23.5 C
Pontevedra
Mércores, 27 de Setembro de 2023
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalBNG e PSOE chegan a un acordo para gobernar no Rosal

    BNG e PSOE chegan a un acordo para gobernar no Rosal

    O BNG e o PSdeG-PSOE veñen de asinar un acordo para formar un goberno de progreso e consenso no Rosal, poñendo os intereses do municipio por riba de todo. Co obxectivo de brindar estabilidade ao futuro goberno municipal durante os vindeiros catro anos, con este acordo, BNG e PSdeG-PSOE comprométense a camiñar xuntos nun goberno baseado no consenso e en positivo que sexa exemplo de progreso e avance.

    A través deste acordo o concelleiro do PSdeG-PSOE, José Carlos Martínez Crespo, asumirá as competencias de Deportes, Turismo e Educación cunha dedicación parcial. Pola súa banda, o BNG, liderado por Ánxela Fernández Callís, asumirá a alcaldía e resto de competencias, concellarías e dedicacións e asignacións.

    Ambas formacións acordaron traballar en equipo dende a transparencia e a coordinación para abordar diferentes liñas estratéxicas para o progreso da veciñanza do Rosal. O pulo a proxectos que favorezan a mobilidade recuperando espazos para as persoas con criterios de accesibilidade e sostibilidade; o apoio a iniciativas que favorezan o desenvolvemento económico sostible e a fixación de poboación na comarca, a formación relacionada cos sectores produtivos ou o comercio local; ou a posta en valor de cultura, patrimonio e deporte da man das asociacións e clubs cunha axenda de lecer diversa en todos os barrios centrarán algúns dos eixos centrais do goberno de coalición.

    Por outra banda, BNG e PSdeG-PSOE tamén marcan como liñas estratéxicas do vindeiro goberno facilitar a conciliación a través da creación de novos espazos inclusivos e defendendo o ensino de proximidade; defender o coidado da contorna natural como clave do futuro do Rosal; fomentar a participación veciñal e do tecido asociativo na toma de decisións; mellorar infraestruturas e servizos municipais e esixir uns servizos públicos de calidade ante a administración autonómica, como a sanidade ou o transporte público.

    BNG e PSdeG-PSOE recoñecen o esforzo realizado por ambas formacións e a vontade de traballar da man, poñendo o interese do Rosal por riba de todo e ofrecendo estabilidade e continuidade a unha xestión municipal coa que avanzar en áreas clave para o municipio.

    LIBROS

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas.

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector.

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo.