Mércores, 6 Novembro de 2024

O 6×6 volve esta fin de semana a Oia

A iniciativa 6×6 Punto de Encontro chega esta fin de semana a Oia coas súas innovadoras propostas arredor da arte e a cultura. Teatro, danza, música e canto serán os protagonistas dun evento festivo que, organizado polo Concello de Oia e baixo a dirección de Alfredo Rodríguez (A Artística), contará con actividades para todos os públicos.

Neste 2023, no que o proxecto celebrará a súa quinta edición, a proposta desenvolverase baixo o título “Oia. Onde se pon o sol e nacen as sereas”. Partindo deste fío condutor, elaborado a partir de textos de Ana Romaní, Lupe Gómez, María do Cebreiro, Paula Carballeira, Celso Emilio Ferreiro e Álvaro Cunqueiro, artéllase unha programación cultural que terá como prato forte a tradicional representación do obradoiro de teatro veciñal así como diversas actividades complementarias.

Despois de terse aprazado a data inicialmente prevista para a celebración do 6×6, a programación completa desenvolverase ao longo desta fin de semana, repartida entre o sábado e o domingo. Os horarios das actividades serán os seguintes:

Sábado 17 de xuño

  • Ás 17.00 horas, a Praza Centinela acollerá o espectáculo infantil “As palabras perdidas”, de Inventi Teatro. O tráfico estará cortado nas rúas de acceso á praza mentres dure esta actividade.

Domingo 18 de xuño

  • A partir das 12.00 horas abrirán os postos de artesanía, onde permanecerán á venda diversos produtos de creadores e creadoras locais.
  • Ás 18.00 horas o grupo local Tra-lo Mosteiro encargarase de amenizar o barrio do Arrabal coa súa música.
  • Ás 19.30 horas dará comezo o espectáculo do grupo de teatro veciñal. O punto de encontro será a Praza Centinela e, desde alí, público e artistas percorrerán a pé o camiño ata o Mosteiro para asistir á representación no interior do recinto.

Xunto co alumnado do taller de teatro, o espectáculo contará coas artistas convidadas Olga Cameselle (danza), Mónica de Nut (canto) e Rubén Pastoriza (música). Tamén participará o alumnado da aula infantil de teatro do Concello de Oia.

Esta xornada festiva está organizada polo Concello de Oia xunto co grupo Tra-lo Mosteiro e conta coa colaboración de Pontegal (Deputación de Pontevedra) e máis do Mosteiro de Oia.

  • En caso de choiva, os postos de artesanía trasladaranse á oficina de turismo, mentres que o resto da programación pasará ao IES Mestre Manuel García.