que haxa altura de miras como para que ninguén o estea torpedeando. Fun quen o impulsei e seguirei nesa liña, intentarei que se remate”, subliñou.

Sobre posibles o futuro, o vicepresidente destacou que a máxima garantía de que Santa Clara se vai rehabilitar, ao seu entender, foron as declaracións do presidente da Xunta de Galicia cando manifestou que o goberno galego “non ía quedar fóra de Santa Clara”, dando a entender que daría apoio económico. “Os do PP de Pontevedra son tan tarambainas ou como se lles queira chamar, que votaron en contra non hai tantos días. Agardo que o presidente teña unha palabra bastante máis sólida”, subliñou.

Nieto-Sobejano: “Era un proxecto moi difícil”

Fuensanta Nieto e Enrique Sobejano recibiron a nova da súa selección como equipa gañadora na mañá de hoxe, practicamente ao tempo no que se aprobaba a resolución na Xunta de Goberno. Dende Venecia, onde están a participar na Bienal, destacaron estar moi satisfeitos por ter sido escollidos entre candidaturas tan importantes, xa que ao seu entender a rehabilitación de Santa Clara “merece a atención de todo o mundo”.

Explicaron o seu anteproxecto asegurando que pretendían un diálogo e conversación entre a parte nova e a histórica e patrimonial, algo que xa teñen feito noutros traballos, pero sinalaron que en Santa Clara había unha “variante distintiva”. No caso de Pontevedra destacaron que o que máis chamou a súa atención foi a forza e o restritivo do muro perimetral, que facía que o interior estivera “nun mundo aparte”.

Neste sentido, explicaron que a idea de abrir o muro era moito máis que o feito de facelo, xa que tiña unha carga simbólica de atraer ao interior á cidadanía. “A arquitectura non crea espazo público, créao a xente cando o usa”, salientou Sobejano, “o que nós temos que facer é poñer as condicións para que o use”.

Cunha intervención mínima, explicaron a arquitecta e o arquitecto, pretenderon que o conxunto do convento se vise dende fora, e engadir un volume moi grande dende o punto de vista cuantitativo pero respectando absolutamente o edificio histórico –polo que está semisoterrado-.

“A intervención ten que contemplar e realzar, abrir o museo e buscar o equilibrio”, dixeron, subliñando que o proxecto foi “moi difícil” porque había que cumprir coas necesidades expositivas e coas necesidades e condicións volumétricas do centro arqueolóxico. Como eixo, dixeron, estableceuse o centro de recepción de visitantes no baldaquino situado no centro e alto da finca e cun miradoiro ao claustro, para dende aí establecer as circulacións e a organización dos espazos.   

Asumiron tamén que o anteproxecto ‘Verbas da pedra’ terá unha evolución, xa que haberá que iniciar relacións con Patrimonio, coa Dirección do Museo e co persoal especialista para axustar puntos e necesidades e discutir solucións. Manifestaron, de feito, que a súa visita a Pontevedra producirase en breve.

Nigrán repón o céspede artificial do patio exterior

0

O Concello de Nigrán ven de investir 7.000 € na total resposición do céspede artificial do patio exterior da Escola Infantil A Galiña Azul, cumprindo así coa demanda realizada pola dirección do centro. O antigo, xa moi deteriorado tras máis dunha década de uso, foi retirado para posteriormente mellorar o chan para que quedase sen desniveis nen roturas e, a continuación, cubríronse os 210 m2.

O resultado é un patio totalmente renovado. “É moi suave e moi agradable ao tacto, polo que resulta especialmente idóneo para as crianzas”, explica o alcalde, Juan González, quen inciden en que durante o verán, como é habitual, o Concello realizará obras nos diferentes colexios públicos do municipio para non interferir coa actividade lectiva. 

A Aloiada 2023 volverá a unir o Galiñeiro, o Monte Aloia e o Río Miño

0

Máis de 120 alumnos dos centros educativos de Tui van participar este xoves 15 e venres 16 de xuño na Aloiada 2023.

En concreto participará nesta actividade o alumnado de 6º de Primaria do CEIP Nº1, CEIP Nº2, CEIP de Pazos de Reis, CEIP de Guillarei, CEIP de Rebordáns e CEIP de Caldelas. A Aloiada 2023 está organizada polos propios colexios en colaboración co Concello de Tui. Nestas dúas xornadas os e as participantes realizarán diferentes actividades no entorno natural dos montes Galiñeiro e Aloia, así como no río Miño.

Así o xoves 15, no Monte Galiñeiro, desenvolverán ao longo da xornada obradoiros de escalada, de primeiros auxilios, de orientación e de nós, impartidos pola Federación Galega de Montañismo e polo Grupo Scouts Alhoia, así como polos propios mestres dos colexios.

Ao remate deses obradoiros, realizarán unha camiñada ata o Monte Aloia, onde pernoctarán nas inmediacións da capela de San Xulián.

O venres 16, tralo almorzo, baixarán dende o cumio do Aloia en dirección ao parque do Penedo, pasando pola Casa Forestal, Rego da Pedra e Muíños do Tripes. Tralo xantar, nas instalacións municipais de piragüismo e remo, realizarán a actividade de piragüismo.

O Concello de Tui agradece a todas as empresas, asociacións e entidades que colaboran para que esta actividade siga realizándose ano tras ano. Así fan posible esta Aloiada 2023 Arume, Calidus, Arelas, Froiz, Panadería Xulio, Gadis, Martínez, Vectalia, Verde Azul, Scouts Alhoia, Federación Galega de Montañismo, Bispado de Tui-Vigo, Entidade Local Menor de Pazos de Reis e Parques Naturais.

A evolución das células e os tumores pechan o IV Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos

“A evolución das nosas células e por que se producen os tumores” é o título do seminario web do Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos que promoven a Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e que impartirá o vindeiro xoves 15 de xuño David Posada González, catedrático de Xenética do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da Universidade de Vigo. Con este webinario, que terá lugar ás 19 horas e para o que está aberto a inscrición en www.depo.gal, péchanse as conferencias abertas á cidadanía en xeral desta edición do programa.

Posada afondará no corpo humano, resultado de múltiples rondas de replicación a partir dunha única célula inicial. Explicará que durante o desenvolvemento as persoas humanas acumulan millóns de mutacións a medida que as células se dividen e diferencian. Tamén que durante este proceso, algunhas das mutacións alteran a función de xenes fundamentais que controlan a proliferación, a diferenciación e a morte celular, o que orixina unha multiplicación anómala tumoral que ocasiona o cancro. O catedrático informará sobre a evolución dos tumores dentro do corpo, similar ás poboacións de organismos naturais para competir polos recursos e adaptarse ao medio que lles rodea, e detallará de que xeito o estudo evolutivo do cancro ten axudado a entender mellor e a combater a enfermidade.

Co Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, a institución provincial e a RAGC convidan a cidadanía a achegarse ás ciencias e ás aplicacións do coñecemento científico á sociedade como axudante do desenvolvemento socioeconómico. O programa abrangue un total de 13 conferencias, por unha banda oito webinarios dirixidos á cidadanía en xeral que se pechan este xoves e, pola outra, cinco conferencias presenciais en centros educativos, das que xa se celebraron dúas, nos IES Illa de Ons (Bueu) e María Soliño (Cangas), tratando temas como a seguridade alimentaria, as enerxías renovables, as comunicacións cuánticas, as aplicacións da intelixencia artificial, o Big Data e a xenómica.

A Guarda completa a casa dos Alonso como sede do Concello

0

O Concello da Guarda realizou obras durante o ano 2022 para rematar a terceira planta do edificio municipal con cargo ao plan concellos da Deputación de Pontevedra por valor de 141.000 €.

A planificación prevista é que os Departamentos de Servizos Sociais e Urbanismo pasen a ocupar esta terceira planta para ter centralizados practicamente todos os departamentos e servizos municipais no novo edificio consistorial.

Para que esta terceira planta poida estar operativa é necesario dotala do equipamento e mobiliario necesarios. Para este fin o concello da Guarda solicitou unha subvención á Xunta de Galicia presentando un proxecto de 48.604 €, dos cales a Xunta concedeu financiamento do 70 %, facendo fronte ao restante 30% o concello con fondos propios.

O Remate da casa dos Alonso como sede do concello forma parte da mellora dos servizos municipais. Neste caso representa un avance importante para os propios traballadores e traballadoras do concello e tamén unha importante mellora para a cidadanía que será atendida nunhas instalacións máis modernas e mellor dotadas.

Dura etapa do circuíto galego de augas abertas Arzúa-Ulloa 2023 en Ponteareas

O sábado 10 de xuño celebrouse o VII Campionato Galego de augas abertas no río Tea, en Ponteareas. Ésta era a primeira das 8 etapas que compoñen o circuíto galego de augas abertas Arzúa-Ulloa 2023.

A baixa temperatura da auga, 16,5°C, e a aparición da choiva nalgúns períodos, engadiron dificultades a unha proba, que resultou máis dura e difícil do esperado, que rexistrou algúns abandonos por fatiga e hipotermia.

Alba Ortíz de Guinea, do Club Natación Ponteareas, e Mario Méndez Puga, do CN Vigo Rías Baixas, foron os vencedores da categoría absoluta feminina e masculina, tras cruzar en primeira posición o seu percorrido de 4 voltas ao circuíto, ata completar o 5km de distancia.
Por equipos, o Club do condado alzouse tamén coa vitoria conxunta absoluta e máster, ademais de conseguir numerosos podios individuais.

O circuíto recala na Coruña na súa seguinte parada, en xullo, e volverá á praia da Freixa, en Ponteareas, o 19 de agosto na clásica travesía Vila do Tea que este ano volve formar parte da Copa de España de Augas Abertas.

Aberto o prazo de inscrición para os campus deportivos de verán de Nigrán

0

O Concello de Nigrán, coa colaboración dos clubes do municipio, ofrece un ano máis desde finais de xuño a inicios de setembro nove modalidades de campus deportivos orientados a crianzas e adolescentes: tenis, baloncesto, patinaxe, rítmica, surf, vela lixeira, kaiak e paddel surf e fútbol. O prazo de inscrición aos mesmos está aberto, dispondo os interesados de toda a información na web municipal (datas, mails de contacto e teléfonos, lugar de celebración, prezo, idades, etc). Todos teñen unha duración de cinco días e un custe de entre 60 e 70 €. Os campus están orientados a un público infantil e adolescente e arrancan con vela lixeira o día 26 de xuño, sendo o último o de rítmica do 4 ao 8 de setembro. O Concello aportará a merenda diaria para cada participante e a cobertura do seguro e darase prioridade ás criazas empadroadas.

“Trátase, xunto co campamento municipal, dunha iniciativa para facilitar a conciliación familiar mediante actividades saudabeis ao aire libre e de promover o deporte desde a infancia dando cabida a disciplinas para todos os gustos e confiando nas entidades deportivas de Nigrán, que son as que teñen a verdadeira experiencia”, indica o alcalde, Juan González.

Tomiño pon en marcha unha nova xornada de adopción de cans e gatos

0

A OMIX do Concello de Tomiño pon en marcha unha nova xornada de sensibilización e adopcións de cans e gatos, un evento co que se busca concienciar sobre a tenencia responsable de mascotas e fomentar a adopción de animais de compañía. A cita será este sábado 17 de xuño de 10.00 a 14.00 horas no Campo da Feira.  

A xornada está organizada polo grupo de voluntariado da OMIX de Tomiño en colaboración con varias protectoras da comarca, como Aloia, Tu eres nuestra ayuda ou Bai sen pulgas. O obxectivo é promover a adopción fronte á compra de animais de compañía, así como concienciar a todas as persoas participantes da importancia de non abandonalos ao longo do ano, facendo especial fincapé na tempada estival. Unha iniciativa de sensibilización que cobra aínda máis relevancia tendo en conta que España sitúase á cabeza de Europa en cifras de abandono animal, con 700 mascotas abandonadas cada día.

Durante toda a mañá do sábado o Campo da Feira converterase nun lugar de encontro para posibles persoas adoptantes, onde voluntarios e voluntarias asesorarán sobre o proceso para adoptar unha mascota. Ademais, recolleranse alimentos e material novo ou usado en bo estado para cans e gatos que se doará ás protectoras participantes.

Dende o Concello de Tomiño convídase a toda a veciñanza a participar nesta xornada de sensibilización e achegar o seu gran de area. 

A Asociación de Empresarios de Redondela pide explicacións sobre o proceso de adxudicación da barra na Festa da Coca

0

Cinco días de verbena cunha barra no recinto cuberto deixa aos hostaleiros descontentos sobre a xestión municipal do evento. Consideran que eles están durante todo o ano pagando os impostos en Redondela e, que se permita a unha empresa foránea facer unha explotación dunha barra de venda de alcohol nun espazo público sen ter publicado unha bases para a súa adxudicación non é a mellor maneira de facer as cousas.

A Festa da Coca son as festas grandes do Concello de Redondela e son organizadas polo propio Concello de Redondela polo que se presupón que os procedementos han de atender á transparencia propia de calquera administración pública.

Nava Castro segue tendendo a man a ACIP para un goberno de coalición en Ponteareas

Nava Castro mantén a man tendida desde a mesma noite electoral cando se converteu na candidata máis votada e polo tanto a opción predilecta para a maioría da cidadanía de Ponteareas. Esta condición lexitimaa para converterse na próxima alcaldesa da vila, ben nun goberno de coalición que permita unha maioría absoluta, e maior estabilidade ao concello ou ben en solitario, xa que “ese é o desexo do pobo e así o deixaron claro as urnas”.

Cos resultados definitivos na man, a aritmética electoral é clara: os 7 edís do Partido Popular e os 4 de ACIP poden conformar esa maioría que daría estabilidade e solvencia a un concello que leva 8 anos sen avance.

Castro afronta a semana clave das negociacións políticas con tranquilidade por ter sido “totalmente clara e transparente desde o minuto 1” e confiada en que “finalmente todo o mundo asuma o papel que lle corresponde respectando o mandato cidadá e que conformemos o goberno que nos está demandando a veciñanza e que Ponteareas necesita nun momento clave”.

A líder dos populares é clara ao explicar que “como sempre dixen, a única liña vermella para poder pactar con outro partido, neste caso ACIP, é a Alcaldía, que terá que ser para a candidatura máis votada, neste caso para o Partido Popular” e engade que “todo o demais pode levarse a mesa de negociación. Pero todas as partes temos que entender como está a situación, rebaixar o ton e traballar por Ponteareas”.

Castro, que incide en que “as nosas portas sempre estiveron e seguen estando abertas para negociar”, móstrase contrariada, xa que ACIP parece interesado en trasladar a idea de que non houbo conversas para falar da futura gobernalidadel. O pasado xoves día 1 de xuño, ás 10:30 horas da mañá, nun lugar neutral que foi precisamente escollido polo propio Juan Carlos González, reuníronse os candidatos do PP, Nava Castro, e de ACIP, o propio González Carrera. O encontro, que non tivo difusión mediática, prolongouse durante 45 minutos, en formato vis a vis e sen presenza dos equipos negociadores. Foi, “por deferencia” da líder popular, a primeira reunión postelectoral, porque se entende a ACIP como “socio natural” para a busca de pactos de goberno.

“Naquela reunión eu persoalmente trasladei esa liña vermella de non poder renunciar á Alcaldía, pola diferencia de votos, explica a propia Castro Domínguez.

Desde as filas populares engaden que: “ACIP está chamado a ser co-protagonista durante os próximos 4 anos, confiamos en que podamos chegar a acordos que dean unha oportunidade á nova etapa que se abriría en Ponteareas”.

Precisamente sobre as posibilidades de cara ao pleno de toma de posesión do sábado 17 de xuño, a líder popular insiste en que “só existen dúas opcións, que non se moveron un ápice desde a noite electoral: ou ACIP se suma ao noso proxecto, ao que están invitados a formar parte activa e ser fundamentais no futuro da nosa vila, ou respectan os resultados das urnas e permiten gobernar á lista máis votada, que ademais conta co proxecto político e o equipo para facelo posible en minoría”.

Tomiño repite a súa particular Operación Triunfiño

0

Despois do grande éxito da primeira edición, a OMIX de Tomiño pon en marcha de novo o seu Operación Triunfiño, unha experiencia musical única cun completo programa no que a mocidade poderá aprender técnica vocal, desenvolver a súa actitude escénica e ampliar o seu repertorio.

Tras a formación previa, a mocidade realizará un ou varios concertos finais para dar a coñecer as súas habilidades ao público. Será un espectáculo no que se poderá escoitar unha peza colectiva a coro e unha individual por cada participante, escollidas por eles mesmos. 

A actividade formativa desenvolverase os días 11, 12 e 13 de xullo en horario de 10.00 a 13.30 horas, mentres que o concerto final será o domingo 16 de xullo ás 11.00 horas na carballeira de Goián ou no auditorio municipal en caso de choiva.

Esta experiencia musical vai destinada a mozos a partir dos 12 anos e terá un prezo de 20 euros por persoa. Os rapaces interesados en participar poden inscribirse xa na páxina do Concello.

Mondariz transformará a escola do Redo de Vilar nun centro comunitario

0

A Xunta de Goberno da Deputación vén de dar luz verde a unha achega da Liña 1 do Plan Concellos por preto de 70.000 euros (67.352 €) para Mondariz, que irá destinada á terceira fase da reforma integral da escola de Redo de Vilar, que está en proceso de converterse nun novo centro comunitario para a veciñanza da vila. En concreto, a achega permitirá sufragar algo máis do 24% das actuacións, mentres que o Concello completará o financiamento dos traballos cunha subvención de 211.275 euros do Ministerio de Transportes para rehabilitación de edificios de titularidade pública (PIREP local), no marco do Plan de Recuperación do Goberno estatal.

Con estes recursos realizarase a reforma enerxética da envolvente (solo, fachada, carpinterías e cuberta), incluíndo a substitución das tres ventás grandes da aula. Ademais, reformaranse as instalacións térmicas, dispoñendo dúas estufas de pellets, e a eléctrica e substituiranse as luminarias actuais por outras de baixo consumo. Tamén se instalará un sistema de renovación de aire eficiente con dous recuperadores de calor e 6 paneis fotovoltaicos con acumulación e repararase a estrutura existente en dúas zonas do forxado e no tellado, así como a fachada de granito. A actuación contempla limitar a acumulación do gas radón, crear un novo acceso ao fallado, dotar de novo mobiliario a varias salas, renovar a carpintería interior de todo o edificio, reparar e rematar os acabados interiores no soportal cuberto, no vestíbulo e en toda a zona da antiga vivenda, así como instalar unha baranda de protección e executar obras de axardinamento en toda a finca.

A través destes traballos complétase o proceso de transformación da escola de Redo, na parroquia de Vilar, nun centro socio-comunitario despois de ser reformada a súa cuberta nunha primeira fase e, nunha segunda, facer cambios na distribución interior para conectar os espazos de escola e de vivenda.

Milleiros de persoas visitaron A Guarda esta fin con motivo do Corpus

0

A Guarda acolleu, esta pasada fin de semana, a festividade do Corpus. Dende fai semanas moitas persoas traballaron con moito esforzo e dedicación na preparación dos diferentes materiais que se empregaron ao longo desta fin de semana na confección das alfombras florais.

Deste xeito, traballouse a reo entre os veciños do pobo que, colectivamente, organízanse para levar a cabo esta actividade a través da Asociación Alfombras Florais da Guarda, para culminar coa realización duns 2300 metros cadrados de superficie en tapices florais que luciron, no seu máximo esplendor, dende o mediodía do domingo cando remataron os traballos dos centos de alfombristas das 10 rúas que se engalanaron para esta ocasión.

Existen informacións antigas que deixan constancia da importancia da celebración da Festa do Corpus na Guarda xa dende o século XVIII, sendo a celebración do Corpus Christi e do Santísimo Sacramento as principais festas cívico-relixiosas do pobo da Guarda.

[su_image_carousel source=”media: 73249,73246,73247,73245″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

A Asociación Cultural Alfombras da Guarda, creada en 2018, é a encargada na actualidade de velar pola promoción e manter a tradición histórica das alfombras florais do Corpus na Guarda, así como dar a coñecer, por en valor e visualizar o traballo e orgullo que supón para os seus veciños, membros e colaboradores e a poboación guardesa en xeral.

Dende o Concello da Guarda se quere agradecer o labor de todas as persoas que traballan para que esta celebración continúe e para que visitantes e locais podan gozar das mesmas, un enorme esforzo que se ve recompensado polos espectaculares resultados unha vez están confeccionadas, sendo auténticas obras de arte en flor.

Campus multideporte de verán en Covelo

0

O Concello de Covelo informa que, ata o vindeiro 14 de xuño, está aberta a inscrición para participar no campus multideporte de verán 2023. Do 26 ao 30 de xuño todas os nenos de 6 a 12 anos poden optar a unha das trinta prazas que oferta o Concello.

Neste campamento practicarán distintas disciplinas deportivas cada mañá, en horario de 10 a 14 horas. O sexto Campus Multideporte organízase na aula multiúsos municipal e nas instalacións deportivas do concello.

Baloncesto, fútbol sala, pádel, piscina, rutas, skate, tenis e un sinfín de xogos cos que comezar o verán. O Concello establece unha taxa de 10 euros para nenos empadroados e 20 € para os non empadroados.

A Xunta elimina un punto de verquido de augas residuais en Baiona

0

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou un punto de vertido de augas residuais domésticas cara ao rego das Tres Regueiras, ao seu paso polo concello de Baiona.

Os técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, detectaron o foco no transcurso dos labores rutineiros de inspección levados a cabo nese municipio.

A achega contaminante localizouse nunha condución procedente dunha vivenda particular no lugar dos Portelos, que vertía directamente cara ao rego.

A Xunta informou ao titular da necesidade de proceder á adopción das medidas precisas para a emenda do vertido.

Nunha nova inspección xirada á zona, os técnicos de Augas de Galicia verificaron a emenda do foco, tras a retirada da condución a través da cal se producía o vertido irregular ao dominio público hidráulico.

BNG e PSOE chegan a un acordo para gobernar no Rosal

0

O BNG e o PSdeG-PSOE veñen de asinar un acordo para formar un goberno de progreso e consenso no Rosal, poñendo os intereses do municipio por riba de todo. Co obxectivo de brindar estabilidade ao futuro goberno municipal durante os vindeiros catro anos, con este acordo, BNG e PSdeG-PSOE comprométense a camiñar xuntos nun goberno baseado no consenso e en positivo que sexa exemplo de progreso e avance.

A través deste acordo o concelleiro do PSdeG-PSOE, José Carlos Martínez Crespo, asumirá as competencias de Deportes, Turismo e Educación cunha dedicación parcial. Pola súa banda, o BNG, liderado por Ánxela Fernández Callís, asumirá a alcaldía e resto de competencias, concellarías e dedicacións e asignacións.

Ambas formacións acordaron traballar en equipo dende a transparencia e a coordinación para abordar diferentes liñas estratéxicas para o progreso da veciñanza do Rosal. O pulo a proxectos que favorezan a mobilidade recuperando espazos para as persoas con criterios de accesibilidade e sostibilidade; o apoio a iniciativas que favorezan o desenvolvemento económico sostible e a fixación de poboación na comarca, a formación relacionada cos sectores produtivos ou o comercio local; ou a posta en valor de cultura, patrimonio e deporte da man das asociacións e clubs cunha axenda de lecer diversa en todos os barrios centrarán algúns dos eixos centrais do goberno de coalición.

Por outra banda, BNG e PSdeG-PSOE tamén marcan como liñas estratéxicas do vindeiro goberno facilitar a conciliación a través da creación de novos espazos inclusivos e defendendo o ensino de proximidade; defender o coidado da contorna natural como clave do futuro do Rosal; fomentar a participación veciñal e do tecido asociativo na toma de decisións; mellorar infraestruturas e servizos municipais e esixir uns servizos públicos de calidade ante a administración autonómica, como a sanidade ou o transporte público.

BNG e PSdeG-PSOE recoñecen o esforzo realizado por ambas formacións e a vontade de traballar da man, poñendo o interese do Rosal por riba de todo e ofrecendo estabilidade e continuidade a unha xestión municipal coa que avanzar en áreas clave para o municipio.

Ponteareas e A Orotava conmemoran os 40 anos de unión

Ponteareas e A Orotava conmemoran 40 anos de unión, de experiencias e tradicións compartidas no Corpus. A alcaldesa da vila, Cristina Fernández, presidiu a recepción oficial ás delegacións convidadas este ano a participar no Corpus Christi 2023 coas catro décadas de irmandade coa vila tinerfeña moi presente.

