A ludoteca municipal de Ponteareas prepárase para abrir as súas portas un verán máis e facer gozar a nenos e nenas de 6 a 12 anos dunhas vacacións estivais chegas de lecer lúdico, divertido e educativo. Durante os meses de xullo e agosto, a ludoteca manterá unha ampla programación de actividades para que a cativada poida desfrutar dun verán de aventuras por diferentes grupos de idade.
“Queremos que a rapazada poida aprender xogando e que poidan dispoñer de actividades coas que pasar parte do seu tempo libre este verán, propostas adaptadas ás necesidades das diferentes idades para que todas e todos se sintan cómodos e poidan gozar ao máximo do programa lúdico e educativo que ofrecemos”, explica a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera.
As persoas interesadas xa poden formalizar a inscrición de nenos e nenas elixindo unha das quincenas, quincenas separadas, un mes completo ou todo o verán. Cada grupo de idade terá asignado un día a semana: os luns para a cativada de 9 a 10 anos, os martes para a de 6 e 7 anos, os mércores para a rapazada de 11 e 12 anos e os xoves para nenos e nenas de 8 e 9 anos.
A taxa por participante e quincena será de 14,64 euros. Os rapaces e rapazas que queiran duplicar quenda poderán asistir outra mañá á semana, a segunda delas no grupo de ratio de idade máis acaído e terá un custe de 29,28 euros. O horario será de 10.00 a 14.00 horas.
As actividades son sempre moi variadas, dende xogos de todo tipo, dende xogos de pelota, de pista, musicais, de paracaídas… ata manualidades, cociña, ciencia divertida, hípica, saídas medioambientais e de esparexemento. Recoméndase levar roupa e calzado cómodo e levar merenda e botellas de auga.
As persoas interesadas poderán realizar a inscrición acudindo ás instalacións da ludoteca, situadas na Avenida de Castelao, ou ben chamando por teléfono ao número 673 79 47 60. A última semana de xuño realizarase a formalización das matrículas e organizaranse os grupos.