O pasado venres, día 9 de xuño de 2023, o Salón de Plenos da Casa dos Alonso acolleu a recepción oficial ás deportistas do equipo xuvenil do Clube de Remo Robaleira, gañadoras dos Campionatos territoriais e de Galicia en Bateis e Campionato de España de Traineriña.
As deportistas Uxía Fernández, Tania Dorado, Esther Dorado, Aroa Castro, Claudia Dorado, Lidia García, Nerea Dorna e Tecla Baz, foron recibidas no Salón de Plenos pola corporación local, resaltando cada un dos responsables dos diferentes grupos municipais o esforzo, determinación, compromiso e orgullo de ter na Guarda unha equipa tan xove e que ten colleitado tantos éxitos e méritos deportivos.
Os diferentes membros da corporación local entregaron un ramo de flores a tripulación xuvenil feminina do Clube de Remo Robaleira, ao adestrador e representantes da xunta directiva.
Dende a Xunta Directiva, Eva Uris agradeceu o apoio amosado polo Concello da Guarda e a realización desta recepción, valorando o deporte do remo coma un deporte de gran arraigo e tradición na nosa vila, animando a rapazas e rapaces a que se unan ao clube para a práctica do remo.
Ao remate, e como manda xa a tradición neste tipo de recepcións, a tripulación xuvenil feminina do Clube de Remo Robaleira saíu ao balcón da Casa do Concello onde luciron e ondearon as bandeiras gañadas nos últimos campionatos disputados, aproveitando tamén ao final para facerse fotos cos representantes municipais, familiares e amizades.