“Aínda que somos concellos moi distintos, únenos unha tradición que fai que os sentimentos e as emocións afloren ao compartir o amor pola beleza efémera reflectida nas flores e areas de fermosas cores coas que se crean tapices reinventados e mellorados ano tras ano”, lembrou a rexedora na recepción.

En recordo deste 40 aniversario de unión Cristina Fernández entregou ao concelleiro de Festas da vila da Orotava, Alexis Pacheco, unha Menina de Sargadelos cunha placa conmemorativa destas catro décadas de irmandade. Ademais, agasallouse á Asociación de Alfombristas da Orotava cunha bandexa de Sargadelos que representa unha réplica dunha alfombra floral de 1970 deseñada por Ramón Gallego Prado en agradecemento á colaboración e aos traballos realizados ao longo dos 40 anos de unión.

Durante o acto a alcaldesa quixo destacar “a integración que cada unha das delegacións experimenta cando está na outra vila e o que supón de enriquecedor o intercambio de coñecementos e vivencias”. “Para min foi moi importante poder percorrer as súas rúas empedradas e tapizadas, aprender as técnicas propias usadas no seu alfombrado e contemplar a praza do Concello decorada coa area volcánica do Teide nunha espectacular imaxe imposíbel de poder describir e que aínda pervive na miña retina hoxe en día”, resaltou Fernández.

Na recepción tamén se fixo un recoñecemento á delegación italiana Infiorata Pietra Ligure, entregando ao vicepresidente da asociación, Andrea Bergallo, outra bandexa de Sargadelos en agradecemento á súa participación nesta edición do Corpus Christi. A alcaldesa deulle a todas as delegacións a benvida “nunha data moi sinalada e agardada por toda a veciñanza e gardo que xuntos e xuntas poidamos gozar do ambiente de traballo para a elaboración dese quilómetro de percorrido de alfombrado floral que realizamos dende hai máis de 150 anos e que converte os nosos portais nunha caldeira de coñecementos e vivencias”. As e os representantes da delegación de Monçao e da Associazione Infioritalia incorpóranse ao longo do día de hoxe á celebración.

“Agardamos que desfrutedes con nós da noite na que ninguén durme, na que se realizan verdadeiras obras de arte grazas á colaboración de todo un pobo centrado na grandeza dunha tradición ancestral que forma parte do noso ADN e que pasa de xeración en xeración con moito orgullo”, salientou.

O Concello agradece ademais a inestimábel colaboración da Asociación de Alfombristas de Ponteareas, que ano tras ano traballan para que veciñanza e visitantes desfruten desta Festa de Interese Turístico Internacional.

A Federación de Anpas de Redondela aposta por un plan específico para o rural galego

0

A Confederación de Anpas, á que pertence á recentemente constituída Federación de Anpas de Redondela, ten de sempre entre os seus obxectivos principais a defensa dun ensino público no rural galego que se iguale en calidade e medios ao que poidan ter as zonas urbanas do país.

Logo da súa presentación en Rábade o 18 de febreiro; en Mazaricos o 6 de maio; e en Becerreá o 22 de maio, vai presentar no Centro Socio Cultural recreativo de Cabeiro o estudo realizado nos anos 2021 e 2022 sobre a necesidade dun plan educativo específico para o rural galego.

Esta defensa dun ensino público no rural galego fundamentase en tres piares:

  • A solicitude ás ANPAS asociadas, máis de 400 neste momento, da súa visión do que está a ocorrer no rural galego
  • A realización dunha ampla enquisa en liña na que se debullaron un amplo abano de facetas da vida educativa rural
  • A organización de 4 foros especializados con persoas vinculadas profesionalmente co rural galego na que expuxeron unha visión formal dese rural que se estuda

As conclusións deses traballos é o que presentarase o vindeiro 14 de xuño no CSC recreativo de Cabeiro, alí informarase de cada un dos pasos dados, das diferentes consecuencias obtidas en cadansúa modalidade de actuación, e do resumo de necesidades que se consideran amplamente fundamentadas en todo o traballo presentado.

O rural galego, sexa aldeán ou vilego, costeiro ou interior, de val ou de montaña, ten unha diversidade de características positivas e un único e enorme problema: o abandono ao que está sometido por parte das administracións e poderes públicos.

A Guarda realiza unha recepción oficial ás deportistas xuvenís do Clube de Remo Robaleira

0

O pasado venres, día 9 de xuño de 2023, o Salón de Plenos da Casa dos Alonso acolleu a recepción oficial ás deportistas do equipo xuvenil do Clube de Remo Robaleira, gañadoras dos Campionatos territoriais e de Galicia en Bateis e Campionato de España de Traineriña.

As deportistas Uxía Fernández, Tania Dorado, Esther Dorado, Aroa Castro, Claudia Dorado, Lidia García, Nerea Dorna e Tecla Baz, foron recibidas no Salón de Plenos pola corporación local, resaltando cada un dos responsables dos diferentes grupos municipais o esforzo, determinación, compromiso e orgullo de ter na Guarda unha equipa tan xove e que ten colleitado tantos éxitos e méritos deportivos.

Os diferentes membros da corporación local entregaron un ramo de flores a tripulación xuvenil feminina do Clube de Remo Robaleira, ao adestrador e representantes da xunta directiva.

Dende a Xunta Directiva, Eva Uris agradeceu o apoio amosado polo Concello da Guarda e a realización desta recepción, valorando o deporte do remo coma un deporte de gran arraigo e tradición na nosa vila, animando a rapazas e rapaces a que se unan ao clube para a práctica do remo.

Ao remate, e como manda xa a tradición neste tipo de recepcións, a tripulación xuvenil feminina do Clube de Remo Robaleira saíu ao balcón da Casa do Concello onde luciron e ondearon as bandeiras gañadas nos últimos campionatos disputados, aproveitando tamén ao final para facerse fotos cos representantes municipais, familiares e amizades.

Novas formacións a cargo de SmartPeme esta semana

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta próxima semana catro novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros que se celebrarán de xeito telemático e presencial. Os obradoiros centraranse no deseño dun contrasinal seguro, na fabricación dixital e na promoción do negocio con  perfil de empresa de Google.

A primeira das xornadas comeza hoxe luns, ás 10:00 horas, con “Ciberseguridade, como facer un contrasinal seguro” sobre a importancia de ter un contrasinal adecuado para protexer a información. Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión 3D dirixirá este curso.

O martes 13 continúa a formación con “Fabricación dixital. Debuxo con Onshape VI – Assembly II” ás 11:00 h tamén da man de Manuel Freire. O obradoiro forma parte das 30 horas da formación teórica online dividida en 4 seccións: debuxo 3D con Onshape (16 h), impresoras 3D de filamento (8 h), impresoras 3D de resina (4 h) e escáner 3D (2h). Amais complétase con 20 horas de formación práctica sobre o uso de impresoras 3D de filamento (8h), impresoras 3D de resina (8h) e escáner 3D (4h) no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro.

O mércores 14 o obradoiro terá lugar ás 12:00h e centrarase en “Promociona o teu negocio con perfil de empresa de Google”. Está dirixido a empresas locais que queiran mellorar a súa visibilidade con Google e será impartido por Adrián Fernández , licenciado en Comunicación Audiovisual e asesor de empresas de diversos sectores no ámbito da comunicación dixital e no márketing online.

A semana de obradoiros rematará o xoves 15 con “Fabricación dixital. Impresoras de resina”. O experto universitario en robótica, programación e impresión 3D, Manuel Freire, será o encargado de impartir esta formación.

Ecoforest duplicará o tamaño das súas instalacións en Porto do Molle

0

O Concello de Nigrán outorgou a semana pasada a licencia para que Ecoforest amplíe a súa nave en Porto do Molle en 11.000 m², prácticamente duplicando a superficie actual (13.000 m²). A firma especializada en sistemas de calefacción, climatización e agua quente sanitaria a partir de recursos naturais engadirá a súa macroplanta construída no 2018 unha gran nave para o deseño, desenvolvemento e fabricación de bombas de calor (xeotermia e aerotermia) cun investimento de 5,1 millóns (desde 2012 Ecoforest é o único fabricante español deste produto e o máis especializado en tecnoloxía inverter do planeta).

As obras para a ampliación comezarán de xeito inminente ante a cantidade inxente de pedidos que afrontan e suporá a contratación tamén de novos empregados cando esté lista, pasando dos 130 actuais na planta de Nigrán a practicamente o dobre.

“Porto do Molle non só significa novas posibilidades de emprego para os veciños de Nigrán, se non que o seu propio crecemento ordenado e sostible proporciona ao Concello os ingresos necesarios para levar adiante máis e mellores políticas sociais. Este parque empresarial é unha parte fundamental do desenvolvemento de Nigrán e un referente en innovación, I+D ou ecoloxía que representa a mellor imaxe dun municipio dinámico, moderno e emprendedor”, sintetiza o rexedor. Sobre Ecoforest, destaca que no 2017 o Concello renunciou á compra da parcela inicialmente prevista para almacén municipal precisamente co obxectivo de facilitar a implantación desta empresa, “e o resultado á vista está que non puido ser mellor para Nigrán, nos temos outro almacén noutra parcela e Ecoforest botou raíz neste lugar puidendo incluso ampliar”.

Precisamente, o Concello anunciou recentemente a concesión dunha licencia para a construción dunha residencia de maiores en Porto do Molle para 90 prazas, o que xerará 30 postos de traballo directos e a maiores, e o rexedor avanza a próxima concesión de licencia para un hotel de 45 habitacións na rúa das Pontes.

“Porto do Molle é unha área comercial e empresarial situada nunha contorna privilexiada desde o punto de vista paisaxístico e urbanístico. É un referente en toda España en termos de sostibilidade ambiental, deseño urbano e modernidade, un lugar con atractivos como a senda peonil do río Muíños que finaliza en Praia América, polo que resulta atractivo para infinidade de negocios”, considera o rexedor.

