Empregar as artes escénicas para reivindicar a igualdade de xénero, concienciar sobre o problema da violencia machista e, sobre todo, unir forzas para loitar contra esta lacra da sociedade. Ese é o obxectivo de ‘Violencia Zero’, un proxecto de acción artística desenvolvido pola Deputación de Pontevedra que chega esta semana ao Rosal para continuar visibilizando e reflexionando sobre a violencia de xénero e promovendo unha sociedade igualitaria.
Este venres 16 de xuño, a Liga de Amigos acollerá a proposta das artistas Nerea Brey e Miriam Rodríguez. Por un lado, Nerea Brey é actriz, docente de arte dramático, creadora escénica, violinista e narradora oral. Titulada en Interpretación pola Escola Superior de Arte Dramático de Galicia e Máster en Artes Escénicas da Universidade de Vigo, interpreta o papel de María Casares na produción teatral ‘Despois das ondas’, de ButacaZero; asume varios personaxes na obra ‘O péndulo’, de Inversa Teatro; forma parte do elenco de ‘Soga e Cinsa’, de Aporía Escénica; e protagoniza a obra ‘Entelequias’, con Abismo Caracol. A súa experiencia no audiovisual inclúe a participación na película ‘El cuarto de mona’, ‘O bosque de Levas’ de Ficción Producciones e ’13 exorcismos’, de Atresmedia Cine e Bambú Producciones, entre outros moitos traballos.
Pola súa banda, Miriam Rodríguez é licenciada en Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago de Compostela e técnica superior de Realización Audiovisual e Espectáculos. Nos seus comezos interésase polo documental, chegando a gañar o Premio Curtocircuíto de Escolas Galegas e o Premio do Público da Escola de Imaxe e Son de Vigo (EISV) xunto con Ale Cid por ‘Home cobaia’, o seu traballo de fin de ciclo. No seu haber ten numerosos galardóns, como o primeiro premio na modalidade de microvídeos do Día Internacional contra a Violencia de Xénero organizado polo Concello de Vigo ou o premio Xuventude Crea, co que comeza a experimentar coa videopoesía. Crea o colectivo Fiinda xunto co poeta Xabier Xil e o director de fotografía Pablo Kaufmann e no ano 2018 comeza a desenvolver traballos de videocreación para escénicas con compañías como Berrobambán, A Artística, A Quinta do Cuadrante ou Ainé Produccións. En 2021 recibe a beca Residencias Paraíso para a investigación e creación da peza ‘Memorias danzantes’ coa bailarina Olga Cameselle.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida a todas e todos os rosaleiros a gozar desta acción artística “que busca reivindicar a loita contra as violencias machistas dende a cultura e a arte, unha forma máis de seguir revolucionando mentes, mobilizando conciencias e implicando a toda a cidadanía na transformación da sociedade nunha máis igualitaria e xusta”.