Covelo ofrece educación emocional e sexual co programa Quérote +

0

Os departamentos de Formación e Servizos Sociais do Concello de Covelo convidan ás familias a participar na charla informativa “Educación Emocional e Sexual na Familia” que terá lugar o vindeiro 13 de xuño de 17:30 a 19:00 horas.

No auditorio público municipal as profesionais do programa Quérote + porán enriba da mesa as claves e ferramentas para que as familias adquiran maiores coñecementos e afronten sen tabús as cuestións afectivas e sexuais.

Durante a charla aprenderemos a detectar e previr situacións e estados emocionais prexudiciais; adquiriremos ferramentas para xestionar e atallar na resolución de dúbidas e posibles conflitos para mellorar a relación e a convivencia das familias e a saúde mental das persoas.

O programa Quérote + da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia ten como obxectivos  prestar un servizo de información e asesoramento á xuventude nas áreas máis vinculadas ao entendemento social e o crecemento persoal.

Os coidados porta a porta chegan ao Porriño

O programa de Coidados porta a porta da Xunta continúa a achegar atención gratuíta en podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria por todo o territorio de Galicia. O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou no Porriño unha das oito unidades móbiles deste programa, que ata o vindeiro luns, día 12, atenderá aos veciños deste concello nas inmediacións do pavillón municipal.

Antón Acevedo destacou a importancia que ten este programa para achegar servizos sociosanitarios ao carón dos fogares das persoas maiores, vivan onde vivan. Desta maneira, evítase que teñan que facer longos desprazamentos para recibir estes coidados e se lles facilita que poidan seguir vivindo na súa contorna.

Esta é a terceira parada que Coidados porta a porta fai en O Porriño. Nas dúas anteriores, que tiveron lugar nos meses de maio e novembro do ano pasado, recibiron atención máis de 130 maiores da localidade. Para acceder ás consultas deste programa soamente é necesario solicitar cita previa nos teléfonos 622 748 283 ou  623 546 992, ou ben a través do correo electrónico [email protected].

Salvaterra retoma os cursos de natación para este verán

O Concello de Salvaterra de Miño retoma este ano os cursos de natación de verán na piscina municipal da vila.

Tras anos sen poder realizar os cursos, este ano retómase a actividade en colaboración, coa Asociación Deportiva Salvaterra.

Os cursos impartiranse durante todo o mes de xullo e agosto de martes a venres, en horario de mañá, en diferentes franxas horarias dependendo da idade:

  • De 10:00 a 11:00 horas ou de 11:00 a 12:00 horas, nados entre 2007 e 2015
  • De 12:00 a 13:00 horas ou de 13:00 a 14:00 horas, nados entre 2016 e 2019
  • De 14:00 a 15:00 horas, nados antes de 2006 (grupo adulto)

O prazo de inscrición estará aberto ata o 23 de xuño, para matricularse é necesario cubrir a folla de inscrición e enviala ao correo [email protected]. O prezo da matrícula para un mes completo é de 35 € para os nenos e de 40 € para o grupo dos adultos.

O pago para o curso de xullo poderá facerse ata o 28 de xuño para o curso de xullo e ata o 27 de xullo para participar no de agosto. O número de prazas é limitado e adxudicaranse por orde de solicitude.

Adxudicadas as obras de mellora na contorna do IES Pazo da Mercé das Neves

0

A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar a adxudicación das obras de mellora da mobilidade peonil na contorna do IES Pazo da Mercé, na entrada ao núcleo urbano das Neves. A institución investirá nesta actuación na EP-4006 Ponteareas–As Neves 248.000 €. É o 100% do orzamento, xa que o 20 % correspondente ao concello no convenio entre as dúas administracións será sufragado co Plan Concellos. As obras afectarán un tramo da vía de 480 metros, desde a rotonda que comunica coa EP-4202 ata o IES Pazo da Mercé, e terán unha duración de seis meses.

Esta actuación permitirá mellorar a funcionalidade e a seguridade da vía tanto para o tráfico rodado como para o peonil, que será prioritario. Incrementarase o espazo para as persoas con beirarrúas máis amplas na marxe esquerda, dando solución así á beirarrúa existente na actualidade, que se atopa en mal estado. Tamén se ordenará o tráfico rodado e calmarase a velocidade coa instalación dun novo paso peonil sobreelevado. As beirarrúas, de ancho variable, executaranse cun pavimento composto por saburra e formigón coloreado. Os vaos peonís, pola súa parte, disporán dun pavimento táctil indicador direccional e de botóns mediante lousa hidráulica sobre morteiro de cemento. Ademais, plantaranse 30 árbores para dar sombra.

O proxecto tamén inclúe outras actuacións como a reposición dos servizos de recollida de augas pluviais e a canalización soterrada do alumeado público na marxe esquerda. Ademais, instalarase a sinalización horizontal e vertical e reporanse tanto a varanda como as dúas marquesiñas situadas neste treito. Nas zonas de estacionamento, ademais, acondicionaranse prazas para vehículos conducidos por persoas con mobilidade reducida.